SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Luís Seara liderará a lista do BNG en Ourense nas Municipais de 2019

A asemblea local do BNG Ourensán designou a Xosé Luis Seara, Rut Marina Reza, Xosé Manuel Puga, Alba Sánchez Nieto, Xosé Diz Romay e Stella González como integrantes do primeiro tramo da candidatura que a formación nacionalista presentará en Ourense nas eleccións municipais de 2019. A militancia aposta así por Luis Seara, un dos referentes políticos da formación nacionalista como cabeza de cartel, ao tempo que aposta por un equipo de traballo mestura de experiencia e renovación nos primeiros postos da lista.

Nas súas primeiras palabras á militancia tras ser elixidos, os integrantes da lista aprobada, agradeceron a confianza depositada e anunciaron que van traballar como un tándem ata a data dos comicios, perfilando o proxecto de cidade co que van pedir a confianza dos Ourensáns e das Ourensás en 2019. Seara dirixiuse á militancia para pedir o seu esforzo. “hoxe pomos o contador a cero e iniciamos a conta atrás para voltar ao concello con forza e ser determinantes na configuración do proximo goberno municipal”. Temos unha tarefa ardua durante estes meses, hai que sumar adeptos á causa, falar con todo o mundo para que se incorporen ao proxecto do BNG.

“Un bo goberno caracterízase por dúas cousas: ter proxecto de cidade e ter capacidade, solvencia e liderado para levalo a cabo. Ourense, neste momento, carece de proxecto e carece de liderado. Non podemos asumir a parálise e o caos no que estamos instalados, hai que poñer a funcionar a súa enerxía e potencia”, salientou Seara.

O candidato lembrou que tras anos de traballo político noutras instancias (concello da Merca e deputación), ten agora a oportunidade “de traballar pola miña cidade, pola cidade na que vivo desde que nacín”.

As candidatas e candidatos eleitos avanzaron as liñas mestras do proxecto co que aspiran a construír “Un Ourense con horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades”.

O cabeza de lista e candidato a alcalde afincou o proxecto que propón o BNG en dúas apostas claras: “primeiro, recuperar o peso e o dinamismo económico da cidade; segundo, facer de Ourense unha referencia, en Galiza e fóra dela, de cidade inclusiva, igualitaria, verde e aberta”.

Seara insistiu ante a militancia en que “para facer de Ourense esa cidade de referencia non hai que estar mirando ou imitando a outros. Chega con saber ver e mobilizar toda a potencia, a capacidade e os recursos que Ourense ten, en favor dun proxecto compartido de cidade”. Nesta liña explicou que “a cidade que nós queremos constrúese a favor de si mesma, a partir do mellor da súa propia tradición.

“No BNG sabemos facelo” –insistiu- “e temos exemplos, na propia provincia e fóra dela, de prestixio internacional que o demostran. Nós non quedamos nas palabras bonitas, sabemos levalas á realidade”.

O candidato fixo fincapé na idea de que CO BNG, UN NOVO PUNTO DE PARTIDA PARA OURENSE, e pediu o apoio activo de toda a militancia, que tivo palabras de recoñecemento para os anteriores portavoces municipais e concelleiros e concelleiras nacionalistas e fixo un recoñecemento expreso do traballo realizado polos seus antecesores, “que desenvolveron un labor extraordinario” que co paso do tempo aínda se fixo máis evidente.

“Para min é un orgullo compartir candidatura con este grupo de persoas e representar ao BNG”, recalcou Seara.

Ourense en Común e PSOE defenderán conxuntamente no pleno do próximo venres  unha moción que pretende frear a iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude para transformar a Casa da Xuventude nun centro de iniciativas empresariais. Así é que segundo recollen na súa iniciativa, o Partido Popular “quere desmantelar definitivamente un símbolo de creación cultural, tolerancia, democracia e participación”.

Ambos grupos concordan na necesidade de dar apoio aos proxectos e actividades profesionais e laborais desenvolvidas pola xuventude, compartindo que a loita contra o paro e a emigración xuvenil debe ser un dos grandes retos de Ourense, pero apuntan a que existen na cidade dependencias de titularidade autonómica que poderían prestar apoio e asistencia a emprendedores, sen modificar os usos da Casa da Xuventude nin frustrar a súa necesaria autonomía, engadindo que non se debe esquecer que o sector cultural é un motor de desenvolvemento e innovación tamén no eido económico e laboral”.

O Partido Popular na Xunta quere converter o espazo nun centro de iniciativas empresariais.

Igualmente lembran que o goberno de Jesús Vázquez ten pendente dende “hai tres anos dar cumprimento a outra moción en defensa da Casa da Xuventude. Unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista e aprobada en pleno o 30 de xullo de 2015, para municipalizar a xestión do espazo, e recuperar o Consello de Xestión como modelo de goberno do centro; un modelo que durante décadas foi pioneiro, e permitía que os colectivos xuvenís foran ao mesmo tempo presidentes, directivas e socias dun verdadeiro espazo de democracia participativa onde medraron mozos e mozas hoxe referentes na vida cultural, social, política ou asociativa de Ourense. “Centos de mozos e mozas, xunto con figuras tan relevantes como a do propio director, Benito Losada, foron quen de construír un símbolo de tolerancia e creatividade”.

Ourense en Común instará ao goberno municipal no pleno do venres, para que organice unha xornada aberta á participación do movemento veciñal, colectivos sociais, e colexios profesionais, e que se fale claro” sobre o impacto da chegada da alta velocidade  á cidade de Ourense, e en particular, sobre a configuración que terá ao seu paso polos barrios de San Francisco e Peliquín.

O grupo trasladará así, en forma de moción, a manifesta incerteza” que sobre a adaptación da actual vía “se palpa entre a poboación, especialmente nos barrios máis próximos ao trazado ferroviario”.

Logo de  visitar San Francisco e Peliquín nos recentes meses de  maio e xuño, dando  continuidade á iniciativa A Voz do Barrio coa que Ourense en Común está a percorrer a cidade “para dar voz á veciñanza”, o voceiro do grupo afirma que os veciños e veciñas destas áreas da cidade  “descoñecen por completo o futuro da infraestrutura e demandan información ”.

Ourense en Común recolleu en San Francisco e Peliquín o malestar veciñal polas incertezas que rodean á infraestrutura.

Martiño X. Vázquez advirte de que “ningún dos recentes avances sobre o AVE teñen por obxecto reparar a fenda histórica que divide Ourense, ningún namentres non haxa compromisos coa variante exterior, e apela ao goberno a ser honestos e informar debidamente” á veciñanza do custe” que terá, “no día a día e no futuro”, a adaptación do actual trazado para que “o AVE atravese a cidade”.

O parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do BNG para levar a cabo melloras na sinalización do camiño de Santiago ao seu paso por Seixalbo así como outra serie de obras de acondicionamento reclamadas pola veciñanza deste emblemático barrio de Ourense.

En concreto, a proposta nacionalista que foi defendida pola deputada ourensán, Noa Presas, e que recibiu aportacións doutros grupos da Cámara, inclúe tres puntos concretos.

Presas criticou a inacción do PP tanto desde a Xunta como desde o concello de Ourense ante o que son vellas demandas da veciñanza

En primeiro lugar, acometer segundo  Plan Director do Camiño de Santiago a mellora da sinalización da Vía da Prata, no que tamén estará incluído o núcleo de Seixalbo prevista para o ano 2019, priorizando os puntos críticos.

En segundo lugar, executar a mellora xa prevista no proxecto promovido pola de mellora de seguridade viaria na estrada OU-105 en Seixalbo, con especial atención ao paso por debaixo da ponte da vía do tren estudando a viabilidade dun paso de peóns nas proximidades, segundo a normativa vixente de seguridade vial, ao tempo que se mellore a sinalización das advertencias de perigo en ambos os sentidos de circulación.

É, finalmente, un recordatorio ao Concello de Ourense das súas obrigas a respecto dos desbroces e limpeza de maleza no perímetro rural  e a existencia de ordes de axudas para a accesibilidade e sinalización dos distintos recursos turísticos, ás que se poderá acoller para realizar a sinalización dalgún elemento patrimonial de interese.

A iniciativa aprobada tamén contempla outras melloras para este barrio da cidade de Ourense

A deputada por Ourense, Noa Presas, valorou o acordo despois de anos de inacción por parte da Xunta e do propio Concello da cidade das Burgas para atender as reclamacións da veciñanza. Para iso apelou a “suposta responsabilidade” da que presume o PP e de cara a evitar incidentes que lamentar pola mala sinalización e por outras deficiencias que existen no barrio, tanto no referente ao tramo do camiño de Santiago que o atravesa, como por outras obras de mellora longamente reclamadas polos residentes.

O vindeiro 10 de Xullo do 2018 iníciase no Xulgado de Ourense o xuizo pola causa de contaminación do Rio Barbaña no 2009. Aquel acontecemento que provocou gran alarma social e a morte de toda a fauna piscícola do rio vai ser xulgado despois de 9 anos de espera. Xuizo que se leva adiante grazas a persintencia e vontade de tres asociacións veciñais (San Breixo de Seixalvo, Ponte Noalla e Asociación Barbaña) de Ourense que non permitiron que as denuncias quedaran sen resposta e se personaron, poñendo cartos do seu patrimonio, para que se seguira investigando e se buscaran responsables.

Estas asociacións, xunto coa Plataforma Rios Limpos, van a levar adiante unha serie de accións, para que con motivo deste xuizo, se visualizase o malestar e o desacordo da sociedade de Ourense coa xestión e administración da vixiancia e coidados das nosas concas fluviais.

Levamos dende o ano 2009 presentando máis de 75 denuncias ante as Administraciónes competentes por verquidos nas augas da nosa provincia, 30 delas son do Barbaña, pero tamén as hai do Limia, do Támega, do Loña, do Arnoia y do Miño.

A pesar de todo elo non so non se lle da solucións senón que podemos decir que estamos ainda peor que naquela época.

Como mostra:
-Os 5.000 litros de aceite verquidos recentemente ao Rio Barbaña e que levan tres semanas tentando limpar. A esto engadir que non ten pasado mes que no se detecte un novo verquido ou atentado ecolóxico e os outros ríos da nosa provincia.
-O Támega totalmente enlodado durante as últimas semanas
-O encoro das Conchas envenenado de cianobacterias

Por todo elo, acordamos:
• Pedir o cese inmediato do responsable da Confederación Hidrográfica pola súa incompetente e nefasta xestión ao longo do seu mandato por permitir unha depuración insuficinte,un aproveitamento hidráulico abusivo ( máis de 50 encoros) e mías de 1000 autorizacions de verquidos), o despilfarro industrial e agro-gandeiro da auga e a construcción de infraestructuras innecesarias e perxudiciais (canles, paseos fluviais, planes de control de verquidos obsoletos e inútiles..)
• Denunciar que o Estado dos recursos hídricos, das concas hidrográficas e en definitiva da auga da nosa provincia mostra un progresivo e galopante empeoramento e son un desgraciado exemplo do fracaso dunha xestión que di que somos unha provincia lider no Turismo Termal e na Auga
Facer un chamamento a todolos estamentos sociais, políticos e veciñais a manifestar e solicitar a modificación da devandita política de xestión
• Exixir que se faga Xustiza, que se persiga e condene a os contaminadores e  os responsables de que os verquidos contaminantes non cheguen a nosas augas porque estáse a cometer un crimen contra a natureza, contra nos mesmos.
• A cidadanía non pode permanecer pasiva e calada ante tanto desastre. Pedimos que o próximo día 10 a xente acuda as portas do Xulgado para darlle voz e visibilidade as nosas augas, a verdedeira savia da nosa Terra, e berrar BASTA XA!!!!!!

Por canto tempo máis vai utilizar o Partido Popular as institucións en beneficio propio e en detrimento do interese xeral? Esa é a pregunta que En Marea, a través do seu voceiro, formulará ao presidente da Xunta na próxima sesión plenaria do Parlamento de Galicia. E é que ao caso de abuso de poder ejercido pola Valedora do Pobo, que outorgou a dedo un posto de traballo de responsabilidade á irmá do voceiro na Cámara do PP; súmase agora un novo exemplo de corrupción institucionalizada vinculada ás filas da formación conservadora. Trátase do caso que ven de sacar á luz unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que obriga a anular a oferta de emprego de 69 prazas da Deputación de Ourense por incumprimento das condicións de igualdade, mérito e capacidade dos opositores. “Señores do PP, as institucións son da cidadanía, non súas. Basta de enchufismos e de amiguismos. Non podemos aceptar esta corrupción institucionalizada nin un minuto máis”, sentencia Luís Villares.

“As institucións non son unha axencia de colocación. O enchufismo non debe ter cabida na administración pública. Non se pode admitir que quen paga favores colocando amigos e parentes siga nin un minuto máis á fronte dunha institución. É unha cuestión de decencia democrática”. Así explica o voceiro de En Marea o sentir da formación en relación a episodios como o que ven de saír á luz na Deputación de Ourense ou o da Valedora do Pobo. Quen, tal e como asegura Villares, debería “dimitir de forma inmediata”.

En Marea considera que todo o que é necesario coñecer en relación ao nomeamento de María Puy Fraga como xefa de servizo de Persoal e Administración “está explicado na sentenza, e o único que lle queda á Valedora é asumir responsabilidaes políticas por un nepotismo obvio, por un pago de favores clientelar evidente”, indica o voceiro; que lamenta que “o verbo dimitir non estea no diccionario do Partido Popular”.

Villares lembra que o debate sobre o caso da Valedora no vindeiro pleno se producirá grazas á presión exercida pola oposición, que tiña solicitado a convocatoria dunha sesión extraordinaria para abordar este asunto no caso de que o tema non fose incluído na orde do día da próxima sesión.

Así as cousas, o voceiro de En Marea destaca que a petición de dimisión da Valedora do Pobo chegará ao Parlamento grazas á “presión exercida polos grupos”. E destacou o veto exercido polo Partido Popular, que empregou a súa maioria na Cámara para impedir que os grupos dispoñan de quenda de réplica no debate plenario sobre este asunto.

Paramos, Meirás, sanidade pública e equiparación salarial para os docentes

Noutra orde de cousas, En Marea levará ao pleno da próxima semana unha proposición sobre publicidade sanitaria e sociosanitaria. “É necesario regular o sector e acabar coas situacións de abuso que se producen pola falta de regulación”, explica o voceiro, que incide na necesidade de impulsar medidas para garantir “que a sanidade sexa percibida como servizo público, e que os que pretenden facer negocio con ela se ateñan a unhas regras. A sanidade pública non pode valer para facer negocio por parte dalgunhas empresas. Por iso levamos tamén ao pleno unha moción sobre as actuación que a Xunta debe efectuar para velar polos axeitados servizos de mantemento no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”, explica Villares.

A situación de abandono en que se atopan afectados pola explosión da pirotecnia de Tui tamén será tratada no próximo pleno; ao que En Marea levará a petición de posta en marcha dun plan de asistencia psicolóxica para as vítimas. Así como unha solicitude para que a Xunta cubra o 100% do custe das vivendas destrozadas ou danadas.

“A Xunta ten que ser a que coordine todo o relativo ás axudas e indemnizacións”, indica Luís Villares, que denuncia a batalla aberta entre administracións para ver quen se fai cargo das pertinentes actuacións. “O que non pode ser é que uns polos outros, o desentullo sen facer”, indica o voceiro, que fai un chamamento á colaboración e chama a “remar todos na mesma dirección”.

En Marea levará ademais ao próximo pleno unha proposta de equiparación salarial dos docentes galegos, que a día de hoxe perciben uns dos salarios máis baixos do estado. Ademais, trasladará á Cámara o debate sobre os incumprimentos da lei de non discriminación das persoas LGTBI. E incidirá na necesidade de que a devolución do Pazo de Meirás se efectúe sen contraprestación económica de ningún tipo. “Agora que o PP parece que se ocupa do tema, ten moito interese en pagar á familia Franco pola devolución” dun pazo que foi adquirido mediante unha “acción de rapiña, un botín de guerra despois do levantamento do 36. Non hai nada que pagar. Xa houbo bastante co uso ilícito que a familia Franco fixo durante todos estes anos. Bastantes privilegios tiveron xa, polo que reclamamos que a solución non sexa a costa do herario público”, explica o voceiro de En Marea.

A formación tamén volverá incidir na necesidade de cambios na CRTVG que, un Venres Negro tras outro, evidencian as protestas dos propios traballadores da compañía. Nesa liña, Villares denunciou “o uso da CRTVG como panfleto de propaganda do PP en detrimento da calidade informativa e da pluralidade”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies