SATURDAY 20 APRIL 2019

Comunicado sobre o falecemento do camarada Jon Saez Garcia de Ourense

Jon, camarada, militante, activista, comprometido e solidario que comezou a súa militancia de cativo nas filas da Xuventude Comunista da que foi dirixente en Ourense, significado no movemento estudantil e nas loitas en prol dun ensino público, laico e de calidade.

Militante de Esquerda Unida e do Partido Comunista de Galicia, un mozo valente que no ano 2011 foi candidato de Esquerda Unida á alcaldía de Ourense, asumindo unha responsabilidade e madurez política da que todos e todas nos sentimos orgullosas.

Onte, abandonounos  Jon o mozo sorrinte, alegre e compañeiro de compañeiros, un home con moito que dicir, con moito pelexado e sobre todo moita militancia compartida. Un camarada cunha actitude positiva e motivadora que nunca se resistiu nin se deu por vencido en ningunha das loitas das que participou.

Do camarada Jon temos que agradecer o seu exemplo comunista, as súas reflexións, as súas aportacións e sobre todo a súa vontade e actitude por contribuír e sumar en todo aquelo no que participaba.

O compromiso de Jon e a súa actitude ficará con nós, seguirá lucindo o seu cartel de candidato á alcaldía de Ourense na sede da rúa Arcediagos e seguiremos lembrando as súas intervencións cheas de forza, optimismo e ilusión.

Dende o PCG, XCG e Esquerda Unida, queremos trasladar toda a nosa forza e agarimo para a familia e achegados.

Camarada, que a terra che sexa leve!

Decepciónante e inútil reunión. Así cualifica André Abeledo a xuntanza con Santiago Font conselleiro delegado de POLIGAL . “Foi como falar cunha parede”.

Abeledo entende que Santiago Font viña a comunicar a decisión do Grupo Empresarial de pechar a súa planta en Narón, e non tiña o menor interese en buscar alternativas ou artellar solucións para evitar o peche.

Ademais Abeledo afeoulle a Font a oferta de recolocar a uns 20 traballadores para “aproveitar” a súa gran experiencia, é algo case insultante, é recoñecer a valía dos traballadores e pretender que teñan que emigrar para seguir traballando en Polonia ou Portugal.

André Abeledo indicoulle aos representantes da empresa, que o único que sacaba en limpo da posición do grupo empresarial é que recoñecen o brutal impacto que para unha comarca tan castigada como Ferrolterra ten este feche, que son conscientes do drama que supón para máis de cen familias este feche, que saben que van a botar a rúa a traballadores cunha idade media de entre 45 e 50 anos, e que a pesar de todo pretenden seguir adiante co feche.

Abeledo insistiu na deslocalización encuberta ao pechar a planta en Narón, “vostedes deixan de ter plantas no estado español con esta decisión, é unha decisión ata antipatriótica”.

Abeledo advertiu que “non imos a agardar ao concurso de acredores, nin a decisións xudiciais para dar resposta a esta decisión medida en termos económicos e non humanos”.

“Vostedes nos empuxan a unha longa loita político social. Que vai ser mala para todos, e tamén pasará factura ao seu grupo empresarial”.

A pobreza ten cara de muller: Prestación de invalidez

Victoria Portas. Experta en Seguridade social. Comisión legal COESPE e Modepen


As pensionistas por incapacidade permanente (IP), por enfermidade ou accidente e todas aquelas enfermas crónicas e/ou dexenerativas, con limitacións funcionais, físicas ou psicolóxicas, son abandonadas polo Sistema a súa sorte.

Nalgúns casos, a estes pensionistas recoñéceselle unha Incapacidade que, lonxe de ser suficiente para unha vida digna, lévaas a un empobrecimiento no momento de maior vulnerabilidade, e no peor dos casos, nin tan sequera se lles recoñéces dita Incapacidade aínda que se atopen invalidadas para poder desenvolver unha actividade profesional.

En xaneiro de 2019 o número de mulleres que perciben unha prestación de invalidez ascendeu a 344.677, correspondendo a un 36,13% do total de IP. Un 74,38% perciben unha contía inferior ao SMI.

Se a Incapacidade Permanente é unha prestación económica que trata de cubrir a perda de ingresos que sofre unha traballadora cando, por enfermidade ou accidente, ve reducida ou anulada a súa capacidade laboral, non se pode explicar que se perciba en contías de subsistencia xa que é o único ingreso destas mulleres con enfermidades crónicas ou dexenerativas e invalidantes.

As patoloxías crónicas ou dexenerativas e as derivadas de determinados accidentes, fan que as capacidades familiares, sociais e laborais vaian minguando a medida que a enfermidade progresa e/ou se sofren niveis de maior gravidade. A todo iso, súmanse as enfermidades asociadas a estas patoloxías ( comorbilidades) e as súas secuelas correspondentes non valoradas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ou polos Servizos de Valoración de Discapacidades ( EVI).

O informe do Movemento pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen) “FENDA DE XÉNERO: A POBREZA TEN CARA DE MULLER” resume as enfermidades que, aínda que para os especialistas da Saúde son enfermidades crónicas potencialmente incapacitantes pero, non están recoñecidas no baremo de enfermidades e que sofren, principalmente, as mulleres:

  • Migraña. É unha enfermidade que ten como síntoma principal a dor de cabeza, pulsátil, unilateral, acompañado de náuseas ou vómitos, sensibilidade á luz ou os sons, usualmente moi intenso e incapacitante para quen o sofre. É unha afección moi frecuente, cuxo orixe é unha combinación de factores xenéticos con ambientais, que afecta a entre o 11 % e o 16 % da poboación xeral, sendo a incidencia moito máis alta nas mulleres.
  • Diabetes tipo 2. Trastorno metabólico que se caracteriza por hiperglucemia. Afecta a mulleres en idade avanzada.
  • Hemorroides. Producidas maioritariamente tras embarazos e partos.
  • Alerxias. Polo constante contacto con alérgenos como poles ou po dos labores do fogar.
  • Cancro de mama. Con 25 mil casos novos ao ano e unha prevalencia de 5 anos, cuxos tratamentos producen lesións e/ou enfermidades asociadas que non se valoran.
  • Varices. As varices sófrenas unha de cada cinco mulleres.
  • Celiaquía. Enfermidade que afecta ao 1% da poboación e sendo dúas veces máis frecuente en mulleres.
  • Enfermidades do aparello locomotor, máis frecuentes en mulleres que en homes, entre elas, a artrite reumatoide, inflamación das articulacións que produce dor, hinchazón e rixidez das mesmas, é tres veces máis común en mulleres que en homes.
  • A fibromialxia, que afecta máis as mulleres nunha proporción de entre 3 e 7 a 1, produce dor en músculos, articulacións, ligamentos e tendóns de forma xeneralizada.
  • A osteoporose, perda de calcio nos ósos, que afecta a 1 muller por cada catro homes.
  • Síndrome de Sjögren ( SS). Enfermidade inflamatoria, autoinmune, crónica, que se caracteriza por infiltración das glándulas exocrinas por linfocitos e células plasmáticas maioritariamente sufrida por mulleres asociada a outras enfermidades de carácter reumático.
  • Endometriosis, que afecta as mulleres durante a súa vida reprodutiva, é unha enfermidade inflamatoria, o que á súa vez ocasiona adherencias entre órganos.
  • Trastornos psicolóxicos, ansiedade, fobias e alteracións da conduta alimentaria, todo iso derivado da sobrecarga ou a tensión da muller ao longo das diferentes etapas da vida.

Todas elas, son enfermidades, que imposibilitan manterse no mercado laboral segundo o informe de Modepen, e dificultan conseguir un posto adaptado a esas limitacións. Así mesmo, requiren constantes revisións médicas, probas clínicas, tratamentos, hospitalización e/ou incapacidades temporais (baixas médicas) pola aparición de novas patoloxías, lesións, síntomas, empeoramento das xa existentes ou recaída. Isto leva á traballadora á perda constante de parte do seu salario polos seus problemas de saúde e a medio prazo a condena ao despedimento xa que o mercado laboral non protexe a @dicha traballadoras.

Doutra banda sofren o copago farmacéutico, co que estas mulleres ven incrementado enormemente os seus gastos en medicacións e produtos sanitarios que se quedaron fóra da cartilla da Seguridade Social, debido ao RD 16/2012.

A discriminación de trato hai que sinalalo en función da CCAA pois segundo na que se viva será un agravante xa que non todos os centros sanitarios contan cun acceso equitativo e integral en todos os casos. Isto tradúcese en problemáticas tales como non poder acceder a unidades de referencia especializadas, terapias, tratamentos, medicamentos, etc.

Para iso é necesario a actualización de baremos e clasificacións de determinadas enfermidades e lesións que, segundo as recentes investigacións, teñen un claro compoñente crónico e/ou irreversible. Onde o informe de síntese, apóiese en feitos obxectivos e probados (diagnósticos, probas, tratamentos, efectos adversos…), e onde a “dor” sexa baremable.

A formación de equipos multidisciplinares supoñerá un avance en dúas vertentes: dun lado, a atención integral das pacientes crónicas será unha realidade e con iso unha mellor atención e por outro, supoñerá un gran aforro para o propio Sistema de Sanidade e farmacéutico.

Non podemos permitir que un número tan elevado de poboación feminina véxase invalidada para desempeñar un traballo remunerado. Esta situación non soamente sófrena elas consentes senón tamén os menores baixo a súa tutela e familiares ao seu cargo.

Ante o abandono das institucións que as deixa nunha situación de exclusión social, esiximos a aprobación da Lei de Cronicidade.


Vitoria Portas Mariño (Pontevedra, 1976), experta en Relacións Laborais, compaxina o seu traballo de Asesoría Laboral e de Seguridade Social coas súas actuais funcións na Comisión Legal da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións (COESPE), como colaboradora da Federación de Sindicatos Mundial (FSM) e como membro do Movemento Galego en Defensa das Pensións ( MODEPEN).

 

 


A pobreza ten cara de muller: A desigualdade no mercado laboral

A pobreza ten cara de muller: As tarefas domésticas

A pobreza ten cara de muller: Servizo doméstico

A pobreza ten cara de muller: Impacto da fenda de xénero sobre a protección social

A pobreza ten cara de muller: A violencia patriarcal na sociedade

A pobreza ten cara de muller: Prestación de viuvez, pensión a favor de familiares e prestacións non contributivas

A portavoz do BNG, Ana Pontón, parabenizou ás galegas pola mobilización deste domingo, anticipo do seguimento masivo que augurou á folga feminista do 8M para deixar unha mensaxe clara: “As galegas non imos quedar nin caladas nin submisas ante os novos ataques aos nosos dereitos e liberdades”.

A dirixente do Bloque criticou que, nun momento de involución no que se cuestionan as reivindicacións feministas, o presidente da Xunta pretenda instalarse nunha suposta equidistancia.

“Sorprende que Feixóo se poña lazos lilas pero sexa incapaz de apoiar á folga do 8M. Por que lle causa urticaria esa folga, por que non é capaz de apoiala?”, interpelou Pontón tras lembrar que o PP votou en contra desa mobilización e en contra de prohibir os ventres de aluguer no pasado pleno en sendas iniciativas no BNG.

“Preocúpame ver ao PP branqueando os seus pactos coa extrema dereita co apoio do presidente da Xunta, dándolle pábulo a quen está atropelando os dereitos das mulleres porque iso ten consecuencias. Quen pacta coa extrema dereita é cómplice do seu discurso e iso é o que está avalando Feixóo”, denunciou.

Contra eses discursos neomachistas, especialmente perigosos porque pretenden disfrazase de feminismo, “é importante mobilizarse” para reclamar mais medios para loitar contra a violencia machista, para acabar coa fenda salarial, para que os gobernos asuman que os coidados son unha tarefa colectiva non das mulleres, para reclamar igualdade real e para evitar dar nin un só paso atrás.

“Na rúa, nas institucións, nas urnas”, os tres espazos nos que Pontón instou a mobilizarse, en particular de cara as vindeiras citas electorais que arrancan coas xerais do 28 de abril, cuxo decreto de convocatoria publica mañá o BOE, poñendo fin ao que cualificou como “lexislatura perdida para Galiza”. Unha lexislatura que deixa unha dobre ensinanza.

Primeira: Galiza necesita recuperar voz propia no Congreso da man dunha forza política como o BNG sen ataduras, que dea a cara polos galegos e polas galegas, tras constatar que as forzas políticas estatais non supoñen máis que unha mera alternancia na discriminación a este país.

Segunda: a incapacidade da esquerda española para reverter os recortes en dereitos e liberdades da dereita, fronte a un PP en minoría. Aí seguen as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE.

“Para os partidos estatais Galiza ocupa un papel secundario e manteñen un esquema centralista, de agravio e de espolio dos nosos recursos”, salientou Pontón,  “foi unha tremenda decepción ver como despois dunha década de recortes dun PP afogado pola corrupción, o Goberno de Sánchez continuou polo mesmo camiño da discriminación.

A modo de exemplo, a morna reacción cando están na picota 400 empregos en ALCOA,  as novas subas na estafa das peaxes da AP9, a negativa a unha tarifa eléctrica galega, a débeda co Porto da Coruña mentres se condona a do Porto  de Valencia ou os orzamentos pactados con En Marea-Podemos, os de menos investimento en 17 anos.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, e Raquel Bernárdez, coordinadora da área da Muller de Esquerda Unida, veñen de presentar en rolda de prensa en Compostela as diferentes xornadas que se levarán a cabo cara ao 8M, Día Internacional da Muller Traballadora baixo o título: “Feminismo para mudalo todo”.

Raquel Bernárdez, coordinadora da área da Muller de Esquerda Unida e primeira en falar, lembrou que “agora estamos a presenciar como o movemento feminista é atacado dende os sectores máis conservadores, coa irrupción da ultradereita cun programa que rexeita o aborto libre, as listas paritarias e que leva no seu programa a derrogación da Lei de Violencia de xénero; todas elas conquistas do feminismo nos últimos anos. Onte escoitabamos a Feijóo dicir ás feministas como temos que ser feministas, o que agacha o descoñecemento da Teoría e da Historia Feminista”.

Ante este contexto, dende Esquerda Unida temos claro que “non imos dar un paso atrás na loita feminista” e, para seguir traballando nesta liña e “darlle a voz ás mulleres que están en loita”, arrancamos as xornadas feministas. A primeira charla terá lugar na Coruña este xoves 7 de marzo, e versará sobre a fenda salarial, a cargo da nosa coordinadora, Eva Solla.  A segunda charla será en Vigo, o mércores 20 de marzo, sobre a situación das traballadoras do mar, coa nosa senadora Vanessa Angustia. A última será en Ourense, o venres 22 de marzo, co título “Tempo de Traballo Corresponsable, unha proposta para outro modelo igualitario de sociedade”, a cargo da deputada Yolanda Díaz. Nestas xornadas participarán tamén outros colectivos e organizacións volcadas na loita feminista.

Pola súa banda, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, cargou contra “os movementos vacuos que queren rematar coa idea do feminismo” e falou da “importancia deste 8M” e das reivindicacións “máis básicas” dos dereitos das mulleres, “entre as que destacan a situación terrible de fenda laboral, que chega a un 30% en Galicia, un máximo histórico, así como a precariedade laboral”.

“Esquerda Unida elaborou o documento: ‘A cuantificación da Fenda Salarial en Galicia: canto e porqué as mulleres cobran menos que os homes’, un informe que reflicte a necesidade de rematar coa fenda salarial, que lastra a emancipación das mulleres no noso país e que trasladaremos ás centrais sindicais galegas, colectivos e asociacións feministas”, di Eva Solla.

“Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, no ano 2016 as mulleres ingresaron 5.480 euros anuais menos cos homes, un dato relevante que incide na feminización da pobreza”, apunta Solla, que lembra que “a fenda salarial está causada por motivos como a precariedade laboral, a temporalidade dos contratos (o 75% das persoas que traballan a tempo parcial son mulleres: que traballan menos horas de xeito non voluntario, tal e como reflicten os datos que saen hoxe sobre o desemprego) e polo diferente valor que se lle da ao traballo realizado polas mulleres en comparación co que fan os homes”. Un exemplo deste último punto é que, no sector de servizos o convenio de limpeza e de edificios e locais, maioritariamente feminino, ten un salario bruto de 14.591 euros para unha limpiadora, mentres que o de empresas de seguridade ten un salario de 17.177 euros para unha categoría básica de vixiante de seguridade, ocupado maioritariamente por homes.

Ademais dos factores xa mencionados que afondan na fenda salarial, o documento elaborado por Esquerda Unida sinala outros elementos que afectan á promoción interna e á carreira profesional das mulleres, provocados en boa parte porque son estas as que asumen a maior parte do traballo de coidados. Segundo a EPA, un 95% das persoas con redución de xornada por coidados teñen faciana de muller.

En resumo, dende Esquerda Unida entendemos que este 8M enmárcase nun contexto onde as mulleres vivimos unha situación de desigualdade obvia en canto salarios e ao que o acceso a dereitos básicos se refire. Entendemos que o noso papel pasa por animar ás mulleres a que secunden a folga do 8M, que sirve para visibilizar a situación que estamos a vivir e a loitar polo cambio que precisamos na nosa sociedade.

Os escritores que teimaban en comer

Iria Bouzas

Algo está a pasar no mundo galego das palabras. As cousas están a moverse inda que as veces, ese movemento queda un tanto soterrado fronte á inxente cantidade de novas que temos sobre a política patria.

Acho que hai una xeración de novos columnistas galegos que están a facer opinión, e en moitos casos tamén información, de un xeito totalmente diferente ás correntes maioritarias de xornalistas que semella que as veces, só lles dan usos ós teclados para falar unha e outra vez dos mesmos monotemas referidos a política e políticos.

Ilustración de Javier F. Ferrero

Hai disgregados polos medios do país, e tamén polos medios españois, uns cantos seres botados para adiante que adican as súas columnas a falar de cousas diferentes. Tocan diferentes temas da vida cotiá pero que por ser máis ordinarios non son por iso menos importantes.

Algúns destes articulistas están agachados en medios máis pequeniños e outros, son xa parte de medios máis coñecidos, pero todos teñen algo en común, alén de seren galegos, están a innovar facendo o mundo do artigo xornalístico algo ben distinto do que tiñamos ata o de agora.

Unha xeración nova de persoas que teñen algo que contar pero que o fan con ideas de seu, sen repetir as consignas pesadas e aburridas nas que ultimamente estase a converter o xornalismo español.

Non vos vou nomear un por un estimados compañeiros, porque non quero esquecer a ninguén e non teño nin corpo nin idade para facer archienemigos no mundo das letras por mor de esvarar ó parvo pola miña memoria de señora entrada en anos. Comprendede que iso sería meterme de balde nun carallal de moito coidado, tendo en conta, ademais, que xa teño o carné de baile cheo de archienemigos despois de ter pasado un tempo metida en choios destes da política.

Gálica una xeración nova de escritores. Seica non tan nova pola produción literaria como polo tempo que levan publicando. Os lectores, temos cada pouco o lanzamento da obra dun autor novel que da que, de súpeto todo o mundo fala, e temos que facer un novo oco na balda de escritores favoritos.

Temos varios medios novos. Medios que inda que non son masivos son medios moi interesantes de descubrir. Lugares onde non hai políticos repartecartos metendo o fuciño, e nótase perfectamente esa ausencia de Papá Noeles das subvencións no nivel de crítica e de liberdade có que escreben os autores que neles publican.

En pouco tempo teremos un xornal en galego. Un xornal que nace da vontade de máis de 3.000 persoas que estiveron dispostos a crer na posibilidade de facer un xornalismo diferente. Darémoslle una calorosa benvida os que fai tempo que pensábamos que facía moitísima falta.

Algo estase a mover nas letras galegas, pero tamén algo está a faltar.

Os lectores, temos que facer un exercicio de responsabilidade persoal. Se queremos contidos en galego, temos que estar dispostos a pagar por eles.

Os autores teñen a teima de comer. Non moito e seica non moi ben, pero de cando en vez teñen que botarlle algo ó bandullo para seguir alimentando ó cerebro.

Ninguén que non estea baixo o efecto dos psicótropos, decide adicarse a isto das palabras con fin de facerse rico. Pero tan sequera, non pasar demasiadas penurias en nome da creatividade.

Se queremos cultura en galego, temos que pensar en inverter nela. Merquen libros en librerías (a ver se agora van a regalarlle cartos ó Señor Bezos pensando que é de Lugo), merquen revistas, merque xornais, subscríbanse ás páxinas que lles interesen…fagan o que poidan e ata onde poidan pero non deixen toda á responsabilidade nos autores que, por desgraza, as palabras inda non se comen.

Moitas veces dáme por pensar que estamos a por todo o peso da supervivencia da cultura escrita nos autores, e iso, ni é xusto nin é sostible.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies