SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: octubre 2018

Ana Pontón: “O BNG é a alternativa que necesita Ferrol, que leva tres anos perdidos”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Ferrol, Iván Rivas, arroupado por militantes e simpatizantes, no que expresou o seu convencemento de que a veciñanza dará un contundente respaldo ao BNG nas eleccións municipais de 2019, por ser a única alternativa que ten un proxecto claro para sacar a cidade da súa parálise.

“Temos que darlle a volta a esta situación porque Ferrol é unha das cidades con máis potencial de Galiza, cun importante patrimonio, cunha importante riqueza na súa ría que podería aproveitar mellor, pero para iso necesitamos que no concello existan persoas con ideas claras e cun proxecto de cidade que aproveite todo o potencial que ten Ferrol”. Rivas é unha desas persoas, sinalou.

“Ademais de coñecer moi ben Ferrol, é unha desas persoa que di o que fai e fai o que di, e isto en política é moi importante porque a maior parte dos representantes fan o contrario e os que vivides aquí sabédelo moito mellor ca min, porque levamos un mandato perdido, tres anos perdidos para a cidade cun goberno que prometía cambio e que en realidade se converteu nun re-cambio das políticas da dereita que desenvolvera o anterior alcalde do PP”, criticou.

Por contra, “no BNG temos un proxecto sólido, con ideas claras para darlle dar unha nova oportunidade a Ferrol e mellorar a vida das persoas”, salientou a portavoz nacional, “queremos recuperar o casco histórico, queremos apoiar o comercio local, queremos ser un axente na dinamización económica e na creación de emprego, queremos construír un Ferrol aberto ao mar, no que o Estado deixe de ser un lastre e podamos recuperar eses con edificios hoxe en desuso”.

A dirixente do Bloque lamentou que Xunta e Concello fosen incapaces de dar solucións. “É triste pasear por un casco vello tan espectacular como o desta cidade e ver o desleixo da Xunta e do Concello, incapaces de poñer en marcha un plan de rehabilitación para recuperar Ferrol vello para as persoas e, ao mesmo tempo, convertelo nun motor de dinamización económica”, sinalou a modo de exemplo.

Pontón pediu á militancia e simpatizantes que afronten as eleccións “coa confianza e a convicción de que o Bloque vai dar un gran salto adiante”, instou a ser “inconformistas e ambiciosas” e a dirixirse ás maiorías sociais. “Estou convencida de que se facemos ben ese traballo teremos un gran resultado nas eleccións, cun BNG con máis forza no Concello, que aspira a todo e non se pon límites. Hai moito traballo por facer, pero tamén moitas ganas de ir a por todas cun proxecto claro de cidade para darlle unha nova oportunidade a Ferrol”.

Concellos BNG, marca de calidade

Pontón presumiu dos resultados dos concellos gobernados polo Bloque porque “levan anos demostrando que temos un proxecto ilusionante e transformador, os concellos BNG son unha marca de calidade e demostramos que temos alternativas aos problemas, solucións para mellorar a vida das persoas, para impulsar o comercio de proximidade, para rehabilitar cidades e vilas, capaces de coidar o patrimonio, promover a lingua e a cultura propias”.

Noa Presas: “Nos Orzamentos 2019 sobra retórica e falta credibilidade”

Para a deputada do BNG, Noa Presas os orzamentos do 2019 “carecen de credibilidade e sóbralles retórica”.

Trala comparecencia do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, a nacionalista respondeu que as contas do Partido popular responden a “outra edición de Orzamentos de retórica camuflada con boas palabras e unha axenda neoliberal que continúa a agravar a desigualdade social”.

Afirmou que a “desigualdade e a pobreza” está a cronificarse e a fenda social foi agravada pola xestión do Partido popular no período de crise que deixou a Galiza, “nunha realidade laboral e social crítica e fráxil”. Pese as súas promesas, dixo a deputada do BNG, “hoxe hai máis paro, menos emprego e de peor calidade” que antes da súa chegada á Xunta.

Por outra banda, recalcou que os galegos e as galegas están instalados na “precariedade e con pensións e salarios que figuran entre os máis baixos do Estado”. Tampouco cesa a emigración: durante os seus gobernos tiveron que facer as maletas mais de 267.000 persoas, a inmensa maioría xente nova, que explica a aceleración dun declive demográfico que só pode ser solucionado con políticas económicas ambiciosas.

TORMENTA PERFECTA

A parlamentaria reiterou que na actualidade, “Galiza é mais desigual e está peor preparada para os próximos ciclos de recesión”. Na década de Feixóo, vostedes deixan máis sombras que luces e os novos orzamentos ofrecen “máis continuísmo, conformismo e retórica xunto a unha axenda ao ditado do capitalismo salvaxe.”

INGRESOS

Neste ámbito, explicou que o PIB medra en Galiza desde 2014 e preguntou como a pesar da recuperación económica non hai un aumento maior e non superamos aínda o limiar dos 10 mil millóns.O problema de fondo, dixo, segue a ser “o marco político e a nosa relación económica co Estado”.

Debullando os ingresos, constatase “o fracaso do paradigma da austeridade e da recentralización” que non serviu para saír da crise, porque a maioría da clase traballadora galega sigue apertando o cinto e vive peor . O paradigma da austeridade, remarcou a nacionalista, tenta xustificar un reparto inxusto do déficit, dun déficit que non causamos os galegos e galegas, senón “os rescates á banca e a xestión da crise”. Coas cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado-, Galiza achegou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres que transferiu pouco máis de 7.000M co actual modelo de financiamento. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, -que ten concerto económico-, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.

A deputada tamén se referiu á política fiscal sobre a que un ano máis o Goberno galego presenta un proxecto que consolida “unha política impositiva” de carácter regresivo en contra os principios de “progresividade, redistribución e xustiza social”.

Presas mostrouse contraria a unhas contas que provocan perda de peso nos servicios públicos esencias como a sanidade e o ensino que experimentan incrementos menores á media e non reverten os fortes recortes da última década en persoal sanitario e profesorado.

Na súa intervención, a deputada tamén criticou a baixa execución dos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria e como exemplo nomeou o Plan Galego de I+D+i. “Os orzamentos din unha cousa no papel que non nos convencen porque o resultado final é sempre peor”.

DÉBEDA VIVA

Finalmente, Presas tamén se referiu ao incremento da débeda porque, a pesar de que o goberno estima que a ratio débeda/PIB reducirase no 2019, o certo é que a débeda segue a incrementarse no quinto ano consecutivo de crecemento económico e, sumando as colaboracións público privadas que nos hipotecan ata 2040, “a finais do ano 2019, Galiza estará endebedada en 14.111,4 millóns de euros” e preguntou ao conselleiro para que endebeda a Galiza, cantos anos imos ter que pagar o aumento desta débeda? Cando deixou de ser sostible e cal é realmente a letra pequena?, concluíu

O BNG pide integrar as 139.000 persoas usuarias de POVISA na sanidade pública

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, levou á Comisión de Sanidade do Parlamento a situación de Povisa e denunciou a posición de poder deste hospital privado na área sanitaria de Vigo. Por iso, pediu dar pasos para reverter esa situación e integrar a todas as persoas usuarias na sanidade pública.

“A preeminencia que ten Povisa no sistema sanitario de Vigo é único non só en Galiza senón no conxunto do Estado, unha dependencia dun hospital privado inaudita porque é indispensable para prestar asistencia sanitaria a 139.000 persoas que non existe en ningún outro lado”, salientou Prado, “e iso porque llo permitiron, porque foron dados pasos até chegar a esa situación”.

Por contra, o Bloque propón reverter esa dependencia até garantir que o 100% das persoas usuarias na área sanitaria de Vigo reciben asistencia nun centro hospitalario público. “Levamos anos reclamando que se dean pasos na dirección contraria e que, en vez de consolidar esa posición de Povisa, se dean pasos para que toda a poboación da área sanitaria de Vigo sexa atendida nun centro público”.

Prado instou ao xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, a aclarar a situación de Povisa despois de que insinuase na súa intervención que o que presentou a empresa privada non podía entenderse como un preconcurso. “Senón temos claro que sexa un preconcurso entón non estamos falando dunha chantaxe senón de algo máis preocupante, porque sería un cambalache e unha permisividade absoluta”, denunciou.

“Preguntámoslle claramente que están negociando con Povisa pero falou de todo menos do que están negociando”, reprochou Prado ante a falta de concreción do xerente do SERGAS.

“Preocúpame que a empresa diga que o concerto está sometido a unhas interpretacións que serían inimaxinables coas persoas do SERGAS que, no seu día, participaron na negociación dese concerto Xunta-Povisa”, indicou Prado.

En definitiva, “o que hai de fondo e que o hospital privado asinou un concerto en base a uns compromisos que non parecen estar moi claros no papel, que despois o SERGAS non está facendo a interpretación que lles convén e agora parece que desde a Consellería de Sanidade se está volvendo a interpretación do concerto que lle convén á empresa”, alegou, “iso é o que se desprende da letra pequena” e das informacións que traslada a entidade privada.

O BNG ratificou a súa “oposición rotunda” a que Povisa “reciba cada vez máis cartos” sen te claro cal é o seu destino. “Pedimos luz e taquígrafos e que non se lle pasen máis recursos públicos a esta empresa privada sen control algún, recalcou.

“Nin un euro máis a Povisa en tanto non queden clarificadas as contas e en tanto non quede blindada unha mellora na asistencia sanitaria e nas condicións laborais dos 1.400 profesionais”. En caso contrario, “a conclusión será que o PP e o SERGAS son cómplices necesarios de que Povisa reciba máis cartos exclusivamente para mellorar a súa conta de resultado”, concluíu.

O Parlamento Europeo aproba a resolución impulsada polo BNG que pide a ilegalización da fundación Franco

A Eurocámara aprobou hoxe a resolución impulsada pola eurodeputada do BNG en representación do grupo Verdes-ALE, Ana Miranda, sobre o avance do neofascismo en Europa, con 355 votos a favor, 90 en contra e 39 abstencións. Esta aprobación abre realmente a porta á ilegalización da fundación Francisco Franco, xa que no artigo 20 do documento urxe aos Estados Membros que prohiban as asociacións e organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo.

“Esta é unha gran noticia para Europa, para a democracia e para o respecto aos dereitos e as liberdades”, subliñou Ana Miranda tras a votación da resolución que inicialmente foi promovida polas eurodeputadas Eleonora Forenza (GUE) e Soraya Post (S&D), e que finalmente contou co respaldo dos grupos ALDE y EPP.

No tocante ás emendas propostas polas tres eurodeputadas, resultou aprobada asemade a referida á denuncia presentada pola Fundación Franco contra o grupo de 19 activistas pacíficos que ocuparon simbolicamente o pazo de Meirás para defender a devolución deste inmoble

Igualmente saiu adiante a emenda que insta a retirar os restos do ditador Francisco Franco do Val dos Caídos e suprimir os símbolos franquistas. Ademais, a Eurocámara condenou o ataque sufrido pola eurodeputada Eleonora Forenze e parte do seu equipo a mans dun grupo neofascista.

En Marea insta a cumprir co acordo parlamentario acadado no que se pide a retirada inmediata e incondicional do ERE de extinción

O voceiro de En Marea, Luís Villares, instou á Xunta de Galicia a cumprir co acordo parlamentario acadado no día de onte en defensa dos postos de traballo de Alcoa na Coruña coa retirada inmediata e incondicional do ERE de extinción. “É evidente que hai que solucionar cara o futuro a situación e as axudas ás empresas electrointensivas, e sacalas da incertidume e da falta de garantías  que vaian mais alá da conta de resultados das empresas e que deberían ter en conta de maneira vinculante a renovación tecnolóxica e o mantemento do emprego” explicou Villares.

Ata o de agora isto non se fixo, cunha lexislación aparentemente errática e improvisada, con sucesión de parches de mínima duración que impedían un marco estable a longo prazo. “Unha situación que foi mantida de forma deliberada no tempo coa convivencia dun poder político dedicado a amparar ao oligopolio eléctrico, que este sabe agradecer, colocando aos seus máis ilustres exdirixentes en postos executivos, apelídense González, Aznar ou Fernández De Mesa, nun exercicio inaceptable de portas xiratorias entre poder político e empresa privada favorecida por eses que ocuparon antes postos políticos de relevancia, e que posteriormente exercen de lobbistas sobre os seus antigos compañeiros de Partido” afirmou Villares.

“Temos que desenchufar dunha vez por todas a convivencia co oligopolio eléctrico por parte do poder político, vía lexislación e vía subvención. Estamos nun escenario  no que non se pode falar de dar máis cartos sen condicións ás empresas electrointensivas como Alcoa” defendeu.

Na súa intervención Villares salientou a urxencia “vital” de cumprir o acordo parlamentario que debe marcar o inicio da unidade de acción entre Parlamento, Concellos afectados, Goberno da Xunta e Goberno do Estado, situándose a carón das traballadoras e traballadores de ALCOA. A esta unidade inicial debe seguir unha proposta conxunta, consensuada, que pense na xente, nos postos de traballo, no futuro industrial de Galicia e que incinere dunha vez por todas calquera dúbida sobre de que lado están as forzas políticas galegas. “Facer o contrario só beneficia a estratexia de Alcoa” concluíu Luís Villares.

Na súa intervención o voceiro de En Marea insistiu na necesidade de actuar a medio prazo facendo unha revisión total da lexislación eléctrica que non só pon en risco a viabilidade de toda a industria, mais alá das empresas electrointensivas, senón que supón unha lousa inasumible para a maioría dos fogares, cada vez máis nunha severa pobreza enerxética.

Para iso, é necesario desmontar toda unha lexislación moi complexa desenvolta durante moitos anos co único obxectivo de beneficiar ao oligopolio eléctrico como explicou o voceiro de En Marea pero a curto prazo, sinalou como como primeira medida sacar a produción hidráulica, eólica e nuclear das poxas diarias de enerxía e obrigar a que sexa vendida a longo prazo con prezos xustos e estables. Asemade, permitirase a contratación bilateral física entre produtores e grandes consumidores como Alcoa.

A longo prazo, pero con vista na renovación das institucións europeas que terá lugar o ano que vén, desenvolver aranceis medioambientais baseados na pegada de CO2 dos produtos que entren na UE procedentes de países terceiros.

O voceiro de En Marea rematou instando a ao Goberno galego e Estado a que, en caso de que Alcoa insista no peche, esixa a devolución dos 1.000 millóns de euros e incluso aplicar o artigo 182.2 da Constitución Española tendo en conta que Alcoa é monopolística na fabricación de aluminio en España. Lembremos que a CE establece que:
2. Recoñécese a iniciativa pública na actividade económica. Mediante lei poderase reservar ao sector público recursos ou servizos esenciais, especialmente en caso de monopolio e así mesmo acordar a intervención de empresas cando así o esixir o interese xeral.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies