A CIG confirma que a Consellaría inflou as prazas convocadas nas oposicións docentes deste ano

Un 16% das convocadas nas oposicións docentes deste ano quedaron sen cubrir, fundamentalmente as de promoción interna e certas especialidades de Secundaria e de Formación Profesional. Así o denunciou onte o secretario xeral da -, , na presentación dun estudo sobre os resultados dun proceso que vén de finalizar o pasado 20 de xullo e que estivo cargado de queixas. Neste sentido, esixiulle á Consellaría “que tome medidas efectivas para que se cumpra a normativa e se garanta a transparencia nas vindeiras convocatorias no que respecta, sobre todo, ao nomeamento, á carga de traballo e aos criterios de avaliación empregados polos tribunais”.

Así mesmo, a CIG-Ensino volverá pedir un acordo de estabilidade para o persoal interino que quedou nunha situación máis vulnerábel despois deste proceso e un aumento dos cadros de persoal docente que permita incrementar o número de interinidades de cara ao vindeiro curso.

Unha vez rematado o proceso de oposicións docentes no que participaron 16.600 persoas en , a CIG-Ensino, por medio do seu secretario nacional, Suso Bermello, presentou os resultados dun estudo no que se constata que a Consellaría vendeu un número “histórico de prazas” inflado artificialmente.

Segundo explicou Bermello, “máis da sexta parte das 2050 prazas convocadas quedaron sen cubrir tras a artimaña da Xunta de ofertar 262 prazas de promoción interna, das que o 92% quedaron desertas”. Malia saber que ao cambio de corpo A2-A1 apenas se presentan aspirantes, este ano o departamento de Román Rodríguez incrementou a oferta desta modalidade de acceso para poder falar de cifras totais superiores ás 2000 prazas, “o que se demostrou como unha falacia”, en palabras do responsábel da CIG-Ensino.

Pero aínda descontando esas 262 prazas de promoción interna (das que só se adxudicaron 21), nas oposicións xerais (acceso libre e quenda de discapacidade) houbo 86 prazas (máis do 5% do total) que quedaron desertas: 18 na especialidade de francés do corpo de mestres/as (2,6%) e 68 nas especialidades de secundaria (por riba do 7%).

Neste último caso destacan especialmente varias especialidades da FP como Procesos Diagnósticos Clínicos e Produtos Ortoprotésicos con 10 (un 66% sen cubrir), Procesos Sanitarios con 12 (un 55% sen cubrir), Estética con 10 (50% desertas), Procedementos Sanitarios e Asistenciais con 10 (o 25% vacantes) e Servizos de Restauración con 7 (32%). E nas de Secundaria (ESO e BAC) destacan Matemáticas con 9 prazas (case un 6%), con prazas desertas por terceira convocatoria consecutiva, ou Física e Química, con 4 (un 4,5%).

Ausencia de concurso-oposición

Bermello tamén foi moi crítico con outra cuestión que causa indignación entre o profesorado interino e substituto. Fronte ás especialidades de Inglés e Organización e Xestión Comercial, nas que si houbo un verdadeiro proceso de concurso oposición, salientan moitas “nas que só superou a fase de oposición o mesmo número de persoas ou incluso menos que prazas había convocadas”. É o caso de Lingua Castelá, Orientación, Organización e Proxectos de Sistemas Enerxéticos, Procesos Diagnósticos Clínicos e Produtos Ortoprotésicos, Procesos Sanitarios, Sistemas Electrotécnicos e Automáticos, Estética, Instalación e Mantemento de Equipos Térmicos e de Fluídos, Procedementos Sanitarios e Asistenciais e Servizos de Restauración. No resto de especialidades de Secundaria o número de aspirantes aprobados a maiores das prazas convocadas foi mínimo (entre 1 e 3 aspirantes).

No corpo de mestres/as, pola contra, si se pode falar de concurso-oposición, coa única excepción de Francés, onde non se cubriron as prazas. Nas demais, o número de persoas opositoras que acceden ao concurso supón nalgunhas especialidades como Infantil duplicar o número de prazas.

A CIG-Ensino xa alertara sobre a falta de aplicación real nestes últimos anos do concurso-oposición. “As cifras veñen de novo a confirmar a nosa queixa”. Neste caso pódese atribuír unha responsabilidade directa dalgúns tribunais. “Non semella produto da casualidade que en moitos deles só superen a 2ª proba o mesmo número de persoas que prazas hai ou con apenas diferenza entre ambas cifras”.

Limpeza e obxectividade

Estes datos contrastan precisamente con aqueloutras especialidades tanto de secundaria como de mestres/as nas que non se produce esta situación, que desde a CIG-Ensino censuramos”, indicou. Así, quixo puntualizar que “non se trata de incumprimento da norma, senón do respecto ás regras do xogo e ao criterio de ingreso na docencia, fundamentado historicamente no valor do concurso ao par da oposición, que nos últimos anos non se está a garantir de forma xeneralizada en Galiza”.

Unha das causas que explica que aproben tan poucas persoas a fase de oposición é a criba que se produce na primeira proba (que consta dun exame práctico e doutro teórico nos que é preciso obter de media ponderada un 5). Así, a maioría dos aspirantes non poden demostrar a súa capacitación pedagóxica nas probas propiamente relacionadas co seu labor docente: a presentación dunha programación e dunha unidade didáctica.

Neste caso, segundo a análise que fai a CIG-Ensino, “a responsabilidade recae case en exclusiva nas mans da Consellaría, que se negou a atender algunhas das nosas propostas na negociación da convocatoria (reducir a ratio de aspirantes por tribunais, liberar os tribunais do traballo de baremación dos méritos para ter máis tempo, etc.). Tamén é responsabilidade da Consellaría velar pola transparencia en todas fases do proceso para evitar a desconfianza e as denuncias do persoal opositor”.

Así, mencionou unha serie de medidas que poden redundar nunha maior limpeza e obxectividade das oposicións e que xa lle foron reiteradamente propostas á administración: o nomeamento por sorteo das presidencias dos tribunais (que nalgúns casos repiten ano tras ano con efectos nada positivos); garantir o anonimato das probas, nomeadamente da primeira parte; baremación de méritos por unha comisión técnica e transparencia absoluta no traballo dos tribunais (publicación de notas, instrucións, criterios de avaliación, resposta aos recursos presentados, etc.).

Acordo de estabilidade

A Consellaría ofreceu estes días o dato de que a porcentaxe de persoal interino que tería aprobado sería do 40%. A falta de coñecer como computa exactamente este colectivo (se leva traballando anos, meses ou días), á CIG-Ensino preocúpalle “a situación na que poidan quedar nalgunhas especialidades estes compañeiros e compañeiras, ao tempo que noutras moitas só se evitará o desemprego ou pasar a substitucións se o número de xubilacións se incrementa nos próximos meses”. Pero paliar esta situación tamén está nas mans da Consellaría.

É preciso ter en conta a realidade deste colectivo en cada especialidade á hora de convocar prazas, que non se fai, e negociar un acordo de estabilidade para quen non aprobe as oposicións, especialmente para as persoas cunha idade avanzada ou cunha dilatada experiencia profesional. Segundo lembrou Bermello, “até o momento a Consellaría negouse en banda a abrir esta negociación, contando coa complicidade dos demais sindicatos da Mesa Sectorial. Polo que a nós respecta seguiremos trasladando estas demandas en todos os órganos nos que temos representación, apelando á responsabilidade dos demais actores”.

Porén, hai outra solución que permitiría garantir o posto de traballo das persoas que nos últimos anos prestaron servizos para a Consellaría á vez que se daría entrada a moitos opositores e opositoras que nunca traballaron. “Se recuperamos os 3000 postos docentes que se recortaron durante o goberno Feijóo, reducindo, por exemplo, o número de alumnado por aula, permitindo os desdobres e recuperando a xornada lectiva de 18 horas en Secundaria e 21 en Primaria, como xa están a facer noutras CCAA e como ademais se vai facilitar, no caso de secundaria, mediante unha nova Lei do Ministerio que anulará o RDL 14/2012, aumentaríanse os cadros de persoal para o vindeiro curso e polo tanto o número de interinidades necesarias para seren cubertas”, apuntou.

Cambio no modelo de acceso

Ante as deficiencias do proceso e o malestar amosado por boa parte dos aspirantes nos últimos anos, a CIG-Ensino solicitoulle na primeira reunión que mantivo coa nova ministra de Educación e FP o pasado 26 de xullo un cambio do modelo de acceso. “Porén, o escaso interese amosado polo ministerio fainos ser escépticos con que se vaia afrontar esta modificación”.

Neste senso, lembrou que “a atadura que implica o acordo mal chamado de “estabilidade” dos sindicatos estatais no marco global da Función Pública estatal, así como a propia aritmética parlamentaria fan pensar que non se van introducir cambios e que, se se fan, van ser mínimos e non van entrar no fondo da cuestión. Semella que non só rexeitan a nosa proposta de dobre vía de acceso senón outros cambios menores como que as probas non sexan eliminatorias que, en todo caso, non servirían para garantir a blindaxe da fase de concurso”, sentenciou.

Deja un comentario