SATURDAY 20 APRIL 2019

Para todos e todas as que construídes este movemento

Por Victoria Portas

Neste mes de setembro a Coordinadora Estatal en Defensa das pensións públicas cumpría 3 anos. Si naquel xardín de Madrid me houberan dito que chegaríamos aquí, non mo creería.

Sí, leeron ben, a Coordinadora creouse nun xardín de Madrid , pola mañá acudimos todas a presentación dunha plataforma madrileña e alí xa todas as agrupacións participantes, soamente 8 plataformas e persoas a título individual comezamos a tecer a organización que hoxe temos no xardín.

Nese intre creámonos cunha Taboa reivindicativa de loitas, pois tíñamos claro que o que todas e todos buscábamos era a defensa dun sistema de Seguridade Social totalmente abandonado polos sindicatos mayoritarios e a liberdade de despilfarro dos gobernos de turno, pero sen creer que chegaríamos a estorbar tanto os poderes e cúpulas de este país.

Éste non é un grupo de velliños e velliñas que non teñen outra cousa que sair a rúa, non!, e de velliños nada!!, teñen unha enerxía envidiable, cunha perspectiva do que sucede máis clara que calquer outra xeración, saben o que lles costou ter o que temos, e mellor que ninguén saben o que pode suceder si deixamos que no lo rouben.

Cantas cousas levo aprendido deles, sínto que a falta dos meus , que tanto voto de menos os teño a todos e todas elas para animarme a seguir e loitar polo que considero que é xusto, de aquí naceron lazos de amizade, respeito e cariño, e aínda que o camiño pareza curto o que xa logramos é moito.

Creo nesta organización, que non aparenta paridade e non busca a igualdade porque flue de forma natural, porque creo na xente que loita o meu lado, non quero nomear a ninguén pois sei que deixaría a moitas e moitos atrás,  creo no seu fin, creo que somos o axente social único  que defende a Seguridade Social como piar fundamental da clase traballadora, ésta organización debe resistir no tempo, porque moita moitísima xente cree en nós, moita moitísima xente espera de nós o que se lle prohibiu por outros, o dereito a vivir dignamente.

A sabendas que estamos nunha loita de intereses creados, onde o noso enemigo non dubidará nunca incluso a insultarnos, a calumniarnos, a conspirar… para rompernos dende dentro e dende fora, eso tenos que facer moito mais fortes porqué eso significa que nos teñen respeito, que nos temen porque saben que ésta loita a podemos gañar.

A todas e todos que estades a poñer o voso graniño de millo neste proxecto, GRAZAS por estar a darnos a clase maxistral da nosa vida.

Si os libros de historia neste país fosen xustos, vós sairedes neles……FORZA E LONGO CAMIÑO NA VIDA

 

 “Gobierne quien Gobierne las pensiones se defienden”.

Outra política é posible

Non se poden conseguir resultados diferentes aplicando as mesmas receitas de sempre. Esta frase, atribuída a Einstein, retrata o ditame de PP e PSOE en política forestal aprobado no Parlamento, pois mantén como paradigma un monte centrado na produción de inframadeira con especies pirófitas nun monte sen ordenación. É dicir, o de sempre, que en nada vai axudar a combater os lumes de nova xeración, que chegaron da man do cambio climático nun rural cada vez máis abandonado.

Por contra, a proposta presentada polo BNG ofrecía unha alternativa disposta a transitar por novos camiños para salvar o territorio e unha parte substancial do país, o medio rural. Cunha proposta simple, pero non por iso menos revolucionaria: apostar por un monte multifuncional, ordenado na biodiversidade, produtivo e sostible que xere emprego e asente poboación. Un monte así é tamén o mellor antídoto contra o lume.

Como conseguilo? Apostando por un bosque mixto, en mosaico, empezando pola substitución total ou parcial das especies de alta combustibilidade por caducifolias e por recuperar as 30.000 hectáreas de terras agrarias ilegalmente plantadas con eucalipto. Defendemos unha moratoria na plantación desta especie e delimitar que zonas do país son aptas e en cales debe quedar erradicada.

Precisamente para acadar ese monte multifuncional apostamos por potenciar o asociacionismo ante a atomización da propiedade e vemos nas unidades de xestión forestal, -Uxfor-, unha ferramenta útil nesa dirección. Por iso, tamén defendemos os montes veciñais en man común, nada menos que 700.000 hectáreas.

O BNG tamén considera imprescindible dar un xiro de 180 grados no servizo de prevención e extinción, baixo mando único, público e homoxéneo, con persoal ben formado e con estabilidade laboral, capacitado para detectar e intervir de xeito inmediato.

A mellor xestión do territorio fana os que viven en simbiose co medio, coñecedores del e que se senten parte dese medio, útiles nese medio, satisfeitos con ese medio, por iso, a despoboación do rural é tamén mecha para os lumes. De feito a gravísima vaga de outubro foi resultado de décadas de políticas pirómanas do PP, do abandono do rural, dunha desagrarización consentida e inducida en beneficio do negocio duns poucos e en prexuízo da totalidade da nación galega.

Sinceramente, a alternativa do BNG é unha opción moderna pensada desde aquí e para aquí, en beneficio da maioría dun pobo que se resiste a perder a referencia da terra como raíz secular da súa existencia e da súa cultura.


Artigo publicado en “La Opinión” o 13 de setembro de 2018.

Populocalismo

O centralismo fixo moito mal ao noso país. Xa o deixou claro Celso Emilio: Nunca virá de fóra remedio ou esperanza. No goberno, na política, na cultura, na identidade, as visións centralistas asumen a idea de que Galiza non pode valerse por si mesma, de que non poderemos chegar a ser nada sen o subsidio, o paternalismo, a tutela de poderes alleos. Os partidos estatais e as súas filiais e franquicias teñen a función de xestionar e recoller os froitos da vasalaxe e da submisión. 

Fronte a esta visión acomplexada e empobrecedora, o nacionalismo galego debe seguir tendo a capacidade de combinar a defensa insubornábel do país, o compromiso inquebrantábel coa radicalidade democrática, o orgullo da pertenza a unha nación viva, a arela da transformación, o progreso e a equidade, a interlocución en pé de igualdade con outros pobos e culturas, e a audacia de procurar sempre camiños novos. Soñar grandezas para Galiza e facer realidade os soños, en palabras do Luís Seoane que foi quen —con Isaac Díaz Pardo— de construír empresas nacionais que temos a obriga de coidar, defender e deixar en herdanza.

Nos últimos tempos un novo andazo corroe a sociedade galega: unha couza que mina as estruturas de cohesión nacional e social, que se alimenta do egoísmo e da curtedade de miras, e que pon o interese particular e partidista por diante do ben colectivo. A alianza das materias inflamábeis do populismo e do localismo constitúe un cóctel explosivo e rendíbel, como demostrou no seu tempo un alcalde reaccionario como Paco Vázquez e como está a poñer de manifesto agora un rexedor igualmente reaccionario e histriónico como Abel Caballero.

Cando a rendibilidade eleitoral e o beneficio partidista son a única vara de medir, córrense riscos e aliméntanse monstros que poden ter consecuencias devastadoras. Pode ser que se constrúan ídolos con pés de barro, como xa aconteceu en Coruña e pode tamén pasar en Vigo. É por exemplo unha quimera delirante pensar que a grande cidade do sur vai liderar a súa área metropolitana ou vai ser unha forza tractora da modernidade e da innovación galega se se pecha en si mesma, se se enfronta cos concellos veciños, se lle dá as costas á Universidade, se non se proxecta con intelixencia, con ambición e con audacia cara ao mundo.

A permanente liorta na que están instalados a Xunta e do Concello de Vigo está a paralizar servizos e infraestuturas vitais para o país, privando as persoas de dereitos e deteriorando gravemente a imaxe das institucións. O confronto partidista pode ter réditos no inmediato pero na distancia longa acaba perdendo a xente. E acaba perdendo Vigo e Galiza enteira, porque se van abrindo costuras que vai ser difícil reconstruír.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 6 de setembro de 2018.

De saber falar e saber estar

Hai poucos días o profesor Monxardín facía chanza nun artigo nestas páxinas dun lapsus linguae en materia de xénero que seica cometín na miña intervención no acto de entrega do premio Celanova Casa dos Poetas ao Parlamento galego. E fixo ben, temos que tomar nota dos erros e aprender, e facelo tamén con humor. Manter a calidade lingüística debe ser unha preocupación de primeira orde. Teñan consigo que o é para min. 

E nesa preocupación teño presente que a lingua constrúe a realidade, algo abondo estudado por diversas materias alén da propia lingüística. Polo tanto, nas miñas intervencións públicas procuro non esquecer a unha parte fundamental da sociedade -nós, as mulleres-, que debemos ser nomeadas para rachar coa ocultación histórica que temos soportado tamén na linguaxe.

No mundo que queremos construír non é un absurdo ter iso en conta. Pola contra, considero que é unha obriga que a linguaxe nos represente, máis aínda nun acto no que a miña foi a única intervención política dunha muller. Non é unha preocupación formal, é unha fonda preocupación ética e política.

Gústame escoitar a quen non pensa coma min e reflexione, -confeso que con certa perplexidade-, sobre as valoracións do señor Monxardín a respecto do que é saber estar e de como se debe falar. 

Na miña intervención en Celanova agradecín que en tempos de descrédito da acción política, onde impera o individualismo sobre o colectivo, se reivindique a forza do diálogo e se valore o pluralismo político. Ao meu ver, nun acto no que se reclama un Parlamento máis aberto para unha sociedade máis informada e crítica, sería un contrasentido limitarse a falar desde unha presunta neutralidade que, sinceramente, penso que non existe. Sería estraño aplaudir un premio á pluralidade e pretender disimulala cando é plenamente compatible coa corrección e o respecto. 

Non penso que estea fóra de lugar lembrar a importancia de que existimos en galego grazas a homes e mulleres como Curros Enríquez. Tampouco recordar que estamos fallando cando a lingua galega é a única do Estado que perde falantes e, por iso, apelar a que sexa o Parlamento quen esixa o cumprimento dos consensos lingüísticos e xere outros novos para gañar falantes. 

Tampouco me parece que estea fóra de lugar lembrar que o autor que dá nome á Fundación Curros foi cronista e sufriu a presión do poder, polo que seguro hoxe reivindicaría a necesidade duns medios públicos dignos. Ou salientar que foi perseguido pola vía penal polos seus poemas. Que máis de cen anos despois da súa morte siga habendo persoas condenadas polas súas letras é o suficientemente grave como para que quen lexislamos nos comprometamos a facer o posible por construír unha democracia avanzada en dereitos de expresión e creación. Por certo, o celanovés foi absolto. 

Podía terme limitado a agradecer a publicación do I Congreso Internacional de Curros do 2001 por serme útil cando estudaba filoloxía. Porén, iso sería esquecer a miña responsabilidade como representante do BNG, unha forza política que, desde a humildade e desde o respecto, ten vocación de achegar para construír unha Galiza mellor. 

Non nos escolleron para aplaudir e limitarme a facelo sería, iso si, non saber estar á altura e desvalorizar o Parlamento galego. Tamén a un Curros Enríquez que quixo crebar as liras.

Artigo publicado en La Región o 6 de setembro de 2018.

Un novo rumbo para Galiza

Comeza un novo curso político e na Galiza faino cun panorama aparentemente inmobilista, mais en realidade aberto e con moitas máis posibilidades de cambio das que o PP e Núñez Feijoo queren recoñecer. Un síntoma da súa debilidade: o uso propagandístico da TVG e da RG, que manipulan ao seu favor sen pudor ningún.

Un país coa capacidade, cos recursos e co potencial do noso non pode resignarse á súa situación actual: agudízase a crise demográfica, destrución de tecido industrial, á cola na innovación, emigración xuvenil, precariedade, milleiros de persoas con imposibilidade de facer os seus proxectos de vida. E, diante dese panorama, estamos sen goberno. Feijoo está literalmente desaparecido, pasando dos problemas da sociedade galega e centrado na súa ambición particular de dar o salto a Madrid. Fracasado o intento, continúa na dimisión das súas responsabilidades. Nin ten proxecto, nin ten iniciativa, nin ten capacidade. Cada día que pasa a irrelevancia política á que conduce a Galiza é máis evidente.

A chave é comprendermos que non ten por que ser así. Non podemos aceptar como normal pagar as peaxes máis caras do Estado; termos as pensións máis baixas do Estado; que a xente nova siga emigrando; que os concellos galegos reciban menos financiamento que o resto do Estado; que morra xente polos recortes. E non podemos aceptar como normal que a Xunta renuncie -pola ideoloxía centralista do PP- a propostas beneficiosas para as maiorías sociais: unha tarifa eléctrica galega que rebaixe a factura da luz; unha banca pública ao servizo da economía real; un concerto económico que nos permita ter máis recursos para financiar a sanidade, a educación, a dependencia ou mellorar as pensións.

Galiza debe abordar retos importantes neste novo curso político: emprego, axenda galega de grandes temas ante o Estado e igualdade de xénero. Para avanzar nestas prioridades é clave deixar atrás a irrelevancia política á que arrastran a Galiza as forzas estatais e impulsar políticas que aposten pola innovación, polo tecido produtivo, polo emprego de calidade, pola igualdade das mulleres e o coidado do noso medio ambiente. O desenvolvemento social e económico de Galiza pasa polo empoderamento da nosa sociedade, por facernos cargo de nós mesmas e poñer nun primeiro plano as aspiración e as necesidades da sociedade galega.

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 3 de setembro de 2018.

SOS, vidas á deriva!

Vivín estes días unha experiencia que como persoa e como política entroume na pel para non esquecer nunca. Xunto con outros 3 eurodeputados subín a bordo dos barcos da ONG Open Arms, saímos de Malta o 27 de xuño para ir á zona de rescate e salvamento SAR fronte a costa libia. A singradura empezou con polémica despois de que o barco Lifeline tivera xa problemas para atracar en costa maltesa. Ao día seguinte celébrase o Consello Europeo sobre inmigración que non chega a un acordo europeo de como solucionar a crise humanitaria. Despois de dous días navegando alertan dun target, unha balsa á deriva con 125 persoas a bordo. Italia e Malta non permiten que o Open Arms vaia, estando a 12 millas; o desacougo da tripulación, lista para salvar vida, é total.

As decisións de Estados e a ausencia da UE deixan morrer a 3 nenos e de 125, os libios que chegan tarde rescatan a 24. Choros, consternación, carraxe. Ese día custa durmir diante da hipocrisía europea, diante da falla de humanidade. Despois de ver Calais, Idomeni e agora isto, estou moi impactada. Mentres, Malta anuncia que pecha o porto aos barcos de rescate dez ONG e o ministro de transporte de Salvini di que os barcos de Open Arms non poden atracar en portos italianos «por ser un perigo de orde pública».

Ao día seguinte soa a alarma. Son as 8. Balsa á deriva a 9 millas. Saltamos nas lanchas de rescate. Non podo evitar chorar agarrada á corda vendo a terrible imaxe. 60 persoas con cara de terror. Pensan que somos libios. Os rescatadores achéganse e cálmannos mentres van pasando para a lancha a un neno, 5 mulleres, 4 menores non acompañados e o resto homes entre 18 a 45 semella, e un home maior. Logo pinchan e rotulan a balsa, que cheira a gasóleo, chea de cravos. Levaban 15 horas no mar. Cando ven que non son libios empezan a berrar de alegría, xa no barco, a abrazarse. Fuxiron da guerra, de prisións sen luz, de ser violadas, de malleiras, de fame, de escravitude. Un di, entrar na balsa xa é o paraíso comparado coa prisión privada onde o meteran de tránsito de saída en Libia, durante cinco anos. Por ser negro e cristián.

No barco empezan a contar os terrores que pasaron, exhaustos. O barco, impedido polo fascista presidente de Italia de atracar, pide permiso ao Goberno español para atracar en Barcelona. Pasa un día de conversas diplomáticas e ao final toman decisión afirmativa. Berros de alegría na cuberta da embarcación, onde dormen, onde falan 60 vidas salvadas que puideron ser máis. Vemos como a radio avisa doutra balsa, o barco vira e vai, falso aviso despois de 30 millas, un clásico que fai o servizo de gardacostas italiano para enganar ais barcos de rescate. Nin fan, nin deixan facer.

Navegamos tres días para chegar a Barcelona. A vida chamou mentres Europa non actúa, deixando en mans dun país sen lei a vida de persoas que se ven desesperadas por atopar nova vida.

Un rescate non é a solución. Precisase unha política coordinada. Máis ao menos evitouse que morreran, podían ter vido moitas mais se se avisa a tempo, se non se puxeran trabas, se non se aplicaran políticas xenófobas. Ten máis dignidade Open Arms que os mandatarios europeos xuntos. Como dicía Óscar Camps na rolda de prensa que dimos ao chegar a Barcelona, o noso traballo é salvar vidas, non vemos se son migrantes ou non. Persoas coma nós. Por iso fun ao barco, o cargo como eurodeputada tamén debe ser posto ao servizo da inxustiza. Dende que Open Arms atracou o mércores a costa se chegada non ten ningún outro barco. A UE cala permitindo a Italia e Malta facer os seus antollos. Mentres, segue vindo e morrendo xente. Meu SOS é denuncialo, aquí e en Bruxelas. Sigamos sendo humanos.

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 9 de xullo de 2018.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies