SATURDAY 20 APRIL 2019

Cinco anos despois do accidente do Alvia en Angrois no cal perderon a vida 81 persoas e 145 resultaron feridas, as vítimas e os seus familiares seguen reclamando “verdade, xustiza e reparación”. Nesa xusta reclamación non caben máis cortinas de fume e silencios.Compostela Aberta insta á Deputación Provincial da Coruña a promover a difusión do documental Frankenstein 04155 sobre o accidente.

O deputado provincial de CA, Manuel Dios, lembrou na sesión plenaria da Deputación que o pasado día 24 a plataforma de vítimas do accidente do Alvia celebrou unha serie de actos en Santiago, nos que recibiron o apoio da veciñanza e de boa parte da súa representación institucional, encabezada polo alcalde, Martiño Noriega.

 Xa en abril de 2016, Compostela Aberta promoveu unha moción provincial esixindo unha Comisión de investigación parlamentaria e a difusión do documental producido pola Plataforma de vítimas.

Cinco anos despois, e malia os logros acadados pola plataforma, quedan moitas responsabilidades políticas e xurídicas por asumir para cumprir coa esixencia de verdade, xustiza e reparación. A súa loita segue sendo necesaria e seguirá contando con todo o noso apoio e solidariedade.

O documental pode visualizarse online a través do seguinte enlace: http://vimeo.com/134718028

Compromiso pídelle ao Concello de Santiago claridade sobre o futuro do CSC do Ensanche, xa que as últimas novas apuntan á apertura dun centro de día no local que agora ocupa o Centro Sociocultural.

Dende a formación galeguista piden ao Concello que se pronuncie sobre cal vai ser o futuro do centro e o seu persoal traballador. Este Centro é usado por gran cantidade de usuarios e alberga o único rexistro auxiliar da cidade que, en caso de peche, obrigaría a desprazarse ao rexistro xeral de Galeras para calquera trámite administrativo.

A alternativa de traslado para o entrechán de Xeral Pardiñas, “antigo edificio dos sindicatos”, queda desbotada ao aprobar a Xunta de Goberno municipal o seu uso para actividades socioculturais da área de lingua.

Compromiso ve unha oportunidade para a reformulación do Plan parcial e  darlle un uso social o vello Peleteiro e satisfacer as carencias de usos sociais de todo o Ensanche compostelán.

En Marea Touro considera prioritario un proxecto de transporte público

O concello de Touro sofre graves eivas nos servizos máis básicos, e que en moitos casos son causa de que moita xente decida ir vivir a outros concellos da comarca, afondando aínda máis a crise demográfica que padece.

No vindeiro ano a Xunta vai licitar os contratos do Mapa Concesional do Transporte Metropolitano de Galicia, e Touro ten actualmente un grave problema de mobilidade ó igual que outros moitos concellos do rural galego, mais isto non semella ser unha gran preocupación para o goberno do PP de Ignacio Codesido, que ante a oportunidade e necesidade de presentar unha proposta sólida ao novo plan de transporte metropolitano, decide non facer nada e non ten aínda proxecto ningún que presentar na xuntanza comarcal que terá lugar na consellería; proxectos que si teñen presentado outros concellos da comarca hai meses.

As conexións existentes entre Touro e Santiago son escasas e están mal estruturadas, non son efectivas pola escasa frecuencia nin polos tempos excesivos do traxecto, tampouco permiten a mobilidade interna e non cobren a meirande parte das parroquias, o que obriga á veciñanza a dispoñer de trasporte privado, cada vez menos accesible sobre todo polo avellentamento da poboación.

A Marea de Touro considera prioritario facer efectivo un Proxecto de Mobilidade que preste o servizo de xeito efectivo e dea solución ás necesidades da veciñanza, para ir traballar, para o estudo tanto obrigatorio como postobrigatorio ou para o lecer.

Un Proxecto de Mobilidade precisa de meses de traballo, dedicar recursos, de posta en coñecemento da veciñanza e recollida previa de propostas, etc. Para En Marea é inadmisible  que o goberno de Touro (PP) permaneza de brazos cruzados á espera do que as empresas privadas de transporte ofrezan. As empresas do transporte seguro que velarán polo seu rédito económico, non polo beneficio social e o interese da veciñanza, que é o que tería que estar defendendo o goberno local.

Esta situación é unha demostración máis da inoperancia e incompetencia do goberno popular encabezado por Codesido, que non ten un proxecto de goberno sólido, polo que a veciñanza sofre os problemas derivados dunha administración débil e ausente de ideas que permitan desenvolver as múltiples potencialidades da contorna.

Dende Compromiso amosan a súa sorpresa ante o anuncio de adxudicación da escola infantil de Salgueiriños-Meixonfrio a Sermasa por un importe de 400.674 euros ata o 2020.

Dende a formación galeguista lembran que no ano 2012, cando estoupou a operación Pokémon, a adxudicataria por aquel enton da escola infantil de Salgueiriños-Meixonfrio era Sermasa que nas escoitas da operación Pokémon quedaban reflexados os contratos a dedo de persoal para pagar vontades políticas incluso contratando persoal sin a titulación precisa para ocupar os distintos postos de emprego en dita escola.

Dende Compromiso ven con moita preocupación que volvan as concesións a empresas inmersas en sumarios xudiciais e pídenlle o goberno municipal que non faga voltar a Santiago a unha das épocas máis escuras politicamente.

O grupo municipal de Compostela Aberta presentará no Pleno deste xoves 19 de xullo unha moción instando á Xunta a dotar cos medios  e recursos necesarios a Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía. Esta moción está promovida pola Asociación Animalista Libera  que xunto a Fundación Franz Weber impulsan políticas públicas para a convivencia responsable cos animais no país.

Máis de cinco meses despois da entrada en vigor desta lei, constatamos como non deixan de medrar o abandono, os casos de encadeamento continuado ou de limitación extrema de movemento que supoñen maltrato case permanente.

Mentres tanto, a Xunta segue a facer proselitismo electoralista dunha Lei da que non se responsabiliza nin dota cos recursos necesarios, con apenas 100.000€ consignados nos orzamentos para o conxunto dos concellos galegos. Tampouco se dá resposta ás ducias de denuncias administrativas que agardan resposta por casos de maltrato e crueldade nin se ten en conta a exclusión do ámbito de aplicación da Lei dos équidos, obxecto tamén de prácticas específicas de crueldade como é a colocación de pexas.

Unha aplicación correcta de preceptos como o sacrificio cero require do compromiso de todas as partes, desde a elaboración de estratexias de sensibilización ata a elaboración de convenios con entidades protectoras de animais e refuxios.

Por todo isto, Compostela Aberta leva a Pleno esta moción promovida pola Asociación Animalista Liberapara que a Xunta poña da súa parte os medios técnicos e económicos que garantan efectos reais máis alá de crear titulares.

A Marea Cidadá de Noia presentará, para o debate na sesión plenaria do vindeiro 31 de xullo, unha inicitiva que ten por obxetivo principal a retirada da medalla de ouro ao ditador Francisco Franco.

A medalla foi creada e concedida ao ditador o 1 de maio de 1952 e entragada 14 anos despois, o 22 de agosto de 1966 no Pazo de Meirás durante as vacacións da familia franco no polémico pazo de Sada. A xustificación segundo desprende a acta é debida aos traballos e servizos realizados en favor de Noia e a súa comarca.

Na mesma moción solicitarán a retirada da medalla de ouro a Fernando Suárez de Tángil e José María Rivero de Aguilar Otero que tamén gozan deste distintivo, ministro e subsecretario de Obras Públicas Dende a Marea inciden en que “ non temos nada que agradecerlle, non son persoas dignas de ter este distintivo, o Concello de Noia non está en debeda con eles e polo tanto o lóxico é a retirada deste distintivo”

ACTO POLÍTICO.
Este xoves día 19 de xullo, a Marea de Noia organiza un acto político –
histórico ás 20:30 no Claustro do Concello de Noia. No que participarán a
voceira da Marea de Noia, Lola Caramés, Xosé Manuel Beiras, Benito
Portela ( alcalde de Sada) e o historiador Xavier Buxeiro.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies