SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

A NUMEROSA ASISTENCIA Á ASEMBLEA E O RESULTADO POSITIVO DE TODAS AS
VOTACIÓNS REALIZADAS REFLECTIU O APOIO DA VECIÑANZA AO TRABALLO DA
PLATAFORMA.

NUMEROSAS REUNIÓNS, CHARLAS, ESCRITOS, CREACIÓNS DE MATERIAIS PARA
VISIBILIZAR A LOITA, UNHA ANDAINA, UN FESTIVAL E UNHA CADEA HUMANA É O BALANCE DE ACTIVIDADES DOS 8 MESES DE VIDA DA PLATAFORMA.

Na asemblea que tivo lugar o venres 18 de xaneiro ás 20:30 nos baixos do restaurante San Martiño, os numerosos asistentes lexitimaron á coordinadora e aprobaron a pertenza á rede de plataformas Compostela-Ulla-Tambre.

A plataforma Casalonga Limpa de Residuos naceu fai 8 meses, cando os habitantes do concello de Teo coñeceron o proxecto para a instalación dunha planta de residuos de dimensións espectaculares na antiga canteira da Casalonga. Unha zona xa restaurada pola propia natureza e con núcleos de poboación a escasos metros. Dende ese momento as casas da contorna e as inmediacións da N-550 mudaron a súa estética. Imposible pasar por este lugar sen ver os centos de pancartas rexeitando a súa instalación. Nese momento (4 de xuño) nace a plataforma Casalonga limpa de residuos.

A primeira gran acción foi a andaina reivindicativa do 17 de xuño, onde os habitantes máis vellos da contorna amosábanse impresionados pola asistencia masiva da veciñanza. Continuouse con numerosas charlas informativas para dar a coñecer as dimensión do problema e cun diálogo permanente da plataforma co Concello, cos partidos políticos e con outras plataformas.

A realización do festival “DesPlanta Sons” durante as festas do Carmelo foi a segunda gran visibilización da resposta cidadá. Un festival realizado altruistamente onde artistas e empresas da contorna arrimaron o ombro poñendo o seu traballo á disposición da plataforma.

A unión e forza da veciñanza amosadas nestas e noutras actividades, foron quen de parar a instalación da Planta de tratamento de residuos. Primeira vitoria. Pero aos poucos días, a empresa dona dos terreos da antiga canteira da Casalonga, volveu a ameazar as vidas dos habitantes da contorna coa instalación dun macrovertedoiro camuflado de “plan de restauración da canteira”, cunha capacidade de 9.000 Tn. de residuos, 11 veces superior ao vertedoiro de Miramontes. De novo unha oposición social contundente foi a resposta: unha cadea humana de 2km de longo rodeou a canteira. Diálogos continuos cos grupos políticos e con outras plataformas, panos e mandís enchendo a feira do San Martiño, presentacións de escritos pedindo cambios lexislativos a nivel do Concello, autonómico e estatal, e outras accións conseguiron frear a instalación do vertedoiro encuberto. Segunda vitoria.

A empresa presentou dous proxectos, a veciñanza parou os dous proxectos. Agora, a espera dun novo paso por parte da empresa, os habitantes prepáranse para a seguinte batalla. “Sempre que a empresa presente algo, como sabemos as súas intencións reais, vainos ter en fronte!” anuncia un membro da plataforma como peche da asemblea.

A eurodeputada do BNG participa coa delegación de Memoria Histórica da Eurocámara nunha visita aos “espazos da represión” en Sevilla

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa nunha nova iniciativa do grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, neste caso no percorrido en Sevilla por diversos lugares paradigmáticos da represión franquista. Deste xeito, tras a reunión celebrada con asociacións memorialísticas, un dos lugares visitados foi o Cemiterio Municipal San Fernando de Sevilla, onde vítimas da represión están enterradas en foxas e a Basílica da Macarena, onde está enterrado o xenocida Gonzalo Queipo de Llano, ademais dun encontro no Parlamento andaluz.

“Lamentablemente, a impunidade do franquismo con Queipo de Llano, enterrado con todas honras, é similar a que padecemos en Galiza coa familia Franco a respecto do pazo de Meirás, unha das propiedades incautadas polo ditador que sigue en mans da súa familia”, subliñou Ana Miranda, quen considera que esta situación é unha “grave anomalía democrática que o Estado español ten o deber de corrixir” e critica que entre as promesas do novo Goberno tripartito andaluz está un paso atrás na memoria histórica.

E precisamente para rematar con esta anomalía a deputada galega considera que o Estado español conta cunha “útil ferramenta” como é a Resolución en contra do avance do fascismo, aprobada na Eurocámara o pasado 25 de outubro. Este documento insta, no seu artigo 20, a que os Estados Membros prohiban as asociacións e organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. “É dicir, desde a Eurocámara pedimos ao Estado español que prohiba a Fundación Francisco Franco”, explica Miranda.

As emendas aprobadas nesta resolución tamén contemplan a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos e a retirada de toda a simboloxía franquista, así como o desenvolvemento do traballo de contextualización e reinterpretación para que os símbolos que non sexan suprimidos contribúan á sensibilización do público e a recuperación da memoria histórica.

Visibilidade internacional

A visita a Sevilla enmárcase nas iniciativas organizada polo grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, integrada por deputadas e deputados de distintos países e de diferentes grupos políticos agás o PP, entre as que destacan a visita ao Val de Cuelgamuros, para reclamar a retirada dos restos do ditador, e a visita ao pazo de Meirás, onde a delegación puido comprobar como alí se fai apoloxía da ditadura.

“Desde o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara queremos acadar visibilidade internacional para o problema da impunidade do franquismo e rematar co incumprimento de principios europeos sobre a memoria democrática nestes tempos de involución democrática como o novo goberno andaluz, que se permite mesmo usurpar figuras como Lorca, asasinado polo franquismo”, salienta Ana Miranda ao tempo que denuncia o continuo incumprimento da Lei de Memoria Histórica e do Informe da ONU sobre o franquismo.

grupo de En Marea no Congreso, en representación da voceira na actualidade, Yolanda Díaz, e os vicevoceiros Antón Gómez-Reino e Miguel Anxo Fernán Vello, advertiron este venres ao PSOE que os seus cinco votos son a “chave” dos orzamentos e valoraron de xeito positivo que o PSdeG sexa consciente de que os orzamentos “teñen que ser mellorados”.


“Como saben enviamos cartas ás diferentes formacións galegas no Congreso e respondeunos a deputada socialista Pilar Cancela recoñecendo que son consicientes de que estes Orzamentos teñen que ser mellorados para Galicia”, afirmou a deputada.

Díaz destacou que, con este recorte en investimentos, estes Orzamentos non poden saír así. “Entraron deste xeito, pero non poden saír así. Se non hai cambios para Galicia, non contarán co noso voto”, incidiu a deputada, que se mostrou partidaria do “diálogo e a negociación” directamente co Goberno, como xa fixo En Marea en numerosas ocasións.

A voceira de En Marea lembrou que En Marea formou parte dunha negociación que conseguiu moitas melloras históricas en materia social, que nunca tivo o Estado.

“Nunca tivemos unha suba do SMI nun 22%, nunca tivemos unha consignación orzamentaria como a deste ano en materia de dependencia e pensións. Por iso consideramos que este orzamento histórico a nivel social, ten que ser tamén galego para contar co noso apoio”.

Desde En Marea remarcamos o chamamento aos deputados/as do PsdeGa que teñen que premer o botón “con nós, ou sen nos”, para que defendamos os intereses de Galicia.

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello sinalou que o Goberno de Sánchez, máis aló do avance histórico en materia social, “semella que fixo un corta e pega dos Orzamentos de Rajoy”.

“Non podemos admitir uns investimentos continuistas. Non hai un modelo de investimentos que nos ofreza o Goberno, que pense en Galicia como país. Temos a responsabilidade de pensar no país e nas súas demandas”, afirmou.

Pola súa banda, o deputado Antón Gómez-Reino destacou que a axenda galega do cambio presentada por En Marea “está na mesa do Goberno desde hai meses” polo que o Executivo “ten que dar resposta se quere estes cinco votos”.

“Como temos dito, fixemos presidente a Sánchez sen desculpas e agora ten que cumprir con Galicia sen desculpas. Pedro Sánchez e PsdeG, queda moito para cumprir con Galicia, queda moito para conseguir os nosos cinco votos, queda moito para cumprir o contrato que temos con máis de 300.000 galegas”, incidiu o deputado.

André Abeledo rexistrou unha Moción onde solicita as seguintes medidas:

1.- Elaborar un censo de vivendas desocupadas de acordo aos criterios establecidos no Real Decreto e instar a Xunta de Galicia a desenrolar o concepto de vivenda valeira.

2.- Estudar a posibilidade de modificar a ordenanza fiscal para establecer un recargo do 50% no IBI daquelas vivendas que se atopen desocupadas, sobre todo terceiras vivendas, vivendas propiedade de entidades bancarias, ou en mans do SAREB.

3.- Estudar a posibilidade de modificar a ordenanza fiscal para establecer un 95% de bonificación daquelas vivendas destinadas ao aluguer con renda limitada.

Abeledo explica que é  unha Moción necesaria logo da aprobación do Real Decreto-lei 21/2018, de 14 de decembro.

André Abeledo indica que no Estado español hai 3,5 millóns de vivendas valeiras, segundo o último censo de poboacións e vivendas dispoñible, realizado en 2011.

En EU Narón temos claro que hai que garantir a función social da vivenda. No seu momento propuxemos o recargo do IBI, as vivendas desocupadas en Narón, pero atopámonos con problemas legais pola ausencia dunha definición clara sobre o que é unha vivenda desocupada.

Pero agora despois da publicación no BOE do Real Decreto-lei 21/2018, de 14 de decembro, de medidas urxentes en materia de vivenda e aluguer, que entre outras cousas fai unha reforma da Lei de Facendas Locais regulando o recargo previsto para os inmobles de uso residencial desocupados con carácter permanente, mediante a súa remisión a correspondente normativa sectorial da vivenda, autonómica ou estatal, con rango de lei, ao obxecto de que poida ser aplicado polos concellos mediante a aprobación da correspondente ordenanza fiscal.

Sabemos e recoñecemos que este Decreto chega tarde, cando a maioría dos municipios xa temos aprobado as nosas Ordenanzas Fiscais. Aínda así abre un campo de posibilidades para traballar dende o ámbito municipal para que no haxa casas sen xente, ni xente sen casas.

Entendemos que xa non hai escusas, os Concellos poden a partir de agora adoptar unha serie de importantes medidas.

  • Rosa Cerqueiro e Miguel Vieito participaron na comisión alternativa de Sanidade impulsada pola oposición parlamentaria
  • Vieito falou sobre a exclusión das persoas migrantes do sistema sanitario galego e Cerqueiro explicou o abandono por parte da Xunta da atención á saúde mental

A sala de En Marea no Parlamento de Galicia acolleu unha nova sesión da comisión alternativa de Sanidade impulsada polas tres forzas da oposición parlamentaria. Os comparecentes neste ocasión foron o investigador e especialista en dereito da exclusión Miguel Vieito e a psicóloga clínica do SERGAS, Rosa Cerquido. Os dous concluíron, cada quen desde o seu campo de especialidade, que as políticas da Xunta de Galicia provocan serios prexuízos en materia de falta de atención sanitaria.  No caso dos doentes de enfermidades mentais polo abandono dos programas especializados en este tipo de doenzas e no caso das persoas migrantes coa exclusión dos dereitos a seren atendidos polo sistema sanitario galego. A deputada de En Marea e vicepresidenta do Parlamento, Eva Solla, explicou na súa quenda de intervención nesta comisión que están “constatados os prexuízos das políticas sanitarias do PP e que tanto na atención mental como nos dereitos das migrantes foron reiteradamente denunciados no Parlamento de Galicia”.

Rosa Cerquido é psicóloga clínica do Servizo Galego de Saúde e integrante do Movemento Galego da Saúde Mental. A comparecente na comisión alternativa de Sanidade explicou cal era a situación da atención mental en Galicia, unha atención que cualificou como “un panorama sombrío e que temos a obriga de reverter”. Cerquido resumiu na súa intervención a situación da atención á saúde mental en Galicia explicando que en “situacións de crise ecómica aumentan o número de doenzas mentais e, polo tanto, faise máis necesaria esta atención, o que sucedeu en Galicia é que se abandonou a saúde mental xusto no momento en que era máis necesaria”.

Cerquido explicou tamén na súa intervención que a atención en Galicia ten un problema de “accesibilidade” aludindo a un estudo encargado pola propia Consellería de Sanidade que afirma que un de cada cinco galegos/galegas presentou durante a súa vida un transtorno de tipo mental, pero estas cifras contrastan coas que explican que só unha de cada tres persoas con doenzas chegan a contactar cos servizos sanitarios”. Engadiu que case a “metade con transtornos graves e tres de cada catro con transtornos moderanos non acudiron a atención primaria nin a especializada”. Iso revela un problema de acceso dos doentes aos servizos de atención no sistema sanitario galego. Pero aínda tendo en conta esta situación, en xuño de 2018, máis de 8.000 persoas esperaban por unha primeira cita no servizo de psquiatría, segundo as cifras da Consellería de Sanidade.

Sinalou que tanto Galicia como Asturias son as comunidades con maior “prevalencia nos casos de depresión e de ansiedade”. No mesmo sentido, explicou a especialista que estas dúas comunidades son as que rexistraban maior número de mortes por suicidio. Neste panorama, Rosa Cerqueiro explicou que en Galicia se rexistrou un “aumento importante dos problemas de saúde mental que requiren de atención especializada, aumento moi preocupante de mortes por suicidio, un aumento excepcional do consumo de psicofármacos, dificultades para acceder aos servizos de saúde mental e dificultades obter tratamentos psicolóxicos, tanto na infancia, na adolescencia como nos adultos”.

Segundo Cerqueiro, as implicacións máis graves derivadas da política actual da Xunta en saúde mental son tres fundamentalmente. “A decisión de reducir as políticas de protección social e sanitaria nun contexto de crise económica levou a un aumento da desigualdade social, o empobrecemento e a exclusión social”. Unha segunda implicación é que a precariedade asistencial en persoal, recursos e organización dos servizos levan a un risco aumentado de perda da calidade dos coidados e da seguridade das persoas atendidas”. En terceiro lugar, segundo sinalou Cerqueiro “estamos expostas a unha violentación inaceptable de dereitos fundamentais”. Cerqueiro sinalou tamén que todos estes datos aínda eran máis graves se se analizaban con perspetiva de xénero, onde unha vez máis, as mulleres estaban máis afectadas por estas carencias.

EXCLUSIÓN DE PERSOAS MIGRANTES DO SISTEMA SANITARIO GALEGO

A comparecencia de Miguel Vieito centrouse no exclusión do sistema sanitario galego das persoas migrantes. O investigador e especialista en dereitos da exclusión sinalou que as políticas do PP neste caso “foron eleccións deliberadas para deixar sen atención a migrantes e favorecendo a facturación dos servizos sobre os dereitos a atención das persoas”.

Vieito apuntou na comisión alternativa de Sanidade no Parlamento de Galicia, que desde o decreto do goberno central de 2012, o que se produciu foi “unha exclusión legal das persoas migrantes, un cambio legal baseado en argumentos falaces que a estatísticas desminten”. Entre eses argumentos falaces utilizados polo PP está o aforro económico, a sustentabilidade, a loita contra o turismo sanitario. Vieito explicou que os datos din exactamente o contrario: “as persoas migrantes fan menos uso da sanidade porque son novas e sanas”. Sinalou tamén que nos últimos anos houbo un retroceso nos dereitos sociais que supuxo unha regresión de case 30 anos e que, na práctica, deixou sen atención a 873.000 persoas”.

Ademais de explicar como afectou o decreto de 2012, Vieito sinalou cal foi a actitude que adoptou a Xunta de Galicia ante a situación xerada: “complicou todos os trámites e o acceso das persoas migrantes ao sistema de saúde, chegando a facer unha obscena deixación de funcións cando delegan este acceso aos servizos sociais como se non fosen un asunto sanitario”.

Miguel Vieito citou na súa comparecencia un informe de Médicos del Mundo no que se informaba de 107 casos de exclusión na atención sanitaria. Vieito sinalou que a Xunta de Galicia puido ter tomado decisións que atemperaran os prexuízos do decreto de 2012, pero fixo o contrario “e tomou deliberadamente a decisión de excluír aos migrantes do dereito á atención universal”. Segundo o avogado “a Xunta favoreceu o criterio económico por riba do cumprir os dereitos ata o punto de que os migrantes que recibían antes a factura do servizo que o diagnóstico do que lles pasaba”.

Vieito engadiu que desde a entrada en vigor do decreto16/2012 “a mortalidade na poboación migrante incrementouse nun 15%, o que supón 70 mortes a maiores no Estado por culpa da posta en marcha dunha norma que exclúe as persoas migrantes”. Sinalou o avogado que todas cifras aumentaban de maneira considerable se se utilizaban parámetros de xénero para estudalas.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies