SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil defendeu hoxe unha proposición non de lei para reclamar o envío  do índices de audiencia da radio e televisión galega. Para a deputada, os grupos parlamentarios teñen dereito a estes datos dende o punto de vista, dixo, “da transparencia e dereito á información” e preguntou “que ten que agochar o Partido popular para negar ao Parlamento as audiencias despregadas por franxas horarias e programas?”

Rodil lembrou que a dirección xeral da CRTVG apela sempre nas súas intervencións parlamentarias ás  audiencias para “xustificar, lexitimar e defender as decisións que se adoptan a respecto da programación, da xestión de persoal e da aposta por diferentes  formatos  na radio e na televisión. Pero no Parlamento, dixo,  “ non contamos coa información real  nin detallada desas audiencias desagregadas por franxas horarias e programas o que supón unha importante eiva para desenvolver o noso traballo”.

Estes datos, explicou son unha ferramenta fundamental para “poder  avaliar o éxito ou fracaso da programación, as potencialidades das distintas franxas horarias, así como para analizar as posibilidades de explotación dos espazos publicitarios” que son, de acordo coa Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galiza, “unha fonte de financiamento da Corporación”, a pesar de non   ser  máis do 8% dos ingresos anuais, e iso “tirando polo alto” xa que a CRTVG financiase no 90% con fondos públicos.

A deputada defendeu que o Parlamento ten dereito a mesma   información que calquera directivo da CRTVG, “é unha cuestión de transparencia” de poder realizar a nosa función “sen trabas”. Precisamos os datos de audiencia para constatar que os cambios de programación están xustificados  en función do público, na escolla de xéneros e condicionados á criterios de servizo público e non “á vontade dos directivos da CRTVG ou criterios do Partido popular”.

A proposición non de lei defendida pola deputada Olalla Rodil foi rexeitada polo Partido popular que argumentou que a iniciativa nacionalista “ incumpre a lei de Medios” ao que a deputada replicou que o  Partido popular “ampara o incumprimento sistemático desa lei no referido ao   Estatuto profesional, ao Consello de informativos, a sinatura de contratos programa e a creación de autoridade audiovisual”. Tildou de “escusa barata” os argumentos do PP para vetar a iniciativa e reiterou que a proposta do BNG “ é legal” polo que anunciou que seguirá defendendo o dereito a contar con esta información.

 

O grupo de En Marea denuncia unha vez máis os pésimos resultados e elevados custos para o conxunto da sociedade que teñen as fórmulas de colaboración público-privadas na posta en marcha dos centros hospitalarios. Pese a isto, o Goberno Feijóo optou por este tipo de xestión para o novo hospital de Vigo, un modelo que se traduce nunha ineficiente xestión privada do mantemento, provisión enerxética e servizos do centro, con consecuencias negativas para os servizos privatizados como o da cociña, lavandaría, mantemento entre outros.

Esta semana, coñecíanse as denuncias que están a facer dende o Hospital en relación á situación coas bolsas da roupa sucia, circunstancia da que xa se teñen queixado noutras ocasións e que está a ocasionar conflitos laborais.

En primeiro lugar encomendouse ao persoal de limpeza, que denunciaron que dita labor non viña recollida no prego de condicións e que ademais restáballes tempo para o aseo doutras zonas, tendo en conta a mínima equipa de traballadoras e traballadores. Despois disto a labor pasou a ser encomendada a auxiliares de enfermería por orde da Dirección do complexo hospitalario, pero a Comisión de Centro de Atención Especializada lembrou que estas función non son propias da súa categoría e non se atopan incluídas no Estatuto, concorrendo unha situación parecida á do persoal de limpeza en tanto que teñen que deixar outras tarefas como a propia atención a pacientes e tendo en conta que se trata dun colectivo que xa de por si sofre unha excesiva carga de traballo por mor dos recortes.

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, destaca que os PCAP do contrato do Novo Hospital de Vigo contempla varias figuras que permiten á Xunta de Galicia velar polo correcto cumprimento dos servizos dos que se ten que facer cargo o concesionario así como da correcta execución dos mesmos.

Por todo isto, o grupo de En Marea interpelará ao Goberno para que dean conta de cales son os informes da Comisión Mixta de Seguimento en relación á execución ordinaria da prestación de servizos por parte do concesionario, que papel está a xogar a persoa que representa a Administración no Consello de Administración en canto a trasladar as situación precarias nas que se atopan os servizos privatizados, e que pensa facer o Goberno ante o conflito coa roupa sucia.

As organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT, en relación coa comarcalización dos parques de bombeiros municipais, rexistraron un escrito na Vicepresidencia instando a Xunta a, antes de nada, cumprir a Lei de emerxencias de Galicia. Concretamente, refírense á aprobación do estatuto do bombeiro, o cal debe recoller a homoxeneización deste servizo.

Imaxe de arquivo dunha manifestación de bombeiros en Ourense (ano 2016)

Para os tres sindicatos, a solución á problemática actual é o rescate dos parques privatizados e a regularización da profesión. Tras isto e a retirada da taxa de reposición, «poderemos falar de comarcalizar os parques de bombeiros» ou dun «dimensionamento adecuado de persoal que elimine barreiras territoriais absurdas, cumprindo isócronas razoables e deixando atrás esta precariedade reinante».

CCOO, CIG e UGT sinalan que a todo isto xa obriga a Lei de emerxencias de Galicia, «incumprida repetidamente» pola Xunta, que alén de obviar as súas obrigas, impulsa «medidas contrarias» a esta norma, fomentando a heteroxeneización e atomización dos servizos de emerxencias.

Por todo isto, reivindican unha comisión de coordinación —similar á das Policías locais—, a aprobación do estatuto do bombeiro, a clasificación profesional como C1, a consideración dos bomeiros como axentes de autoridade, a relación de concellos que ha atender cada parque e as isócronas de atención, a definición do papel dos parques comarcais, o incremento do número de bombeiros necesarios para atender a comarcalización, o aumento dos medios necesarios e a adecuación das retribucións á nova carga de traballo.

 

O BNG pide á Xunta que reclama a AENA  un servizo sanitario adecuado no aeroporto de Lavacolla. Un   novo caso rexistrado cun pasaxeiro constata a denuncia do BNG no Parlamento galego e a advertencia de futuros casos ante a  carencia sanitaria nesta infraestrutura.

A deputada do BNG, Noa Presas afirma que o aeroporto de Lavacolla    debe contar cunha  prestación sanitaria adecuada  sobre todo en circunstancias de gran afluencia de viaxeiros e viaxeiras e por “segunda vez nun mes, foron as persoas usuarias as que atenderon a un viaxeiro enfermo ante a carencia  de medios sanitarios”.

Para a deputada,   a estratexia privatizadora de AENA e os seus servizos trae consecuencias negativas para o desenvolvemento das actividades do aeroporto de Santiago de Compostela, tamén no ámbito da garantía da saúde polo que volveu a denunciar  que  “a  intención de AENA é limitar a asistencia médica dos  aeroportos de 4 millóns de pasaxeiros”. Neste sentido, lembrou que  Galiza non chegou a esa cifra, nin vai chegar inmediatamente, pero está claro que ten unha tendencia de aumento e  a desatención deste servizo, provoca problemas “como xa estamos a ver con dous novos casos de usuarios que precisaron asistencia sanitaria”.

Para a deputada, a Xunta “debe implicarse e garantir servizo sanitario público no aeroporto que cubra as 24 horas”.

A economía segue a crecer. A Xunta revisou á alza a previsión de crecemento económico, pero o emprego estáncase: a previsión do PIB sitúase por riba do 2,5 %, pero a do emprego fica no 0,46 %. O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) constata a ralentización do ritmo de creación de emprego e alerta ante as cifras máis baixas en catro anos no referente a novos postos de traballo e diminución do paro. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, tamén denuncia a elevada precariedade laboral e critica que o emprego só medre a quinta parte en que o fai a economía.

«A Xunta debe explicar esta contradición e adoptar medidas para que o crecemento repercuta na creación de postos de traballo de calidade», esixe. Os datos «falan por si sós da indecente precariedade do noso mercado de traballo», afirma Bouza. Nove de cada dez empregos son temporais e, segundo a última EPA —publicada hai poucos días—, boa parte do emprego que se crea é a xornada parcial.

Os datos do paro rexistrado do mes de abril indican que no último mes houbo 2.812 persoas menos rexistradas como demandantes de emprego, o que equivale a unha diminución do 1,52 %. Un dato «moi baixo» que, un mes máis, revela un comportamento do mercado laboral galego moi por baixo do promedio estatal, onde a diminución do paro rexistrado foi do 2,53 %.

A afiliación á seguridade social tamén sobe en Galicia por baixo da media: 4532 afiliacións máis, un 0,46 %, mentres que no Estado é máis do sobre, o 0,95 %.

Para Maica Bouza, os datos son consecuencias dun modelo de crecemento «que non dá máis de si», fortamente dependente de emprego estacional, ligado estes meses ás campañas de Semana Santa e xa comezos da do verán. «Emprego temporal, a tempo parcial, con baixos salarios e sen case dereitos, que despois non se consolida», certifica a sindicalista.

Malos datos do emprego e tamén da cobertura por desemprego está no 53,14 %: hai 79.000 persoas que con experiencia laboral e que actualmente carecen de protección. Ao tempo, 68.900 fogares teñen todos os seus membros activos en paro e 34.300 non teñen ningún membro que perciba ingresos.

Análise do paro rexistrado

O paro rexistrado baixou, «como era previsible, porque é o que sucede adoito nesta época do ano», apunta Bouza. Con todo, o mes de abril pechou con 182.291 persoas desempregadas inscritas nas oficinas do servizo público de emprego: 104.218 mulleres (representan o 57 % do desemprego) e 78.073 homes. Dese total, 9.101 persoas tiñan menos de 25 anos e supuñan o 5 % do paro rexistrado.

No mes de abril había 2.812 persoas paradas menos inscritas nas oficinas do servizo público de emprego ca no mes de marzo e, en proporción, o descenso do paro foi menor en Galicia ca na media estatal (–1,52 % fronte ao –2,53 %). En termos anuais, o paro rexistrado baixou en 22.338 persoas (−10,92 % fronte ao −6,64 % na media estatal).

Na comparación mensual, a baixada do paro dáse, sobre todo, nos homes (2479 parados menos fronte a 333 paradas menos) e, por grandes grupos de idade, o descenso máis acusado dáse en maiores de 25 anos: hai 2.784 persoas paradas menos entre as persoas de 25 ou mais anos (–1,58 %) e 28 menos entre as menores desa idade (–0,31 %).

Por sectores, o paro rexistrado descende en todos eles agás no colectivo sen emprego anterior (123 persoas paradas máis ca no mes de marzo): 808 persoas paradas menos na construción (−4,56 %), 592 na industria (–2,78 %), 1479 nos servizos (−1,20 %) e 56 na agricultura (−0,83 %). Polo tanto, os sectores que presentan a baixa máis acusada son a construción e a industria, ambos os dous sectores con máis presenza de ocupación masculina que feminina.

Análise da contratación

No mes de abril deste ano rexistráronse 81.844 contratos, e o 89,96 % son temporais. En relación co mes anterior aumentou en maior proporción a contratación temporal ca a indefinida (+8,81 % fronte ao +2,44 %). En termos anuais, avanzou máis a contratación indefinida que a temporal (+32,43 % fronte ao +8,46 %) pero aínda así o número de contratos indefinidos segue sendo baixísimo: só se formalizaron 8.217 contratos indefinidos no mes de abril que supoñían o 10,04 % da contratación.

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social medra máis devagar en Galicia que na media estatal, tanto na comparación mensual coma na anual. No mes de abril había 4532 afiliacións máis ca no mes de marzo, o que supón un incremento do 0,46 % (a porcentaxe na media estatal era do 0,95 %). Por réximes, hai 4.208 afiliacións máis no réxime xeral, 156 máis no de autónomos e 168 máis no do mar.

Desde o mes de abril de 2017 hai 24.948 afiliacións máis en Galicia pero, en proporción, a afiliación media á seguridade social tamén sobe menos na nosa comunidade ca na media estatal: 2,59 % e 3,07 %, respectivamente.

Prestacións por desemprego

No mes de marzo, 89.982 persoas percibían prestacións por desemprego, e a maioría destas eran asistenciais; só o 42,99 % das prestacións eran contributivas. A repartición por modalidades era a seguinte: 39.897 percibían un subsidio por desemprego (representan o 44 % do total das prestacións), 38.684 contributivas (o 43 % do total), 9.072 a renda activa de inserción (o 10 % do total) e 2.329 correspondían ao programa de activación de emprego (o 3 % do total).

Das 169.328 persoas paradas con experiencia laboral que había no mes de marzo, só o 53,14 % estaban percibindo unha prestación por desemprego. Polo tanto, había máis de 79.000 persoas paradas con experiencia laboral que xa carecen de cobertura por desemprego.

Mini: “A xestión da Xunta contra a couza da pataca foi un fracaso”

 

O deputado do BNG, Xose Luís Rivas lamentou “a falta de eficacia” na xestión da Xunta para loitar contra a praga da couza da pataca. Trala comparecencia da directora Xeral de Agricultura e Alimentación, Belén do Campo na comisión de Agricultura para informar da actual situación  relacionada coa couza guatemalteca da pataca, o nacionalista recriminou á Xunta aplicar  medidas “insuficientes dende o principio” porque a couza, afirmou segue aumentando. É preciso que a Xunta se implique con “medidas urxentes e de calado”.

Neste momento, explicou o deputado,  a couza pasa da zona afectada a moitos quilómetros de distancia como aconteceu no concello de Muxía. Para o deputado, a raíz do problema radica na falta de investigación, “os centros de investigación seguen sen orzamentar” e  hai carencia de  novos investigadores porque  os de máis idade están a piques de xubilarse e non deixan escola detrás.

Por outra parte, o nacionalista replicou á directora xeral a “ineficacia e insuficiencia” das campañas informativas. Neste sentido, convidou a responsable de Agricultura e Alimentación a aproveitar a Televisión galega, as escolas, os bares, etc., para a divulgación, porque cando queren criticou Rivas , “ben que manipulan a través dos medios de titularidade pública” e agora que resulta imprescindible unha información veraz sobre a couza, desprezan estes recursos a pesar de que cada  veciño do medio rural debe saber que “esas patacas hai que arrincalas da zona afectada”.

Rivas  lembrou que foron decomisados moitos quilos de patacas afectadas e aínda así, o problema persiste do que se deduce, reiterou, “que as medidas non foron suficientes”.

Na súa intervención, o deputado tamén aludiu  á necesidade de retornar á investigación, aplicar medidas de control, medidas para a divulgación así como a recuperación  das oficinas agrarias, “sempre ben dotadas” a nivel veterinario sobre todo despois do acontecido coas vacas tolas pero “infradotadas en canto ao aspecto agrícola”. Ademais, engadiu, contaban con técnicos con importante  formación e traballo de campo que proporcionaban “grande confianza” á poboación do medio rural.

Rivas reiterou que a Xunta debe acometer “medidas urxentes e de calado” para loitar contra a couza da pataca.

A DIRECCIÓN DE MONTES RECOÑECE “TRÁMITES FARRAGOSOS” PARA RETIRAR MADEIRA QUEIMADA EN MONTES CONVENIADOS

Por outra parte, na mesma comisión, o deputado do BNG formulou unha pregunta ao director Xeral de Montes, Tomás Fernández  Couto  sobre as solicitudes de axuda para retirada da madeira queimada cando as comunidades de montes non poden asumir esta tarefa.

En resposta ao nacionalista, Fernández Couto recoñeceu que nos montes conveniados todos os trámites para retirar a madeira queimada para vendela a bo prezo “son farragosos” mentres que nos non conveniados e particulares poden facer as poxas no mes de decembro. Os montes conveniados, explicou, fixeron a poxa no mes de febreiro e canto máis tempo pasa “a madeira queimada desprézase”, denunciou o nacionalista.

Ante esta situación reclamou proxectos a longo prazo e  con labores silvícolas para mitigar os problemas do monte convenidado que obriga aos propietarios a  recuperar  a totalidade do  monte queimado  en catro anos provocando que ante a perda de recursos económicos os propietarios abandonen un monte que en dez anos volverá a arder.

Asemade, Rivas reclamou á Xunta convenios cos compradores do sector da madeira para que “a saca” de madeira dos montes conveniados sexan ao mesmo prezo das poxas dos montes particulares

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies