Victoria Portas. Experta en Seguridade social. Comisión legal COESPE e
Javier F. Ferrero. Director de Contrainformación e Nueva Revolución. Codirector de Encontro


A protección social trata de axudar aos e as cidadáns a facer fronte a unha serie de riscos como a perda do posto de traballo, a viuvez ou da capacidade de gañar diñeiro por causas como a invalidez ou a vellez. O obxectivo é axudar á poboación para atenuar e poder facer fronte a estes riscos.

As normas que rexen os sistemas de protección social en España son iguais para todas as persoas, pero cando entramos a analizar como están protexidas as persoas fronte a situacións de desemprego, xubilación, exclusión social, invalidez, etc., atopamos que existen diferenzas na protección de homes e mulleres.

 

Prestación de Viuvez

Algunhas persoas defenden que precisamente quitar as pensións de viuvez animaría ás mulleres para traballar asalariadamente. Podería pensarse entón que actualmente hai paradas por gusto. Mellora en algo as precarias condicións laborais das mulleres, incrementa a contía media da pensión a recibir? Tense en conta todo un traballo de coidados realizados polas mulleres? Segundo o informe do Movemento pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen) “FENDA DE XÉNERO: A POBREZA TEN CARA DE MULLER”, non.

Segundo se sublíña no texto, a viuvez reflicte de forma alarmante na fenda de xénero. Os homes perceptores dunha pensión de viuvez son un 3,8% pero un 99% de viúvos compatibiliza a pensión de viuvez co traballo, cuns ingresos por rendas de traballo ou ben coa pensión de xubilación. Mentres que as mulleres perceptoras de pensión de viuvez equivalen a un 92.37%, para o 90% delas é o seu único ingreso.

Ao 31 de decembro de 2017 as pensións de viuvez percibidas por mulleres son 2.183.658, onde o 63.62% teñen unha contía por baixo dos 650 €, contía á que chegan grazas aos complementos a mínimos.

 

Pensión a favor de familiares

O informe de Modepen indica que o 71.27% das beneficiarias da pensión a favor de familiares son mulleres, coidadoras que tiveron que renunciar á súa vida laboral para levar a cabo as tarefas de coidados dun familiar, polo que puido logo percibir unha pensión a favor de familiares que está vinculada ao feito de non percibir ningún tipo de ingreso.

Contías por baixo do limiar da pobreza con de prestacións que roldan os 200 € aos 485.10 €, e que teñen claramente un enorme carácter feminizado, saliéntase no informe.

Modepen denuncia que é urxente e lexítimo dotar de valor económico e de nome ao Traballo de Coidados. Por iso, ESIXE que a beneficiaria sen ingresos diferentes aos da Pensión a favor de familiares, teña dereito a percibir a pensión íntegra que correspondería ao familiar falecido.

 

Prestacións non contributivas

Pensar que a renuncia a unha vida digna, a unha carreira profesional, a unha independencia económica compénsase con pensións non contributivas, é pensar que as mulleres non traballaron e non achegaron ao Estado ningún tipo de beneficio.

Segundo o informe de Modepen, na actualidade as mulleres representan o 67.63% das pensións non contributivas, maioritariamente mulleres maiores de 70 anos e no medio rural, e por importes de 366.90 €, por baixo do limiar da pobreza.

Se pensar que unha pensión de 366,90 €/mes é compensar coidados, fillos e fillas, traballo doméstico e. principalmente. no réxime rural traballo no campo e gandería, está claro que este sistema require dun gran cambio interior e exterior.

Ditas pensións só demostran a precariedade na que viven miles de mulleres no noso país e a desprotección das mesmas por parte do Estado. Isto, segundo o texto do Movemento, é VIOLENCIA DE ESTADO.

Modepen solicita no seu informe a unificación, a igualdade e a equiparación das pensións mínimas, sen discriminación de réxime nin sexo. Nin viuveces, nin Clases Pasivas, nin SOVI, nin prestacións a favor de familiares, nin non contributivas, nin maiores de 65 anos, todas con subida lineal e igual aos 1084 €, como marca a Carta Social Europea.


Vitoria Portas Mariño (Pontevedra, 1976), experta en Relacións Laborais, compaxina o seu traballo de Asesoría Laboral e de Seguridade Social coas súas actuais funcións na Comisión Legal da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións (COESPE), como colaboradora da Federación de Sindicatos Mundial (FSM) e como membro do Movemento Galego en Defensa das Pensións ( MODEPEN).