A folga do persoal estatutario do 061 comeza este mércores día 1

O comité de do anunciou hoxe que o persoal estatutario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de iniciará este mércores 1 de agosto un paro indefinido unha vez que non se chegou a un acordo coa Administración a respecto do traslado forzoso do servizo dende Santiago á Estrada.

Os traballadores/as apostan por levar adiante a folga unha vez que a oferta da Xunta ás súas reclamacións non soluciona os graves prexuízos que lles ocasiona o traslado do seu posto de traballo a máis de 30 quilómetros do actual, entre os que salientan os máis de 60 quilómetros diarios de condución; a hora e cuarto diaria de desprazamento, en condicións normais de tránsito; a repercusión dese tempo engadido á xornada laboral na conciliación da vida familiar; os custos en recursos de mobilidade (combustíbel, amortización do vehículo, etc.); e o risco de sinistralidade que leva aparellada o número de quilómetros anuais que se derivan deste traslado forzado.

“A oferta feita pola Administración non compensa, nin de lonxe, os custes materiais do traslado e non ten en consideración os outros prexuízos inmateriais que repercuten nas condicións de vida dos traballadores/as”, sosteñen.

Diante disto, aseguran vérense forzados/as a manter a convocatoria de folga, que materializarán mediante paros parciais de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 todos os mércores, domingos e festivos. No caso do persoal da Central de Coordinación 061 de Urxencias Sanitarias, que xestiona a empresa Grupo Norte, está previsto que a folga indefinida se desenvolva mediante paros parciais todos os luns, sábados e festivos de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas a partir do 4 de agosto.

Ademais, critican que a resposta da Xunta fose o establecemento duns servizos mínimos do 100%, que na práctica supón a negación do dereito de folga. Lembran que existe xurisprudencia da sala do contencioso do Tribunal Supremo que establece que é desproporcionado fixar uns servizos mínimos nesta porcentaxe, incluso si se trata dun servizo de urxencias, xa que a existencia dun servizo esencial non constitúe por si soa unha razón suficiente para o establecemento dos servizos mínimos do 100%

O alto tribunal tamén estableceu que non cabe fixar os servizos mínimos nun 100%, incluso no ámbito das urxencias, pois iso equivale a cercenar o exercicio do dereito a folga, e que alcanzar o nivel de rendemento habitual equivale a impedir o dereito a folga.

Acordo co persoal laboral

Dende o comité de folga indican que puxeron estas consideracións en coñecemento da Administración nas alegacións presentadas aos servizos mínimos, sen obter resposta algunha a poucas horas do inicio da folga. “Unha mostra máis de falta de consideración cara aos traballadores/as, consonte coa actitude da Administración en todo o proceso de toma de decisións sobre a conveniencia ou non do traslado, e das condicións en que debe facerse para que supoña unha mellora na prestación do servizo. Unha mellora que a día de hoxe, coas condicións coñecidas non queda garantida”.

Finalmente, amosan a súa satisfacción polo acordo acadado entre os compañeiros/as laborais e a Xunta sobre as súas condicións do seu traslado, “e lamentamos que non teña a mesma sensibilidade á hora de atender as reivindicacións do persoal estatutario do 061, que representa preto do 95% do persoal afectado polo traslado”.

Deja un comentario