A caída na produción e a estabilidade nos prezos marcou o panorama xeral da vendima de 2018

En Valdeorras, por exemplo, apañáronse 4’7 millóns de quilos de uva. O noso vocal na denominación de orixe, Antonio García, explicounos que o normal son colleitas de 6’5 millóns de quilos, polo que, en cantidade baixouse un terzo a produción respecto dunha vendima media. Esta mingua da produción afectou máis a castes máis sensibles aos fugos, como a garnacha, cunhas perdas do 70%.

Iso si, aumentouse un 15% dende o ano pasado. E é que en Valdeorras levan tres anos seguidos con colleitas baixas en cantidade debido ás inclemencias meteorolóxicas, aos fungos, ou a ambas incidencias. A parte positiva disto é que as adegas están a vender sen problema a súa produción, e mesmo hai varias que quedaron sen existencias para a campaña de nadal. En prezos, a Godello acadou unha cotización de 2 € por quilo e a Mencía 1 €.

Tamén en Rías Baixas a colleita foi máis baixa ca outros anos. Ao peche deste Fouce, non se fixeran públicos os datos da vendima, pero o noso vocal, Manuel Carrera, adiantounos que se chegaron aos 38’5 millóns de quilos, con estabilidade nunhas subzonas, coma o Salnés, e descensos noutras, coma O Condado ou O Rosal. As caídas de produción nestas dúas subzonas foron do 7% e do 10%, respectivamente, sumando entre as dúas unha baixada ao redor de 1 millón de quilos.

En canto aos prezos, estiveron sobre 1’50 € por quilo para a uva Albariño, un valor lixeiramente superior ao do ano pasado. Mesmo houbo casos pun- tuais de adegas que pagaron a 1’70 €. Son prezos bos que están tendo estabilidade nos últimos anos grazas ás boas vendas desta DO.

Na Ribeira Sacra, tiveron unha boa colleita, apañando case 6’2 millóns de quilos a pesares de ter tamén complicacións co black roth, o mildiu e algunha sarabiada. As previsións dunha caída na produción a causa disto fixo que os prezos da uva tivesen certa tendencia á alza, pagándose a Mencía entre 1 e 1’30 €. Para Primitivo Lareu, vocal no consello regulador da Ribeira Sacra, “o máis importante foi que a colleita veu moi atrasada e pensabamos que iso ía influír negativamente na calidade, ao cadrar co mal tempo de outono; pero viñeron bos días, e iso axudou a unha boa maduración da uva e a darlle unha calidade extraordinaria que non agardabamos”.

Advirten de posibles prácticas sospeitosas nalgunhas DOs

No Ribeiro, con prezos ao redor de 1 € para a Treixadura, esta vendima veu con polémica por un aumento dos rendementos do 25% aprobado polo consello regulador para toda a denominación de orixe ao comezo da vendima, a pesares da alta incidencia do mildiu e do black roth. As subas de rendementos só son admisibles en anos excepcionais nos que se prevén grandes colleitas e, en todo caso, deberían analizarse viñedo por viñedo, e non concedelas así, en xeral, para toda a DO.

Fontes consultadas polo SLG apuntan a que este aumento de rendementos inxustificado pode facilitar prácticas fraudulentas como a entrada de uva foránea na denominación de orixe, algo que tamén podería acontecer noutras zonas xeográficas se analizamos os datos. En Monterrei, por exemplo, o consello regulador publicou un comunicado anunciando o máximo histórico acadado nunha vendima, con case 5’6 millóns de quilos. Isto contrasta coas perdas causadas polas fortes incidencias que houbo tamén por ataques fúnxicos nesta zona. Na vendima do ano pasado, aconteceu algo semellante, pois tiveron oficialmente unha boa colleita cando se perdeu boa parte da uva na DO a causa das xeadas.

Deja un comentario