THURSDAY 18 APRIL 2019

Meses de demora nas probas diagnósticas de pacientes con cancro no CHUO


As demoras intolerables na realización dos TACs de control que requiren os pacientes con cancro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense estanse levando a cabo con dous ou tres meses de retraso con respecto ao que prescriben os oncólogos.

A deputada socialista ourensana Noela Blanco explicou nun almorzo informativo, “os TACs permiten medir a evolución da enfermidade”, polo que constitúen “a base dos tratamentos”. Neste contexto, apuntou que o ano pasado os pacientes con cancro do CHUO rexistraron “máis de 150 reclamacións” a causa dos retrasos, e que xa van máis de medio centenar no que vai de 2018.

Dado que no centro hospitalario atribúen esta situación á falta de especialistas e derivan a moitos pacientes á privada, Noela Blanco urxiu á Xunta que dispoña “máis medios”. E é que, sumadas ás dificultades para o seguimento da patoloxía, as demoras “supoñen un estrés e un sufrimento adicional para os doentes”.

Só un goberno sen alma pode permitir unha situación que carrexa consecuencias tan graves coma estas“, alertou a deputada do PSdeG, ao tempo que anunciou iniciativas parlamentarias coas que reclamará que “non se excedan os tempos de espera recomendados” para estas probas e que “se publiquen os datos das agardas”.

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Ourense dentro da campaña do Día da Patria que aproveitou para chamar á participación masiva na mobilización e na celebración do 25 de Xullo. Para iso, mandou “unha mensaxe de esperanza no futuro”  a todas as persoas que confían no potencial da cidade e dunha provincia referente en termalismo, na produción vitivinícola e cun patrimonio cultural e paisaxístico de gran valor.

“Ter capacidade para gobernarnos é a mellor ferramenta para darnos un futuro mellor, porque Ourense non ten que resignarse os segundos salarios e pensións máis baixas, nin a xente moza resignarse a moverse entre a precariedade e a emigración”, salientou Pontón, “é un día para lanzar unha mensaxe de esperanza e de confianza e para chamar desde Ourense a unha participación masiva neste 25 de Xullo día da Patria Galega”.

Pontón fixo estas declaracións acompañada polo candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, e pola deputada Noa Presas, na visita ao paseo fluvial do Río Barbaña que, xunto co Río Támega ou o encoro das Conchas, soporta unha contaminación continuada proba da pésima xestión que se fai desde Madrid. O Bloque quere mudar de raíz  esta situación e reclama a transferencia.“Non ten sentido que o ríos galegos sexan xestionados desde fora de Galiza”, recalcou a dirixente nacionalista. Idea na que afondou Seara.

“Son demasiados casos nesta provincia polo que o BNG acaba de presentar unha iniciativa para que o ente provincial reclame ante o Goberno central un plan de restauración dos ríos e que o Támega pase a ser de xestión galega por parte da Xunta para  acabar co disparate da súa xestión desde Valladolid”, salientou Seara.

O Bloque cualifica de “escándalo” que ninguén pague pola contaminación dos ríos. “A auga é un dos grandes valores que ten Ourense e precisa unha política integral cunha nova cultura de xestión, e a maneira de darlle a volta é pedir algo tan básico como que os ríos galegos se xestionen desde Galiza”, alegou Pontón.

“Ourense ten un enorme potencial pero está pagando un prezo moi alto pola volta ao centralismo e polas políticas do PP contrarias aos intereses do país”, recalcou Pontón, consecuencias que se traducen na sangría demográfica, no envellecemento e na despoboación.

“Pero podemos darlle a volta a esta situación”, indicou, convencida de que hai un cambio de ciclo político ás portas que, no caso da cidade de Ourense, vai ter como referente a candidatura nacionalista que encabeza Seara.  “Coñece e ama esta cidade para a que ten un proxecto de futuro, e coa candidatura do BNG estamos lanzados porque sabemos que vai haber un cambio de ciclo e Ourense necesita abrir un tempo novo político”, subliñou a líder do Bloque.

Pontón concluíu recalcando o chamamento a veciñanza de Ourense no Día da Patria “para reivindicar que somos unha nación, con lingua e cultura propias, que confiamos nas nosas posibilidades para marcar o noso futuro”.

O PP impide recuperar a Casa da Xuventude de Ourense

A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista de Ourense, Noela Blanco, lamentou o veto do PP a unha iniciativa socialista para recuperar a Casa da Xuventude de Ourense. Así o dixo no debate da proposición non de Lei do Grupo Socialista na Comisión de Política Social celebrada hoxe no Parlamento, que foi rexeitada polo voto en contra do PP.

A responsable socialista reivindicou o papel orixinal da Casa da Xuventude como “faro da liberdade, a democracia e a participación da mocidade” que acadou o seu apoxeo baixo a dirección de Benito Losada dende o seu nacemento nos anos 70. Logo do seu pasamento, dixo, o goberno galego decide poñer á fronte á curmá de Feijóo, Mercedes Valeiras, comezando un proceso de “desmantelamento e baleirado de contido”.

Acusou ao goberno galego de converter a institución na “casa do PP” comezando coa “censura de actividades, excesiva burocratizacións, redución de espazos e mesmo instalación dun Punto de Encontro Familiar e da sede do programa Lidera na mesma habendo outros espazos específicos máis acaídos en Ourense”.

Os socialistas galegos levaron ao Parlamento esta proposta coas demandas sociais articuladas a través da Plataforma Casa da Xuventude para manter e impulsar as actividades das Casas da Xuventude dependentes da Xunta, comprometéndose na recuperación do funcionamento da de Ourense en concreto.

Blanco reclamou recuperar o esquema orixinal de funcionamento da entidade, suprimindo o posto de coordinadora de actividades –o que desempeña agora mesmo Mercedes Valeiras- e restituíndo as funcións da dirección do centro. Tamén pediu fomentar a participación de asociacións e colectivos xuvenís, reactivar o Consello de Xestión e cambiar a denominación polo de “Casa da Xuventude de Benito Losada”.

Os socialistas galegos solicitaban ademais relocalizar as actividades enmarcadas no programa Lidera nos centros de emprendemento destinados especificamente a ese obxectivo e relocalizar o Punto de Encontro Familiar nun emprazamento máis idóneo.

O país dos mil ríos e dos dez mil vertidos

Ríos, regueiros, ecosistemas fluviais…aloumiñan a paisaxe, dan nome a moitos recunchos da nosa terra, producen riqueza, son vitais para a vida e fan que Galicia sexa coñecida como “O País dos mil ríos”. Os ecosistemas acuáticos continentais, ríos, lagos, humedais, son elementos fundamentais do noso territorio, acollen servizos esenciais para o ser humano: auga para a vida, para o lecer e para os usos económicos, regulación da formación e fertilidade do solo, articulación da paisaxe, fonte de inspiración cultural e relixiosa.

O uso intensivo que o ser humano fixo destes ecosistemas—canalizando, encorando, alterando a súa forma e o seu funcionamento, extraendo auga sen control, verquendo todo tipo de refugallos, verquendo augas sen depurar—, degradou os ecosistemas pondo en perigo a súa capacidade de seguir prestándonos estes servizos. Detectadas as eivas a Unión Europea aprobou no ano 2000 a “Directiva Marco da Auga”, pasando dunha visión produtivista ao que ten que ser unha xestión de sustentabilidade do recurso hídrico, nacía unha “Nova Cultura da Auga” unha nova relación dos humanos cos ecosistemas fluviais, pasando dun enfoque de dominación da natureza cara unha visión de convivencia co medio.

Directivas da Unión Europea e a lexislación que as desenvolve en Galicia, incúmprense reiteradamente non facendo fronte aos problemas de perda da calidade da auga, da degradación dos ecosistemas acuáticos, da contaminación das fontes de subministro…Urxe realizar unha xestión avanzada dos sistemas de saneamento e drenaxe urbano, é imprescindible minimizar os impactos das augas residuais nos ecosistemas naturais, mais tamén resulta necesario incorporar novas formas de xestión, aplicar as normativas e facer cumprir a lexislación, fomentar a participación cidadá mediante consellos consultivos e órganos de participación pública.

Barbaña, Támega, Limia, Miño, Sil, Loñoá, Arnoia, Arenteiro, Avia…teñen que deixar de ser noticia por vertidos de todo tipo de contaminantes, débese de rematar coa impunidade con que actúan os delincuentes medioambientais. Todos e todas somos culpables, aínda que ben é certo que uns máis ca outros, neste senso as administracións públicas (alcaldes, fiscalía, confederacións hidrográficas, Xunta de Galicia) teñen demostrada unha total incompetencia, insensibilidade e incomprensible deixadez de funcións…

Hoxe, 10 de xullo de 2018, comeza nos xulgados de Ourense a causa pola contaminación que provocou a morte de toda a fauna piscícola no Barbaña no ano 2009, hoxe tamén presentamos a enésima denuncia por vertidos de augas sen depurar no mesmo río (das máis de 75 denuncias realizadas pola Plataforma Cidadá Ríos Limpos, máis de 30 son do Río Barbaña).

Lembrar que este xuízo celebrase grazas a persistencia e vontade de tres asociacións veciñais (San Breixo de Seixalbo, Ponte Noalla e Asociación Barbaña) coa colaboración de Ríos Limpos, grazas a eles as denuncias non quedaron sen resposta, personándose e poñendo cartos para que se seguira investigando e se buscaran os responsables que atentan contra o patrimonio natural de todos e todas.

Por todo elo, insistimos:

_ Pedir o cese inmediato do responsable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola súa incompetente e nefasta xestión, por permitir unha depuración insuficiente, por permitir un aproveitamento hidráulico abusivo, (máis de 50 encoros e máis de 1000 autorizacións de vertido aos ríos), polo seu desleixo, polo fomento e construción de obras inútiles e prexudiciais (canles, paseos fluviais, plans de control de vertidos obsoletos, Proxecto “LIFE Regenera Limia”…).

_ Denunciar o estado dos recursos hídricos do conxunto da provincia, nos últimos anos un progresivo e galopante empeoramento da Bacía do Miño Sil, do Limia e do Douro. Fracaso da xestión da auga nunha provincia que ten entre os seus reclamos a súa riqueza termal e a calidade das súas augas.

_ Esixir a tódolos estamentos sociais, políticos, veciñais e cidadanía en xeral a axuda para a axeitada protección e a denuncia de tódolos estragos que soportan os ecosistemas fluviais.

_ “Quen contamina paga, quen destrúe ten que recuperar o estragado” esiximos que se remate coa impunidade coa que actúan os delincuentes medioambientais, están comentendo un crime contra a natureza, contra todos e todas nós. (Confederacións Hidrográficas, forzas e corpos de seguridade, axentes medioambientais, fiscalía) Hai medios técnicos, materiais e humanos para rematar con esta insultante impunidade.

Un dos obxectivos do Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 FAO/ONU e ” Garantir a dispoñibilidade da auga, a súa xestión sustentable e o saneamento integral da mesma”.

Outra política de xestión dos recursos hídricos non só é posible se non que é imprescindible para garantir a nosa vida, a vida das vindeiras xeracións.

Entre todos e todas podemos e debemos acadar que se faga unha xestión sustentable dos ecosistemas fluviais, todos e todas podemos lograr uns ríos con vida e uns ríos limpos.

Varios centos de empregados/as de Servicarne e de delegados/as sindicais da CIG percorreron este sábado as rúas de Ourense en manifestación para denunciar a sobreexplotación á que están sometidos/as milleiros de falsos/as autónomos/as que traballan nas principais compañías cárnicas do país.

Na marcha participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. O máximo responsábel da federación de Alimentación aproveitou a súa intervención ao remate da protesta para poñer en valor a loita “decidida, valente e sen retorno” do persoal contratado pola cooperativa Servicarne que traballa como falso autónomo para empresas como Coren, Frigolouro, Cogal ou Novafrigsa.

A secretaria nacional da FGAMT, Dores Martínez, insistiu en que a loita iniciada hai un par de anos por este colectivo “non ten retorno” xa que “continuará até lograr as mesmas condicións laborais que o resto do persoal das empresas”, ao tempo que esixiu que as empresas os dean de alta no réxime xeral da Seguriade Social.

Martínez lembrou que este colectivo, integrado no noso país por máis de 2000 persoas, “está a ser discriminado con respecto ao resto do persoal: carecen de horario fixo, salario mínimo, dereito a vacacións ou permisos e a cobrar baixas, ademais de padecer ritmos de produción salvaxes e maior represión laboral e sindical“.

Denunciou ademais a fraude na contratación que supón este tipo de relación laboral, cifrando en máis de seis millóns de euros anuais o que a Seguridade Social deixa de ingresar.

Diante disto, reclamou que as empresas cárnicas usuarias destes falsos/as autónomos/as sexan obrigadas a acatar a resolución de Inspección de Traballo e procedan de xeito inmediato a dalos/as de alta no réxime xeral da Seguridade Social “Esixímoslles tamén que deixen de coaccionar a estes/as traballadores/as para que renuncien aos seus lexítimos dereitos”.

Tamén explicou que unha representación da FGAMT-CIG mantivo este venres unha xuntanza en Madrid coa dirección especial da Inspección de Traballo que asumiu o caso tras as numerosas denuncias presentadas pol central e adiantou que nas próximas semanas celebraranse asembleas para informar e analizar o contido da reunión. Por último, demandou do novo Goberno español do PSOE “celeridade e contundencia” para rematar con este tipo de prácticas nas empresas.

A deputada socialista Noela Blanco acusou hoxe ao goberno galego de ter pechada a piscina do Parque Tecnolóxico de Galicia dende hai tres anos por non acondicionar as instalacións. No debate dunha pregunta oral en Comisión, sinalou que o peche das instalacións, que se repetirá neste verán, obriga aos veciños e veciñas a utilizar as instalacións privadas xestionadas por Eulen en Monterrei.

Blanco advertiu da “coincidencia” da apertura das instalacións moito máis caras de Eulen co peche das instalacións públicas titularidade do goberno galego, que dende hai 17 anos era aberta grazas a un convenio anual que permitía a apertura daquelas instalacións xestionadas a través da Deputación Provincial. Criticou esta “coincidencia feliz para a empresa privada pero lamentable para a economía familiar dos veciños e veciñas”.

A responsable socialista advertiu que o convenio non foi renovado dende o ano 2015, co que, ironizou, “as instalacións das piscinas e o campo de fútbol conforman un secarral, unha charca ou mesmo unha lagoa, en función da pluviometría”.

Blanco urxiu ao goberno galego a retomar o convenio coa Deputación de Ourense para poñer ao día as instalacións e permitir abrir de novo ao público unhas instalacións fundamentais para as persoas que viven no que se coñece como “o forno de Galicia” polas elevadas temperaturas que acada no verán.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies