SATURDAY 20 APRIL 2019

A Alternativa Canguesa de Esquerdas levará a pleno este venres unha moción que defenderá a eliminación definitiva da fachada franquista na Excolexiata de Cangas. Para ACE non se entende como podemos continuar a ter simboloxía franquista no casco vello do pobo; unha fachada que homenaxea a Primo de Rivera, o cal fundou, xunto Ledesma Ramos a Falange Española de las JONS. O mesmo partido que defendía a ideoloxía fascistas, ultranacionalista, militarista e católica entre outras; o concelleiro de Patrimonio pregúntase se alguén quere eses valores expostos na nosa vila.

“Dende aquí temos que mirar carea Alemaña e Italia, onde se erradicou, como non podería ser doutra maneira, toda a presenza simbólica referida a Hitler ou a Mussolini, onde os saúdos fascistas son delito mentres aquí, non só se fan senón que se acompañan do ‘Cara al sol’ diante dun ex-ministro do PP da suposta democracia” engadía Mariano Abalo.

Dende ACE lamentan que o avance de Alemaña e Italia non se dera no Estado Español, na medida en que non houbo ruptura democrática, senón “unha mera transición sen reforma algunha do estado franquista” concluía o voceiro de ACE.

A moción pretende dar un prazo improrrogable á Igrexa Católica de 30 días naturais para que proceda á retirada de simboloxía franquista, así como advertir que se nese tempo non se procede á retirada, o Concello de Cangas tomará as accións oportunas e procederá á retirada de toda simboloxía franquista da fachada da Excolexiata de Cangas.

O grupo parlamentario de En Marea rexistrou diversas iniciativas nas que se insta á Xunta de Galicia a destinar nos vindeiros orzamentos unha partida suficiente para reiniciar e rematar o proxecto de ampliación do centro de saúde así como dotalo dos medios técnicos e humanos, axeitados ás necesidades do Concello de Porriño e a súa contorna. En Marea esixe tamén dar cobertura ás baixas e vacacións do persoal do centro de saúde, con especial atención ao PAC.

No ano 2010, o Concello do Porriño asinou un acordo coa Xunta de Galicia, no que puxo a disposición da mesma unha parcela cunha superficie de 525 metros cadrados para ampliar o Centro de Saúde. A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, lembrou que a ampliación do Centro de Saúde do Porriño é unha demanda que leva unha década sen ser atendida por parte do goberno galego, pese a tratarse dun Centro de Saúde que sigue incrementando o número de pacientes aos que ten que atender. Son xa máis de 40.000 usuarios potenciais os que poderían ter que acudir ao centro, que ademais conta con Punto de Atención Continuada de tres da tarde a oito da mañá, horario no que tamén atende a concellos da contorna como poden ser Mos ou Salceda de Caselas.

Ademais da ampliación do Centro, as veciñas e veciños do concello de Porriño reivindican tamén que de xeito simultáneo, se dote o mesmo dos medios técnicos e humanos suficientes para facer fronte á actual demanda, dando cobertura axeitada as baixas e vacacións do persoal, especialmente en relación ao persoa do Punto de Atención Continuada no que profesionais do servizo están a denunciar a falta de substitucións.

Por todo o isto, En Marea presentou diversas iniciativas nas que se defenda que o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

– Destinar nos vindeiros orzamentos, partida suficiente para reiniciar e rematar o proxecto de ampliación do centro de saúde así como dotalo dos medios técnicos e humanos, axeitados ás necesidades do Concello do Porriño e a súa contorna.

– Dar cobertura as baixas e vacacións do persoal do Centro de Saúde, con especial atención ao PAC.

A deputada por Pontevedra, Montse Prado, criticou a xestión que a Xunta está a facer da catástrofe de Paramos, en Tui,  cando non debería escatimar esforzos para conseguir que as persoas afectadas recuperen a normalidade canto antes e reciban tanto as axudas como a atención que precisan.

“Dista moito de ser exemplar”, espetou ao vicepresidente Alfonso Rueda, a quen acusou de “poñer o ventilador para difundir a idea de que todas as administracións son responsables e que teñen as mesmas competencias, nunha estratexia deliberada para agochar a súa falta de compromiso coa veciñanza de Paramos”.

O Goberno galego non está levando a cabo unha actuación “á altura” da gravidade da catástrofe, nin para que as persoas afectadas “poidan recuperar a normalidade das súas vidas canto antes”, salientou a deputada nacionalista. Prado denunciou que as axudas postas en marcha pola Xunta non cobren os danos causados, pero o PP votou en contra de aumentalas no pleno de hoxe, “axudas que van quitando por capítulos para favorecer a súa estratexia de comunicación pero non as necesidades da veciñanza”.

Outra das cuestións que Prado denunciou na súa interpelación ao vicepresidente Rueda foi a negativa da Xunta a prestar atención psicolóxica ás persoas afectadas no centro de saúde de Tui, pese a que hai unha lista de 35 familias que solicitaron esta atención psicolóxica en proximidade. “Todo por unha falta de sensibilidade por parte da Xunta” e, por exemplo, “os nenos orfos só recibiron esta atención dous días”.

Despois da traxedia ocorrida coa explosión de material pirotécnico almacenado de xeito totalmente irregular, é preciso prestar á máxima atención ás persoas afectadas. A atención debe cubrir aspectos materiais, físicos, socias, mais tamén emocionais e psicolóxicos, salientou Prado.

O BNG demandou da Xunta unha ampliación das axudas e mecanismos de simplificación das mesmas, porque a causa da explosión moitas familias non dispoñen da documentación que sería necesaria e, polo tanto,  propón que sexa a propia Xunta quen a recabe a través dos rexistros públicos. Igualmente, que asuma os labores de desentullo integral e unha rehabilitación completa da zona.

A Casa da Luz de Pontevedra acolleu hoxe a rúbrica do acordo de colaboración entre En Marea e Marea de Pontevedra para as eleccións municipais de 2019. O acordo, o primeiro cunha marea urbana tralo asinado con Culleredo, supón o pistoletazo de saída á rúbrica co resto de mareas locais do país, que así o desexen, do Protocolo Bilateral de Colaboración entre Mareas  Municipalistas e En Marea aprobado polo Plenario do espazo do cambio o pasado mes de marzo.

A  vicevoceira de En Marea Ana Seijas e Peque  González, coordinadora de Marea Pontevedra, foron as encargadas de asinar o acordo nun acto no que tamén tomaron parte as mareas da Ría de Pontevedra, algunhas do resto do país,  o voceiro do espazo Luís  Villares e o voceiro e candidato de Marea Pontevedra, Luís Rei.

“Con este paso Marea Pontevedra convértese na primeira marea urbana en protocolarizar a participación nunha alianza electoral que sumará aos resultados locais influenza no ámbito das deputación provinciais”, indicou Ana Seijas trala firma do acordó e puntualizou que  con este acordo En Marea non pretende tutelar ás mareas locais senón ofrecer un espazo de colaboración para ir tecendo un marco de cambio a nivel nacional.

Pola súa banda, a coordinadora de Marea Pontevedra, Peque González, explicou que precisamente o Acordo EntreMareas serve para dicirlle á opinión pública que isto “non vai de delegacións locais dun partido tradicional, nin de mareas urbanas ou rurais, grandes ou pequenas, senón de cooperar entre iguais para poñer en común as demandas de cambio cidadá nos concellos, en Galicia e, asemade, tamén en Europa”. Ademáis, González subliñou que Marea Pontevedra é xa unha referencia consolidada para os pontevedreses “polo que nas próximas eleccións só haberá dúas alternativas: o goberno conservador liderado por Lores ou a Pontevedra dinámica, aberta e transparente liderada por Luís Rei.

O candidato e voceiro de Marea de Pontevedra incidiu en que as axendas de xustiza social e democráticas “van centrar, xa o están facendo, os debates da cidade: saneamento integral da ría, transporte público, renda social, modelo de deporte, remunicipalizacións, dereitos dos animais, rexeneración democrática…”, marcando as prioridades.

Pola súa banda, o voceiro do espazo do cambio, Luís Villares que pechou a quenda de intervencións antes da rúbrica do acordó, destacou que coa firma “inauguramos a república do mar, porque non somos nin nós nin vos, somos o conxunto das pingas da auga que quitan a sede”, incidiu antes de lembrar que este acordó representa uns dos principios republicanos “a unión fai a forza”. O voceiro de EnMarea reseñou por último que “este é un espazo no que non se admiten diferenzas, só a diversidade, e hoxe enchemos un mar completo dende a igualdade porque é esta unión a que nos fai fortes”.

Ademáis, representantes das mareas da Ría de Pontevedra, e das formación municipais de todo o país a través de vídeos, celebraron a rúbrica do primeiro dos acordos intermareais porque son a representación da unidade e a fortaleza do espazo do cambio de cara ás próximas eleccións de 2019.

A firma do protocolo establece un compromiso bidireccional entre partes libres que significa a  visibilización da organización local como candidatura do espazo común En Marea, nun recoñecemento  mútuo de referencia, dentro das directrices básicas comúns que nos caracterizan. Así, as mareas locais comprométense entre outras cousas, co acordo, a concorrer ás eleccións municipais de 2019, a compartir os principios fundacionais de En Marea, defensa dun modelo económico xusto, a compartir as bases do código ético en función dos principios da Asemblea de Vigo, a realizar primarias ou outra fórmula que asegure o sufraxio universal para a elaboración das candidaturas, ou a aceptar un catálogo programático de carácter global elaborado  colaborativamente naquelas cuestións supranacionais de interese.

Pola súa banda, En Marea reafirma, coa rúbrica, o seu compromiso de ampliar a coordinación dentro do espazo político da marea  municipalista con EM e das propias mareas  locais entre si; a sumar para o cambio o maior número de  concellos do país fomentando a creación de novas mareas muncipais ofrecéndose para a mediación onde sexa posible, a dinamizar grupos de traballo e mareas sectoriais, á creación dun banco de ideas, a favorecer a socialización da comunicación do relato, traballo e propostas  desenvolvidas en todos os ámbitos; e a establecer uns mínimos comúns de identificación.

O colectivo cidadá presenta unha moción solicitando que o pleno de Pontevedra repare unha afronta á memoria das vítimas do réxime franquista e, á vez, todo un despropósito histórico e democrático necesario de reparar.

A relación do Concello de Pontevedra, como institución, co proceso de asentamento desta infraestrutura xudicial é directa xa que a corporación non democrática, nese momento presidida polo alcalde González Posada, cede en 1948 gratuitamente ao Estado Español a finca onde se vai construír o Pazo de Xustiza, anteriormente ocupaba polo denominado “Cárcere vello”.

Igualmente é de subliñar que a Deputación de Pontevedra aproba en marzo de 1954 achegarlle ao Estado a cantidade de 1.000.000 de pesetas para contribuír á construción efectiva dun edificio que finalmente sería inaugurado coa presenza de Antonio Iturmendi Bañales, ministro de Xustiza da Ditadura e quen, no discurso oficial de apertura, non mostrou reparo en destacar que o xeneral Franco aseguraba “la permanencia del principio político de la independencia de la función judicial en forma de que en ningún otro país nos supera”.

O autor desta frase, Iturmendi Bañales, que sería ministro de Xustiza da Ditadura durante catorce anos, creador tamén do traxicamente celebre Tribunal de Orden Público en 1963, e mais presidente das Cortes franquistas, deixa pois inaugurado na cidade un Pazo de Xustiza que na súa fachada inclúe en pedra un escudo pleno da simboloxía da Ditadura.

En xullo de 2006 entra en vigor a Lei de Memoria Histórica, que establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal do levantamento militar, da represión ou da propia ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos.

Pasadas catro décadas do fin da Ditadura e con corenta anos de vida en democracia, de xeito inexplicable, persiste xusto no lugar onde se imparte a Xustiza un escudo que se debe considerar como toda unha afronta á memoria das vítimas do réxime franquista e, á vez, todo un despropósito histórico e democrático necesario de reparar.

PROPOSICIÓN

  • Que o Pleno do Concello de Pontevedra, seguindo co seu compromiso de cumprir e contribuír a facer cumprir a Lei da Memoria Histórica, solicite a retirada efectiva, no menor tempo posible, deste símbolo da Ditadura da fachada dun edificio xudicial tan singular como é o Pazo de Xustiza de Pontevedra.
  • Que a Xunta de Goberno Local, no caso de ser aprobada esta demanda por parte do pleno, faga chegar o acordo plenario ao Presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, ao Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, e á Ministra de Xustiza do goberno de España.
En Marea esixe que o PSOE cumpra dende o goberno central o compromiso público coa retirada de Ence-Elnosa da Ría de Pontevedra que adquiriu no pasado, cando era aínda unha forza da oposición. A formación ve necesario que o executivo de Pedro Sánchez aproveite a excelente oportunidade para a paralización da actividade da planta que se abre neste momento; pois o 29 de xullo finaliza a súa concesión.

Cando van xa varias semanas dende que o PSOE acceder ao goberno central, nas filas de En Marea comeza a sentirse a preocupación ante o feito de que, ata o de agora, o executivo estatal non teña feito referencia algunha á retirada de Ence da Ría de Pontevedra. Unha actuación que a formación defendeu no pasado, e que o propio Sánchez abandeirou durante a campaña electoral. Así o indica Marcos Cal, que lembra ademais que se trata dunha medida que tamén se atopa recollida  no Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, “que recoñece que esa industria non pode estar aí pola multitude de afectacións que implica”.

O deputado de En Marea entende que, cos precedentes existentes, non é de recibo que o goberno central se escude no procedemento xudicial en marcha para xustificar a paralización das necesarias medidas políticas. “Os pregos da concesión indican que se pode proceder á paralización da actividade existindo incumprimentos, e existen motivos máis que de sobra nese sentido”, afirma Cal; rotundo á hora de apuntar que de ningún xeito se entendería que o PSOE optase agora pola inacción en lugar de poñer en marcha a necesaria e comprometida solución política e administrativa.

Problemas de saúde; contaminación continuada de aire e auga; cambio de actividade (a concesión foi feita para a produción de papel e non contempla a xeración de enerxía na que actualmente tamén traballa a planta); recoñecidas molestias á cidadanía; modificación das edificacións superando o volume e a altura permitidas; transferencias da concesión realizadas sen a pertinente autorización do estado… Son algún dos numerosos incumprimentos das condicións incluídas nos pregos da concesión nas que ten incorrido Ence-Elnosa; e que, tal e como destaca o deputado de En Marea, permiten ao goberno poñer en marcha o expediente de paralización da actividade. “Polo tanto, non se pode dar prórroga. Aínda que o proceso xudicial siga, esta é unha decisión política” absolutamente xustificada, indica Marcos Cal.

A retirada da planta de Ence-Elnosa da Ría de Pontevedra suporía unha importante oportunidade para a recuperación e o desenvolvemento socioeconómico dos municipios da contorna. E é que, tal e como destaca o deputado de En Marea, a zona sobre a que se asenta foi, no pasado, unha das máis produtivas de Galicia dende o punto de vista marisqueiro. Nesa liña, Marcos Cal lembra que só dende o ano 2000 se perderon na ría de Pontevedra 500 licenzas marisqueiras; e os datos extraoficiais falan da posible perda de máis de 1.000 postos de traballo ligados a ese sector dende a instalación da papeleira.

O deputado tamén quixo poñer o foco sobre os beneficios que a retirada da planta suporía para a contorna pontevedresa dende o punto de vista do desenvolvemento turístico. “O saneamento da ría é importante. Precisamos unha ría saudable, pero non só por unha cuestión ambiental, senón tamén polo problema para o desenvolvemento económico da ría e dos concellos que a conforman que supón a planta de Ence-Elnosa”, apunta Cal, que lembra que a fonte de riqueza da poboación local se atopa estreitamente vinculada á explotación sustentable dos recursos da ría. “Todas podemos imaxinar o que suporía recuperar esa praia dende o punto de vista turístico para Pontevedra ou Marín”, indica.

En Marea lembra ademais que a prórroga aprobada polo goberno de M. Rajoy resulta inaceptable, e supón ademais “desoír os mandatos xudiciais existentes, que indicaban á administración a necesidade de incoar o expediente de caducidade”. Cal lembra tamén que a Xunta de Galicia saltou a legalidade, “tal e como vimos coa sentenza sobre a autorización ambiental irregular que fixo hai dous anos”.

” Existía unha sentenza firme de 2014 da Audiencia Nacional que instaba a incoar o expediente de caducidade. Polo tanto, saltouse o mandato xudicial á hora de aprobar esa prórroga. Pero tamén o clamor dos partidos e da sociedade, que coincidían en pedir a retirada da planta”. Dese xeito, “regalouse unha prórroga irregular 60 anos máis que supón unha condena e unha hipoteca para a ría”, lembra Cal, que insta ao PSOE a aproveitar a oportunidade que agora ten dende a responsabilidade de goberno para rematar con esta inxustiza histórica e este atentado contra o medioambiente, a saúde e o desenvolvemento socioeconómico da Ría de Pontevedra.

O deputado de En Marea non quixo deixar pasar a oportunidade de lembrar que Isabel Tocino e Carlos del Álamo foron “as persoas clave no proceso de privatización de ENCE, e posteriormente pasaron formar parte do consello de administración da fábrica polos servizos prestados. Estamos falando do caso máis grave e claro de portas xiratorias en Galicia”, denuncia Cal. Que insta ao goberno de Sánchez a tomar cartas no asunto e facer o posible para que este 29 de xullo sexa a data final da actividade da planta.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies