Artigo de Daniel Seixo


“O problema da xente como el é que pensa que pode mandar a paseo á xente como eu. Coma se eu non fose ninguén. Todos eses seres ameazados que claman por algo de atención e de reconhecemento: non comprenden o tipo de mundo no que vivimos agora.”

Escoria, Irvine Welsh


“O obxectivo xa non é para o “cambio” ou para o “progreso” ou para a “revolución”, senón simplemente para escapar, para vivir no perímetro máis afastado dun mundo que podería ser.”

Hunter S. Thompson


“A desvalorización do mundo humano crece en razón directa da valorización do mundo das cousas.”
Karl Marx


Nunca antes o estivera tan na fala da xente. As fábricas baleiráronse, xa case ninguén se digna a tomar a última rolda antes de irse para casa cos seus decadentes companheiros do trabalho e  as tabernas de sempre convertéronse en limpas e exclusivas cafeterías nas que un café pode custar o mesmo que unha suave bebedeira cás xa lonxanas pesetas e  a ningún dos seus camareiros parece impotarlhe un pemento os teus problemas co xefe ou que a moza que che gusta agora só crea nas relacións abertas. Consumímonos contemplando series de Netflix que nos alertan sobre as consecuencias da deshumanización do futuro, tragándonos insulsos e delirantes debates políticos os sábados pola noite ou mesmo lendo velhas distopías que hai tempo comprobariamos tornáronse en realidade con só asomar o noso canso cu pola porta.

Somos unha xeración sen grandes guerras, nin proxectos revolucionarios, xa non sangran as praias para combater as tolemias do totalitarismo fascista, nin se escoitan ecos de revolta nas grandes avenidas das capitais europeas. Vivimos no suposto fin da historia e algo no noso interior nos berra que non pertencemos ós vencedores da mesma.

O gran muro ideolóxico derrubouse co silencio do consumismo máis feroz e iso fíxonos anhelar un futuro sinxelo e digno, pero as cousas non foron tal e como imaxinabamos. Libre da outra cara do espelho, desatado ante a derrota do eterno “inimigo”, o capitalismo Occidental puido desatar a tolemia sen líites da explotación material e ideolóxica contra a que era dende o inicio a súa verdadeira vítima neste delirante xogo: a clase trabalhadora.

Durante décadas toda unha ladaínha de mensaxes audiovisuais e pseudointelectuais de todo tipo fixéronnos crer que a clase social era historia, un componhente anacrónico dun sistema social extinto, vencido e desarmado pola gloria do liberalismo occidental Seica non logrou o novo imperio multiplicar e desenvolver o noso consumo? Non era certo que hoxe un obreiro podía elixir entre unha amplía gama de produtos perecedoiros e innecesarios de todo tipo?

A sociedade do todo a cen chegou para quedar e con ela crecemos moitos dos que hoxe vemos crecer a unha nova xeración ” ”, toda unha xeración de individuos incapaz de comprometerse con nada, incapaz de arriscarse por nada. O colectivo deu paso a unha sucesión de modas individuais que converteron ao cidadán nun mero pelele do capitalismo.

Relacións sociais, ideolóxicas ou laborais baséanse hoxe nunha ficticia mobilidade puntualmente aderezada cunha falsa sensación de liberdade capaz de vendernos a precariedade imperante como unha nova forma de modernidade. Non estamos a inventar nada, simplemente ponhemos novos nomes a velhas desgrazas sociais.

Nenos desherdados da clase obreira recolhendo alimentos do lixo, consumindo drogas baratas, facendo botelhón nas beirarrúas ou compartindo pisos patera con decenas de companheiros. Nesting, sinkies, coliving…, toda unha sucesión de termos para engatusar e alienar a unha xeración de mozas que chegou a ver na súa precariedade unha mera tendencia, algo cool.  Obtusas cabezas absorbidas polo sistema, incapaces de ver violencia nas súas condicións materiais pero que con todo non dubidan nin un instante en condenar calquera simulacro de revolución social rueira.

Que hoxe toda unha xeración móstrese incapaz de desenvolver un proxecto de vida sólido non é nada que se deba celebrar, senón que supón unha clara mostra dun sistema que levou a nosa alienación persoal e colectiva a un novo estadio con consecuencias dificilmente imaxinables.

Relacións rápidas, trabalhos precarios e individuos guiados por modas e tendencias. A desideoloxización e a falsa bandeira da liberdade individual como forma de combater ao sistema. Hoxe o individuo móstrase claramente incapaz de romper co capitalismo mesmo cando logra identificar a este como depredador e negativo para a súa existencia. Xa non existe espazo na crítica ” posmo” para a alternativa, para o rupturismo debuxado en proxectos sociais que requiran compromiso e sacrificio para trocar as cousas máis aló dunha firma nunha plataforma electrónica ou as mobilizacións puntuais por algún tema concreto que de cando en vez tenta rendibilizar a “nova esquerda”.

A falsa rebeldía do noso tempo supón simplemente unha tendencia máis para o ” posmo” e un negocio que explotar para o sistema capitalista. Entramos de cheo no último estadio do capitalismo, ese en o que o sistema se camufla como crítica ao mesmo, rebeldía e submisión son practicamente indiscernibles para toda unha xeración pouco afeita ao anticapitalismo ou a sistemas sociais verdaderiramente alternativos. Individuos lobotomizados incapaces de preocuparse por algo máis que o seu cu, totalmente incapaces xa de cimentar a resistencia desde o colectivo.

Resulta necesario reflexionar en conxunto acerca das necesidades sociais básicas que permitan desenvolver un proxecto vital ó conxunto de trabalhadores, necesitamos recuperar urxentemente o sentido do público e esixir unha maior incidencia do froito do noso trabalho nas nosas condicións materiais. Ninguén pretende eliminar as loitas propias de mulheres, colectivos LGTBI ou antiraciastas -por ponher algúns exemplos- ninguén pretende imponher a clase social como única variante na loita social.

Pero se tras todo o que pasa aí fóra, pensas que o teu xénero, orientación sexual ou raza vai condicionar máis profundamente o teu desenvolvemento vital que a túa clase social, é que non entendiches nada.

“O que antes era un proxecto para “toda a vida” hoxe converteuse nun atributo do momento. Unha vez desenhado, o futuro xa non é “para sempre”, senón que necesita ser montado e desmontado continuamente. Cada unha destas dúas operacións, aparentemente contraditorias, ten unha importancia equiparable e tende a ser absorbente por igual.”

Zygmunt Bauman