SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: noviembre 2018

A CIG consegue un triunfo histórico en Mercadona

André Abeledo, actualmente delegado de persoal no comité Provincial de Mercadona de A Coruña pola CIG, e Concelleiro de EU NARÓN, seguirá representando aos traballadores de Mercadona na comarca e na Provincia logo dun resultado histórico da CIG en Mercadona.

A candidatura encabezada por María López Alejos, a traballadora de Mercadona que denunciou a actitude antisindical da empresa no programa de “Salvados”, de La Sexta, venceu con contundencia nas eleccións sindicais celebadas este mércores 28 de Novembro nos centros de Mercadonana Praza de A Coruña.

André Abeledo declarou que “o triunfo da CIG Mercadona na provincia de A Coruña é o triunfo dos traballadores e traballadoras”.

“A maioría absoluta da CIG en Marcadona de A Coruña pode considerarse histórica”, añadiu o concelleiro.

Especialistas:
11 – C I G

5 – UGT

3 – CCOO

Técnicos:
1 – UGT

1 – CCOO

1 de decembro de 2018: Día de Acción Global contra o Carbón

Necesitamos levar a cabo transicións rápidas e de gran alcance na sociedade e nos sistemas en materia de enerxía, terra, alimentos, urbanos, consumo e industrial. Todas as persoas do mundo temos un papel que xogar e as persoas con maior capacidade e responsabilidade deben asumir o liderado e apoiar ás outras na súa viaxe. Ninguén debe quedar atrás. O cambio climático ha deixado de ser unha futura ameaza, está aquí e está a empeorar rapidamente. Limitar o quecemento a 1,5° C en lugar da 2° C supoñería unha gran diferenza tanto para a vida nos océanos como na terra. Evitaríase que centos de millóns de persoas sufran ondas de calor extremas de forma frecuente e reduciríase á metade a porcentaxe adicional de poboación que tería que enfrontarse á escaseza de auga, así mesmo serviría para lograr os obxectivos sobre desenvolvemento sustentable e sobre a erradicación da pobreza. Medio grao marca unha diferenza importante para millóns de persoas, seres vivos e ecosistemas.

 

ADEGA oponse ao proxecto da cidade deportiva do Celta de Vigo e da área comercial en Mos

A cidade deportiva do Celta en Mos: un novo caso de pelotazo urbanístico!

O proxecto da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo e do megacentro comercial en Mos está a ser tramitado mediante unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Mos. O obxectivo desta modificación parcial, cuxo promotor é o propio concello da man da alcaldesa do PP Nidia Arévalo, consiste na delimitación dun sector de solo urbanizable destinado para “dotacións de carácter privado e usos terciarios comerciais”. Deste xeito preténdese transformar solos rústicos de protección forestal, que son maioritariamente naturais, en solos urbanizables incrementando mediante esta actuación a presión sobre o territorio.

Así tense previsto expropiar 864.000 metros cadrados de monte, dos cales a metade corresponden a monte en man común, co fin de cedelos a Carlos Mouriño, presidente do Club Celta de Vigo, quen construirá un centro comercial de 120.000 metros cadrados, alén das dotacións deportivas. Deste xeito, a través do falso discurso da xeración de emprego, do progreso e da diversificación da economía, tentan xustificar as dotacións deportivas e as áreas comerciais como beneficiosas para a veciñanza, mais estes beneficios recaerán coma sempre nas mans duns poucos e sempre en detrimento das comunidades locais e do medio ambiente.

Esta actuación corresponde cun modelo e cunha lóxica caduca e errada que presenta un gran impacto ambiental negativo, así como unha ocupación do territorio que non favorece a mobilidade sostible e que actúa como barreira ecolóxica nos ecosistemas.

O monte comunal: unha alternativa real!

Dos 864.650 m² afectados na modificación parcial do PXOM, 230.100 m² pertencen ao monte comunal de Tameiga (o 28% da superficie) e 153.700 m² ao CMVMC de Pereiras (19% do total afectado). Pola súa banda, 393.300 m² corresponden a fincas de particulares, 46.250 m² son de dominio público e 41.300 m² corresponden á superficie afectada polo novo sistema xeral viario.

De toda a superficie afectada, os únicos terreos suxeitos a protección como rústicos forestais son os pertencentes aos montes veciñais polo simple feito de seren montes comunais. Mais o artigo 35.5 da lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia establece que “O plan xeral poderá excluír xustificadamente do solo rústico de especial protección os terreos necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, logo do informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente”. Así, a través desta fórmula legal, pódese expropiar terreos dos montes comunais afectados co fin de especular con dotacións e insfraestruturas privadas.

Unha vez máis estase a pasar por alto desde as administracións o potencial de xeración de emprego e fixación de poboación que constitúe a xestión sostible do monte comunal. Este feito quedou constatado co rexeitamento o pasado 20 de novembro no parlamento de Galiza da ILP en defensa do bosque autóctono, unha iniciativa que contou co apoio de máis de 42.000 galegas e galegos. Así, unha aposta clara pola multifuncionalidade do monte, pola silvicultura próxima á natureza e por axudas para o mantemento e recuperación dos bosques autóctonos e dos seus servizos ecosistémicos, serían alternativas reais e viables moito máis beneficiosas para a poboación local, para a economía circular e para o medio ambiente.

Afección ás captacións de augas e ás comunidade de augas

Captacións de auga subterránea

No ámbito de actuación afectado polo proxecto urbanístico localízase o nacente do rego Porteliña, identificada e clasificada a súa correspondente zona de policía no PXOM de Mos como Solo Rústico de Protección de Augas (SRPA). Nesta zona de nacente localízanse ademais especies arbóreas de bosque de ribeira, principalmente salgueiros, ameneiros e outras caducifolias autóctonas, que como tal cumpren unha valiosa función ecolóxica en canto que dotan ao territorio de conectividade, permitindo ser espazos de acubillo, refuxio e alimento para a fauna.

Na superficie afectada existen ademais sistemas autónomos de captacións de auga subterránea para o consumo que dan servizo principalmente ás parroquias de Tameiga e de Cela. Deste xeito, a modificación puntual do PXOM de Mos afecta ao abastecemento e á xestión comunitaria das augas levadas a cabo pola propia veciñanza a través de traídas veciñais xestionadas por comunidades de augas.

Oposición ao proxecto

O pasado venres 23 de novembro, a comunidade de montes de Tameiga e a comunidade de augas de traída, xunto co apoio doutros colectivos e da veciñanza do concello, organizaron a primeira dunha serie de concentracións para esixir a paralización do proxecto da cidade deportiva e en defensa do monte comunal.

Desde ADEGA opoñémonos rotundamente a este proxecto especulativo e de expropiación do monte comunal, e actuaremos presentando as alegacións correspondentes, ademais de apoiar en todo momento a loita da veciñanza e defendendo os ecosistemas afectados.

O monte é vida e non un lugar para especular!

CCOO-Sanidade insta o SERGAS a atender as reivindicacións do persoal dos PAC

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia apoia «todas as reivindicacións» do persoal médico e de enfermaría dos puntos de atención continuada (PAC) de Galicia, que continúa en folga. O sindicato esixe unha «verdadeira negociación» e insta o SERGAS a atender as peticións do colectivo, como son a xornada efectiva de 1451 horas anuais, o pagamento da totalidade dos complementos de nocturnidade e festividade —conxelados hai anos— ou a contratación estable.

Peche do persoal no PAC de Ferrol

Gardas

CCOO-Sanidade denuncia o intento da Administración de «coar pola porta de atrás» a implantación de gardas localizadas nas fins de semana. Desde hai anos, o sindicato pide a eliminación da voluntariedade das horas extras e mesmo fixo unha reclamación en Vigo após a imposición da súa ampliación nesta área sanitaria.

Contratación estable

Segundo CCOO, cómpre a contratación estable de profesionais, substituíndo as fórmulas tradicionais de voluntariedade ou gardas por emprego de calidade. Para Comisións, «esta é a fórmula axeitada para atraer profesionais da sanidade a Galicia» e frear a «sangría» da emigración no sector.

Comité de folga

Por último, CCOO insta o SERGAS a convocar o comité de folga para negociar, xa que é este órgano o interlocutor legal para negociar as reivindicacións expostas na convocatoria dos paros e mobilizacións.

Os traballadores/as de Alcoa esixen na Delegación do Goberno medidas urxentes para paralizar o ERE

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa trasladaron na tarde deste luns as mobilizacións contra o peche da fábrica até a Delegación do Goberno na Coruña, cunha demanda inaprazábel: esixir do Executivo central medidas de urxencia para paralizar o ERE de extinción, garantir a continuidade dos empregos e a actividade produtiva e, dunha vez, avanzar na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e que recoñeza o estatus das empresas electrointensivas.

“Urxe tomar medidas e tomalas xa”, advertía durante a protesta Julio Moskowich, membro do comité pola CIG. “O Goberno español non pode seguir agardando, ten que pór en marcha medidas inmediatas para evitar o peche da fábrica, incluída a nacionalización da empresa”, aseverou. Lembra que Alcoa estivo no seu día, como INESPAL, no sector público e se a multinacional persiste na súa idea de pechar a planta da Coruña, sería na SEPI o lugar axeitado onde as instalacións se terían que reincorporar.

Ademais, apunta que, a pesar das limitacións introducidas pola reforma laboral de 2012, a lexislación laboral actual permitiría adoptar medidas para paralizar o ERE, “só fai falta ter unha vontade política que até agora non estamos percibindo”. Abundando nesta cuestión, denunciou que as actuacións realizadas polo Goberno español e a Xunta de Galiza non están a altura das circunstancias que require a defensa do emprego e do tecido industrial e demostran a incapacidade de ambas as Administracións para responder as ameazas de Alcoa.

Necesidade de crear unha tarifa industrial estábel

Xunto á retirada inaprazábel do ERE, a sección sindical da CIG esixe do Goberno español que comece xa a traballar na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel “e que nos permita ser competitivos”. “O gran problema desta fábrica non está nin no prezo da materia prima nin na suposta obsolescencia das instalacións, está nos elevados custes da electricidade”, afirma.

Neste senso, Moskowich lembra que a CIG xa lle trasladou á Xunta, ao Goberno estatal e á patronal do sector unha proposta de creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas, baixo o cumprimento dunha serie de requisitos (entre os cales está o mantemento do emprego) e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía. “É intolerábel que nun país como Galiza, que produce e exporta enerxía, periguen os postos de traballo e pechen industrias polo prezo da electricidade”.

O próximo venres, 30 de novembro, os traballadores e as traballadoras van secundar unha xornada de folga de 24 horas na fábrica da Coruña. Ese día, segundo as pretensións da multinacional, está previsto que finalice o período de consultas do ERE. A representación da planta galega non recoñece o marco de negociación imposto por Alcoa, porque son dous centros de traballo diferentes e entenden que os expedientes deben ser negociados separadamente por cada un dos comités.

A empresa non acepta a mediación

Para dirimir este punto, a representación social propuxo a mediación do AGA e o pasado sábado houbo reunión coa presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais para que iniciara a tramitación do proceso. Porén, Alcoa comunicaba esta tarde a súa negativa a aceptar a mediación, dando unha mostra da escasa vontade negociadora que ten.

Así as cousas, o comité acordou asistir mañá martes á mesa convocada en Madrid “máis para comunicar, novamente, o noso desacordo co marco de negociación e esixir a retirada do ERE. Esta fábrica é viábel, ten futuro e imos loitar até o final por garantir os empregos e o mantemento da actividade produtiva”.

A CIG pide que se cumpra coa declaración aprobada no Parlamento

O tempo bótase enriba e por iso, a CIG reitera o chamamento que lanzou a pasada semana á Xunta de Galiza para que dea cumprimento da declaración institucional aprobada no Parlamento galego o pasado mes de outubro, pola cal se insta á Consellaría de Industria a artellar unha fronte común política e sindical na defensa do emprego en Alcoa e dun sector estratéxico para o noso país, como é do aluminio.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, volveu emprazar a Xunta para que dea cumprimento inmediato desta declaración e que se constitúa unha mesa de traballo en Galiza (integrada por sindicatos, comités, empresas electrointensivas e institucións) “para que o Goberno galego leve a Madrid unha postura galega, igual que dende Asturias levan unha proposta asturiana, e non un posicionamento que responda unicamente á visión do PP”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies