Eva Solla: “A día de hoxe a ambulancia tarda entre 12 e 15 minutos máis en acudir a unha urxencia por ter que desprazarse a recoller profesionais sanitarios ao PAC” 

En Marea logrou esta mañá a unanimidade no Parlamento de Galicia á iniciativa presentada por Eva Solla na Comisión de Sanidade para reclamarlle á Xunta que aproveite a construción do novo centro de saúde da Estrada para contemplar no mesmo lugar a base do 061, que actualmente se atopa separada do centro de saúde, retrasando as asistencias sanitarias entre 12 e 15 minutos.

“En Sanidade sabeos que os minutos salvan vidas”, lembrou a deputada Eva Solla, a quen lle parece incomprensible que a Consellería de Sanidade non contemplase trasladar a base da ambulancia do 061 ao novo centro de saúde en construción, para evitar os desprazamentos do vehículo para recoller os facultativos.

En Marea xa formulou esta cuestión por escrito á Consellería, logo de reclamar a construción da base no Parlamento con anterioridade. “A resposta da Consellería é que non está prevista esta dotación, porque non, sen ningún tipo de explicación nin motivación”, denunciou Solla.

“Son os propios técnicos do 061 os que reiteradamente teñen solicitado este traslado pedíndolle á Xunta que recapacite, pois trátase dunha obra menor e hai terreos suficientes para ubicala ao carón da nova infraestrutura”, lembrou a deputada de En Marea, que insistiu en que se trata de “mellorar a asistencia sanitaria aos usuarios e usuarias nunha situación de emerxencia”.

A iniciativa logrou a unanimidade dos grupos, logo de transaccionar unha emenda do PP que formulaba que se contase coa colaboración do Concello na construción da nova base anexa ao centro de saúde, actualmente en obras.