A manifestación pola reposición do servizo de pediatría percorrerá este mércores as rúas de Cuntis

As mobilizacións en defensa dos servizos de pediatría no rural espállanse polo País. Son varios os concellos nos que se veñen rexistrando ante o colapso e a incapacidade da Xunta de Galicia para explicar o desmantelamento que está a levar a cabo. Cuntis foi un dos primeiros en saír á rúa, levamos catro semanas consecutivas esixindo na rúa a reposición do servizo de pediatría e para este mércores está convocada a gran manifestación que visibilizará aínda máis unha demanda absolutamente unánime no noso municipio. Os catro grupos da Corporación mantemos a unidade na convocatoria deste mércores dende o Centro de Saúde, para manifestarnos ás oito do serán percorrendo as rúas da vila ata a Casa do Concello.

Para Veciñanza, en palabras noso voceiro municipal Santi Martínez, “o que está en xogo non é unicamente canto tempo nos vai manter a Xunta de Galicia sen pediatra, senón que nos xogamos se nun futuro imos poder dispoñer en Cuntis dunhas condicións mínimas e uns servizos públicos garantidos para vivir con dignidade no rural. Alberto Núñez Feijóo proclamaba ao comezo deste mandato que esta ía se ‘a lexislatura do rural’, e o único que prosegue é o desmantelamento de servizos e o deterioro de condicións para fixar poboación nel.”

Veciñanza está a desenvolver unha intensa campaña de difusión e chamamento a acudir á manifestación, tanto en redes sociais coma no día a día na vila. Unha vez constatado o respaldo unánime que estamos seguros vai recoller a manifestación deste mércores, os catro grupos políticos da Corporación analizaremos a maneira de darlle continuidade ás mobilizacións, que continuarán a semana próxima. En todo caso, a mensaxe para a Xunta de Galicia é clara: non imos consentir pasivamente que continúe o deterioro da nosa sanidade e o desmantelamento dos servizos públicos.

Deja un comentario