SUNDAY 24 MARCH 2019

Pídelle ao conselleiro que saía do seu “planeta Sergas” e negocie cos profesionais do sistema público de saúde

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, pediu ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que saía do seu particular “planeta Sergas, onde non chegan os problemas” e atenda aos profesionais do sistema público de saúde, que denuncian a precariedade e falta de medios nas que teñen que facer o seu traballo tras unha década de recortes e privatizacións do PP.

Tras o dramático suceso no PAC da Estrada, “lonxe de tomar nota, seguen facendo o mesmo e o pasado 29 de Novembro o PAC de Tui estivo sen persoal médico durante máis de dúas horas porque se desprazou á Guarda para cubrir a ausencia de médico”, denunciou Prado, “de novo desvestir un santo para vestir outro, a mesma imprudencia, a mesma temeridade repetida una e outra vez, xogando coa vida das persoas”.

Por iso, a deputada preguntaba ao titular de Sanidade: “Até cando van seguir poñendo en risco a saúde e a vida dos galegos e galegas por non atender as demandas dos profesionais?”.

O BNG tamén denuncia que a Xunta ignore ás demandas dos profesionais da sanidade, desde as reclamacións do persoal do servizo de urxencias do CHUS, “que leva un mes en folga solicitando máis persoal e melloras dun servizo en situación de colapso permanente”, pasando polo persoal do Hospital do Salnés, “que denuncian plantas con multipatoloxías, camas pechadas, e carga de traballo brutal sen reforzos”.

Neste sentido, Prado acusou ao Sergas de comportarse “como a peor das ETTs, realizando contratacións lixo, dun día para outro, de media xornada, sen respectar os días de libranza”. Ás demandas dos profesionais súmase a preocupación e indignación da poboación farta de soportar o deterioro da sanidade pública.

“A cidadanía non está disposta a que a deixen sen pediatras, a que lle pechen os centros de saúde polas tardes durante días e teñen indignada á veciñanza de Cambados, Cuntis, Aldán, Mondariz, Moaña, Soutomaior ou Pontecaldelas”, denunciou. “Son cada día máis as e os profesionais e a veciñanza que protestan para defender unha sanidade pública que é unha conquista moi prezada e non lle van permitir ao PP que a destrúa pinga a pinga”.

Prado deixou claro que a oferta de prazas do Sergas é totalmente insuficiente para compensar e repoñer todos os profesionais que foron expulsados do sistema de saúde público. “Saben cantos anos serían precisos a ese ritmo de oferta para recuperar o emprego que se levaron por diante os seus recortes?”, un deterioro da sanidade pública premeditado “para facer derivacións á privada”.

A deputada nacionalista reclamou ao conselleiro que se poña a negociar cos profesionais da sanidade para dar unha resposta acaída as súas demandas.

O BNG cualifica de insuficientes as accións do goberno para sanear a ría do Burgo

Xosé Luís Rivas anuncia que a eurodeputada do BNG, Ana Miranda levará a Bruxelas os problemas da ría e favorecerá que a Cámara europea escoite aos axentes implicados

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas preguntou hoxe ao goberno polas acción levadas a cabo para sanear a Ría do Burgo e cualificou de “desatino” a xestión da Xunta neste ámbito.

O deputado lamentou que o desinterese da Xunta e unha mala xestión provocara a perda de dous mil postos de traballo e reducido drasticamente a actividade extractiva. “Foron anos de Eres e agora está a amenza de peche”, sentenciou.

Rivas asegurou que o proxecto definitivo para o saneamento integral segue sen publicarse e sen esta publicación non hai orzamento. Mentres pasa o tempo, dixo, asistiremos a unha liorta interesada que obedece á falta de peso político de Galiza. Os parlamentarios e parlamentarias galegas deben presionar e facer valer o noso País para devolver a condición ambiental da Ría do Burgo, unha condición, recalcou Rivas, que nunca, “debeu perder”.

Na Xunta están descansados porque cren que teñen os deberes feitos pero non é así, teñen responsabilidade no retraso da documentación preceptiva, e nos orzamentos e mentres continúan mirando para outro lado “a saúde da ría vai a peor”. Na actualidade, apenas existen 100 mariscadoras e mariscadoras e prodúcese menos do 18% da actividade da actividade extractiva. Por outra parte, tamén denunciou que nin sequera está operativo un local para que os mariscadores e mariscadoras poidan cambiarse de roupa.

ANA MIRANDA LEVARÁ A EUROCAMARA A DEFENSA DO SANEAMENTO

Rivas lembrou que, unha vez máis, e grazas a eurodeputada do BNG, Ana Miranda a Eurocámara volverá a tratar o saneamento das rías de Vigo e o Burgo. Ademais, Miranda favorecerá que se escoiten en Bruxelas, alto e claro, “as voces dos e das afectados”.

O parlamentario comparou a Ría do Burgo cunha “grande factoría” que nun país normalizado estaría a pleno rendemento e convertida nunha fonte de riqueza económica e medioambiental. Facelo posible, manifestou é competencia do goberno galego, concluíu.

Denuncia que carece de “peso político” e que prima á pesca industrial en detrimento da artesanal “que é a que crea emprego e xera rendas no litoral”

A portavoz de Pesca, Montse Prado, criticou a incapacidade da Xunta para defender os intereses da frota galega no marco da negociación das cotas de pesca e do total admisible de capturas que propón a Comisión Europea para 2019, repetindo a mesma escenificación de pretender pasar como éxito o que non é máis que outra volta de torca ao sector, con novas reducións na súa capacidade de pesca traendo a Cámara unha proposta pechada que xa foi negociada e presentada en Madrid.

“Ven a este Parlamento a que señora conselleira”, interpelou Prado, tras lembrar que “Galiza é o país que máis peso relativo perdeu en pesca dentro da UE por decisións tomados desde Madrid e desde Bruxelas que, desde sempre, someteron á frota galega a unhas condicións leoninas baixo criterios prexudiciais nunca revisados”, indicou Prado na súa intervención de réplica á conselleira do Mar.

“O modelo de cotas e de TACs demostrouse demoledor para o mantemento do emprego en Galiza. Un informe do Consello Galego de Pesca indica unha caída da frota do 20% entre 2004-2014 por déficit de cota ou abanderamento noutros países, e a perda de 3.369 persoas afiliadas á seguridade social no sector pesqueiro e da acuicultura”, explicou.

Prado salientou que este país carece dunha cota de pesca acorde ao tamaño da súa frota, e puxo como exemplo o feito de que o Estado español dispón do 9,6% das cotas do Gran Sol e o 22,6% da frota, mentres que Francia que ten un 9,6% da frota dispón dun terzo da cota de pesca neste caladoiro.

A deputada do Bloque atribuíu este reparto prexudicial para Galiza “á falta de peso político” do Goberno da Xunta que, ademais, toma partido pola pesca industrial en detrimento da pesca artesanal. “Non son capaces de exercer peso político para facer valer os dereitos da pesca artesanal galega, que é a crea rendas e xera emprego no litoral, traballan só para a pesca industrial e o gran capital”, denunciou, e tampouco se ten en conta á hora do reparto de cota se o produto se utiliza para consumo humano ou se vai para a elaboración de produtos procesados como fariñas.

Prado preguntou á titular da Consellería do Mar se a proposta de reparto de cota de pesca para 2019 que propón a Comisión Europea “corrixe e compensa a redución de esforzo pesqueiro que fixo a nosa frota para adaptarse aos plans impostos polo poder económico, que tivo consecuencias brutais. Vai esixir compensacións e que se reverta esa situación en lugar de que se acepte un criterio que sigue esixindo a redución de capacidade pesqueira para Galiza?”, interpelou sen obter resposta.

O BNG denuncia que o reparto segue a facerse en función dos intereses dos Estados e non das realidades pesqueiras, primando a pesca industrial do norte en detrimento da pesca artesanal, un modelo que deixa sen dereitos ás comunidades pesqueiras, “unha PPo liberal que o PP non cuestiona pero que deixa a maior parte das cotas de pesca en mans dun puñado de armadores e os dereitos de pesca aos Estados membros”, concluíu Prado.

mércores 5 de decembro de 2018

CCOO é o sindicato que máis aumenta en votos e representación nas eleccións sindicais do ensino

  • Gaña seis delegados e delegadas respecto aos comicios do 2014 e consolídase como segundo sindicato no sector

Comisións Obreiras (CCOO) é o sindicato que máis aumenta en votos e representación nas eleccións sindicais do ensino público non universitario. Respecto dos comicios de hai catro anos, CCOO gaña seis delegados e delegadas e sitúase en 28. Estes resultados consolídano como segundo sindicato no sector.

CCOO é o sindicato que máis aumentou en apoio

CCOO é o sindicato que máis aumentou en apoio

Por provincias, a Federación do Ensino de CCOO gaña con claridade na de Ourense, con oito delegados e delegadas e máis de setecentos votos. Na provincia da Coruña —onde os resultados a esta hora son provisionais— suma dous representantes máis, acadando nove; tres na de Pontevedra, co que agora ten oito; e un máis en Lugo, situándose en tres.
CCOO-Ensino quérelle agradecer á súa afiliación e ao conxunto de votantes o apoio depositado nestas eleccións, que «reforzan o noso modelo de sindicalismo útil e efectivo» que traballa para conseguir melloras para os docentes e loita por un ensino público e de calidade.

CCOO é o sindicato que máis aumenta en votos e representación nas eleccións sindicais do ensino

mércores 5 de decembro de 2018

Nome do destinatario:

Correo electrónico:

Nome do remitente:

Correo electrónico:

Recomendar

Áreas temáticas relacionadas


Áreas – Acción sindical – Actualidade


O teu sindicato – Eleccións Sindicais – Actualidade

O Concello de Manzaneda ven de demandar á Red Eléctrica Española (REE) por incumprimento do convenio asinado no que se comprometía a desmontar a liña obsoleta de alta tensión entre Trives e Aparecida. Así o ratificaba o pleno do Concello de Manzaneda que tivo lugar este pasado 30 de novembro.

Xa con data de 1 de xuño do presente ano, o concello mandoulle un requirimento a REE instandoa a desmontar de forma inmediata a antiga liña de 220 kw co fin de evitar os evidentes perxuizos que a súa existencia actual supón, non recibindo a día de hoxe ningunha resposta por parte da compañía eléctrica.

En setembro do ano 2009, Rede Eléctrica de España S.A., en base ao artigo 4.2 do Real Decreto 195572000, de 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, proxectou o transporte de enerxía eléctrica de nova xeración en Galicia e Castela León.

Argumentouse a necesidade de alimentar electricamente o futuro tren de alta velocidade Madrid-Segovia-Valladolid-Zamora-Ourense-Vigo, ademais de indicar a mellora da seguridade e calidade da subministración en Galicia e Castela-León e posibilitar a exportación da crecente produción de orixe eólica. Razón pola que procedeu á instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 kV, dobre circuíto para conectar as subestacións de Trives (Ourense) e Aparecida (Zamora).

Esta instalación eléctrica contou coa Declaración de Impacto Ambiental favorable da Secretaria de Estado de Cambio Climático, ademais de contar coas preceptivas autorizacións do Ministerio de Industria.

Na parte expositiva das estipulacións, asinadas entre o concello e os representantes de REE, ademais de diferentes compromisos, como o respecto ambiental e a reposición de posibles danos ao seu estado orixinario, sinálase que a nova liña de alta tensión de 9,780 quilómetros, substituiría á actual liña de transporte de enerxía eléctrica de 220 kV de simple circuíto. Afirmando taxativamente que esta última liña será desmontada unha vez que se puxo en servizo a futura liña eléctrica a 400 kV.

É dicir, Rede Eléctrica de España S.A. comprometeuse no ano 2009 a retirar a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 220 kV, simple circuíto, situada entre Trives e Aparecida (Ourense e Zamora) unha vez que estivese en funcionamento a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 kV, dobre circuíto, que conectaría as subestacións de Trives e Aparecida, e cuxo trazado discorre parcialmente polo municipio de Manzaneda (Ourense). Con todo, o devandito compromiso non se cumpriu e actualmente están en funcionamento, desde hai dous anos, e discorren polo municipio, unha liña de 400 kV (simple circuíto) e a antiga liña de 220 kV.

REE cambiou o proxecto a un dobre circuíto 400kV/220kV sobre os mesmos apoios que non foi completado no tramo Conso-Trives no que se mantén as dúas liñas de maneira independente.

En consecuencia, “os veciños e veciñas de Manzaneda, entre outros, teñen que soportar, sete anos despois, dúas liñas de alta tensión ao seu paso por este municipio contravindo así os acordos alcanzados, o que resulta, de xeito evidente, unha anormalidade que debe corrixirse canto antes”, asegurou o alcalde Félix Domínguez.

Tamén no parlamento galego, se aprobou unha proposición non de lei por unanimidade do grupo parlamentar de En Marea instando a Rede Eléctrica de España S.A., como transportista único e xestor da rede de transporte, a:

a) Cumprir, o máis axiña posible, co compromiso adquirido e proceder ao desmantelamento da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 220 kV, simple circuíto, no tramo Conso-Trives, independentemente de que sexa instalado ou non o dobre circuíto sobre os apoios da liña de 400 kV.

b) Rexenerar o trazado da liña, unha vez desmontada, para recuperar da mellor maneira posible o equilibrio ambiental e ecolóxico.

Os incumprimentos de REE, tanto cos acordos adoptados na parlamento galego, como nos requerimentos do Concello de Manzaneda, obriga a este último a demandar a Red Eléctrica Española por incumprimento do convenio asinado.

En Marea reclama solucións urxentes ás graves carencias que atravesan as os servizos de urxencias dos hospitais galegos, e ante as que, a pesar das mobilizacións e folgas impulsadas polo persoal sanitario, a Consellería fai ouvidos xordos. Así o reclamou no pleno do Parlamento a vicepresidenta da Cámara e deputada Eva Solla, que presentou unha moción na que se instaba a poñer solución ao déficit de medios humanos e materias que están a sufrir os nomeados servizos no conxunto dos centros hospitalarios galegos.

Eva Solla denunciou a insensibilidade e a total ausencia de voltade de diálogo da Consellería de Sanidade. Un departamento que “fai augas”, e que en lugar de aportar solucións se empeña en negar o evidente e gravísimo deterioro da asistencia sanitaria.

“Falamos de carencias que son transversais ao conxunto do sistema sanitario e que xeran sufrimento ao persoal, que non pode conciliar, que se vé obrigado a facer gardas e horas extra sen alternativa e sentíndose desprezados, porque non hai ninguén na Consellería que escoite as súas demandas”, denuncia a deputada.

A representante de En Marea lembrou o mes de folga que xa leva o servizo de urxencias do CHUS, así como os dous meses  que pasaron desde que os PACs comezaron tamén a súa folga reclamando profesionais suficientes para dar unha mellor atención. Unha situación límite que, tal e como destaca Eva Solla, representa “o termómetro da grave situación que atravesa o conxunto da sanidade galega”.

“O incremento das urxencias está moi ligado ao deterioro da atención primaria. Moitos profesionais non poden dar atención a domicilio ante o colapso das consultas nos centros de saúde, con agardas de ata dez días que levan ao consecuente incremento das demandas de atención en PACs e Urxencias”. Así o destacou Eva Solla no pleno, no que tamén puxo de manifesto a relación entre a sobrecarga das urxencias e as elevadas listas de agarda nas consultas de atención especializada. “Para oftalmoloxía a agarda é duns 9 meses; cardioloxía, ano e medio. Falamos de situacións que provocan un elevado deterioro da saúde das persoas enfermas, que cando empeoran sen posibilidade de ser vistas polo seu especialista recorren tamén ás urxencias hospitalarias”.

A deputada de En Marea denuncia a “xestión absolutamente nefasta” que o goberno do Partido Popular está realizado da sanidade pública. “A pesar do colapso das urxencias, mantéñense plantas pechadas na Coruña, no Salnés e en Compostela. Abrilas, incrementar a plantilla do sistema sanitario público e cubrir as carencias nos servizos de urxencias é a solución. Tamén elaborar plans funcionais de servizo, e escoitar as demandas dos profesionais”, demanda Solla.

Para En Marea non cabe seguir agardando máis, e ante a pasividade do executivo da Xunta, que durante anos non planificou a necesidade dos MIR ou de enfermería”, esixe medidas que palíen as graves carencias. “Non contrata de forma estable, polo que os profesionais marchan; non se cubren baixas e vacacións; móvese oas profesionais entre servizos provocando descubertos; hai problemas nos PACs, nas urxencias, no 061; hai desabastecemento de fármacos. Faltan pediatras, hai informes negativos do Consello de Contas, temos sobre a mesa a xantaxe de Povisa e segue sen haber ningunha solución real. A Consellería fai augas”, conclúe a deputada.

Coa proposta defendida por Eva Solla o grupo de En Marea fai un chamamento á Xunta de Galicia para incrementar os efectivos profesionais nos servizos de urxencias tanto de atención primaria como de atención especializada de xeito permanente, acordando coas representantes sindicais das e dos traballadores as melloras necesarias no inmediato.

Así mesmo reclama a apertura das plantas e alas inoperativas de xeito permanente, dotándoas co persoal necesario para absorber as necesidades de ingresos hospitalarios e establecer protocolos para asistencia ás persoas pendentes de ingreso. Ademais, considera urxente atender o incremento de efectivos de persoal nas urxencias do CHUS, demandados pola Xunta de Persoal, así como a substitución do 100 por cento das ausencias e o cumprimento dos requirimentos da Inspección de Traballo.

Por último, En Marea pide a elaboración dun plan funcional para as urxencias do Complexo Hospitalario Uuniversitario de Santiago (CHUS) negociado coa Xunta de Persoal e repoñer o material obsoleto nos hospitais do Servizo Galego de Saúde, con especial atención ao material das urxencias do CHUS.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies