Acordo EntreMareas: Agora por Pontevedra

Unha cidade onde está privatizado algo tan básico coma o abastecemento de auga, co resultado de que a pesar de supoñer o gasto de case seis millóns de euros cada ano non lles chega ás billas dos residentes nas parroquias da súa periferia (que suman unha de cada cinco persoas censadas no concello).

Unha cidade onde está privatizada a recollida de lixo (o outro gran contrato, tamén de case seis millóns), e mais o Servizo de Axuda no Fogar, a retirada de vehículos, o mantemento de xardíns, a recadación executiva, as obras menores ou o complexo deportivo de Campolongo, que é o máis accesible aos cidadáns que queiran optar por unha actividade física de mantemento.

Unha cidade onde non hai unha soa biblioteca municipal, nin tampouco ningunha escola infantil do concello, co resultado de que para os máis de dous milleiros de menores de tres anos apenas se ofrecen cincocentas prazas públicas.

Unha cidade que carece dunha rede de autobuses urbanos, cando por lei está obrigada a garantila, e só destina a transporte a cifra cativísima e ridícula de 40.000 euros (menos de cincuenta céntimos por habitante).

Unha cidade cun plan de urbanismo de 1989 e claramente obsoleto, como demostran as máis de vinte modificacións parciais ás que xa foi sometido e a súa arestora escasa capacidade de adaptación ás “medras”, xerando incertezas entre as familias que aspiran a construír a súa vivenda e disuadindo de instalarse no seu termo a potenciais novas empresas.

Unha cidade lastrada, por ese planeamento claramente desfasado, para impulsar unha economía menos dependente das administracións e, xa que logo, con postos de traballo que vaian alén do actual monocultivo do funcionariado. Unha cidade onde o peso da economía social e solidaria é tan cativo que unicamente se traduce en menos de dez pequenas cooperativas activas.

Unha cidade que, ao mesmo tempo que subvenciona as corridas de touros, ten o menor gasto social de todo o Estado, merecente do premio “corazón de pedra”. Unha cidade onde non se facilita o concurso nas decisións importantes da veciñanza, sen canles que propicien a súa intervención no destino dos recursos e, por tanto, tamén sen orzamentos participativos.

Esa cidade é , leva todo o século coa mesma persoa na alcaldía e o mesmo equipo (o máis lonxevo do país) no seu goberno. Tamén, por tanto, necesitaba a aparición dunha Marea cidadá. É dicir, dunha forza política de iguais, capaz de darlle voz aos que a tiñan negada e de facelo sumándolle a polifonía asociativa e o tecido cívico a unha unidade popular impulsada desde abaixo. É dicir, unha forza formada por homes e mulleres que, independentemente de viren de calquera partido anterior, vello ou novo, ou de ningún en absoluto, partillan militancia desde a adscrición individual e aceptando o principio de que o seu compromiso coa causa se artella sen que ninguén sexa máis ca ninguén.

En 2015 chegamos ao concello co mandato de exercermos de conciencia crítica e fixémolo, e estamos facéndoo, denunciando que o emperador, coma no conto de Andersen, en realidade se presenta espido no balcón: aí están todos eses déficits xa numerados…

En 2019, coa experiencia acumulada e o grao de coñecemento (e recoñecemento!) adquirido neste tempo, tocará chegarmos para encabezar a necesaria remuda nunha institución que leva máis tempo do recomendable padecendo o mando dunha figura endeusada e dun equipo enrocado no desleixo e as rutinas. Iso deu, arestora, nunha Boa Vila de electroencefalograma plano.

Pontevedra precisaba xa un novo rumbo en 2015 e catro anos despois non vai ter escusa para seguir adiándoo, porque vai atopar a tripulación que poderá trazalo. Será no tempo de as mareas do sur sumarnos á xeira heroica e meritoriamente iniciada polas nosas irmás do norte. Será no tempo en que o acordo de traballar mancomunadamente cos irmáns de En Marea nos fará aínda máis fortes. O tempo, con no temón, do goberno da xente tamén na nosa cidade.

Deja un comentario