En Marea presenta no Debate do estado da Nación a súa alternativa para garantir unha mínima xustiza social e a igualdade de oportunidades

O voceiro de , Luís Villares, arrancou a súa intervención no Debate do estado da Nación lembrando a morte dunha persoa no PAC da Estrada o pasado 4 de agosto sen asistencia sanitaria a causa do caos organizativo da Xunta que non foi quen de prover os mínimos sanitarios marcados por lei. “Pero non foi un caos, é unha política planificada da Consellería que precariza as condicións laborais para aforrar custos, como se fose unha empresa e como se os cidadáns fósemos mercadoría. Esa tarde aforraron 300 euros, pero costaron unha vida” denunciou o voceiro de .

O voceiro de En Marea sinalou dúas teimas de Feijóo “na súa obsesión enfermiza por se posicionar na carreira sucesoria de Rajoy” como foron por unha banda “apertar, non o cinto senón a soga no pescozo, ata afogarnos, figurando como o campión estatal do neoliberalismo e “deixarnos a nosa sorte, sen proxecto de país, renunciando mediante unha sonada afonía a reclamar o que nos corresponde á cidadanía galega con silencios atronadores en materia de financiamento autonómico, ferrocarril, conexións portuarias ou AP 9”. “Nin a súa submisión a Madrid nin o seu neoliberalismo autoritario lle valeron o favor da Corte. Quería vostede facer de o seu trampolín, pero na piscina non había auga. Toda a auga estaba nas fotos que o relacionaban co narcotraficante Marcial Dorado. Non o querían porque ese pasado era bochornoso mesmo para o Partido Popular” remarcou Luís Villares.

A GALICIA REAL. UN PAÍS Á INTEMPERIE

O voceiro de En Marea referiuse aos problemas da xente que asegurou son sobre todo tres: os recortes públicos, a precariedade laboral e as estafas dos recibos a final de mes” remarcou. No relativo aos recortes públicos lembrou como Feijóo aplicou coa súa chegada ao goberno galego a “máis dura receita neoliberal de austeridade” expulsando do Estado do benestar aos máis vulnerables pero tamén as clases medias. Pero “agora que a riqueza nacional xa é igual que antes da recesión, os recortes continúan o que evidencia que os recortes de vida e de dereitos non son unha necesidade senón pura ideoloxía”.

Na sanidade, Villares denunciou o proceso de mercantilización da saúde imposto polo PP. “As empresas privadas ven nas nosas vidas o seu negocio e non dubidan en mandar aos seus máis selectos saudetraficantes a ocupar postos de conselleiros e conselleiras, que dende o público abran a porta a rapiña de multinacionais que se lucran a costa dos recursos públicos. Non son conselleiros, son comisionistas!” dixo Villares que asegurou “cada euro de beneficio da sanidade privada é un euro roubado á saúde da xente.
E mentres todo isto ocorre as desigualdades sociais, territoriais e de xénero: as mulleres asumen os custes en saúde da distribución desigual da carga dos coidados ou sofren a incomprensión e a desatención en determinadas doenzas como a endometriose.

Tamén son pasto da privatización as centrais de chamadas, as limpezas dos hospitais, os sistemas informáticos, a xestión das historias clínicas, o soporte técnico, o sistema de asesoramento no control de compras de equipos tecnolóxicos… e un longo etcétera.  Doutra banda, as residencias de maiores están sendo empregadas como hospitais de crónicos, facendo deles as empresas privadas un lucrativo negocio.

Despreocupación social da Xunta que se estende á inexistencia dunha verdadeira renda cidadá de inclusión social, ou a súa incapacidade, ou tal vez desleixo, de acatar dunha vez por todas as sentenzas que sobre a RISGA levan emitido os tribunais do noso País. Todo, “seguramente, para aforrar uns poucos euros, a costa dos que máis o necesitan”. “A mesma miseria que supón entorpecer a valoración para evitar atender ás persoas dependentes” declarou.

suspenso en educación tamén ten un nome propio: recortes. 600 millóns de euros menos que en 2009 e 1.200 docentes menos ao tempo que aumentan o diñeiro para a concertada.

No eido universitario os principais problemas como salientou Luís Villares son a precariedade, a desigualdade social e a ausencia de recursos. Así asegurou que Galicia sofre unha dobre precarización: a do mercado laboral para recen titulados e a do profesorado universitario cunha miserable taxa de reposición do 10 por cento. Denunciou así mesmo a falla de bolsas universitarias, a condena aos universitarios a ter que pagar caros master para completar a formación co plan Bolonia, “másters que só os ilustres dirixentes populares se poden sacar sen ir a clase”.

PRECARIEDADE LABORAL E SOCIAL 
“Unha das maiores desgrazas na vida é traballar e non saír de pobre. A outra é non ter traballo e ter que emigrar para gañar o pan. Moitas familias galegas viven estas dúas situacións” declarou Villares. No mes de setembro lembrou o paro en Galicia subiu o dobre cá no conxunto do Estado, o dobre, e nove de cada dez contratos asinados foron temporais. Hai 175 mil fogares con algún membro en paro e 70 mil onde todos están no paro. 35 mil fogares non teñen ingreso de ningún tipo: nin salarial, nin pensións nin prestacións por desemprego.

A precariedade laboral trae empobrecemento social como remarcou Villares. Así durante a recesión, os que quedaron no paro e agora atopan traballo perderon o 30 por cento do seu salario real. “Ser autónomo significa ser precario, porque globalmente ingresan de media a metade que os traballadores asalariado. Cando Feijoo chama aos mozos e mozas a ser emprendedores por conta propia, é dicir autónomos, estaos chamando á precariedade” afirmou.
Con estas situacións nas familias galegas, non é de estrañar a conclusión deitada polos datos do IGE que di que o 40 por cento dos fogares en Galicia chega a fin de mes con dificultade ou moita dificultade e dous de cada dez galegos está en risco de pobreza. “E mentres a xente loita por chegar a fin de mes as estratexias do señor Núñez foron o turismo de bocadillo e enganar a traballadores e parados” lamentou o voceiro de En Marea.

ESTAFAS MASIVAS 
“Voulle falar de sobres señor Feijóo. Pero non se asuste, que non vou falar dos sobres que tan ben coñecen no PP. Falo da corrupción institucional, da que vostedes forman parte, que legaliza que mes a mes as grandes empresas multinacionais nos podan timar, tangar, estafar, sisar, roubar con total descaro, mentres vostedes miran para outro lado” dixo Villares para se referir as facturas enerxéticas. Así remarcou a subida da electricidade subiu un 35 por cento no último ano; o butano, un 30 por cento en dous anos; e o gasóleo, un 35 por cento en tres anos.

VIVENDA
Esta estafa permitida polos gobernos debe completarse con dous elementos clave, a vivenda e o que pagamos de catastrazo por ser titulares de inmobles. “O encarecemento da vivenda tanto en propiedade como en aluguer impide á mocidade emanciparse, e leva unha parte excesiva da renda das familias, aumentando o risco de impago en caso de despido ou precarización naqueles fogares onde hai traballo” denunciou Villares.

En canto ao catastrazo asegurou que se está producindo unha “verdadeira desfeita económica en familias que viven espazos rururbanos” facendo pagar á xente como se fosen grandes empresarios só por ter un galpón onde gardar a leña.

UN GOBERNO SEN PROXECTO DE PAÍS E SEN VALORES
Na segunda parte da súa intervención, o voceiro Luís Villares centrou a atención na falla dun horizonte estratéxico de Galicia “porque ten á fronte un presidente que leva dous anos de paseo polo Barrio de Salamanca, pendente de si mesmo, e cos pés, o corazón e a cabeza moi lonxe desta terra”. “Unha terra que vostede non pisa, pero que permite que outros pisoteen” denunciou. Neste sentido falou da aprobación da lei de depredación ambiental, “para que veñan os de fóra a esquilmar os nosos recursos naturais, como se Galicia fose unha colonia africana do século pasado”.

A desertificación que provocan os monocultivos de eucaliptos nótase na cabeceira dos ríos, que reteñen menos auga e provocan períodos de seca : así sucede no Verdugo, que logo se traducen no desabastecemento de auga en cidades como Vigo. “Non é de estrañar que pase isto cando Galicia ten unha das menores superficies de espazos de protección natural de todo o Estado” como sinalou o voceiro de En Marea.

En xeral, a auga importa pouco, por iso a calidade da súa depuración é tan baixa en Galicia e o saneamento integral das rías nunca chega. O medio ambiente é rendible, e as rías do Burgo e de Ferrol poderían ser hoxe fonte de emprego e non sumidoiros da súa incompetencia.O clima cambiou xa, e Galicia é o primeiro emisor de CO2 sen que o seu goberno estea ocupándose da economía circular, a transición enerxética ou a descarbonización da economía.

Villares asegurou que o modelo Feijóo segue baseado en queimar e por iso priman o trasporte por estrada sobre o ferrocarril. A mobilidade sostible foi a principal prexudicada do bloqueo do PP das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, pero tamén da mancomunación de servizos como a recollida de lixo; as augas; ou o alumeado público, que se podería negociar ao por maior ou mesmo dar lugar á creación de empresas públicas, como sucedeu este ano en Barcelona.

A actuación sectárea do PP onde non goberna quedou evidenciada coa pretensión de destruír a fachada litoral do Porto da Coruña para servir os intereses da especulación inmobiliaria, o mesmo que fixeron en Lugo cando o mesmo día da moción de censura anularon o convenio para a transformación urbana do Barrio da Residencia. “Só financian obras se cren que lles vai reportar éxito partidario” afirmou Villares que valorou coma “unha forma institucionalmente corrupta de usurpar o poder democrático, como fixeron Rey Varela como Bea Mato, usando o cargo para a promoción persoal”.

LOITA CONTRA OS LUMES
A problemática dos lumes no noso país, foi outra das partes da intervención de Luís Villares que afirmou que “é un problema para a xente, pero é un negocio para os amigos”. “Mentres unha empresa vexa negocio en queimar montes e casas, os chisqueiros estarán ao servizo dos desalmados, non pirómanos nin terroristas, senón amigos dos que hoxe nos gobernan” remarcou.

O voceiro de En Marea tivo unhas palabras tamén para o incendio do pasado domingo no que toda Galicia contivo a respiración cando viu arder Mondariz, pensando que volvía repetirse a vaga de lumes do ano pasado. “Carballeda de Avia, Chandebrito e Vigo volveron ás nosas cabezas e as catro persoas falecidas, aos nosos corazóns” asegurou ao tempo que lamentou que “un ano máis tarde, a mesma incompetencia”. “A súa única política segue a ser mirar para o ceo e agardar a que chova. Patético” concluíu.

DEREITOS NACIONAIS

Luís Villares denunciou os ataques á nosa autonomía política que afirmou foron constantes durante estes últimos anos, “e o Presidente da Xunta, en vez de defendernos, dedicouse a agochar e agachar a cabeza fronte Madrid”. Tres deslealdades que quedaron na impunidade política para Villares: a negación dun sistema de financiamento xusto que nos permita atender dignamente as necesidades da nosa cidadanía, a falta de investimentos comprometidos en Galicia, que dende 2014 sumaron case 2300 millóns de euros, e as medidas recentralizadoras, coa escusa dos principios de contención de gasto e de unidade de mercado, que nos recortaron competencias propias, ou que quedaron baleiradas de contido.

ESCASEZ DE VALORES DEMOCRÁTICOS
“Ademais da ausencia de proxecto de país, o presidente non anda sobrado de valores democráticos como a igualdade, a liberdade, a cultura, a memoria democrática ou a ética” afirmou. Así, en materia de igualdade aclarou que non é de estrañar que malia a histórica folga feminista do 8 de marzo, a Xunta non reaccionase, e “Feijóo siga a día de hoxe lexitimando os comportamentos máis casposos, rancios e machistas dentro das filas do seu partido” con exemplos claros como as declaracións do alcalde de Vilanova, o alcalde de Palas condenado por acoso á secretaria do Concello, o alcalde de Noia e os seus chistes humillando ás mulleres no 8 de marzo, e “o Virrei Baltar II permitíndose ofrecer emprego público a cambio de favores sexuais co seu respaldo político”.

LIBERDADE DE INFORMACIÓN
A situación da CRTVG tivo tamén oco no discurso do voceiro de En Marea que lembrou os 20 venres negros das traballadoras e traballadores dos medios públicos fronte a actitude “claramente autoritaria e antidemocrática coa que trata de ocultar e amordazar a todo aquel que discrepa con el”.

“O Feijóo máis autoritario tornou un medio de comunicación nun medio de manipulación, ao estilo dos gobernos ruso, húngaro ou polaco, o que é coherente coa liña máis reaccionada marcada polo seu xefe de filas Pablo Casado, aliñado cun discurso clasista, xenófobo e negador da nosa diversidade social, cultural, e tamén, por certo, lingüística” dixo Villares.

LINGUA
En materia lingüística, denuncio o voto a favor dos 12 deputados galegos do PP no Parlamento español que votaron hai quince días con Ciudadanos a proposta de aniquilar a plena oficialidade do galego. “Toni Cantó en nome de Ciudadanos apuntou contra a nosa lingua e unha vez máis o PP sacou a careta e disparou. Os 12 deputados galegos do PP deberan ter sido cesados fulminantemente. Non só por facer o ridículo máis espantoso pasando por certo que ninguén en Galicia falaba castelán, senón tamén pola traizón a Galicia que iso supón” asegurou.

MEMORIA DEMOCRÁTICA
“Que Feijóo ten un problema coa cultura e a lingua de Galicia non é algo novo. Tampouco o son as súas mentiras. Pero o sucedido a semana pasada durante a chegada da “A derradeira lección do mestre” a Galicia é algo que non esqueceremos” advertiu o voceiro de En Marea. “Señor Feijóo, os que estivemos ao seu carón durante o acto vímoslle o texto que lía, perfectamente subliñado, o que acredita que os seus silencios foron actos conscientes de manipulación da memoria do noso país. Será que algúns no PP se senten fillos dos que dispararon a Bóveda” asegurou.

“Estes son os seus valores democráticos: A desmemoria, a impunidade, o esquecemento dos paseados” díxolle o voceiro de En Marea a Feijóo.

ÉTICA POLÍTICA E CORRUPCIÓN
Luís Villares fixou un percorrido pola multitude de casos de corrupción que salpicaron ao PP galego neste ano comezando coa condena por prevaricación e malversación a un dos deputados do PP e dous altos cargos do goberno galego no Caso Campeón. Tamén o caso Valedora que puxo ao descuberto toda unha trama de corrupción institucional de tráfico de influencias utilizado por Milagros Otero, Valedora do Pobo a proposta do PP, para colocar na administración á sobriña de Manuel Fraga.

“Afortunadamente, todos os valores que lle faltan ao Presidente tenos unha cidadanía que non se resigna a vivir baixo a bota popular” aclarou o voceiro de En Marea.

MOBILIZACIÓN SOCIAL
No último ano vivimos, como subliñou Villares, unha marea de mobilizacións sociais de gran intensidade, sociedade civil viva, “invisibilizada pola tele de Feijoo, pero que existe, que denuncia, que non se conforma”. Os recortes na sanidade, a histórica mobilización feminista, o rexeitamento á mina de Touro, as manifestacións en defensa do dereito a un traballo digno, por un sistema de pensións digno, ou as mobilizacións de milleiros de nais e pais en decenas de Concellos para defender unha educación da calidade, foron algúns dos exemplos que aludiu o voceiro de En Marea.

“Tamén a veciñanza de Tui, que logo dunha explosión da que non teñen culpa tiveron que aturar que a Xunta non lles indemnice polo 100 por cento do valor da súa vivenda, polo que van ter que pagar do seu peto máis do 25 por cento os desfeitas das súas casas, logo de quedar sen nada” denunciou Villares.

Neste punto, o voceiro de En Marea fixo referencia á violencia das políticas antisociais e sen proxecto de país e que provocaron a rebeldía das tres formas máis extremas e dolorosas que hai na vida: a emigración coa marcha de 270.000 persoas, a implosión demográfica, e unha verdade incómoda que ningún goberno quere afrontar como é toda a xente que non aguantou a presión da desestruturación da súa vida durante a recesión e optou desesperadamente por suicidarse. A ratio por suicidios no Estado é de 7,1 por cada 100.000 habitantes. En Galicia, sobe ao 12, case un suicidio por día.
“Galicia é feminista, sostible, solidaria cos seus maiores, cos seus mozos e mozas, social, valente e orgullosa dos seus profesionais e dos seus servizos públicos, traballadora e merecente de salarios dignos, e fachendosa de ter unha lingua e cultura de seu. A Galicia é democrática, cooperativa, fraterna e igualitaria. Vostede non se parece en nada á Galicia de hoxe en día” concluíu Villares.

MÍNIMA XUSTIZA SOCIAL E IGUALDADE DE OPORTUNIDADES

Fronte o panorama do goberno Feijóo, o voceiro de En Marea presentou a alternativa de En Marea para garantir unha mínima xustiza social e a igualdade de oportunidades, para o que cómpre apostar polo feminismo, a sanidade, a educación e os servizos sociais. Así hai que rectificar as políticas de Igualdade, e aprobar normas que permitan a conciliación laboral e familiar, o aumento de tempos de descanso tras o parto estendidos a ambos membros da parella e blindar legalmente a igualdade salarial. En Sanidade, o día 19 presente un proxecto de orzamentos co investimento equivalente ao ano 2008, e destine o incremento á contratación de persoal sanitario suficiente para a atención primaria e os servizos de atención continuada, así como en campañas de saúde pública, con atención singular aos problemas de obesidade.

Ante a incapacidade de POVISA para atender os seus compromisos contractuais co SERGAS, resulta razoable demandar que o centro pase a formar parte do sector público, mediante a articulación de dúas medidas sucesivas. Primeiro a expropiación do centro con pago dun xustiprecio á empresa, e a súa adquisición polo SERGAS, coa finalidade de que se garanta a atención das 137.000 persoas asignadas ao hospital e a estabilidade dos 1.400 traballadores necesarios para a súa atención.

En Educación, aumentar o investimento que permita recuperar os 1.200 docentes perdidos estes anos; desenvolver sistemas propios de bolsas que garantan o acceso igualitario ao ensino público; transitar cara un servizo de comedor de provisión directa e gratuíta, así como apoiar o ensino rural, e un mapa de FP adaptado á nosa realidade laboral.

Para fomentar a cohesión social e acabar coa precariedade laboral convén mellorar a calidade do emprego e para iso cumprir coa nova Lei de contratos do sector público e introduza cláusulas sociais na contratación administrativa que asegure que os servizos contratados sono a empresas que respectan os dereitos laborais, a conciliación, o tempo de descanso, a protección á maternidade e a igualdade salarial.

Para unhas condicións de vida dignas cómpren un bo lugar onde vivir e o acceso á enerxía. En Marea propón intervir no mercado de vivenda reducindo a especulación, aumentar a reserva de chan para vivenda protexida, ampliar a bolsa de vivenda pública para ofertar en réxime de aluguer, a prezos non especulativos, especialmente destinados á mocidade; e aumentar as prazas de residencia pública para estudantes, non só para a universidades, senón tamén para os estudos de FP.

No relativo a enerxía, En Marea aposta por poñer a funcionar o servizo galego de consumo e competencia para rematar coas estafas dos recibos, perseguindo as prácticas monopolísticas, e sacando do mercado os colectivos vulnerables mediante bonos e tarifas de inclusión social.

Vencer os prexuízos sobre a lingua está en mans dunha norma sen custo económico coa derrogación inmediata do decreto prohibe ensinar e aprender matemáticas e ciencias en galego.

Favorecer a mobilidade sostible contribuímos a descarbonizar a economía e á transición enerxética asumindo como propia a competencia dun ferrocarril de proximidade para as áreas metropolitanas, e aposte polo FEVE e a conexión costa interior e a saída de mercadorías dos portos por vía férrea.

UN PACTO POR UN NOVO TRATO CIDADÁN 

O voceiro de En Marea ofreceu un pacto aos partidos da oposición para ofrecer “un novo trato cidadán baseado na xustiza”, un contrato social con tres partes:

  1. Acordar propostas de emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2019 de garantía dun mínimo de investimentos sociais, en proporcións de PIB semellantes aos dos orzamentos de 2009, en materia de educación, sanidade e servizos sociais.
  2. Acordar a progresiva desmercantilización dos bens básicos esenciais impedindo que as grandes empresas, maiormente multinacionais e fondos de inversión, fagan negocio a costa da nosa vida, a nosa saúde e dos nosos dereitos. Neste sentido Villares remarcou o amplo consenso social arredor da:

  • A auga. Toda xestión do ciclo da auga debera ser estritamente pública, para evitar calquera atisbo e especulación con ela, como ben de acceso universal.
  • sanidade. Os concertos coa privada non aforran cartos, son ruinosos, como amosa a situación de POVISA ou a xestión da débeda do Álvaro Cunqueiro, ademais do tratamento pirata dos nosos datos médicos.
  • educación. Nin cabe que as empresas se lucren de dar comidas aos nosos nenos e nenas nin desviar cartos á concertada, singularmente á que segrega por sexos.
  • As pensións. A pretensión da UE de rematar co sistema público de pensións para forzar sistemas privados é o negocio máis suculento dos fondos buitre. Cotizacións máis altas para prestacións máis baixas.. para que polo medio outros se queden co esforzo de vidas enteiras de traballo.
  • A prevención e extinción de incendios. Galicia arderá mentres haxa empresas que saquen beneficio do lume. Nin os medios aéreos nin nos parques de bombeiros poden ser privados. O servizo de prevención e loita contra o lume en Galicia debe ser único e público.
  • Servizos sociais. A atención a persoas maiores e dependentes non pode ser un negocio que se lucre a costa das pensións dos xubilados e o esforzo das familias.

3. Reforma estatutaria de carácter social. Ante obsolescencia dun estatuto de autonomía que non contempla carta de dereitos sociais das galegas e galegos, dende En Marea propoñen adquirir e compartir o compromiso de erixir en dereito social básico, con carácter vinculante fronte o poder público autonómico, para o auga, o acceso a unha vivenda digna e un mínimo de renda vital e de enerxía dispoñible en cada fogar.

Trátase, como salientou Villares, dun pacto arredor duns valores sociais compartidos, baseados na solidariedade social, na cooperación e na sustentabilidade ambiental, que teñen Galicia como o espazo natural de referencia, e procuran a máis xusta distribución da riqueza que xera o conxunto do País. “Porque non somos unha gran empresa, senón unha gran familia. Todo coa finalidade de poñer a política ao servizo da xente real. Todo coa finalidade de que deixemos de ser números e por fin sexamos, de novo, persoas” rematou Luís Villares a súa intervención no Debate do estado da Nación.

Deja un comentario