SATURDAY 20 APRIL 2019

“Resulta, cando menos, curioso, que só funcione correctamente aquelo que dá beneficio económico pero non así o que é de servizo para a cidadanía”.

Cristina Pérez Herráiz denuncia que os paneis informativos sobre a ocupación dos parkings soterrados levan meses inoperativos mentres que a parte publicitaria destes soportes se segue comercializando.

“A instalación destas estruturas foi unha mellora que se incluíu dentro do contrato dos reloxos e termómetros municipais, sen embargo, parece ser que non quedou ben determinado a quén correspondía o seu mantemento de maneira que o resultado é que non o asuma ninguén sen que, ademais, á administración lle preocupe, o máis mínimo, emendalo”, subliña a voceira de Lugonovo.

Pérez Herráiz insiste en que o estacionamento “segue a ser unha das grandes eivas da cidade e, “por se a falta de prazas non fora inconvinte dabondo, agora hai que engadirlle que os condutores descoñecen a dispoñibilidade real de espazo nestas intalacións o que contribúe a dificultar, áinda máis, a mobilidade urbana”.

A portavoz da formación insta ao executivo a asumir o arranxo coa fin de que recuperen a súa utilidade, especialmente nunhas datas nas que o número de visitas á capital se incrementa, ao tempo que tamén solicita mellorar as advertencias para que os turistas saiban que, pese a manterse as máquinas da Ora na rúa, este sistema xa non está en vigor e non é preciso pagar por aparcar na vía pública.

Do mesmo xeito, dende o Grupo Municipal, suxiren empregar o mobiliario urbano existente como son as marquesiñas do bus, os mupis ou mesmo as traseiras dos postes antes mencionados para divulgar a programación cultural organizada polo Concello, coa fin de aumentar a súa difusión e de ampliala aos barrios da capital, “no canto de permitir que sexa unha empresa a que rendabilice os bens institucionais sen contraprestación algunha para a cidadanía”, conclúe Cristina Pérez.

Lugonovo alerta de que o Museo Provincial fai augas

Cada vez que chove o Museo Provincial fai augas. Lugonovo denuncia que a instalación cultural padece importantes deficiencias que mesmo poden comprometer o patrimonio que alberga.

“Os corredores están cheos de cubos para recoller as continuas pingueiras que verten do teito. As goteiras son tantas que mesmo alcanzan aos mosaicos poñendo en perigo a súa conservación”, relata Victoria Esteban Riesco.

A concelleira da formación refire que as humidades son unha “constante” na maioría das estancias e “moitas paredes aparecen atravesadas por gretas dun tamaño considerable que evidencian que esta falta de atención comeza a pasar factura ao edificio”.

“Os prexuízos alcanzan mesmo á vidreira da escaleira principal. Na repisa varios panos demostran que as filtracións tamén afectan a esta peza até o punto de podrecer o marco de madeira”, advirte Esteban Riesco quen lamenta que, ata o momento, a Deputación só recorrera a solucións provisionais para atallar o problema.

“Colocar almofías ou cubrir con plásticos as obras son medidas improvisadas das que se pode botar man nun momento puntual de emerxencia, pero non pode ser a forma de afrontar anomalías graves e persistentes como estas que se repiten dende hai anos cando, coma nestas semanas, se rexistran precipitacións de certa intensidade”, sinala a edil.

Dende o Grupo Municipal instan ás administracións a actuar o máis axiña posible para corrixir as eivas detectadas. “Cómpre incrementar, dende tódolos ámbitos de tutela posible, a supervisión e a vixilancia dos nosos bens culturais e artísticos.  Non pode ser que sexan os propios visitantes os primeiros sorprendidos do estado de precariedade no que se atopa unha das salas museísticas de referencia na capital; porque non só se está a reflictir unha mala imaxe da cidade senón tamén da consideración que as propias institucións teñen ao respecto do patrimonio que custodian. Dende logo, fai que se cuestione publicamente se o grao de protección que teñen é, cando menos, o convinte. O que non se pode é priorizar a ampliación de coleccións a costa de descoidar os fondos que xa se posúen”, conclúe Victoria Esteban en alusión ao investimento, superior a dous millóns de euros, realizado recentemente para adquirir os lotes de orfebrería castrexa de Álvaro Gil.

  • Na súa intervención Paula Vázquez Verao salientou que o Porto Chico, ademais da dragaxe, precisa un cambio na súa configuración.

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, presentou en comisión unha iniciativa na que se pedía á Xunta de Galicia acometer de xeito urxente as obras de dragado do Porto Chico en Foz, petición que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos da Cámara galega. Na iniciativa sinalábase ademais a necesidade de presentar un proxecto, acompañado de datas concretas e partidas orzamentarias, para acometer melloras integrais de calado e abrigo nesta infraestrutura portuaria.

Na súa intervención Paula Vázquez Verao salientou que o Porto Chico, ademais da dragaxe, precisa un cambio na súa configuración, para mellorar as condicións de abrigo e de seguridade. A realidade do Porto Chico, ou peirao de Tupide, en Foz, que sirve de porto deportivo, orixina múltiples prexuízos, pois as embarcacións instaladas no mesmo, que pagan as correspondentes taxas polo atraque, sofren estragos durante os temporais, optando mesmo por subir a terra as lanchas ou trasladalas ao porto pesqueiro como denunciou a deputada de En Marea.

En 2016, a Xunta foi interpelada polas previsións para dragar o peirao de Tupide e a resposta foi que non tiñan intención de facelo porque ningún colectivo o solicitara. Pois ben, a Asociación A Ribeira de Foz si solicitou estas melloras e mesmo ten presentado ante a Consellería do Mar unha proposta de actuacións de mellora do Porto Chico, consistente en modificar o espigón, de xeito que, ademais, melloraría a seguridade da praia de Tupide, pois actualmente as embarcacións acceden ao porto por diante da praia, con situacións de perigo para bañistas.

O dragado está en marcha como explicou Paula Vázquez Verao pero falta cumprir o compromiso da Consellería do Mar con respecto a facer os estudos necesarios para acometer melloras integrais como pedía o grupo de En Marea a través desta iniciativa. Ademais, o grupo interesouse por se a Xunta ten prevista a dotación dalgunha praza de amarre máis nos portos de Foz neste ano 2018, a maiores das 40 previstas.

Outra posta en escena do Partido Popular”. Así é como a portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz,  cualifica a visita desta mañá do Ministro Íñigo de la Serna á cidade.

Cristina Pérez Herráiz

O de hoxe non foi máis que outro desembarco simbólico do PP na búsqueda de rendementos electorais. Porque ¿cantos anos leva xa non só a capital senón toda a provincia agardando a mellora das conexións ferroviarias?” reprocha Pérez Herráiz.

Dende Lugonovo cremos que non hai nada que celebrar, polo menos non ata que algunhas das promesas que levan lustros anunciando se convertan en realidade. A imaxe de altos cargos gobernamentais baixando do vagón e chegando a unha estación decimonónica, infrautilizada e sen case prestacións é a principal evidencia da consideración que as políticas autonómicas e estatais tiveron, ata o de agora, para con Lugo. Porque todo canto se leva anunciado non deixou, ata o momento, de ser mera propaganda: a intermodal, as liñas con Ourense e Santiago, as comunicacións coa Mariña ou mesmo ese proxecto de ciencia ficción chamado AVE – di a voceira –. Todas débedas históricas que, a pesar dos anos transcorridos, se manteñen no papel sen ningún outro avance cara  a súa materialización”.

Pérez Herráiz apunta que non hai máis que intentar entrar ou saír da capital para decatarse de que o PP está a someter ao municipio a un esquecemento permanente. “Todas as infraestuturas que nos unen co resto do país atópanse nun estado de conservación moi precario e, no caso das estradas, mesmo perigoso. Non hai máis que circular polas nacionais a Compostela ou a Chantada, ou pola autovía A6, para decatarse de que o pavimento xa pode estar completamente desfeito que, coma moito, nos ofrecen un parche por solución”.

Poucas e malas dotacións, obsoletas e desatendidas polos seus titulares que demostra que os lucenses somos, para quen dirixe as institucións, cidadáns de terceira categoría. E isto non se corrixe con lavados de imaxe a base de presentacións, senón con investimentos que, dunha vez por todas, se efectivicen”, conclúe a portavoz da formación.

Lugonovo acláralle a Antonio Ameijide que a formación non está en venda

Lugonovo cualifica de difamación as declaracións do portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular nas que asegura que a alcadesa trata de comprar os favores desta formación co nomeamento do novo Director Xeral de Recursos Humanos.

“Nada máis lonxe da realidade. Que teña moi claro o señor Ameijide que non é posible que o goberno merque a Lugonovo, porque Lugonovo non intercambia tratos de favor con ninguén”, acláralle Cristina Pérez Herráiz.

“Que non se preocupe, que o espazo destinado a este tipo de manobras á marxe da política xa lle queda reservado para el e o seu partido. Non hai máis que ver o gran negocio que fixeron hai uns meses co executivo para equipar o novo Auditorio a conta de hipotecar ao concello durante varios mandatos”, contéstalle a voceira.

“Unha mágoa – engade Pérez Herráiz –  que o portavoz do PP prefira suplir a falta de protagonismo e o seu escaso liderado interno con declaracións que rozan a infamia e a calumnia, e non con traballo produtivo para a cidadanía. Así é como el asume a súa condición de concelleiro”.

Lugonovo lembra que cando a anterior Directora de Recursos Humanos presentou a súa renuncia, a agrupación pediulle ao equipo de goberno que, se pensaba cubrir a praza de novo, o fixera brindándolle á persoa seleccionada tódalas ferramentas que precisase para poder desempeñar o seu cargo coa máxima eficacia.

 “Aprobar a RPT, poñer en marcha o sistema de control horario nos distintos edificios municipais ou axilizar as convocatorias de emprego público son cuestións que xa non se poden, nin se deben adiar máis”, destaca a portavoz.

“Dende Lugonovo lamentamos ter que dar por perdido practicamente todo o mandato no que ten que ver coa organización do persoal municipal, pero que ninguén esqueza que moitas das carencias de funcionamento que padece esta administración resolveríanse cunha organización axeitada e cunha correcta distribución dos seus traballadores e traballadoras, polo que esta Dirección, ben defendida, pode ser útil na consecución de tal fin. Lástima que o PP, con todo o tempo que leva formando parte da Corporación, dirixíndoa ou na oposición, aínda non teña sido capaz de facer nada de proveito nesta área”, conclúe Cristina Pérez.

Convocado o Concurso “Vexo, vexo…” de fotografía.

Concurso de fotografía promovido pola plataforma cidadá Lugonovo que pretende poñer de manifesto as desfeitas máis salientables no concello de Lugo. Quedará rexido polas seguintes

BASES

1.- Participantes

Poderá participar neste concurso calquera persoa que o desexe maior de 16 anos, sempre que as obras presentadas cumpran co especificado nas presentes bases.

2.- Temática

As imaxes deberán ilustrar calquera tipo de desfeita no espazo público ou que afecte á cidadanía de Lugo: desfeitas nos edificios, no patrimonio cultural e natural, na paisaxe, no mobiliario urbano, de mantemento dos bens ou do espazo público, lixo na rúa… E calquera outra semellante, tanto no eido urbano coma no rural, dentro do concello de Lugo.

3.- Imaxes

Cada concursante poderá presentar un máximo de 5 imaxes orixinais e que non foran presentadas ou premiadas noutros concursos.

As imaxes presentaranse en arquivo dixital .jpg cunha resolución que permita a súa posterior impresión en papel A4 e exposición.

– As imaxes poderán ser en en branco e negro ou cor.

4.- Envío das imaxes

As imaxes enviaranse ao seguinte correo electrónico: vexovexo.lugonovo@gmail.com.

Os datos de autoría, lugar e circunstancias de todas as imaxes, así como un texto explicativo e/ou título virán nun arquivo de texto en formato pdf, diferenciando de xeito claro cada unha delas, no caso de seren varias.

As imaxes virán, cada unha delas, en arquivo adxunto, puidendo estar este comprimido nun formato que non rebaixe a calidade da imaxe unha vez descomprimida.

5.- Datas

As imaxes enviaranse entre o 3 de maio e o 3 de xuño, ambos incluídos. Non serán admitidas no concurso as imaxes remitidas antes ou despois destas datas (servirá como xustificante a data de recepción do correo electrónico correspondente).

6.- Xurado

O xurado designarase pola plataforma cidadá Lugonovo, entre profesionais e/ou artistas competentes na arte fotográfica ou urbanística. O xurado terá a facultade de resolver calquera dúbida que poida xurdir na interpretación das presentes bases.

O fallo do xurado farase público o 15 de xuño de 2018 e será inapelable. En ningún caso poderá declararse o concurso deserto.

7.- Premios

Haberá dous premios consistentes nunha fotografía de Miguel Fraga e o libro “Arquitecturas Debuxadas” de Santiago Catalán. Ambos os dous premios incluirán unha copia impresa e enmarcada da imaxe premiada.

Un dos premios recoñecerá á imaxe cun contido máis salientable ou relevante.

O outro premio valorará a máis artística.

Os premios entregaranse no lugar e data que se decida e será obrigatoria a presenza dos autores premiados.

8.- Varios

A propiedade intelectual das imaxes será das persoas autoras. A plataforma cidadá Lugonovo quedará cos dereitos de uso das dúas imaxes premiadas e poderá usalas en soporte físico ou informático citando a autoría.

Unha vez rematado o concurso farase unha exposición pública (no lugar e data que se decida) das obras premiadas e das máis salientables, a xuízo do xurado. Esta exposición seleccionará a tal efecto un máximo de 50 fotografías.

A participación neste concurso implica a aceptación expresa das presentes bases.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies