SATURDAY 20 APRIL 2019

Critica o “cutre” balance en materia de autogoberno: Dez anos, cero transferencias porque non confía nas capacidades de Galiza e actuou “como palmeiro da recentralización”

A portavoz nacional, Ana Pontón, ve positivo que o PP, -agora que está na oposición e aínda que sexa por electoralismo-, vaia apoiar a Lei de transferencia da AP9 redactada e impulsada polo BNG no debate que terá lugar o vindeiro martes no Congreso, despois de pasar anos vetando a xestión galega desta infraestrutura tanto desde o Goberno de Raxoi como na propia Cámara baixa.

“Quen impediu a transferencia da AP9 foi o PP porque xa votaron en contra da transferencia en 2015 no Congreso e se agora, grazas a unha moción de censura que os desaloxou do Goberno co apoio do nacionalismo, levantan o veto e votan a favor dunha Lei redactada polo BNG, benvido sexa”, salientou Pontón, “esa lei non a redactou nin vostede nin o PP, redactouna o BNG”, recalcou.

A dirixente nacionalista utilizou a sesión de control para denunciar o “paupérrimo” balance de Feixóo en materia de autogoberno, pois tras unha década en Monte Pío foi incapaz de conseguir nin unha soa transferencia para Galiza e, por contra, abrazou a estratexia recentralizadora do PP. “Dez anos, cero competencias, ese o seu récord”, ironizou, tras definir ao presidente da Xunta como “palmeiro” do centralismo.

“Lonxe de avanzar, con vostede retrocedemos porque o seu balanzo en autogoberno é tan cutre que nos fixo perder peso político e perder oportunidades para mellorar a vida das persoas, é tan cutre que nin sequera conseguiu que o PP permitira o debate da transferencia da AP9, só logrou o veto e que subiran máis as peaxes”, denuncio.

De feito, Pontón responsabilizou ao presidente do PPdeG de ser o responsable “do maior ataque ao autogoberno” de Galiza nos últimos anos, “aplaudindo” as leis recentralizadores aprobadas en Madrid e permitindo a desaparición dunha ferramenta tan importante como a sistema financeiro galego, “co seu silencio cómplice”. “É o Estado quen decide canto podemos gastar, quen decide cantos profesores e médicas podemos contratar, quen decide que impostos pagamos e fai un reparto inxusto quitándonos recursos que necesitamos para servizos públicos”, argumentou Pontón para denunciar o peso “abafante” da recentralización.

A dirixente do Bloque instou a Feixóo a “descolgarse” da ofensiva recentralizadora do presidente do PP, Pablo Casado: “Deixe  claro que  o profesorado vai seleccionarse aquí, non en Madrid,  e que coñecerá o idioma deste país”, ademais de propoñerlle a defensa dunha axenda galega para reclamar un paquete mínimo de competencias, entre as que citou tráfico,  trens, portos e aeroportos, bolsa de estudos e un marco galego de relacións laborais para poñer fin á precariedade.

Fronte a esa falta de ambición de Feixóo,  Pontón salientou que o BNG si confía no potencial deste país, definiu  Galiza como nación e deixou claro que o actual marco constitucional está superado.

“Se necesita o apoio do BNG para exercer como presidente da Xunta e reclamar para Galiza o que lle corresponde vaino ter, todo o apoio do BNG, a ver se agora que non gobernan en Madrid espertan do seu soño. O que defende o BNG é que Galiza é unha nación con dereito a decidir o seu futuro e que ningunha decisión adoptada fai corenta anos pode privarnos dese dereito”, recalcou.

Pontón replicou a Feixóo que o único xiro político foi o do PP coa súa aproximación á extrema dereita, “acercándose a un partido racista, xenófobo, homófobo, machista e antigalego, ese é o xiro do PP”, concluíu.

As mobilizacións en defensa dos servizos de pediatría no rural espállanse polo País. Son varios os concellos nos que se veñen rexistrando ante o colapso e a incapacidade da Xunta de Galicia para explicar o desmantelamento que está a levar a cabo. Cuntis foi un dos primeiros en saír á rúa, levamos catro semanas consecutivas esixindo na rúa a reposición do servizo de pediatría e para este mércores está convocada a gran manifestación que visibilizará aínda máis unha demanda absolutamente unánime no noso municipio. Os catro grupos da Corporación mantemos a unidade na convocatoria deste mércores dende o Centro de Saúde, para manifestarnos ás oito do serán percorrendo as rúas da vila ata a Casa do Concello.

Para Veciñanza, en palabras noso voceiro municipal Santi Martínez, “o que está en xogo non é unicamente canto tempo nos vai manter a Xunta de Galicia sen pediatra, senón que nos xogamos se nun futuro imos poder dispoñer en Cuntis dunhas condicións mínimas e uns servizos públicos garantidos para vivir con dignidade no rural. Alberto Núñez Feijóo proclamaba ao comezo deste mandato que esta ía se ‘a lexislatura do rural’, e o único que prosegue é o desmantelamento de servizos e o deterioro de condicións para fixar poboación nel.”

Veciñanza está a desenvolver unha intensa campaña de difusión e chamamento a acudir á manifestación, tanto en redes sociais coma no día a día na vila. Unha vez constatado o respaldo unánime que estamos seguros vai recoller a manifestación deste mércores, os catro grupos políticos da Corporación analizaremos a maneira de darlle continuidade ás mobilizacións, que continuarán a semana próxima. En todo caso, a mensaxe para a Xunta de Galicia é clara: non imos consentir pasivamente que continúe o deterioro da nosa sanidade e o desmantelamento dos servizos públicos.

Vídeo | Alcoa non se pecha

Felicidades a xente traballadora de Avilés e de A Coruña. Defender os seus dereitos é defender os dereitos de todos os traballadores e traballadoras de este país.

Considera “inspirador” o proxecto do Frente Amplio que demostrou que se pode saír da crise xerando benestar para a maioría social

O BNG propón recuperar o lectorado de galego na universidade deste país, para difundir lingua e a cultura e como recoñecemento á diáspora

Encontro co Patronato da Cultura Galega e coa directiva do Centro Galizia de Montevideo

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, pecharon a última xornada en Montevideo cunha reunión dunha hora co presidente da República de Uruguai, Tabaré Vázquez, con quen compartiron análise da actualidade política de ambos países e do contexto internacional, encontro no que coincidiron en destacar o peso e a importancia que ten xogado e que aínda xoga a colectividade galega neste país.

“Analizamos a situación política, en particular a da colectividade galega, tendo en conta que Uruguai é, proporcionalmente, o país americano con máis residentes galegos”, indicou Pontón, quen destacou o “cambio transformador” que as políticas desenvolvidas polo Frente Amplio desde o Goberno da república trouxeron para a sociedade.

“O Frente Amplio conseguiu un cambio en Uruguai, conseguiu reducir a pobreza, reducir o desemprego, logrou manter o país cun nivel estable de crecemento e iso é un logro que temos que valorar”, indicou a líder nacionalista, que ve nesas políticas un referente para o BNG.

“É evidente que a realidade de Galiza e de Uruguai son diferentes, pero as políticas do Frente Amplio son un referente para o proxecto nacionalista e de esquerdas do Bloque, e demostrou como un país pode saír da crise a favor da maioría social con políticas alternativas ás da dereita, demostrou que é posible saír da crise recuperando emprego e benestar para as persoas. Isto é inspirador a respecto do que o BNG defende para o noso país”, salientou Pontón.

Encontro con Tabaré VázquezNo encontro tamén se abordaron “distintos proxectos que ten a colectividade galega”, sinalou a portavoz nacional, así como interese en seguir dialogando “respecto dalgunhas reformas legais que se están levando a cabo en Uruguai e que poden servinos de exemplo”.

Pontón e Miranda completaron a última xornada en Montevideo con encontros coa diáspora, a través de reunións con responsables do Centro de Galiza e do Patronato da Cultura Galega, co que adquiriu o compromiso de trasladar ao Parlamento a proposta de recuperar o lectorado de galego na universidade de Uruguai, suprimido polos recortes.

“O Patronato da Cultura Galega en Montevideo está facendo unha importante labor na defensa da identidade, da cultura e da lingua galega”, indicou a dirixente do Bloque, “e asumimos a proposta de recuperar o lectorado galego na Universidade de Uruguai polo que significa de promoción da lingua e da cultura de Galiza, pola súa contribución ao ensino da nosa propia lingua pero tamén porque é unha obriga coa comunidade galega neste país”.

Pontón e Miranda salientaron o simbolismo do Centro de Galiza en Montevideo, porque foi o lugar onde se constituíu e onde se reuniu o Consello de Galiza, “alí estaba Castelo e todas as persoas exiliadas que seguiron mantendo viva a idea da nación galega”. A delegación galega pasa agora a Bos Aires onde continuará a súa axenda de contactos coa diáspora e coa esquerda social e política deste país, nunha capital que, durante décadas, mereceu o título de quinta provincia galega.

A eurodeputada do BNG considera que ademais de responsabilidades técnicas no accidente existen responsabilidades políticas

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamenta que o xuíz instrutor do accidente do Alvia, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, dea por rematada a fase de instrución sen investigar a fondo as causas do accidente.

“É curioso que o xuíz propoña a apertura de xuízo unicamente contra o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e contra quen no seu momento foi director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte”, manifesta Ana Miranda, quen considera que ademais de responsabilidades técnicas na desconexión do sistema de seguridade tamén existen responsabilidades políticas, máis alá da que se lle pode botar a Cortabitarte por desconectar o sistema de control da velocidade dos Alvia un ano antes do accidente.

Para a eurodeputada nacionalista, xa que o xuíz considera que Cortabitarte autorizou a desconexión sen realizar previamente unha avaliación do risco que se podía inferir desa desconexión “sería necesario que decidise chegar ao fondo desa cuestión e investigar por que non se realizou esa avaliación de riscos”.

Axencia Ferroviaria Europea

Ao seu xuízo, deste xeito a investigación “queda coxa”, mentres que pola contra, podería avanzar se citase a comparecer ao do Director da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Josef Doppelbauer, e ao xefe da unidade de Seguridade Ferroviaria, Christopher Carr. Hai que lembrar que Ana Miranda é a denunciante por procedemento de infracción contra o Estado español por vulneración da normativa comunitaria aplicable no momento do accidente.

Precisamente, a normativa comunitaria esixe que o Estado español debía ter velado porque RENFE e ADIF aplicaran obrigatoriamente as medidas necesarias de control de riscos, coa responsabilidade de que houbera unha explotación segura do sistema ferroviario e do control de riscos creados nel, tal como esixe a Directiva Marco de Seguridade Ferroviaria de 2004 e o Regulamento do Método Común de Seguridade de 2012.

Esta normativa esixe realizar unha avaliación de riscos integral nos sistemas estruturais (Infraestrutura, enerxía, control de mando e sinalización, sistemas de xestión do tráfico ferroviario…) e tanto RENFE como ADIF eran responsables da súa parte do sistema e da explotación segura.

Informe da ERA

Ana Miranda lembra que o primeiro informe da ERA, de xullo de 2013, que cuestionaba a investigación feita pola CIAF, xa afirmaba que non se comprobara a avaliación previa de riscos, o estado da vía e do tren”. “Non podemos esquecer que foi grazas a ese informe europeo que tres días despois a Audiencia Provincial da Coruña reabrira o caso citando a responsables técnicos de ADIF e RENFE”.

Tras a denuncia presentada en xullo de 2017 e que está pendente de resposta pola Comisión Europea, a Comisión comprometeuse coa denunciante a preparar un novo informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) para avaliar a transposición da normativa no momento presente. Para abrir un procedemento de infracción, a Comisión Europea ten que avaliar a situación actual xa que se non se cumpre agora, non se cumpriu no pasado.

En Marea denuncia a inaceptable falla de compromiso do Goberno do Estado con Galicia, e ínstao a ter en conta as necesidades da Comunidade e a traballar para favorecer o seu desenvolvemento económico. A formación acolle con estupor a nova que chega dende o Consello de Transportes da Unión Europea, ante o que, contra toda lóxica e incorrendo nun inaceptable agravio comparativo, o Executivo estatal non defendese a inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico de Mercadorías.

Hai escasos días a Comisión de Transportes do Parlamento Europeo aprobaba a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico. Dábase, con esa primeira aprobación, un primeiro paso fundamental de cara á materialización dunha demanda que En Marea leva tempo defendendo; e logo da que unicamente quedaba agardar a aprobación definitiva do trazado por parte de Europa, asumindo o Consello da UE dita proposta.

En Marea considera intolerable que, en lugar de apostar de xeito decidido pola defensa dos intereses galegos, o Goberno obvie por completo á Comunidade, deixándoa á marxe da súa defensa ante o Consello de Transportes da Unión Europea. E é que, se ben o Executivo central si defenderá nese foro a ampliacion do Corredor Mediterráneo, non fará o mesmo coa conexión Vigo-Porto, nunha inaceptable mostra de ninguneo, máis grave se cabe logo da boa disposición amosada ao respecto pola Comisión de Transportes do Parlamento Europeo.

Este luns, 3 de decembro, tratouse nunha xuntanza do Consello de Transportes da Unión Europea o documento-proposta sobre a Rede Transeuropea de Transportes que definirá, entre outras, a columna vertebral de dita rede a través da aprobación dos corredores principais que conforman a Rede Básica dentro do mecanismo Conectar Europa, así como do seu financiamento. Un foro ante o que o Goberno de España ten deixado de lado as necesidades de Galicia, obviando a ampliación do Corredor Atlántico que precisa Galicia e centrando a súa defensa unicamente no Corredor Mediterráneo.

Así as cousas, En Marea esixe explicacións ao Goberno español sobre a non inclusión da conexión galega na proposta defendida polo executivo estatal ante o Consello de Transportes da Unión Europea da Rede Transeuropea de Transporte. E anuncia a presentación de iniciativas, tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso, para demandar o apoio á inclusión da liña Vigo-Porto na Rede Básica.

Tal e como destaca o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, a incorporación da liña Vigo-Porto ao Corredor Atlántico suporía un impulso de vital importancia para o desenvolvemento económico de Galicia. Así as cousas, En Marea insta ao goberno da Xunta a non permanecer de brazos cruzados e a actuar, realizando unha defensa desa conexión á altura das necesidades. Algo que ata o momento o executivo de Núñez Feijóo non ten feito.

“A potenciación do Eixo Atlántico é tan estratéxica como a do Corredor Mediterráneo, e é intolerable que isto se produza”, indica Sánchez, que lamenta a inactividade do Goberno central, así como a connivencia do galego. “Dende En Marea demandamos explicacións aos gobernos galego e español sobre o acontecido”, indica o voceiro, que entende imprescindible que ambos executivos clarifiquen os seus posicionamentos ao respecto.

“A falla de estratexia política do goberno galego a respecto dun tema tan fundamental para o futuro de Galiza é clamorosa, e agardamos, por outra banda, que a insensibilidade do goberno español con respecto ás demandas galegas se abandone”, indica o vicevoceiro de En Marea.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies