Por André Abeledo Fernández
Candidato a Alcaldía de Narón por NARÓN POR DIANTE

Casado promete relegar o uso do catalán, do galego e do euskera a linguas opcionais. Quere desandar un camiño recentemente aberto en defensa do noso idioma.

O líder do PP, que o é tamén da ultradereita española, propón que o castelán sexa vehicular nas aulas e obrigatorio na administración.

O galego foi atacado e aldraxado durante séculos. E hoxe en día en moitos ámbitos da vida diaria da , o noso idioma segue a ser un estranxeiro na súa propia terra.

Non fai tanto tempo, practicamente nada no reloxo da historia, durante a ditadura franquista, nos xornais galegos podíase ler en perfecto castelán “no sea animal hable castellano”.

Miña nai contábame como a súa profesora na escola rural non falaba máis que castelán, e como os nenos que falaban en galego eran ridiculizados, e non falo dunha gran cidade, falo da parroquia de “Anca”, unha pequena aldea, entón labrega, onde en todas as casas falábase en galego.

O galego foi sempre a lingua da clase traballadora galega, o idioma da resistencia dun pobo que quería seguir falando o seu idioma para non deixar de ser.

Hoxe en día falar galego na Galiza continúa sendo un acto de reivindicación e rebeldía fronte o nacionalismo casposo herdado do franquismo.

O galego continua precisando dunha discriminación positiva, ten que ser coidado, mimado, e reforzado para recuperarse das feridas de tantos anos de oprobio.

O galego é o noso tesouro, e Galiza é unha nación, un pobo cunha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características nos fan galegos.

Todas as linguas, todos os idiomas, son igual de importantes, naceron despois dun longo proceso e a súa perdida é sempre irreparable.

É importante ter sempre presente, como ben dixo Castelao, que “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.

Galiza é unha nación e un pobo con unha identidade de seu, temos unha cultura, unha historia e un idioma propios, estas características nos fan galegos.

O noso idioma forma parte fundamental da nosa identidade, o galego foi sempre o idioma da clase traballadora galega, foi lingua de resistencia, e continua resistindo en condicións moi difíciles.

Este novo ataque dende a dereita máis rancia, dende o nacionalismo español de touradas e escopetas, este ataque ao noso idioma baseado en mentiras e falsidades, é unha mostra máis de quen quere realmente romper a convivencia no Estado español é o nacionalismo de herdanza franquista que segue moi vivo na dereita española.