SATURDAY 20 APRIL 2019

Esquerda Unida demanda un ano máis a implicación da Xunta de Galicia en labores precisas e efectivas de extinción de lumes, así como a prevención dos mesmos, tendo moi presente a vaga de lumes do pasado ano. Se ben o Goberno galego aprobou fai tres meses o Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), este documento deixa ver que “o dispositivo” que prepara o Goberno Galego será moi similar ao de 2017 e o persoal contratado será exactamente o mesmo.

Segundo explica Guillermo Crego, responsable de Estratexias para o Conflito de Esquerda Unida, “os montes arden por múltiples motivos, pero algúns poden evitarse. Entre estes, destaca especialmente a ineficacia da Xunta de Galicia, que inverte o groso de partida orzamentaria, ano tras ano, en medidas de extinción, en vez de gastalo en medidas de prevención”. Neste punto tamén fai fincapé o  informe de Greenpeace “Protexe o bosque, protexe a túa casa”, onde Galicia suspende en “planificación” e “prevención” de lumes, aínda sendo unha comunidade asolagada por incendios forestais.

Outro dos problemas graves é a precariedade que sofre o sector, “este déficit de recursos implica termos medios técnicos limitados e insuficientes das unidades de acción directa contra o lume”, sinala Guillermo Crego. Rematar coa precariedade no sector e establecer un modelo público e único é fundamental na prevención dos lumes. Non entanto, “en vez de aumentar o cadro de persoal brigadista, a Xunta pretende incrementar a carga horaria (ata 12 horas de traballo) e recortar os seus dereitos, cando hai que facer xusto o contrario: mellorar as precarias condicións de traballo e aumentar o persoal”. Precisamente, por esta situación de precariedade laboral que están a vivir os axentes forestais, adscritos á Consellería de Medio Rural, seguen en folga a día de hoxe, aínda que sinalaron que non deixarán de cubrir os servizos mínimos para afrontar a vaga de calor cun 100% de efectivos.

Esquerda Unida ve preciso “transformar as actuais políticas de protección do territorio, de prevención e extinción de lumes, para avanzarmos cara a unha política pública de prevención, protección e conservación do monte galego integral e global, como parte fundamental do noso territorio“.

A formación denuncia de novo “a errática política do PP en materia de lumes e vemos imprescindible traballar nunha Estratexia Integrada da Loita contra o Lume, que abranga nun Plan máis completo e baseado en máis prevención, políticas de xestión que eviten o abandono do monte e dispositivos máis amplos para evitar que se produzan lumes de gran envergadura, así como impulsar medidas de política forestal e progresiva redución de especies pirófitas como os eucaliptos, de protección do noso territorio e conservación do monte galego, en serio perigo por intereses económicos“.

A representación da CIG e da UGT no colectivo de axentes forestais e medio ambientais presentou hoxe denuncias nas catro delegacións provinciais da Inspección de Traballo contra a Consellaría de Medio Ambiente por incumprimentos en materia de protección e seguridade no traballo. Dende a representación sindical reclámanlle á autoridade laboral que corrixa canto antes as “graves deficiencias” detectadas.

Os axentes solicítanlle á Inspección que inste o departamento autonómico a cumprir a normativa en materia de prevención de riscos laborais e actúe de xeito inmediato para corrixir as “graves deficiencias” denunciadas. Ao mesmo tempo, dada a gravidade dos feitos denunciados e a posibilidade de que se poidan producir danos ás persoas, reclaman “celeridade e acción inmediata” no traballo inspector e na aplicación das medidas cautelares que procedan.

Nos escritos presentadas lembran que a Consellaría conta cun documento de avaliación de riscos laborais para o persoal de campo do Servizo de Conservación da Natureza no que se recollen as medidas correctoras que se deben aplicar para reducir ou minimizar os riscos aos que está exposto tanto o persoal funcionario como o laboral adscrito ao este servizo. “Mais a día de hoxe seguen sen aplicarse moitas das medidas previstas no Plan de Acción, supoñendo un risco para a seguridade e saúde laboral dos traballadores/as”.

Entre os incumprimentos, citan que non se lles informase aos axentes dos riscos do seu posto de traballo, agás aos que se encargan de tarefas concretas como a vespa velutina. Tampouco se lles proporciona formación en materia de prevención dos riscos inherentes ás súas funcións, nin se lles formou en técnicas de afrontamento de condutas agresivas e conflitos nin en técnicas de captura de animais, coidados e forma de actuación.

Non se lles dotou de EPI contra eventuais riscos biolóxicos ou químicos aos que podan estar expostos/as e tampouco do material que establece o Plan, como luvas, lentes ou calzado axeitado. Na entrada e saída das granxas ou explotacións gandeiras non se toma ningunha medida hixiénica que minimice riscos de contaxio de enfermidades nin a súa exportación fora da explotación. Nin se colocan calzas, funda ou se realiza ningún protocolo hixiénico.

O persoal tamén carece de formación en riscos biolóxicos derivados da manipulación de animais e cadáveres de animais. Non se dotou a cada oficina de redes e útiles para manipular animais silvestres; no caso das serpes non hai pinzas axeitadas para manipulalas, así como luvas para evitar mordeduras no seu manexo. Non se formou os traballadores/as en técnicas de captura, coidados e forma de actuación.

Golpes de calor

Tamén se denuncia que non se estableceu ningunha medida concreta para evitar problemas de saúde ou accidentes debido a temperatura ou outras variábeis climáticas, polo que o persoal non ten formación nin información para prever un golpe de calor ou hidratarse axeitadamente; os vehículos non teñen cadeas ou sistemas para evitar escorregamentos na neve, e moitos deles levan rodas de estrada para circular polo monte; e tampouco se organiza o traballo tendo en conta os rigores climáticos, e moitas veces trabállase en solitario xa que non se cobren permisos, vacacións, baixas nin vacantes, o que minguou considerabelmente o cadro persoal.

O persoal carece de cascos para evitar golpes por caídas de obxectos na realización de tarefas concretas ou na entrada en instalacións como obras de estradas, vías e infraestruturas hidráulicas ou cortas de árbores. Tampouco ten formación en primeiros auxilios nin evacuación.

Nos escritos presentados na Inspección tamén se lembra que a pesar de que o persoal de conservación da natureza traballo só moitas veces, no medio natural e en situación de illamento, non esta prevista ningunha medida de seguridade para detectar un problema de saúde ocasionado durante a actividade laboral ou un accidente. <<De acontecer pode estar toda a xornada incomunicado/a>>, denúnciase.

Tampouco existe unha obriga ou protocolo claro da necesidade de traballar en parellas, non se cobren as vacantes, baixas nin vacacións. Non se establece un cadro de persoal derivado da necesidade de traballo en parellas, ademais de se amortizaren prazas nos últimos anos.

Dende o apagón analóxico de 2016 o persoal carece de emisoras para a comunicación, o que é especialmente perigoso en zonas de sombra para teléfonos móbiles.

Nas funcións que os axentes ambientais realizan sobre o control da actividade cinexética non teñen activada a día de hoxe ningunha medida de seguridade persoal, como chalecos antibala.

Os vehículos non están perfectamente identificados como axente de autoridade e presentan importantes deficiencias derivadas da falta de mantemento.

Moitos dos traballadores/as carecen de acreditación que os identifica como axentes da autoridade

Os excesos horarios son fonte continua de conflito do persoal, xa que producen alteracións do sono, desgaste e elevado cansazo.

Outros incumprimentos perigosos

Dende hai uns anos tampouco se permite a adaptabilidade ou flexibilidade horaria para permitir a conciliación da vida laboral ou familiar. As vacacións ou outros permisos están a ser cuestionados e negados polas xefaturas territoriais e de servizo de persoal sen xustificación ou sen estar vinculadas á carga de traballo, o que crea un mal ambiente laboral.

Os accidentes derivados do control da caza e outras agresións sufridas polo persoal nos últimos anos son unha preocupación continua xa que a Xunta non tomou ningunha medida para evitar estas situacións.

Finalmente, denúnciase que os axentes forestais e ambientais teñen entre as súas funcións a de dirección técnica de extinción, polo que existe unha asignación temporal de reforzo no verán dalgúns axentes dende o servizo de conservación da Consellería de Medio Ambiente cara ao servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural. <<Esta asignación que se realiza todos os anos faise improvisadamente, sen formación en materia preventiva nin actualización de coñecementos en materia de coordinacións do SPDCIF, sen EPI adecuado e en tempo e forma inadecuado>>.

Xuntanza coa Administración

Por outra banda, as organizacións sindicais con representación entre o colectivo de axentes forestais e medio ambientais están chamadas este martes a unha xuntanza en San Caetano co director xeral da Función Pública para abordar a proposta de acordo sobre as condicións de traballo achegada pola Xunta e que motivou a convocatoria de mobilizacións e dunha folga que comezará este mércores día 1. Dende o comité de folga (CIG e UGT) critican que a un día de iniciarse o paro indefinido a Administración aínda non se teña posto en contacto con eles/as.

Amigos da Terra en colaboración co grupo local Vergasta e a MVMC e O Tourón continua coas accións de rexeneración das zonas afectadas polos incendios forestais no monte comunal de Tourón (Melón) que están levando a cabo dende o outono do ano pasado. Durante as semanas pasadas estiveron convivindo no mesmo monte dous grupos Scouts, AEIG Rudyard Kipling e AEIG Itaca, procedentes de Barcelona con máis de 40 rapaces e rapazas entre 14 e 17 anos. Agora acaban de incorporarse un novo grupo de Scouts AEIG Maspons i Anglasell  procedentes de Cataluña que estarán nos montes de Tourón (Melón) dende o 25 de xullo ata o 1 de agosto.

Os traballos que se van a levarán a cabo nesta ultima semana de xullo serán a eliminación de vexetación que compita cas árbores frondosas autóctonas plantadas nos anteriores meses, preparación para a rega das mesmas en época de seca, erradicación de plantas invasoras como mimosas ou eucaliptos, eliminación de material vexetal queimado, elaboración de bombas de sementes de gramíneas para contribuír a rexenerar os solos nus, entre outras.

Con estas actuacións, ademais da recuperación de zonas forestais arrasadas polos lumes, búscase a sensibilización e mobilización social que impulse os cambios nas políticas forestais necesarios para evitar que no futuro o risco e o alcance dos incendios forestais segan sendo un problema perpetuo no noso país.

Os traballos levaranse a cabo polas mañás de luns a sábado entre as 10.00 e as 13:00 h aproximadamente.

Non a substitución da rede de vixilancia fixa dos montes por cámaras

Nos últimos anos pechouse de xeito progresivo a metade dunha rede de cámaras fixa constituída por torretas de vixilancia. A vixilancia é o primeiro paso na extinción de incendios forestais, xa que a rapidez á hora de detectar o fogo é a base do éxito.

Os Vixilantes son os primeiros profesionais forestais en divisar o incendio. Nun breve período, deben ser capaces de sintetizar e transmitir, de xeito claro e conciso, o que está a ocorrer nun determinado momento, para conseguir unha rápida e eficaz extinción.

É necesario un maior investimento na prevención e loita contra os incendios forestais, sobre todo no que atangue a recursos humanos e técnicos. Por esta razón, valora moito avances como a instalación de 88 cámaras de vixilancia, repartidas en 44 centros, que permitirán recoller imaxes en tempo real.

CCOO denuncia o desmantelamento das redes fixas de vixilancia que, como se indicou, foron reducidas á metade nun prazo de trece anos. No ano 2005, os datos recollidos no Infoga (actual Pladiga) indicaban que Galicia contaba con 293 vixilantes e 82 puntos de vixilancia fixa: as provincias de Ourense e Pontevedra tiñan 21 cada unha e A Coruña e Lugo, 20. Porén, para este ano só prevé que haxa 173 vixilantes e 44 puntos de vixilancia: 14 na provincia de Lugo, 12 en Ourense, 8 en Pontevedra e 8 na Coruña.

Desde CCOO tamén manifestan a súa preocupación ante algúns aspectos que a Xunta aínda non aclarou. Particularmente, pregúntanse onde se situarán as pantallas de visualización das imaxes tomadas polas cámaras, que persoal estará ao seu cargo e que control xudicial terán. CCOO tamén quere saber se esas persoas serán empregados ou empregadas públicas ou, pola contra, haberá unha nova subcontratación de servizos púlbicos a empresas privadas.

Por último, CCOO insta «unha vez máis» a Consellaría do Medio Rural a abrir unha mesa de diálogo social, con presenza dos partidos políticos, sindicatos, industria forestal, propietarios e colectivos medioambientais, para chegar a «pacto de país» polo monte galego.

Segundo o sindicato, cómpre unha «estratexia compartida» de divulgación, prevención, loita, investigación e concienciación social que permita erradicar a lacra dos incendios, que arrasa o «ouro verde de Galicia». Para Comisións Obreiras, a «política dos parches» non vai atallar «un problema que cada vez é máis sistémico».

Amigos da Terra en colaboración co grupo local Vergasta e a MVMC e O Tourón ten previsto continuar coas accións de rexeneración das zonas afectadas polos incendios forestais no monte comunal de Tourón (Melón) que están levando a cabo dende o outono do ano pasado. Dende o pasado martes 17 e ata o vindeiro martes 24 de xullo, estarán convivindo no mesmo monte dous grupos Scouts, AEIG Rudyard Kipling e AEIG Itaca, procedentes de Barcelona con máis de 40 rapaces e rapazas entre 14 e 17 anos. Posteriormente dende o 25 de xullo ata o 1 de agosto tomará o relevo o grupo AEIG Maspons i Anglasell con 15 rapaces e rapazas entre 11 e 13 anos. A súa presenza responde ao chamamento de colaboración que levaron a cabo estes grupos coñecedores das terribles consecuencias da vaga de incendios que tivo lugar en Galicia en outubro do ano pasado.

Os traballos que se van a levarán a cabo nesta ultima quincena de xullo serán a eliminación de vexetación que compita cas árbores frondosas autóctonas plantadas nos anteriores meses, preparación para a rega das mesmas en época de seca, erradicación de plantas invasoras como mimosas ou eucaliptos, eliminación de material vexetal queimado, elaboración de bombas de sementes de gramíneas para contribuír a rexenerar os solos nus, entre outras.

Con estas actuacións, ademais da recuperación de zonas forestais arrasadas polos lumes, búscase a sensibilización e mobilización social que impulse os cambios nas políticas forestais necesarios para evitar que no futuro o risco e o alcance dos incendios forestais segan sendo un problema perpetuo no noso país.

Os traballos levaranse a cabo polas mañás de luns a sábado entre as 10.00 e as 13:00 h aproximadamente.

A Xunta de Galicia ten que aprobar coa máxima urxencia as Directrices da Paisaxe e critica o inaceptable atraso que acumula a posta en marcha dunhas normas esenciais á hora de fixar un marco garantista que protexa o medio ambiente do expolio empresarial. A pesar de que a creación destas directrices xa se contemplaba na Lei da Paisaxe de 2008, a día de hoxe continúan sen desenvolverse; nunha inaceptable mostra do desleixo do goberno galego coa protección dos recursos naturais; pero tamén de connivencia con proxectos eólicos ou mineiros, tramitados pola contra pola vía de urxencia e sen ter en conta o seu impacto.

A demora das Directrices da Paisaxe é a coartada perfecta para que se aproben parques eólicos sen un marco esixente de protección da paisaxe e sen o nivel de esixencia maior ao que obrigarían” esas normas. Explícao o vicevoceiro de En Marea e portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, lembra que dende finais de 2017 atópanse en trámite 21 proxectos eólicos que afectarían a 30 concellos galegos.

A aprobación das Directrices da Paisaxe aportaría maiores garantías ambientais ante a implantación de proxectos en trámite que, polas súas características e sen o necesario control, xeran preocupación. Como o impulsado por unha empresa de capital saudí entre Ordes e Vilasantar. Un parque eólico que suporía a instalación de xeadores de máis de 150 metros de altura con aspas de 67 metros a tan só 500 metros de vivendas, “co que iso significa en termos de ruído, saúde, ou ocupación de superficie agraria para gandeiría”. Ou a instalación que se tramita en Laxe; “un parque eólico e unha liña de evacuación de alta tensión que será altamente visible en máis do 75% dunha zona considerada como un observatorio paisaxístico, e que afecta a tres comercas de alto valor paisaxístico”

As Directrices da Paisaxe, comprometidas polo propio Núñez Feijóo para 2017 (cando xa acumulaban, cabe destacar, un atraso de 9 anos) supoñen “unhas garantías que se foron co vento das eólicas. E para mostra as alegacións que no seu día fixeron Gas Natural Fenosa ou a Asociación Eólica Galega, que cargaban contra o borrador inicial desas directrices reclamando que non fosen retroactivas, e que non tivesen efecto nos terreos incluídos no Plan Sectoral Eólico de Galicia”.

Mentres as Directrices da Paisaxe continúan paralizadas, seguen adiante as tramitación de proxectos empresariais que, sen o debido control, poden ter un impacto altamente negativo no entorno. “Os trámites eólicos seguen adiante, todos axudados por unha Lei de Fomento de Iniciativas Empresarias, ou Lei de Depredación, que se aprobou en cambio en tan só tres meses. Unha lei feita cun trámite totalmente pirata para impedir un debate sosegado da sociedade e todas as forzas políticas”, explica Sánchez.

En Marea denuncia o contraste que supón a urxencia con que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia aprobou esa norma depredadora coa “demora e o bloqueo” das Directrices da Paisaxe. Unhas liñas que permitirían avanzar na senda da economía socialmente máis xusta pola que aposta En Marea.

Desde finais de 2017, hai en trámite 21 novos proxectos de parques eólicos declarados de interese. Unha declaración que, na práctica, significa a reducción á metade dos seus tempos de tramitación. “Algo que dificulta enormemente a participación e defensa dos intereses da cidadanía”, tal e como apunta o vicevoceiro de En Marea, que lembra que o número de concellos afectados por estes novos proxectos, nos que a posibilidade de presentar alegacións é prácticamente nula, se eleva ata 30.

Aposta por un desenvolvemento socialmente xusto e repectuoso co entorno

Así as cousas, Antón Sánchez critica a xestión medioambiental dunha Xunta de Galicia que deixa os recursos naturais e paisaxísticos e o territorio galego a expensas das necesidades de grandes empresas e fondos boitre sen esixir garantías. “En vez dunha axenda verde, a Xunta ten unha axenda negra de medio ambiente. Consente as políticas de destrución e gasta máis en legalizar desfeitas que en prevención”, afirma o vicevoceiro de En Marea, que denuncia o modelo  “desfasado de expolio miope e torpe” da administración galega e, máis concretamente, do departamento que dirixe Beatriz Mato.

Contra esa carta branca da Xunta ao interese puramente económico, En Marea aposta por un modelo no que a paisaxe e o medio ambiente sexan os valores sobre os que se cimente o desenvolvemento futuro e a creación de riqueza. “A señora Mato é unha conselleira cómplice das agresións ambientais destas empresas. Está sendo pasiva, cando non connivente, no desenvolvemento duns parques que deben ter un desenvolvemento socialmente máis xusto, tratando que xerar riqueza e crear tecido económico no rural e non para grandes fondos boitre, e con todas as garantías ambientais e paisaxísticas”. Un modelo económico baseado na xustiza social e nas garantías ambientais e paisaxísticas, que non pode desligarse dos proxectos eólicos, igual que dos mineiros.

Así as cousas, Antón Sánchez insta á aprobación das Directrices da Paisaxe e critica a xestión ambiental do departamento de Beatriz Mato, “máis preocupada en remover calquera obstáculo ambiental para a actividade das empresas e en agochar as consecuencias das desfeitas ambientais que en protexe o medio ambiente”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies