SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

O Pórtico da Gloria: o que ocultan

Certamente, estamos perante un acontecemento ao que debemos prestar atención: o acabado da restauración da policromía do Pórtico da Gloria, conforme ao seu aspecto orixinal. Agora poderémolo contemplar recuperado parte do seu esplendor. Dicimos parte, porque se enmarcaba nun conxunto escultórico-iconográfico hoxe desaparecido, destruído, en boa parte, cando se construíu a fachada barroca que o oculta á vista desde fóra. Os restos conservados foron obxecto da denominada Exposición Mestre Mateo, un precedente para entender mellor a grandiosidade e o significado do Pórtico orixinal.

Entón como agora, a información para ao público limítase a facer a loanza de quen posibilita a realización de mostras e restauracións (coa Fundación Barrié de la Maza, como maior contribuínte á cabeza) por unha banda, e pola outra a agochar todo o que teña a ver co contexto histórico, social e político en que este monumento, como toda a catedral, se xerou e desenvolveu. Afortunadamente, non poden levar o Pórtico para expolo coa policromía en Madrid, primeiro, como fixeron coa Exposición Mestre Mateo. Porén, acoutan todas as súas declaracións e informacións ao respecto cinguindo o valor do Pórtico a ser un símbolo da arte cristiá/católica occidental, europea ou española, unha exaltación da relixión cristiá, en versión romana, ou unha consecuencia das peregrinacións xacobeas a Santiago. Ninguén abre a boca para subliñar a importancia do reino de Galiza na historia medieval e na arte románico-gótica, dando a coñecer unha mostra ben elocuente, debidamente contextualizada. Mesmo a palabra Galiza escintila pola súa ausencia na información que se fornece. Só existe como pretexto para pagar follas de propaganda aos medios de comunicación para o botafumeiro, sen dúbida algunha por parte da Xunta, agradecéndolle a “Galicia” non se sabe que, se a súa ignorancia inducida sobre a cuestión ou simplemente estar aí lela pensando que o Pórtico foi un agasallo do ceo, recuperado grazas á magnanimidade de España, a súa Igrexa, a súa Monarquía, o seu Goberno, o apéndice da Xunta e a Banca.

Nin unha palabra sobre o rei de Galiza, Fernando II, que promoveu a construción do Pórtico, como parte dun conxunto que estaba destinado a manifestar a grandeza do reino. Nin unha palabra sobre este rei galego que puxo o erario público ao servizo dun obradoiro ou taller, o do Mestre Mateo, outorgándolle unha pensión vitalicia en febreiro de 1168, para levar a cabo a obra. Nin unha palabra referida a quen, por vontade propia, está soterrado a uns metros do Pórtico, nunha tumba con estatua xacente, no Panteón Real da catedral compostelá. E, por suposto, a lingua en que este rei falaba e escribía, como a falaban todos entón na Galiza, incluído o Mestre Mateo, que non era un apátrida sen identidade algunha, e todos os seus canteiros, será excluída de discursos oficiais e informacións de exaltación desta obra incomparábel. A quen loan entón? A unha serie de abstraccións que remiten a valores, símbolos, ideoloxías que, para nada, contemplan a existencia do pobo galego como unha realidade de seu, específica e con dereitos. Resulta irritante esta anulación continua, no propio país, da verdade histórica, do coñecemento de onde vimos, o que fomos e como chegamos a estar como estamos, por moito que o patrimonio monumental que posuímos o reclame como unha necesidade para a súa explicación e comprensión cabal.

Escribindo sobre a Exposición Mestre Mateo (Terra e Tempo, dixital, 24-11-2017), subliñei que iso que a oficialidade académica chama excelencia ten no tema da catedral de Santiago e do Pórtico da Gloria un nome: Serafín Moralejo Álvarez, catedrático de Arte medieval na Universidade de Santiago e logo na de Harvard, por desgraza desaparecido no ano 2011. Para el o Panteón Real da catedral simboliza, coas tumbas nel depositadas, a liña estratéxica que a familia real galega alí enterrada representou e indícanos que a historia non estaba predeterminada. Só os actos e circunstancias humanas podían desviala ou mantela conforme ao que estes reis do Panteón Real de Compostela simbolizaban. El descubriu este valor simbólico sacando mesmo algunha tumba do anonimato ou da falsa identificación. Serafín Moralejo foi, afortunadamente, un home galego de grande finura e honradez intelectual, o mellor estudoso da Catedral e do seu Pórtico da Gloria. Morto a unha idade na que aínda lle quedaba moito que ofrecer no terreo da historia e da arte de Galiza, legounos páxinas fundamentais sobre a relación da monumentalidade compostelá co contexto histórico-político do  reino de Galiza entre 1157 e 1230, especialmente, reinados de Fernando II e Afonso VIII. Sen tratarse dun analista sociolóxico da arte románica na Galiza, as súas agudas, interesantes e honestas observacións, sobre a vinculación desta arte co período de esplendor do reino de Galiza e o seu valor simbólico ao respecto, no caso da catedral de Santiago, merecen admiración por resultaren moi clarificadoras. Teño a sensación de non gustaren nada no mundo académico oficial dominante, malia o prestixio e relevo acadado por Serafín Moralejo, nos círculos científicos internacionais desta materia. Aquí, a efectos prácticos, é como se as súas análises, conclusións e achados non tiveran existido nos seus aspectos máis reveladores. Recomendamos a lectura dos seus estudos sobre as tumbas do Panteón Real para comprendermos que orientación política seguía a liñaxe real alí soterrada, especialmente Fernando II e Afonso VIII, os reis cos que se culminou  a obra románico-gótica da Catedral de Santiago, e de forma especial e concreta o denominado Pórtico da Gloria. Por que nin sequera as súas investigacións e análises, rigorosos, ponderados, conclusivos e contrastados, valen? Para a Exposición Mestre Mateo só lle fixeron unha pequena concesión para ilustrala: o recurso a un anaquiño do poema “Na catedral” de Rosalía no que, falando do Pórtico da Gloria, de forma maxistral e viva, se refire ao Mestre Mateo. Xa en 1990 recomendaba Serafín Moralejo lelo, integramente, para contemplar esta xoia escultórica.

Catorce anos máis tarde desta investigación sobre o Panteón Real, Serafín Moralejo, de forma aínda máis rotunda e sen o menor complexo, nun estudo sobre a iconografía galega de David e Salomón, presentes xa na Árbore de Jessé do parteluz no Pórtico da Gloria, constata, á morte de Afonso VIII, “el último rey que puede ser considerado de Galicia”, a nosa decadencia: “Con Fernando III, queda esta sometida a los intereses de la Corona castellana, que consolidan con la rápida conquista de América (…). Galicia, marginada, pasa, de reino, a provincia de facto, y como tal será gobernada por adelantados”. E detecta unha degradación da arte que pon en relación coa nova situación: “No creo que sea casualidad que el fenómeno coincida con el momento en que Galicia se quede sin reyes, aunque fueran compartidos con León” . Verbo da cuestión que o ocupa, explica que toda a iconografía salomónica non é por casualidade contemporánea de Fernando II e, sobre todo, de Afonso VIII, chegando a considerar acertada a tese de a iconografía de David e Salomón representar retratos destes dous monarcas, e a súa desaparición, “síntoma evidente de la quiebra del contexto político que la sustentaba”. A mesma degradación sinala na evolución da arte da miniatura no Tombo A da Catedral de Santiago, comparando o cumio estético das miniaturas ecuestres de Fernando II e Afonso VIII coas “menos que mediocres de Fernando III e Afonso X” . Haberá que esperar, segundo el, á etapa posterior a 1300 para unha certa revitalización da arte na Galiza.

Vaiamos agora a unha cuestión de menor calado, pero moi ilustrativa tamén, que está vinculada  ao aspecto técnico da restauración da policromía. Na exposición Mestre Mateo, entre outros pormenores, puidemos contemplar fotos, desde comezos do século XX, indicativas do progresivo deterioro da policromía do Pórtico, agora restaurada. A ocultación informativa era de tal calibre que se ignoraba, como se nunca tiver acontecido, que no verán de 1866 fíxose o baleirado en xeso do Pórtico da Gloria, para tirar unha copia de tamaño natural, con destino a ser contemplada no Museo South Kensington, de Londres, onde efectivamente continúa. Creo que, polo menos, algún directivo da Fundación Barrié de la Maza, a principal financeira da restauración entón en curso, visitou  aquel museo inglés para lembrar, e en parte celebrar, a existencia desa copia, pois, segundo el, axudaba a popularizar o Pórtico da Gloria e mesmo a traer peregrinos ao Camiño de Santiago que desexan contemplalo na realidade. Pois ben, este baleirado en xeso de 1866 causou maior deterioro da policromía do Pórtico, como non podía ser doutra forma, o que agravou a que xa era evidente.

Na realidade tratouse dunha de tantas falcatruadas que se fixeron co patrimonio dos países colonizados por parte das potencias coloniais, Inglaterra e Francia, sobre todo, no século XIX. De feito, foi o libro dun bo especialista británico, M. Street, sobre a arquitectura gótica en España, publicado en 1865, o que chamou a atención en Inglaterra sobre o que cualificou como “unha das glorias máis grandes da arte cristiá”. A xunta de goberno do museo devandito reaxiu con presteza e entrou en contacto co cabido compostelán e a Real Academia de San Fernando –deben existir as comunicacións escritas entre ambas institucións e a directiva do South Kensington. O entendemento foi tan rápido e total que, pasado apenas un ano, estaba xa o señor Domenico Brucciani, formador do South Kensington, para dirixir as obras do baleirado. Desde logo, contou coa máis que xenerosa colaboración de todas as forzas vivas, comezando polo arcebispo, Miguel García Cuesta, e acabando pola Sociedad Económica de Amigos del País, de Santiago, que o nomeou socio de mérito.

Un arqueólogo moderado e dun oficialismo liberal, Fernando Fulgosio, estudoso tamén do Pórtico da Gloria, contou, pasados os anos, en La Ilustración de Madrid (2-8-1871), o ambiente de euforia agradecida que había en Compostela por este feito, pois desde fóra se recoñecía o valor do que hai na casa, sen valorar que se estaba a realizar un acto de consecuencias irreparábeis, acelerando o deterioro do Pórtico. Só se atreveu a deslizar unha frase indiciaria e descualificadora sobre a actitude do cabido compostelán do que di que correspondeu ás peticións e desexos dos lores das xuntas do departamento de Ciencias e Artes do museo británico, “con menos cordura que ilustración”.

Ironicamente, un dilixente fotógrafo do Museo, Mr. C. Thurston Thompson, acompañaba Domenico Brucciani. Tirou moitas e, ao que parece, excelentes “representaciones” dos monumentos e obxectos de arte que había en Compostela, e mesmo de partes do Pórtico da Gloria. Dos primeiros exemplares, dedicáronse tres, por esta orde, ao cardeal, ao deán e ao cabido. Iso si, levaban unha afectuosa comunicación dos lores do departamento de Ciencias e Artes do Museo, “en agradecimiento a los servicios prestados (…) a los Señores Brucciani y Thompson”. Pois ben, todo isto gozou da máis absoluta censura, aínda informando do proceso de deterioro da policromía do Pórtico, na sala previa á Exposición do Mestre Mateo. Aquí nada pasou. Porén, de forma silandeira ou pouco ostentosa foise a Londres, e sen o menor asomo crítico, fíxose celebración do acontecido hai máis de 150 anos, como se for unha gloria.

Sería posíbel tal despropósito, un baleirado en xeso, realizalo en monumentos que a España en construción como nación única e Estado centralista foi, precisamente por esas datas, considerando os seus símbolos? Non parece que aquí na Galiza debzmos ostentar unha mentalidade de colonizado agradecido, que só aspira a existir como prolongación ou mímese, e sempre co beneplácito, da metrópole? Unha metrópole que, no caso da monumentalidade artística galega, pasou de pola de relevo.  Co Pórtico da Gloria, en pleno proceso de construción da idea de nación española, nada fixeron para valoralo e integralo como unha xoia artística. De feito, unha das xustificacións do baleirado en xeso do Pórtico fundamentábase en que, grazas á obra do seu descubridor inglés Street, e grazas ao baleirado era máis coñecida a nosa catedral no estranxeiro que na España. Antes galegos como o Cura de Friume ou Villamil y Castro puxérano en valor sen concitar ningún entusiasmo oficial. Naturalmente, a historia e a arte de Galiza non eran prioritarias para España.

En todo caso, quede claro que a catedral románico-gótica de Compostela, e o seu Pórtico da Gloria, en particular, son inseparábeis e inexplicábeis, sen a existencia dun reino, o de Galiza, e sen o que representaron dous reis galegos, Fernando II e Afonso VIII, soterrados no Panteón Real da Catedral. E para que non quede dúbida: ambos presumían de seren trobadores en lingua galega, o seu idioma natural, ambos foron educados pola clase dirixente galego-portuguesa (Trava e Arias), ambos casaron con princesas portuguesas coa vista posta na reunificación, ambos mantiveron alianza cos almohades e convivencia cos xudeus, ambos foron excomungados polo Papa por contraviren os intereses do Papado na Península Ibérica, ambos son para os historiadores españois, cun mínimo de vergoña científica, privativos de Galiza e León e os máis poderosos de entón…Sen o esplendor e poder do reino de Galiza todo o que o Pórtico da Gloria representa non ten a mínima explicación…

Artigo publicado en Sermos Galiza o 3 de xullo de 2018.

O burka xudicial

Se quedaba algunha dúbida de como as gasta a xustiza española, coa liberación dos violadores agardo que todo fique claro. Seguramente sexa inxusto xeneralizar e falar da Xustiza sen matices. Incluso eu podo dicir o nome de dúas ou tres xuízas feministas (xuíces creo que non) que aplican a súa mirada non só aos asuntos de “mulleres” senón tamén a todas as sentenzas que ditan.

O feminismo é imprescindible para que as sentenzas sexan xustas, trátese de violencia, trátese dun conflito laboral ou de calquera outra cuestión mundana que se amorea na mesa dun xulgado. Se unha sentenza non é feminista, automaticamente é machista, sen ambaxes. Non existe o espazo de confort que acolle falsos puntos medios que agochan o machismo dos covardes . Ou arre, ou xo. Pero sacando esas minúsculas excepcións, penso que a Xustiza española obedece un mandato que nos atravesa desde o principio dos tempos, e non é outro que exercer como gardián das esencias da orde moral patriarcal, e abofé que están a cumprir.

O ambiente ultracatólico e conservador onde se forman, e as sagas familiares que xa noutrora pertencían as elites poderosas, fai moi difícil que avance o feminismo na xustiza española e, polo tanto, acadar a xustiza verdadeira, a que entende que sempre que se xulga a unha muller, parte dunha posición de discriminación polo propio deseño social. É o caldo de cultivo sobre o que agroman esas miles de páxinas das sentenzas nas que empatizan cos violadores e xulgan ás vítimas.

Rita Segato defende que os violadores son moralizadores, son a infantería do patriarcado para castigar ás mulleres que desafían a orde establecida, que camiñan soas de noite, que festexan o San Fermín sen límites, sen vergoña; en definitiva, que saen do espazo de «seguridade» que nos asignan.

Violador de noite e garda civil de día, para protexeren ás mulleres  «obedientes» doutros violadores coma eles. Un violador non viola para saciar o seu desexo sexual, non busca pracer carnal compartido, non goza dese sexo como tal. Faino exclusivamente para moralizar. A súa exaculación é directamente proporcional ao grao de sometemento. Viola para manter a orde, advertindo ás mulleres, a todas, que saír do rego ten consecuencias. Por iso aparecen fachendosos ante nós, sen rastro de arrepentimento. Os violadores fan o traballo sucio e a Xustiza machista mételle unha lavada para consumo da fracción da poboación, tamén machista, que busca argumentos lustrosos, e seguir así a defender a orde milenaria patriarcal. Os vocábulos legais soben o prestixio nos faladoiros radiofónicos, e a sacrosanta consigna de non poñer en cuestión as sentenzas, arranca como unha trituradora. Se fora obrigatorio ser feminista para ingresar no sistema xudicial, as sentenzas estarían cargadas de máis sentido común. O feminismo é a defensa a radical dos dereitos humanos e é incompatible coa cosmovisión opresora.

En definitiva, vivimos baixo un burka xudicial que nin nos deixa os ollos á vista, con sentenzas que non consideran violación feitos que os propios agresores denominan como tal, utilizando produtos químicos que adormezan, non vai ser que a moza saiba defenderse e lles parta o pescozo. Hai que tomar precaucións, violar sen arriscar. «E trae Rohipnol dabondo, que despois queremos violar todos».

Isto é un estilo de ocio, que nin o inventaron eles, nin era a primeira vez, nin son os únicos, e o que fixeron no Tribunal foi mandar o recado ás familias con fillas, e ás mulleres en xeral, de que as cousas seguen a ser como teñen que ser, vomitando patriarcado alleos á inmensa presión social. Pero non lles afecta. Son independentes. Independentes e con chularía. Véñense arriba advertindo que canto máis berremos máis imos levar. Xa son dous de tres. Se houbera que volver resolver, poderían acadar pleno. 

Imaxinen que está a pasar nos xulgados, se non tes a sorte de que che toque unha xuíza (ou xuíz?) feminista. Casos sen repercusión, que acontecen no privado da sala, cun avogado de oficio sen formación, e cunha muller soa, sen vídeos, sen fotos, sen nada. Imaxinen.

Pero aquí está o estado español coa súa xustiza, (que esa si que hai que comela con patacas), garante da unidade e do patriarcado, acompañada de “peñas” que pagan fianzas, veciños celebrando o regreso e ruído mediato para ver quen é o primeiro que consigue unha entrevista en exclusiva. Un burka a medida.

Poucas culturas poden dicir que teñen como máxima referente cultural a unha muller feminista. Nisto, as galegas e os galegos partimos con vantaxe. En 1880, Rosalía xa describe maxistralmente, no poema A Xustiza pola man, o sentir que nos atenaza. Se o publicara hoxe probablemente estaría na cadea, compartindo espazo con rapeiros e outros poetas. Esta circunstancia non é menor, Rosalía marcou un camiño para nos organizar e non aceptar o silencio. Feminismo organizado para avanzar.

Están tan cegos que non saben que acaban de botarlle gasolina á fogueira. O feminismo ten que ser o facho de luz que nos faga avanzar nesta mole que é a xustiza, pero tamén na política, no traballo, no deporte, na cultura. Xa poucos terán dúbidas que sen loita feminista non hai decencia. Agora están na rúa, sacáronos eles. O feminismo agárdaos, e imos vencer.

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 28 de xuño de 2018.

Feminización da política

A política constrúe moitas veces falsos consensos, apariencias de acordos sobre os que semella haber coincidencias e asentimento case xeral. Nos últimos tempos, as chamadas “políticas de xénero” son escenario de supostas convencións que se expresan a través de minutos de silencio, declaracións institucionais e mesmo pactos de Estado. Son tentativas desesperadas de diluír as demandas imparábeis do feminismo, de domesticar unha revolución que xa é imparábel e que vai mudar o mundo nas próximas décadas. 

O falso consenso tende trampas nos discursos e na linguaxe, crea a miraxe dunha igualdade que non é real, porque non pode haber igualdade cando o machismo e o patriarcado campan nos discursos, no exercicio do poder, na práctica da violencia familiar, social e institucional, na discriminación salarial, no reparto discriminatorio do tempo, das responsabilidades e da riqueza.

Porque tamén a suposta conquista da igualdade é un mito, outra trampa que hai que combater. Non é unha batalla pola igualdade, por un igualitarismo formal, é un combate pola xustiza e pola equidade. E nesa loita é inevitábel asumir que ten que haber unha mudanza radical no sistema económico, nos códigos sociais, nas prácticas culturais, no exercicio do poder e no recoñecemento por parte dos homes que temos a obriga de abandonar a zona de confort que nos proporciona moitas vantaxes.

Nesta revolución social, cultural e política non é menor avance o da presenza paritaria ou maioritaria de mulleres en postos de responsabilidade institucional, política ou económica. Mulleres ao mando de organizacións políticas, sindicais, empresarais, de institucións gubernativas, lexislativas e xudiciais. 

É importante que as mulleres asuman estas responsabilidades mais non abonda con iso. O determinante é que o fagan desde postulados feministas, transformadores, que denuncien e combatan decididamente os prexuízos, as discriminacións, as violencias e as inxustizas que están comodamente instaladas en todos os ámbitos da sociedade e do poder.

E para Galiza, que?

O escenario político estatal está convertido nunha montaña rusa no que o inquilino da Moncloa muda en 48 horas, un ministro sae pola porta en apenas unha semana e o cuñado do Rei entra na cadea certificando até que punto está tocado o réxime do 78. O BNG saudou o éxito da moción de censura, no que as forzas nacionalistas tiveron un papel esencial, por elemental respecto democrático: un partido condenado por corrupción, con caixa B e financiado con diñeiro negro, non podía seguir no poder. E a partir de agora, que? Máis aló da foto do Consello de ministros e de ministras que constata a obviedade de que sobran mulleres cualificadas, que implica Sáchez para Galiza? A moción deixou espida unha realidade: Galiza como suxeito político, como nación, esta desaparecida dos debates do Estado. A combinación dun presidente da Xunta subordinado ao PP con deputadas e deputados supeditados as forzas políticas estatais é letal e conduce a este país á irrelevancia política. Só así se explica que mentres Madrid recibe 4.000 miilóns de euros para rescatar as súas autoestradas, Galiza soporte a estafa da AP9, que Euskadi teña unha tarifa eléctrica propia que se lle nega a Galiza. So así se explica que mentres Xixón, Bilbao, Barcelona ou Valencia recibiron 5.000 millóns de euros para financiar os seus portos exteriores, Punta Langosteria siga sen conexión ferroviaria. Só así se explica un servizo ferroviario decimonónico, fora do Eixo Atlántico, e anos de atraso no AVE cando outros levan 25 anos de alta velocidade. A lista da discriminación a Galiza é longa. Mais a pregunta é se o Executivo de Pedro Sánchez vai marcar algunha diferencia ou repetirá o modus operandi de dicir unha cousa na oposición e votar a contraria no Goberno?

O BNG xa puxo sobre a mesa a Axenda Galega 2020, con temas de país para impulsar desde o Parlamento ante Madrid, con propostas que van desde a derrogación da reforma laboral, da Lomce ou da lei mordaza, até a transferencia da AP9, supresión da prórroga de Ence, tarifa eléctrica galega e unha medida de gran simbolismo como a devolución do Pazo de Meirás. Pero tamén a modernización do ferrocarril, un sistema de concerto económico e abrir o debate para superar unha autonomía autoanémica e camiñar cara un novo estatus político que nos permita decidir sobre os aspectos clave da sociedade galega. A resposta a esta axenda definirá se Sánchez supón un cambio real para Galiza ou mera alternancia na discriminación. Os feitos non tardarán en falar por el.

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 16 de xuño de 2018.

Abecedario para entender a vitoria do chavismo en Venezuela

O chavismo volveu gañar as eleccións en Venezuela. Son 22 de 24 eleccións celebradas en Venezuela desde o triunfo do Comandante Chávez en 1998, triunfo que inaugurou o cambio de época en América Latina.

 Nun claro exemplo de disonancia cognitiva, unha boa parte da opinión pública internacional, incluída a esquerda, non termina de entender por que se Venezuela é unha ditadura no medio dunha guerra civil se celebran eleccións en paz, sen mortos, e con resultados semellantes, en participación e apoio ao gañador, a outros procesos electorais do continente.

Imos cun breve abecedario para intentar comprender o sucedido:

C de chavismo. Este abecedario non comeza pola A, senón pola C de chavismo, que máis que un concepto teórico, é unha teoría de acción colectiva, plebea, levada á práctica. Sen o chavismo político e sociolóxico, salvaxe en palabras de Reinaldo Iturriza, non sería posíbel entender non xa a revolución bolivariana, senón a resistencia heroica aos ataques políticos, económicos e mediáticos contra un proceso, ataques que comezaron desde a vitoria de Chávez, mais que recruaron coa súa morte en 2013.

E de eleccións. Celebradas nun ambiente de total calma e tranquilidade, e garantidas por un sistema electoral que a propia Unión Europea avalou, e que o ex Presidente estadounidense Jimmy Carter considerou como “o máis seguro do mundo”. Cómpre salientar que o proceso para votar se abre mediante a marca dactilar, única, de cada persoa, que permite realizar un voto electrónico nunha máquina, que á súa vez emite un recibo, que á súa vez se introduce na urna. Polo tanto, o proceso ten 3 salvagardas que o converten en extremadamente seguro e fiábel calquera auditoría.

F de Falcón. Henry Falcón, o segundo candidato (dos 4 que había, 1 oficialista e 3 de oposición) máis votado, demostrou que se pode ser opositor, promover medidas que supoñen un regreso á doutrina do shock neoliberal, e competir electoralmente sempre que se faga de xeito democrático e non violento. Outra cousa moi distinta é que o pobo venezolano fose dar a vitoria a un candidato que defendía abertamente a dolarización da moeda.

M de Maduro. A ofensiva chavista que permitiu gañar 20 de 23 estados no país e máis de 300 alcaldías, así como as eleccións á Asemblea Constituínte, non sería posíbel sen o liderado de Nicolás Maduro. É ben lembrar que o actual Presidente venezolano non só foi un gran dirixente sindical xa desde os tempos en que Chávez daba o golpe cívico-militar de 1992, senón que ademais de Deputado, e Constituínte, foi o mellor Chanceler que tivo o ALBA, durando no seu cargo 6 anos.

G de Guerra Económica. Estas eleccións realizáronse no medio dunha hiperinflación e especulación cambiaria inducida, situación sumada á caída dos prezos do petróleo que pasaron de 120 a 20 dólares por barril en cuestión de meses, e a corrupción presente en todo goberno onde se moven cantidades millonarias en contratos públicos (desde México á Arxentina). A diferenza é que outros presidentes non resistirían nin serían reelectos, como o foi Nicolás Maduro.

O de Oposición. Estas eleccións son a derrota da oposición, con V de violenta. A oposición violenta que asasinaba persoas nas guarimbas ou as queimaba vivas por seren pobres, negras e/ou chavistas. Apostaron por unha estratexia de confrontación violenta, estratexia que foi derrotada por un pobo organizado, que castigou electoralmente o chavismo nas eleccións lexislativas de 2015, mais non avalou electoral nin politicamente a confrontación violenta e golpista.

S de Santo Domingo. Seguimos esperando que un día se fagan públicos os acordos de Santo Domingo que nunca chegaron a asinarse, e se explique á opinión pública internacional por que a oposición venezolana, despois de acordar coa delegación do goberno 6 puntos, incluída a celebración de eleccións e o recoñecemento ao resultado destas, nunca sentou a asinar e ratificar o acordo consensuado por eles mesmos.

U de United States. Así, na lingua do imperio, para entender a forma de pensar dun país que fixo do imperialismo a súa doutrina política, económica e militar; dun país que mentres se rodea de muros e expulsa migrantes, sementa de bases militares América Latina e impulsa golpes de Estado; dun país cuxo Comando Sur cre ter xurisdición sobre países que defenden a súa soberanía política, económica e territorial. O imperialismo hoxe está máis presente que nunca en Venezuela (declarada perigo para a seguridade nacional de Estados Unidos), e o obxectivo é claro: o petróleo, gas, coltán e outros recursos estratéxicos venezolanos.

Z de Zapatero. A agresión sufrida polo ex Presidente español José Luis Rodríguez Zapatero, nada sospeitoso de chavista, nun colexio electoral onde votan as clases altas de Caracas, retrata a oposición venezolana. Unha oposición con trazos fascistas, que foi derrotada politicamente, pero que aínda conta cun alto poder de lume para continuar a guerra económica e mediática.

Este pequeno abecedario vainos axudar a entender o que sucedeu o día de hoxe, onde o chavismo se impuxo con rotundidade (case 6 millóns de votos fronte aos menos de 2 obtidos por Falcón) a unha oposición dividida na táctica e estratexia a seguir. Pero toca estar vixiantes, a estratexia envolvente que vén agora pasa tanto polo non recoñecemento do resultado electoral e illamento internacional da revolución bolivariana, como por unha estratexia de desestabilización para intentar gañar mediante a violencia o que non puideron gañar nas rúas.

O goberno venezolano ten moitos defectos, como todos os gobernos do mundo, pero o pobo venezolano falou nas rúas e dado un voto de confianza a Maduro para resolver unha crise económica inducida. É claro que o chavismo ten máis apoio que o proxecto opositor que ten como obxectivo a volta ao neoliberalismo e iso é o único que debería importarnos; respectar a soberanía política, económica, territorial e popular dun pobo informado e politizado, que, aínda coa necesaria crítica e autocrítica, non quere volver ao pasado.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies