SATURDAY 20 APRIL 2019

Segundo o Ministerio de Emprego, en Galicia o paro sube en 5.505 persoas, aínda que os datos revelan que o número de afiliacións á seguridade social descende ata 13.738 persoas, debido a diferentes factores, tales como o desánimo, a emigración ou unhas condicións laborais que non son atractivas. Dende Esquerda Unida vemos preocupadas como nestes anos, “o mercado laboral galego segue a diminuír e manifesta un serio problema, xa que a destrución de emprego de calidade substitúese pola creación de traballos precarios que, en moitos casos, non chegan para cubrir as necesidades básicas das familias”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla.

Segundo o último informe da EAPN, sobre o Estado da Pobreza en Galicia, o índice Arope cifra que case o 23% da poboación, unhas 612.000 persoas, están na pobreza o en risco de caer nela. “As políticas do PP seguen a destruír o emprego indefinido en Galicia onde máis do 90% dos contratos son temporais e a creación de novos empregos é moi irregular, polo que hai que facer unha seria reflexión sobre o nefasto modelo produtivo que temos imposto polo dereita e moi afastado do que precisamos para Galicia”, apunta Solla.

“O modelo de perpetuación do emprego temporal e de miseria está asentado tamén nas privatizacións e nos recortes constantes nos servizos públicos. Un exemplo desta pésima xestión é o caso da sanidade galega, onde o persoal sanitario reclama que se atenda as súas demandas para dar unha axeitada calidade de servizo; motivo polo que este sábado acudiremos á mobilización na defensa da sanidade pública coa fin de acabar coa precariedade laboral e recuperar todos os servizos e centros privatizados”, remata a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Ante a incapacidade do goberno de xerar emprego de calidade, defendemos que a inclusión ao mercado laboral das persoas con dificultade para acceder ao mesmo podería solventarse aplicando o modelo de emprego garantido proposto por Esquerda Unida, que pasa pola creación directa dun millón de postos de traballo en todo o Estado.

Esta maña ás 12:30h tivo lugar a inauguración da nova variante de Aradas. Ao acto acudiron veciños de Miramontes, de Compostela, Cruz Vázquez Veiga, presidenta de FERUSA en representación de todo o rural compostelán, e membros da Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela – Miramontes, en sinal de protesta contra o vertedoiro da cidade e ao que tamén chegan residuos doutras zonas de Galicia.

Aproveitando a presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, achegáronse ata alí en actitude pacífica, pero con mascarillas que facían referencia aos cheiros que soportan día si e día tamén e portando unha pancarta que rezaba “Sr. Feijóo, vertedoiro de Miramontes sen control”.

O texto da pancarta tiña todo que ver coas derradeiras declaracións da directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Cruz Ferreira, que hai uns días asegurou que “en Galicia non existen vertedoiros incontrolados”.

“Á marxe da xerga política, nós queremos facer constar que o vertedoiro de Miramontes peca de falla de control. Por moitas inspeccións que proclamen facer, o certo é que no vertedoiro non existe un control rigoroso de entrada de residuos, e así é como se chegou a superar amplamente a cantidade de materia orgánica que se deposita na antiga canteira; cantidade para a cal o vertedoiro non está preparado, e que pode ocasionar moitos problemas futuros”, declaraba un dos afectados.

Outra veciña manifestaba que “a variante é algo moi positivo, xa que reducirá o tráfico de camións polo centro de Compostela, pero moitos deses camións seguirán circulando por Miramontes, por unha vía pola cal non deberan transitar e deixando malos cheiros e vertidos ao seu paso. Coma sempre, os veciños do rural somos os máis desfavorecidos”.

Tras o acto de inauguración da variante, os afectados trasladaron as súas impresións a Feijóo, facendo especial fincapé na súa preocupación pola saúde, xa que é capital facer os estudos pertinentes para averiguar se as partículas que viaxan polo aire en forma de cheiros son prexudiciais para quen as respire e, tamén, levar un control das augas subterráneas, xa que algunhas fontes deixaron de ser potables dende que o Complexo Ambiental de Miramontes opera na antiga canteira.

NARÓN POR DIANTE continua avanzando de cara as eleccións Municipais

O Domingo día 3 de Febreiro NARÓN POR DIANTE elixiu mediante asemblea aberta e por unanimidade a parte das compañeiras e compañeiros que acompañarán na candidatura a André Abeledo, e que vai presentarse en acto oficial neste mes de Febreiro de cara as eleccións Municipais.
André Abeledo estará acompañado por Lorena Bermúdez Doce, Tamara López Díaz, Belen Aneiros, Xesús Anxo López Pintos, Roberto Villasuso, Marcos Guerreiro, ou Alex Díaz entre outras compañeiras e compañeiros.
O espazo de unidade da esquerda en Narón continúa aberto a incorporación doutras organizacións políticas e de todas aquelas persoas que a nivel individual queiran participar nun proxecto de unidade que vai gañando forza e ilusiona a gran parte da veciñanza.
Esta é unha candidatura con capacidade para gobernar onde xente de esquerdas cunha traxectoria impecable, limpa, e un gran espírito de servizo a veciñanza é capaz de axuntarse para traballar por Narón. Xente con capacidade e traxectoria política ou sindical contrastada, xoves e veteranos, traballadoras e traballadores, veciñas e veciños de Narón dispostos a traballar con honestidade por Narón.
Abeledo di que NARÓN POR DIANTE é a garantía de que o PP non vai a gobernar en Narón.
André Abeledo amósase convencido de que NARÓN POR DIANTE é a garantía de que o PP non vai a gobernar en Narón. Nin con paracaidistas nin sin eles. Imos pechar o paso a dereita en Narón cunha candidatura de garantías para as naronesas e naroneses.
Abeledo indica que Narón Por Diante é o mellor antídoto contra a dereita para a nosa cidade, a ultradereita que medra perigosamente no resto do Estado vaise atopar en frente en Narón cun espazo da esquerda amplo. Onde organizacións e persoas a nivel individual cunha traxectoria política limpa e transparente axúntanse para presentar unha candidatura forte, que rema nunha mesma dirección. Vai ser unha candidatura capaz de gobernar para que NARÓN avance e mude para mellor.
Este proxecto de espazo de unidade da esquerda en Narón vai a seguir medrando. NARÓN POR DIANTE xa leva meses en construción, traballando, organizándose e axuntando forzas.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia considera que os datos do paro rexistrado do mes de xaneiro de 2019 confirman a minoración do mercado laboral galego. A secretaria de Emprego, Maica Bouza, lamenta que, unha vez máis, Galicia comece o ano «á cola de España», circunstancia que atribúe á «fraxilidade do noso tecido produtivo», caracterizado pola estacionalidade e a precariedade.

Oficina do Servizo Público de Emprego na Coruña

Segundo a voceira de CCOO, Galicia medra e crea emprego precario, sobre todo en actividades estacionais de baixo valor engadido que dependen do calendario e da conxuntura económica. «En canto varía algún deses factores, o emprego creado desaparece, como aconteceu en xaneiro polo remate da campaña de Nadal».

A secretaria de Emprego de CCOO lamenta que en Galicia se estea consolidando este modelo precario, no que «mes tras mes, os postos de traballo creado teñen data de caducidade». É o que aconteceu en xaneiro, onde nove de cada dez contratos rexistrados foron temporais. «Isto provoca que Galicia non sexa un lugar atractivo nin para desenvolver un proxecto de vida nin para atraer investimentos empresariais. A continuada caída da poboación activa e os datos de captación de investimento así o indican», apunta Bouza.

En opinión da sindicalista, Galicia «precisa un proxecto de país». Neste sentido, considera que unha Estratexia de Dinamización Demográfica non resolve por si soa nin a caída de poboación nin o avellentamento dun territorio.

A secretaria de Emprego de CCOO propón outro modelo de desenvolvemento, que aposte por un tecido produtivo que non sexa obsoleto, que cree emprego de calidade, con servizos públicos para favorecer a conciliación persoal, familiar e laboral e mellorar a calidade de vida da cidadanía e con infraestruturas físicas e tecnolóxicas que o acompañen. «Persistir na actual política do Partido Popular converterá Galicia nun deserto empresarial e nun xeriátrico», conclúe Bouza.

Paro rexistrado

No mes de xaneiro subiu o paro rexistrado tanto en Galicia (5505 persoas paradas máis ca o mes anterior) coma na media estatal (83.464 persoas paradas máis). Non obstante, en proporción, a suba é maior na nosa comunidade (+3,25 %) ca na media do Estado (+2,61 %); tamén é superior á rexistrada un ano antes: un 3,25 % en Galicia fronte ao 2,63 % estatal. Polo tanto, o número de persoas en paro na comunidade sobe ata as 174.800 (75.186 homes e 99.614 mulleres); dese total, 8234 son menores de 25 anos.

Con todo, a caída da poboación activa maquilla as estatísticas do paro, xa que este mes se destruíu máis emprego (13.737 afiliacións menos á seguridade social) do que subiu o paro (5.505 persoas paradas máis). O paro rexistrado sobe máis nas mulleres ca nos homes (3702 paradas máis fronte a 1803 parados máis) e, por grandes grupos de idade, hai 376 persoas paradas máis menores de 25 anos (+4,78 %) e 5129 máis maiores desa idade (+3,18 %).

O paro rexistrado aumenta, sobre todo, nos servizos (5537 persoas paradas máis, un 4,86 %); na agricultura rexístranse 76 persoas paradas máis e na industria, 13 máis. Pola contra, baixa no colectivo sen emprego anterior (118 persoas paradas menos) e permanece case estancado na construción (só 3 persoas paradas menos).

En termos anuais, continua baixando o paro rexistrado: 15.086 persoas paradas menos ca hai un ano, o que supón un descenso do 7,94 % (fronte ao -5,49 % na media estatal). Malia esa evolución positiva, o descenso do paro tamén é inferior ao rexistrado un ano antes: un –7,94 % fronte a un –10,46 %

Contratación

En proporción, medrou máis o número de contratos indefinidos ca o de temporais tanto na comparación mensual como na anual. Con todo, a contratación está marcada pola precariedade: en xaneiro rexistráronse 82.401 contratos, dos que 74.203 foron temporais (o 90 % dos formalizados).

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social retrocedeu en Galicia e na media estatal, pero na comunidade autónoma diminuíu con máis forza: 1,37 % en Galicia fronte ao 1,08 % na media estatal. En xaneiro había 992.370 afiliacións á seguridade social fronte a 1.071.476 once anos antes. Perdéronse 13.737 afiliacións en relación co mes anterior e, por réximes, 11.518 afiliacións pertencían ao réxime xeral (–1,49 %), 1360 ao de autónomos (–0,64 %) e 860 ao do mar (–4,02 %).

En termos anuais, a ocupación segue avanzando en Galicia menos que na media estatal. Na nosa comunidade hai 18.909 afiliacións máis á seguridade social ca hai un ano, o que equivale a unha suba do 1,94 % fronte ao +2,94 % na media estatal.

Prestacións por desemprego

A protección contra o desemprego mantense en niveis baixos. En decembro de 2018 estaban rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego 155.188 persoas paradas con experiencia laboral, e só o 57,4 % percibían unha prestación por desemprego. Malia que no 2018 mellorou algo a calidade das prestacións por desemprego, as contributivas en decembro de 2018 aínda representan só o 47,5 % do total fronte ao 52,5 % das asistenciais

Así pois, a distribución das prestacións por desemprego segundo o tipo é a seguinte: 42.300 persoas percibían unha prestación contributiva (47,5 % do total), 39.179 un subsidio por desemprego (44,0 %), 7576 a renda activa de inserción (8,5 %) e 28 correspondían ao programa de activación de emprego.

MODEPEN e COESPE continúan a loita por unhas pensións dignas

Comisións de Portavoces e Organización

As cousas seguen igual, só uns pequenos avances. As nosas mobilizacións cambiaron un Goberno, moveron cadeiras, sacaron diñeiro de onde nos contaban que non había, fixeron aparecer formas un pouco máis agradables na política, pero no fondo todo segue igual. Á parte dos pequenos avances conseguidos o pasado ano e este en torno ao Índice de Prezos ao Consumo, hai pouco que contar.

Aínda por riba, o Sr. Presidente do Goberno, que empezou facendo declaracións moi prometedoras aos medios, descólgase o 28 de decembro cunha sonora inocentada aos case 9 millóns de pensionistas en forma de Real Decreto, imos, como Rajoy no ano 2.012, coa conxelación de efectos retroactivos.

O Goberno apraza 6 meses máis a decisión definitiva da revalorización das pensións de acordo co Índice de Prezos ao Consumo, máis coñecido polas súas siglas “IPC” ou “Custo da Vida” e parece ser que xa está prevista a negociación cos chamados “Axentes Sociais” para que esa subida non sexa de acordo co IPC, senón tendo en conta varios factores; o crecemento económico, os ingresos e gastos da Seguridade Social e o crecemento dos salarios. Dito doutro xeito, se non o remediamos na rúa, podémonos esquecer da revalorización por Lei da pensión co IPC Real O máis probable
será que as pensións empecen a perder poder adquisitivo a partir do ano próximo e mesmo volver á insultante subida do 0,25 do Goberno do PP e a aplicar o factor de empobrecemento, mal chamado de sustentabilidade, polo que se baixan as pensións por vivir máis tempo.

A outra inocentada deste decreto, a pensión mínima para persoas menores de 60 anos por incapacidade permanente total, foi modificada para non estar vinculadas ao salario mínimo que subiu un 22%, dependendo só do arbitrio do goberno e dos seus Orzamentos. Grazas á presión constante na rúa, grupos políticos do Congreso conseguiron tirar esta primeira decisión e agora, ao validarse o Decreto Lei, estas pensións subirán un 22% en 2019. Pero só hai garantía para este ano.

E, para rematar a inocentada, esquécese da promesa de equiparar o sistema especial de Empregadas de Fogar ao Réxime Xeral da Seguridade Social. Un compromiso que foi “torpedeado”, de forma continuada, polo PP desde o 2012, porque o pasado decembro finalizaba o período transitorio establecido para a devandita equiparación e agora, o Goberno do PSOE permite a emenda do PP: que a demora chegue ata o 2024.

Se as mulleres desexamos avanzar na equiparación de dereitos laborais e de seguridade social e proceder á ratificación do Convenio 189 da Organización Internacional do Traballo sobre traballo decente para traballadoras e traballadores domésticos, demandamos a derrogación nos Orzamentos Xerais do Estado, da moratoria o PP.

 

IMOS A QUEDAR QUIETOS?

Pois non Sr. D. Pedro Sánchez. Saiba vostede, por se non llo dixo ninguén, que España estivo crecendo o últimos dez anos de “crise ficticia” entre un 2,5 e un 3% de Produto Interior Bruto, ou sexa, a riqueza de todo o país, o que equivale a un incremento de 35.000 millóns de euros por ano. Saiba que España gasta en pensións un 11% do Produto Interior Bruto, mentres Francia gasta un 13,5% e Italia un 14,00%. Saiba que temos unha diferenza de menos por ingresos fiscais coa media da Unión Europea do 6% do Produto Interior Bruto, o que equivale a uns 80.000 millóns de euros menos de recadación. Saiba que o gasto social en España está 7% por baixo da media da Unión Europea. Saiba tamén que a evasión fiscal española leva acumulados en paraísos fiscais a friorenta de 457.000 millóns de euros, e a fraude fiscal rolda uns 90.000 millóns recoñecido polo propio Goberno. Iso por non mencionar a amnistía fiscal, as axudas á banca, ás autoestradas, as eléctricas ou o Castor, ou por non falar da enxeñería financeira de bancos e empresas do IBEX35 para eludir impostos, ou a corrupción que campou, e campa ao longo e ancho do país.

Saiba Sr. Presidente, que non abandonaremos a rúa mentres non nos ofrezan solucións. A primeira das cales ha de ser que a Pensión Mínima suba na mesma proporción que o Salario Mínimo Interprofesional. Pedímoslle valentía para realizar políticas sociais de verdade, non declaracións baleiras de contido aos medios de comunicación. Atrévase a  elevar a pensión mínima o 22% que subiron o salario mínimo, que as dúas cousas, pensión mínima e salario mínimo vaian xuntas. Se realmente quere vostede avanzar na boa dirección, habemos de chegar aos 1.084 € de mínimo vital que fixa a Carta Social Europea, para as pensións mínimas e non retributivas e para o salario mínimo interprofesional.

Por último, saiba Sr. Presidente que esta Coordinadora non abandonará a rúa ata que se nos admita como interlocutores sociais e podamos negociar unha reforma do Sistema Público de Pensións para o futuro. Un debate aberto a toda a sociedade. Porque demostramos que só as mobilizacións producen avances sociais, seguiremos:

INSISTIR PERSISTIR RESISTIR, NUNCA DESISTIR.

GOBERNE QUEN GOBERNE As PENSIÓNS DEFÉNDENSE.

 

Por Victoria Portas
Relacións Laborais
Experta en Seguridade Social


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ten unha memoria selectiva, oxalá algunhas puideramos ter a mesma memoria para esquencer certas cousas.

Recordémoslle que O Estatuto de Autonomía de Galicia data de 06 de abril de 1981, e que no seu título segundo xa sempre se reflexou “ Art 36: A Comunidade Autónoma galega poderá solicitar do Estado a transferencia ou delegación de competencias non asumidas neste Estatuto.

O PP estivo ao fronte da Xunta de Galiza ininterrumpidamente entre 1990 e 2005 e novamente volve a mesma con maioría absoluta en 2009 con Alberto Núñez Feijóo. Polo que o PP o fronte da Xunta de Galiza coincidiu co PP o fronte do Goberno de Madrid, entre 1996 e o 2004 con Aznar como Presidente do Goberno e dende o 2011 ata o 2018 con Mariano Rajoy a cabeza do PP.

E Xa fai máis de dez anos que non se piden tranferencias dende o Parlamento Galego, e éste xoves espertamos coa grata nova de que segundo o Sr. Feijoo Galiza ten “o mesmo dereito” que Cataluña e País Vasco a recibir competencias do Estado, parabéns un pouco de lucidez.

Pero só me cabe a reflexión de si o Señor Feijoo, está a falar  dun desexo seu e do PP Galego tras anos de inactividade e en contra do que apoia o seu partido en Madrid co Sr. Casado o fronte, ou si é unha cuestión de apretar a lexislatura do PSOE no Goberno de Madrid?

Dende aquí , igualmente  aplaudo que o Parlamento Galego levase a cabo dito xiro , pero debemos recordarlles a todos os partidos políticos que  forman parte do arco parlamentario que o único problema galego non son as competencias en materia de tráfico, nin o Corpo de Policía. Si ven é certo que debido as tasas de desemprego en cidades como Vigo ou  Pontevedra non só precisamos o traspaso da AP-9 senón a súa liberación da peaxe, unha das máis caras de todo o territorio español.

No noso país (2017) hai un 22.6% da poboación en risco de pobreza ou exclusión social, estamos a falar de 614.000 persoas entre os que  se atopan maiores, dependentes e menores.

Os galegos e galegas o pago da factura da luz e quecerse,  ponos nun dilema, pois ou comen ou quéntanse,  é posible a transferencia de dita competencia,  transferencia da tarifa eléctrica.

Para os galegos e galegas ter que facer fronte, o copago farmacéutico ou o pago de aqueles medicamentos fora das listas sanitarias son para eles un cargo máis enriba das súas debilitadas contas económicas, pidan transferencia de políticas sanitarias, e fagan fronte o pago dos mesmo que xa teñen a competencia.

E responsabilidade primordial do Goberno da Xunta de Galicia, sacar a mais de 3 millóns de galegos e galegas do limiar da pobreza, ten un Estatuto de Autonomía que yo permite e un pobo que o estamos a desexar.

Déixense de políticas baratas e escaparatismo e póñanse a traballar, os galegos e as galegas precisamos un goberno da Xunta que de verdade comece un estudio serio de demográfica e adecúe as súas políticas  a situación real do país.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies