SUNDAY 24 MARCH 2019

Compromiso propón que o Centro Integral da Muller de San Lourenzo pase a ser xestionado dende o Concello. O que fora un centro pioneiro en Galicia, ao dar solucións habitacionais, entre outros servizos, dende o ano 1995 até o 2007, a día de hoxe é un centro de día no que se levan acabo distintas terapias e actividades, pero sen resposta residencial.

Dende a formación galeguista acollen a denuncia realizada a semana pasada polo Sindicato Nacional de Policia (SUP), que pon de manifesto a situación pola que teñen que pasar as vítimas de violencia de xénero en Santiago: ir a denunciar e ter que pasar horas na comisaría mentres se tramita o seu ingreso nunha casa de acollida. A dirección local Compromiso entende que “se o Centro de Recuperación Integral da Muller recuperara o seu servizo habitacional, as mulleres denunciantes terían un lugar no estar mentres se tramita o seu ingreso nunha casa de acollida”.

Dende a formación galeguista apuntan que “despois dunha demora de sete anos, do 2007 ata 2015,  a cesión do edificio pasou á Concellería de Benestar Social a principios de 2015, pero non como casa de acollida, xa que abre como centro de día e non ten acollida nocturna”. Os datos, dende principios de 2015 até maio de 2015, son de 34 mulleres atendidas por violencia de xénero e 46 menores de idade.

Para o período 2016 ao 2018 non se facilitan datos, pero non existe un itinerario real para que as víctimas refagan a súas vidas, e máis incluso teñen que abandonar a súa cidade ao non existir un servizo de axuda e inserción integral. Compromiso propón recuperar a xestión por parte do Concello, dando un servizo integral con residencia as 24 horas para as vítimas e menores ao seu cargo, asistencia sicolóxica e xurídica gratuíta,  protocolos de proteccion as 24 horas, nos casos que a precisen, un itinerario de integración laboral e vital e axuda económica de contía igual á renda básica municipal de 530€ a 760€, dependendo dos  menores o cargo.

Tres anos sen touradas na Coruña

O 13 de xullo de 2015, o novo goberno municipal da Coruña suspendía a Feira Taurina por razóns de interese público. Foi unha das primeiras medidas do programa electoral da Marea Atlántica en facerse realidade.

Desde que chegou a Marea Atlántica a María Pita, A Coruña é unha cidade libre de maltrato animal. Non se empregan animais na Feira das Marabillas da Cidade Vella, non se autorizan circos con animais e, sobre todo, non se celebran touradas no Coliseum. Foi hai tres anos, un 13 de xullo de 2015, cando o alcalde Xulio Ferreiro anunciou que se suspendía o contrato para a organización da Feira Taurina.

Naquel día, Xulio explicou que o goberno municipal actuaba “en función do interese común”, nunha cidade na que as manifestacións polo benestar animal reunían máis xente que as propias touradas. Tamén argumentou que a anulación do contrato sairía máis barata que soster a Feira Taurina con fondos públicos. E non lle faltaba razón.

As touradas na Coruña custaron máis de 2,2 millóns de euros en cartos públicos

Nos 20 anos que estiveron a celebrarse, as touradas levaron máis de 2,2 millóns de euros das arcas do Concello, sumando o gasto de adaptar o Coliseum, a cesión gratuita da Banda Municipal e as indemnizacións que se chegaron a pagar por baixo aforo. Durante os anos de Paco Vázquez, nunca custou menos de 93.000 euros anuais. No mandato de Carlos Negreira destináronse máis de 400.000 euros a manter a Feira Taurina.

A empresa organizadora negouse a negociar co Concello e levou o asunto aos tribunais. No pasado mes de marzo, unha sentenza deulle a razón ao Concello e negou que as administracións públicas teñan a obriga de financiar o maltrato de touros.

*A foto que encabeza este artigo é de Galiza Mellor Sen Touradas, e corresponde á manifestación celebrada na Coruña en maio de 2014, á que asistiron unhas 4.000 persoas.

A veciñanza de Touro está a recibir as notificacións do CATASTRAZO, a regularización catastral pola que a parte de pagar unha taxa de 60 euros por inmoble, incorpóranse ás obrigas tributarias do Imposto de Bens Inmobles as construcións existentes nos núcleos rurais, todo tipo de pendellos, hórreos, cortes, na súa maioría construcións agrarias sen actividade.

Fronte a esta “eficacia” recadatoria cara o contribuínte do común, a Administración permite ao propietario da Mina de Touro a evasión fiscal do Imposto de Bens Inmobles. Resulta, que dos miles de metros cadrados de superficie construída de naves industriais que este propietario ten nos terreos mineiros no concello de Touro, só ten declarada unha ridícula construción de cento sesenta e cinco metros cadrados.

O goberno de Touro (Ignacio Codesido, PP) ao tempo que permite a evasión de tributos a Explotaciones Gallegas, fai disposición do diñeiro público para pagar os estragos dos vertidos e lodos que chegan da mina ás rúas de Fonte Díaz e acaban por entullar a rede de saneamento tal e como denunciou recentemente a asociación Aldea Viva.

En Marea Touro vai poñer os feitos en coñecemento do órgano supervisor de Contas, ante o desleixo do rexedor con resultado gravoso para as arcas públicas.

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, fixeron un chamamento á veciñanza da cidade herculina a participar masivamente na celebración do Día da Patria, que o BNG conmemora este ano baixo o lema Sumar por Galiza, precisamente como referencia expresa a unir a todas as persoas que confían no potencial do país para construír un futuro mellor.

“Desde A Coruña facemos un chamamento a participar nunha convocatoria aberta para sumar polo país, aberta a todos os galegos e as galegas que levan Galiza na cabeza e no corazón e que, igual que o  BNG, queren construír un futuro mellor, onde a nosa lingua e cultura podan desenvolverse con normalidade, con emprego digno,  salarios e pensións decentes. En definitiva, construír a Galiza coa que soñamos”, salientou Pontón nun acto de reparto de publicidade do Día da Patria na céntrica Praza de Lugo.

Pola súa parte, Jorquera puxo en valor a tradición galeguista e nacionalista da cidade. “Foi onde naceron as irmandades da fala, onde se fundou a Real academia galega, onde foi elixido Luís Peña Novo primeiro concelleiro nacionalista na historia do país, unha cidade que escolleu como primeiro alcalde da democracia ao nacionalista Domingos Merino, unha cidade de longa tradición galeguista, nacionalista, progresista e republicana e por iso convido a unha celebración masiva do Día da Patria”.

Pontón e Jorquera coincidiron en recalcar a necesidade de que Galiza conte con forzas políticas propias para defender os intereses dos e das galegas, ante uns partidos estatais que se alternan na discriminación a este país mudando o discurso segundo estean no goberno ou na oposición.

“Se algunha nación sen estado precisa un proxecto político propio esa é Galiza, porque padecemos máis as consecuencias do centralismo e padecemos máis ter forzas políticas que non miran pola xente deste país senón polos intereses que marcan as súas direccións a nivel estatal”, alegou Pontón, “e nestas semanas vemos como cambia o guión das forzas estatais en función de se están no goberno ou na oposición, sen preocuparse por unha Galiza que perde oportunidades pero que ten dereito a ganar”.

Por iso, o lema Sumando por Galiza expresa unha urxencia que, salienta Jorquera, “é máis necesario que nunca porque vemos as consecuencias de non ter unha representación propia no Congreso que inflúa na política de estado en beneficio do país,  combinado cun Goberno galego que estivo totalmente subordinado a Madrid”.

Por contra, o Bloque confía  na capacidade e potencial do país, “cun proxecto no que caben todas as persoas que, coma nós,  defenden que temos dereito a construír un futuro mellor desde nós”, proclamou Pontón, instado a esa mobilización masiva o 25X, que este ano cumpre o cincuenta aniversario desde que en 1968 o nacionalismo retomase a súa celebración.

Mobilización, celebración, reivindicación

“Participemos e mobilicémonos porque é importante sumar por este país nun día de celebración e de reivindicación de todas as loitas que están detrás do proxecto nacionalista: A reivindicación do dereito a ter un traballo, a que xuventude non se vexa obrigada a emigrar a que as mulleres vivamos en igualdade real sen ter que sufrir a violencia de xénero”, alegou a dirixente do Bloque.

Pontón concluíu proclamando que o 25X “é un día para unirnos en defensa de Galiza e para mostrar a nosa rebeldía na loita polo noso futuro como país e como pobo”.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, manifestou o apoio do Bloque ás demandas da asociación ambiental Petón do Lobo (integrada en Vida e Ría) para que a Comisión Europea vele polo cumprimento da normativa comunitaria a respecto da industrias mineiras en Galiza e en concreto da explotación San Finx. Precisamente a presidenta da Comisión de Peticións recoñeceu que grazas ao Bloque esta denuncia foi tratada na sesión de hoxe, xa que a intención inicial era pechala.

“Non podemos permitir poñer en risco a actividade produtiva da ría de Noia pola pasividade das administracións, que nin controlan os vertidos nin o impacto ambiental da explotación mineira”, salientou Ana Miranda na súa intervención durante a Comisión de Peticións sobre a situación da mina de wolframio de San Finx en Lousame, que se ben iniciou a súa produción en 1887, na actualidade é intermitente desde o ano 2009.

O colectivo Petón do Lobo, presente hoxe en Bruxelas a través de José Manuel Romarís (secretario de Plademar, integrada tamén en Vida e Ría) , denuncia a contaminación na ría de Noia provocada por esta mina, debido aos vertidos de augas ácidas con altos niveis de metais pesados, como cadmio, cobre e zinc moi por riba dos niveles legais permitidos pola Directiva 2000/60 da Auga e o abandono constante dos residuos.

Para o BNG resulta inadmisible non só a existencia de vertidos, senón que estes se produzan a 7 quilómetros dos bancos de marisqueo, nunha zona catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). En concreto, no caso do cadmio, un metal pesado canceríxeno, eses niveis superan en 16 veces o nivel máximo legal permitido e en 93 a cantidade admisible en promedio anual.

Niveis de metais pesados excesivos

Segundo diversos análises, os niveis de metais pesados nos sedimentos da ría de Noia, en especial no Esteiro de Traba, son significativamente superiores aos do resto das rias galegas. “É necesario poñer fin a esta situación, porque de continuar así chegaremos a un punto de non retorno”, advirte Ana Miranda.

O cambio de titularidade en 2008 das concesións do grupo mineiro á empresa Incremento Grupo Inversor SL. non mellorou a situación. Pola contra, o proxecto de restauración non foi sometido a avaliación ambiental nin foi permitida a participación pública, polo que o problema da contaminación por metais pesados persiste. Ademais, o proxecto de explotación non contempla ningunha medida para o tratamento das augas ácidas procedentes das galerías de desagüe e a escombrera.

Ademais, a asociación formulou diversas preguntas á Comisión Europea co obxectivo de coñecer o uso dos fondos europeos destinados a este proxecto mineiro, o impacto ambiental nas zonas de produción de marisco e a falta de cumprimento das directivas relacionadas co impacto ambiental e os residuos.

José Manuel Romarís, indicou, por outra banda, que xa é longo o percorrido das denuncias presentadas para modificar esta situación. De feito, as corporacións municipais de Noia, Outes e Muros xa adoptaron sucesivos acordos plenarios rexeitando a autorización para realizar vertidos de augas residuais da mina solicitada pola empresa. Igualmente no 2017, a Deputación de A Coruña reclamou de forma unánime á Xunta que realizase unha avaliación da situación das presas mineiras existentes.

Santiago | Compromiso propón papeleiras para o bosque do banquete de conxo

Dende Compromiso propoñen a colocación de papeleiras no Bosque do Banquete de Conxo e súa contorna.

A recuperación do espazo verde para a cidade tivo por resposta unha importante afluencia de visitantes, sobretodo no fin de semana, para pasear polo seu roteiro e incluso xantar na carballeira do banquete.

Dende a formación galeguista piden que se integren na contorna papeleiras para facilitar a conservación da zona e facilitar a estancia e disfrute dos visitantes desta fermosa carballeira e roteiro que, polo de agora, está en bo estado de conservación.

Unha zona de gran afluencia sen servizos

A recuperación deste espazo debe completarse coa dotación de servizos que estean integrados na contorna. Velaí que á dirección de Compromiso indique que “cómpre manter limpas as nosas zonas verdes e por iso hai que poñer os medios para que iso sexa así; por iso énos difícil de entender que aínda non haxa papeleiras”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies