SATURDAY 20 APRIL 2019

Amigos da Terra celebra a aprobación da Lei Balear de residuos, que se posiciona como unha das máis ambiciosas de España e de Europa, e adiántase en moitas medidas á Directiva recentemente aprobada relativa aos plásticos dun só uso. A pesar da oposición que xerou o documento entre lobbys de envasadores e fabricantes de produtos de usar e tirar, estatais e europeos, a lei aprobouse con éxito e priorizando a protección ambiental e o residuo cero, fronte aos intereses e presións económicas.

Como medidas destacadas, establécese un obxectivo vinculante de redución do 10% en 2021, con respecto aos residuos xerados en 2010 e do 20% en 2030. Para acadar estes obxectivos, a lei propón a prohibición en dous anos dos principais produtos de plástico dun só uso como bolsas, envases, cápsulas de café, palliñas ou toalliñas. Ademais establece obxectivos de preparación para a reutilización, do 3% para 2025 e 5% para 2030 e deixa a porta aberta á reintroducción do Sistema de Depósito para os envases de bebidas.

Tamén é relevante a prohibición de produtos con microplásticos e nanoplásticos, así como os modelos non reutilizables ou recargables de chisqueiros, coitelas de afeitar, cartuchos e tóners de impresoras.

Con este documento aprobado, agora é o momento de iniciar a posta en marcha das súas medidas, para avanzar cara ao residuo cero, e reducir a elevada cantidade de plástico que afecta ao Mediterráneo, e outros mares e océanos. “Esta lei deberá ser un exemplo para seguir polo resto de Comunidades Autónomas como Galicia, e mesmo para as futuras normativas estatais, de maneira que a xeración e xestión de residuos no país poida cambiar a súa dinámica actual, e consíganse menores cifras de xeración de residuos e maiores porcentaxes de reutilización e reciclaxe, para dar así cumprimento ás Directivas Europeas, e reducir a problemática causada por incineradoras e vertedoiros no país”, declara María Durán, responsable da área de Recursos Naturais de Amigos da Terra.

Desde Amigos da Terra espérase que este tipo de normativas non sexan excepionais e noticia, senón que sexan as que predominen en todo o Estado, e así poidamos avanzar cara ao necesario residuo cero

Á Xunta incumpre a Lei de protección e benestar dos animais de compañía

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, acusou esta tarde á Consellería de Medio Ambiente de “incumprir” a Lei de protección e benestar dos animais de compañía ao ter sen presentar o Regulamento que desenvolve a norma logo de superar o prazo máximo de doce meses. No debate dunha interpelación presentada no Pleno do Parlamento, esixiulle que “se puxera a traballar” e cumpra coas súas obrigas para evitar sucesos como o ataque dun grupo de cans a unha muller de idade avanzada.

A deputada socialista explicou que este “incumprimento descontrolado” xera dificultades para a actividade empresarial veterinaria pois moitos dos criterios, requisitos e obrigas que lles esixe a lei para facer o seu traballo están remitidas a un regulamento que non existe. Vilán remitiuse a, entre outros, a o artigo 10 da lei que regula os centros veterinarios e que remite os seus requisitos e obrigas a ese futuro regulamento, ou o artigo 15 que determina os métodos autorizados para a eutanasia animal.

A parlamentaria socialista referiuse tamén aos problemas das canceiras e o problema de financiamento destas, pois a FEGAMP propón que sexan os concellos e as deputacións as que xestionen e a Consellería a que se encargue da financiación. A propia FEGAMP  cifra que cada concello galego precisa entre 200.000 e 50.000 euros para operar, aínda que a consellería so da 100.000 para os 313 concellos galegos.

No caso dos criadores de animais, a Xunta establece no seu artigo 14 que no caso de realizarse eventos como as exposicións caninas, os requisitos que se establecen para cada especie regularíase tamén nese regulamento que non existe e por tanto quedan relegados a arbitrariedade da administración.

Ataque na Estrada

A parlamentaria socialista recordou o ataque sucedido na Estrada o pasado verán, no que un grupo de 5 cans de raza potencialmente perigosa, sobre os que “constaban denuncias ao SEPRONA dende o ano 2016”, atacaron a unha señora de idade avanzada que tivo que ser hospitalizada de urxencia.

A deputada recordou que “a lei de 2017 establece que que os Concellos e a Consellería teñen a competencia de este tipo de animais” e lamentou que ambas administracións, gobernadas polo PP, se dedicasen a “botar balóns fora” en vez de afrontar a situación” aínda que “ao alcalde da Estrada deulle tempo a ir sacar a foto cando decomisaron os últimos cans”.

A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para reclamar ao xefe do Executivo que deixe a estratexia do escapismo e exerza como presidente para defender a sanidade pública e rectificar a política de recortes e privatizacións que ten a profesionais e cidadanía en pé de guerra.

Pontón parabenizou a Feixóo por pedir agora a supresión da taxa de reposición,  coincidindo co cambio de inquilino na Moncloa, pero pídelle que faga a súa parte para dotar de persoal necesario o sistema público de saúde.

“Recorre ao travestismo político aproveitando o cambio de Goberno no Estado e pide  que se suprima a taxa de reposición que estivo bendicindo mentres gobernou Raxoi. Benvido!”, ironizou. “Ao BNG non ten que convencernos porque levamos dez anos con esa reclamación, pero se quere ter a máis mínima credibilidade empece por facer os seus deberes e convocar as 6.067 prazas vacantes que existen no Sergas. Por unha vez deixe de tirar balóns fóra, como un xogador tramposo, e goberne”, reclamou.

Á convocatoria das prazas vacantes, suma a petición dun contrato estable real, en contraposición co anunciado polo SERGAS amplamente rexeitado polos profesionais.

“Ofreza condicións de traballo dignas para recuperar a todo o persoal que expulsou a base de precariedade”, propuxo Pontón, quen cualificou de “broma” o suposto contrato de estabilidade ofrecido pola Xunta “que lle permite obrigar aos facultativos a facer xornadas continuadas de 31 horas, que clase de atención sanitaria pode darse nesas condicións?”, interpelou.

Máis persoal e máis recursos constitúen “o binomio” para blindar a sanidade pública, por iso ademais da cobertura das 6.067 vacantes no SERGAS, o BNG propón un plan de choque para dotar de 200 M€ adicionais en 2019 á atención primaria, a máis damnificada polos recortes, e recuperar as xerencias con recursos e capacidade de xestión.

Datos falsos sobre persoal sanitario

Pontón acusou a Feixóo de mentir cando asegura que hoxe hai máis persoal no sistema público de saúde.

“Ten que explicarnos de onde saca os seus datos, porque as memorias dos orzamentos indican que desde que goberna hai 1.421 profesionais menos na sanidade e, lonxe de rectificar a tendencia, os orzamentos en persoal deste ano recollen 505 profesionais menos só en atención primaria. Deixe de enganar á xente, con menos, faise menos”, denunciou citando os datos que figuran nos anexos de persoal do SERGAS.

Si a supresión da taxa de reposición, si a convocatoria extraordinaria de prazas MIR, pero Pontón tamén pediu concreción ao xefe do Executivo: cantas prazas MIR en concreto pide o Goberno galego e cantas prazas habilitada para dar esa formación ten o SERGAS. Ambas quedaron sen resposta.

Recoñecemento profesionais

A líder nacionalista aproveitou a súa intervención para volver facer un recoñemento ao persoal sanitario.

“Sen a súa dedicación as consecuencias dos recortes e das privatizacións terían sido aínda máis graves”, e fixeron de “barreira de contención” fronte a un Feixóo “convertido nun terminator para a sanidade pública, empeñado en facer da saúde un negocio para as súas empresas amigas. Só hai que ver o que está pasando con Povisa ou fundacións do entorno de Romai Beccaría.

Pontón recriminou a “prepotencia” do presidente da Xunta que fiel ao seu estilo responde “con inxurias e con mentiras” a quen defende a sanidade pública. Fronte ao mantra oficial de que a sanidade está mellor que nunca, contrapón a realidade da mobilización social e profesional.

Dimisión de 26 xefes e xefas de servizo de atención primaria en Vigo, urxencias do CHUS en indefinida desde hai 11 semanas, PACs en pé de guerra, o transporte sanitario urxente anuncia folga para febreiro, paros en atención primaria previstos en todo o país e as rúas desbordan cada vez que hai unha convocatoria en defensa da sanidade pública. “Pode explicar porqué se todo vai tan ben”, interpelou.

“Rectifique porque só acerta cando rectifica”, reclamou, “e estamos falando nada menos que da saúde dos galegos e das galegas”.

A deputada do BNG, Montse Prado, lamentou hoxe, que o Partido popular persista “nun  discurso, que unicamente tenta xustificar a grave situación da Sanidade pública galega”. No  transcurso do debate da proposición non de lei do BNG, defendida pola propia  Prado, a nacionalista reclamou ao  Goberno galego “utilizar o 100% e dotar de persoal estable o Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela”, cuxo persoal está a secundar unha folga que alcanza as 11 semanas.

Tras a intervención da portavoz  popular, Encarna Amigo que anunciou a presentación dunha emenda ao texto do BNG, Prado reprochou  a falta de vontade política do Partido popular para  establecer un diálogo sobre a proposta do persoal do CHUS que busca aproximarse ás súas demandas e que está enriba da mesa da xerencia do centro hospitalario.

Prado insistiu na “falta de vontade negociadora” da Xerencia do  CHUS e do Sergas que está obrigando ao persoal a manter a folga porque “non está disposto a aceptar  parches”. O persoal está disposto a seguir loitando por unha sanidade pública de calidade cunha asistencia digna ás persoas doentes que entran pola porta, esa é a razón pola que rexeitan as condicións que vostedes ofrecen, unhas condicións que continúan no camiño da precarización, falta de persoal e recursos suficientes tras unha década negra de permanentes recortes.

Os e as profesionais da sanidade están dicindo basta xa de “cargar sobre o lombo dos traballadores e traballadoras” o peso dunha sanidade que vostedes están dilapidando con políticas regresivas, privatizacións e máis recortes.

Prado preguntou polas verdadeiras razóns do voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista despois de afirmar a portavoz do PP que están a estudar a proposta presentada polo persoal do CHUS. Parécenos “unha burla” que o PP presente unha emenda co texto, “continuar a axilizar, na medida do posible, o proceso de negociación,” criticou a deputada do BNG quen pediu a portavoz popular un compromiso e vontade para poñerse ao lado dos traballadores e traballadoras co fin de axilizar, de maneira real o acordo. A portavoz do PP eludiu pronunciarse sobre a petición da parlamentaria nacionalista.

Prado recalcou que as demandas dos e das traballadoras do servizo de Urxencias do CHUS, “son xustas” e permiten prestar unha asistencia sanitaria “digna”. Rectificar é de sabios e o Partido popular, afirmou, “está perdendo a batalla”, os problemas son tan evidentes que chegaron á opinión pública e aos medios de comunicación e por moito que se empeñe  o goberno do PP en  tentar negar a realidade non o está a conseguir, concluíu.

O BNG pide a Xunta que cumpra a lei e se implique para salvar o Centro Galego de Bos Aires, institución centenaria referente cultural e social da emigración galega que, tras un proceso marcado polo escurantismo, está desmantelado e corre o risco de ser malvendido ante a indiferenza do Goberno de Feixóo.

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu na Cámara unha proposta de rescate con tres puntos.

En primeiro lugar,  poñer en marcha un plan de viabilidade que volva incluír o centro como entidade integrada en OSPAÑA, a vía para preservar a atención médica aos socios e socias e, ao mesmo tempo, se pida a implicación do goberno arxentino para reestruturar unha débeda que se disparou precisamente tras a intervención do executivo de Mauricio Macri.

En segundo lugar, adoptar as medidas necesarias en base a Lei de patrimonio cultural e a Lei de galeguidade para salvagardar o patrimonio artístico, documental, bibliográfico e editorial da institución. Por último, declarar sitio histórico a habitación 202 do centro onde  Alfonso Daniel Rodríguez Castelao permaneceu internado até o seu pasamento en 1950.

“É unha obriga moral e legal actuar, é urxente que a Xunta asuma as súas responsabilidades para evitar unha perda que sería irreparable, tanto desde o punto de vista da asistencia social e sanitaria como do inxente patrimonio cultural da emigración galega exiliada polo Franquismo”, alegou Pontón.

A dirixente do Bloque explicou que o abandono do Goberno do PP non é a única causa detrás da situación do centro, pero foi decisiva para propiciar o seu desmantelamento.

Así, lembrou como en 2011 o Executivo de Feixóo liquidou a Fundación Galiza Saúde, que actuaba como sostén da institución, “provocando a asfixia” da entidade despois de que o candidato afín ao presidente da Xunta perdese as eleccións a presidir a centenaria institución. “Non creo nas casualidades”, sentenciou Pontón.

En paralelo, o centro galego foi expulsado de OSPAÑA (Obra Social de Españois en Arxentina) sostén á hora de prestar atención sanitaria.  “Todo isto nun proceso sen aclarar e marcado polo escurantismo onde hai 3 responsábeis directos: Alejandro López Dobarro, ex-delegado da Xunta en Arxentina; Santiago Camba, ex-secretario  de Emigración e delegado do Xunta en Arxentina e Antonio Rodríguez Miranda, actual secretario xeral de emigración”, denunciou a líder do Bloque.

Por último, a intervención nefasta do Goberno arxentino, colocando un interventor que multiplicou exponencialmente a débeda, -de 60 a 1.700 millóns de pesos-, e facilitou  a descapitalización e desmantelamento do hospital. “Máis que un interventor foi un liquidador cuxo labor é vender o centro”, sintetizou Pontón.

“Con votade política é posible reflotar o Centro Galego de Bos Aires e poñer transparencia onde hai escuridade, paralizar a venda do hospital dirixíndose ás autoridades arxentina, preservar o patrimonio artístico e cultural da emigración galega e buscar solucións de futuro”, sintetizou Pontón. Nesa dirección ían as propostas do BNG, todas vetados polo PP.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, centrou a súa pregunta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control no Parlamento de Galicia nos recortes continuados de dereitos por parte do seu goberno.
Na súa intervención Villares fixo referencia as distintas mobilizacións en defensa da atención primaria que sacaron á rúa 80.000 persoas en Vigo, 10.000 en Compostela e infinidade de concentracións por todo o país denunciando a ausencia de pediatras e a falla de persoal sanitario.

“Despois de negar o problema durante anos, a xunta comezou a rectificar recoñecendo que si existe un problema, aínda que se se nega a escoitar a profesionais e pacientes na procura dunha solución” lamentou Villares quen sinalou que a razón pola que continúan as mobilizacións non é outra que a continuidade dos seus recortes en sanidade. O voceiro de En Marea insistiu en denunciar a situación de maltrato sanitario imposto polo PP en Galicia que asegurou “non é casual nin torpe” e “obedece a unha intención de facer negocio cos recursos públicos que deberían ser destinados á saúde da xente”. “Recortar deteriora o servizo público e expulsa á privada. Privatizar é un roubo de recursos públicos para que as empresas privadas obteñan beneficio dun diñeiro que debera ser de todos” engadiu.

Estes recortes en sanidade como afirmou Luís Villares ven acompañado do recorte de dereitos de libre expresión e “por iso se suceden as condenas á xunta por vulneración do dereito de folga no ámbito sanitario”.

“De pouco vale a este goberno disfrazarse de centrista e liberal cando os seus actos o revelan como malicioso e amordazador de liberdades públicas. Será por iso que lle custou tan pouco parabenizar o tridente reaccionario que asoma por Sevilla,  no que brillan unhas púas que pinchan as liberdades públicas, os dereitos das mulleres, o autogoberno e con iso a democracia” declarou Luís Villares.

O voceiro de En Marea denunciou o intento por parte do Goberno galego de reprimir, impedir e facer invisibles as críticas da cidadanía ás súas políticas e por este motivo impoñen uns servizos mínimos abusivos. “A conducta da Xunta é maliciosa” sentenciou Villares explicando que “non é unha empresa de En Marea, senón do Tribunal Superior de Xustiza d Galicia que nunha recente sentenza os acusa de comportamento malicioso por xerar un retraso inxustificado na fixación de servizos mínimos para que os traballadores e traballadoras non puidesen recorrelo”. “Son vostedes campións do maltrato ás liberdades públicas con condenas en firme en persoal do 061, de atención telefónica 061, persoal sanitario do CHUOU ou pola Folga 8M”. “Debe dar explicacións por este recorte de liberdades, por este maltrato á liberdade de expresión do seu goberno” esixiu o voceiro de En Marea.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies