SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: octubre 2018

En Marea reclama un incremento do orzamento de Educación que garanta a igualdade de oportunidades para o estudantado galego

  • Critica o brutal descenso orzamentario da Xunta para política lingüística e cultura

En Marea insta á Xunta de Galicia a abandonar a senda dos recortes e a dotar ao ensino público de recursos suficientes para que todas as nenas e nenos  de Galicia poidan optar a unha educación de calidade independentemente do lugar onde vivan ou do nivel de ingresos do seu núcleo familiar. A deputada Luca Chao denuncia que, un ano máis, o goberno do Partido Popular continúe apostando por unha deriva neoliberal que non fai senón afondar nas diferenzas e negar a igualdade de oportunidades entre o estudantado. E é que, mentres o executivo Feijóo continúa pechando aulas e restando recursos e profesorado aos centros públicos, incrementa a achega destinada aos concertados.

En Marea amosa o seu absoluto rexeitamento aos orzamentos da Consellería de Educación, Universidade e Fomación Profesional para 2019. Unhas contas que “afondan na privatización de xeito imparable”, tal e como este luns denunciou Luca Chao na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia.

A deputada de En Marea denuncia a intolerable aposta orzamentaria do goberno galego, que a pesar de presumir da recuperación experimentada polo PIB galego segue sen traducir esa mellora macroeconómica á súa xestión e ao benestar da cidadanía. “Como pode explicar que cando chegaron ao goberno o investimento no ensino supuxera un 4,24% do PIB, e hoxe esa cifra quede nun penoso 3,56%? Saben que esa cifra deixa a Galicia case tres décimas por debaixo da media estatal, malia que o estado español é o quinto pola cola de toda Europa?”.

Menos fondos para bolsas universitarias
Luca Chao destaca o brutal recorte efectuado na partida orzamentaria destinada a bolsas universitarias. Un eido no que, ademais de reducir drasticamente a dotación económica, o goberno do PP ten apostado por un endurecemento dos recursos de acceso que trasluce a súa visión elitista da educación superior. “Cando chegaron ao goberno esta partida era de 4.137.000 euros. Hoxe é de 3.180.000”, lamenta a deputada de En Marea. Que tamén pon o foco no 43% de recorte efectuado na partida que a Consellería destina a previr o abandono escolar temperá; no 70% menos de recursos para aprendizaxe de idiomas. Ou no 65% que mengua a partida para mantemento de centros escolares e no 98% que se recortan as axudas a concellos con CPIs. “Sen embargo, aumentan os recursos para ensino concertado en todas as etapas educativas: 10,5 millóns de euros máis para os concertos educativos. E fano con forza na formación profesional. Ese novo nicho de mercado que abriu o PP que se incrementou nun 13% na última década. Cuestión de prioridades, claro. Menos para o rural, menos para a prevención do abandono escolar, menos para bolsas, menos para a igualdade de oportunidades, pero máis para quen fai negocios  cos nosos dereitos”, lamenta a deputada, que denuncia un orzamento que “afonda na privatización de xeito imparable”.

Para En Marea resulta intolerable que, cando os datos macroeconómicos amosan unha mellora que semella deixar atrás os anos da crise, o goberno continúe optando polo tesoirazo e o recorte do gasto público e as políticas inxustas que non fan senón afondar nas desigualdades. A formación esixe que a Xunta de Galicia abandone xa a senda austericida que caracterizou a súa xestión durante os últimos anos e reforce o gasto público e a dotación orzamentaria para políticas de benestar.

“Dende En Marea rexeitamos estes orzamentos porque non van mellorar a vida das galegas e dos galegos, e porque consagran unha política que entendemos inxusta, insolidaria e ineficaz”, afirma Luca Chao, que insta ao goberno galego a mudar de rumbo e deixar de apostar por políticas ”que empurran á xuventude cara un futuro incerto e pouco prometedor. Muden de óptica, abandonen a lóxica da carteira e collan,dunha vez, as gafas dos dereitos”, reclama a deputada.

“Cando deciden recortar no ensino, eliminando aulas, pechando centros educativos no rural, unitarias, aumentando as ratios, reducindo 1200 docentes e incrementando a carga horaria docente; o que están facendo é dar pasos a prol dun ensino de calidade diferenciado, para quen poida pagalo. O que están facendo é dicirlles a todas as nenas e nenos deste país que, primeiro, non son unha prioridade deste goberno; e, segundo, que o son menos en función do sitio no que vivan. Que os dereitos, en definitiva, nin universais, nin moito menos iguais para todas e para todos”, critica Luca Chao.

73% menos para política lingüística e 60,5% de descenso en cultura
En Marea tamén denuncia o brutal recorte que o goberno do PP ten efectuado no eido cultural, e que se traduce nun 73% menos de orzamentos para política lingüística e nun 60,5% menos para cultura. A deputada Ánxeles Cuña critica a deriva do executivo Feijóo neste senso, e insta a cambiar o rumbo e a incrementar os recursos destinados á defensa e promoción da identidade de Galicia.   “É necesario poñer no centro á cidadanía e impulsar unha xestión congruente co deseño dunha política cultural que ten que recuperar o perdido dende 2009”, indica.

A deputada de En Marea denuncia a agresión que supón a redución orzamentaria imposta polo PP á Consellería de Cultura, e que “amosa unha idea clara do compromiso deste executivo coa nosa cultura”.

Axencia Galega de Industrias Culturais: as unidades de producción están menguadas, o Centro Dramático Galego pasou de tres ou máis producións a só unha, con recortes de contratación que non consideramos de recibo. A Axencia necesita máis orzmaneto, pero tamén unha reestruturación que está pedindo todo o sector das artes escénicas dende hai moito tempo. Hai que abordala de inmediato”, indica a deputada. Que denuncia tamén os ataques contra a rede galega de bibliotecas e a industria do libro.

“As bibliotecas galegas están peor financiadas que as do conxunto do estado. Entre 2006 e 2016 desapareceron 100 en Galicia. O número de libros editados descendeu ata o nivel máis baixo dos últimos 20 anos. O gasto en libros decreceu o 54%. O gasto público no sector do libro, o 52%. As partidas para promoción do libro menguaron un 82%, e os recursos para promoción, un 54%”.

No que atinxe a Turismo, En Marea insta ao goberno da Xunta a deixar de lado a visión puramente economicista e a apostar por un modelo que poña en valor o patrimonio e os recursos culturais e naturais. “É necesario ter en conta o tipo de emprego que se xera coa actividade turística e as súas repercusións sobre o patrimonio cultural e natural e no desenvolvemento local”, indica Ánxeles Cuña, que denunciou o nefasto exemplo do Son do Camiño. Un festival adxudicado a dedo e co que o goberno do PP excedeu con moito o orzamento destinado ao total de festivais nos últimos anos. “3 millóns de euros concedidos a dedo, sen concorrencia competitiva e con escuras maneiras de proceder”. Mentres o goberno destina 220.000 euros para todos os festivais de son, e 170.000 para os de artes escénicas. E dan 3 millóns para unha única UTE, sen que os cartaces estivesen en galego, cunha presenza de artistas galegos mínima… se este é o proxecto estrela… Primaron a rendibilidade dunha empresa fronte a outras que nin sequera puideron concorrer. O problema é que eses cartos son de todos”.

Ana Pontón presenta a Adolfo Muíños como un valor seguro para que Rianxo siga avanzando

A portavoz nacional, Ana Pontón, declarouse “honrada” de poder presentar a Adolfo Muíños como candidato do BNG á Alcaldía de Rianxo, a quen definiu como un valor seguro tras destacar a súa cercanía á veciñanza e a súa entrega ao concello, no acto celebrado no auditorio ante un cento de militantes e simpatizantes.

“Adolfo é unha aposta segura”, salientou Pontón, “e sabedes mellor ca min da súa capacidade de entrega, de diálogo, que sempre ten a súa porta aberta para calquera veciño ou veciña e que pon todo o seu empeño para que Rianxo avance, para buscar solucións aos problemas e por iso hoxe este concello está en mellor disposición para enfrontar os retos de futuro”.

A dirixente nacionalista puxo en valor os oito anos de goberno municipal de Muíños, “oito anos que demostraron a capacidade da equipa que lidera Alfonso, a capacidade de transformación do BNG”. Para que ese avance non se deteña, Pontón anima a conseguir un novo impulso nas vindeiras eleccións municipais.

“Rianxo non pode perder o que gañou nestes anos, temos que darlle un impulso ao BNG e facelo con persoas que levan este concello na cabeza e no corazón, que coñecen aos veciños e veciñas, que saben cales son as apostas de futuro, e este é un camiño que non se pode deter”, salientou, convencida de que Muíños recibirá un contundente apoio na cita electoral.

Presentación Adolfo Muíños“Adolfo é unha aposta segura, -recalcou-, a garantía de que este concello vai seguir avanzando e mellorando, a garantía de que as persoas seguirán estando no centro da xestión e da acción de goberno do Bloque no concello, garantía dunha equipa capaz que conta cun proxecto claro para aproveitar todo o pontencial de Rianxo”, en beneficio da súa veciñanza.

Pola súa parte, o candidato e actual alcalde agradeceu a confianza da militancia do BNG local que de novo volve encomendarlle “unha gran responsabilidade” e agradeceu tamén o apoio que lle está a trasladar moita veciñanza tras coñecer que optará a un terceiro mandato “polo que supón de arroupar a miña candidatura”, salientou.

Un apoio ante o que Muíños ofrece “total compromiso para seguir traballando a favor do concello, para abordar as que quedan por diante pero tamén coa satisfacción de ter solucionado moitos problemas o que nos permite enfrontar novos retos con máis ánimo e con máis recursos”, sinalou, en referencia ao saneamento das contas municipais.

“Comprometo traballo, sentido común e un gran desexo de resolver problemas e de ser dignos herdeiros deste pobo no que naceu Castelao, Manuel Antonio”, declarou, “ese compromiso coa lingua, coa cultura, pero tamén co desenvolvemento dos servizos sociais, co medio ambiente e con todas as tarefas que temos abordado ao longo dos anos de goberno do BNG”, reiterou o alcalde nacionalista.

Recta final para o Plan xeral de ordenación municipal, a dotación de novos equipamentos sociais, -como a posta en marcha dun centro de día no Pazo do Rianxiño-, ou activar o parque empresarial, -cun 33% da superficie vendida-, figuran entre as propostas d BNG para o terceiro mandato, así como seguir co saneamento das finanzas do concello tras lograr reducir unha débeda herdada de 4,5 M€ aos 800.000 euros actuais.

“Responsabilidade, ilusión e moito ánimo para encarar esta vindeira campaña de cara as elección municipais de 2019”, recalcou Muíños.

O BNG rexistra unha proposición de lei en materia enerxética para beneficiar a empresas e traballadoras/es

O grupo parlamentario do BNG rexistrou hoxe no Parlamento galego unha Proposición de lei en materia enerxética destinada a abaratamento do recibo da luz para persoas usuarias e empresase consolidar o emprego.

En palabras da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a proposta responde “á estafa colectiva” da factura da luz que debemos pagar todos os galegos e galegas que a pesar de vivir nun país que produce moita electricidade, “non temos ningún tipo de compensación” e mesmo estamos ante a ameaza dun ERE en ALCOA, que de producirse suporá o despido de 400 persoas polos altos prezos da enerxía.

A Proposición de Lei do BNG, anunciou Pontón nace baixo tres obxectivos: “abaratar o recibo da luz porque dous térceos da factura dependen de decisións políticas dos parlamentos e gobernos, un novo marco na produción eléctrica que compense a Galiza polos custes sociais e ambientais na produción enerxética, e unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas para garantir emprego”. Para a portavoz do BNG, a proposta tenta ser unha “ferramenta para un prezo xusto da electricidade, acabar coa pobreza enerxética, frear o peche de ALCOA”.

O MERCADO PROPICIA O NEGOCIO REDONDO PARA AS ELECTRICAS

Pontón lembrou que o actual mercado favorece “o negocio redondo das eléctricas” que durante a crise económica “gañaron 50 mil millóns de euros e que só no ano 2017 foron 5.600 M€, pagados por economías familiares cada vez máis asfixiadas” e cos salarios e pensións máis baixas do estado. Ante esta situación, dende o BNG propomos “unha tarifa eléctrica galega coa rebaixa das peaxes como compensación polos custes sociais e ambientais de ser un país produtor de enerxía”. Esta proposta, recalcou, “é constitucional e legal e permitiría un avance para o noso país” e criticou que Partido popular e Feixóo á cabeza, segan facendo unha campaña en contra de ter beneficios en Galiza por producir electricidade.

Por outra banda, preguntou porque Feixóo e o Partido popular son incapaces de explicar porque a tarifa en Euskadi permite aforrar ás empresas 120 Millóns de euros e por tanto, seren máis competitivas. “O PP continua na senda de ir contra os intereses de Galiza e non defender propostas para beneficiala”, manifestou.

O marco deseñado polo Partido popular vai permitir que os galegos e galegos paguemos o prezo da luz “máis alto de todo o estado”. A proposta do BNG vai en dirección contraria, “reclamamos unha compensación por producir.”

O BNG PIDE BAIXAR O IVE

A Proposición de lei contempla a rebaixa do complemento do IVE do 25% ao 4%. A portavoz nacionalista asegurou que é posible, se temos en conta ademais que o goberno baixou o IVE das touradas ao 10% e se ten vontade política pode facelo coa luz. Cunha tarifa eléctrica galega e a rebaixa do IVE “aforrariamos ao ano 330 euros”. Esta, recalcou, é unha proposta “posible e realista”.

ALCOA NON SE PECHA

Na súa intervención, Pontón aludiu ao ERE extintivo anunciado por ALCOA do que dixo, é necesario presionar á empresa para que non sexa efectivo pero ao tempo poñer sobre a mesa propostas para modificar o mercado enerxético para procurar a estabilidade da empresas electrointesivas a través dunha tarifa estable que substitúa o sistema de poxas de interrompibilidade, “esa ruleta rusa” que non permite prezos competitivos e a causa fundamental na ameza do peche de ALCOA na Coruña.

Esta tarifa industrial, engadiu, debe ser “estable con variacións predicibles para a subministración á industria electrointesiva e condicionada a que as empresas invistan periodicamente en viabilidade e modernización dos procesos produtivos, manter o emprego e poder adquisitivo dos cadros de persoal”. Estes requisitos deben ir acompañados dun “plan de desenvolvemento industrial ” cada cinco anos que será supervisado pola administración para o seu cumprimento.

“ALCOA non pode pecharse” e por iso seguiremos presentando propostas para impedilo e advertiu que “detrás deste peche poden producirse outras situacións semellantes”.

Luís Villares: “Recibimos un mandado claro dos traballadores e traballadoras de Alcoa para defender a industria electrointensiva dos ataques do oligopóleo eléctrico”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, pediu “desfacer o oligopolio eléctrico” e non permitir que “catro empresas eléctricas pacten os prezos prexudicando ao conxunto da sociedade”. O voceiro de En Marea participou nas mobilizacións das distintas plantillas de Alcoa en Galicia, pola mañá en Burela e pola tarde na celebrada polos integrantes da plantilla coruñesa, ameazada de peche pola empresa”.

Nas dúas mobilizacións participaron deputadas dos distintos ámbitos de En Marea, ademais de Luís Villares, participaron o voceiro no congreso, Antón Gomez-Reino, os vicevoceiros no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez e Carmen Santos e tamén as deputadas Francisco Casal, Paula Quinteiro, Miguel Anxo Fernán Vello e a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla.

Luís Villares asegurou que o prezo da luz incrementouse un 35% durante o último ano “e isto pasa para os fogares e para as empresas e supón unha variación nos custes de produción que non permite darlle estabilidade nin as empresas nin ás familias”.

Na mobilización da plantilla de Alcoa de San Cibrao, En Marea recibiu un documento por parte do comité de empresa coas súas reivindicacións para garantir un mercado eléctrico non “sometido á decisión especulativa de catro empresas”.

O voceiro de En Marea, xunto coa deputada Paula Váquez Verao e Francisco Casal, e o deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, participarón no recibimento da marcha polo prezo xusto da enerxía convocada polo comité de Alcoa San Cibrao no Concello de Burela. Tras falar coas traballadoras e traballadores Villares destacou o “encargo claro” recibido por parte do grupo parlamentario de En Marea para “defender a industria electrointensiva e sobre todo a industria do noso país fronte os ataques do oligopoleo eléctrico”. “Non pode ser que cada mes teñamos un incremento porcentual no recibo da luz das nosas casas, cun incremento dun 35 por cento nos últimos meses nos fogares”. O mesmo acontece nas empresas e no caso de Alcoa concretamente que ten un 40 por cento de gasto fixo de produción en enerxía eléctrica como explicou o voceiro de En Marea.

“Temos que intervir dunha vez por todas para evitar que tres empresas condicionen completamente o mercado. Temos que estabilizar os prezos e conseguir reducir o prezo da luz non só por estas empresas senón polo conxunto da sociedade” salientou.

“Imos cambiar a regulación do sistema eléctrico español porque temos que conseguir que eses tres que se están quedando cos beneficios a costa de sablear os petos de todos os cidadáns e a produción das grandes empresas se poña fin a isto dunha vez por todas” comprometeuse o voceiro de En Marea. “Trátase dunha cuestión de viabilidade industrial de toda unha comarca, neste caso da Mariña de Lugo e da comarca da Coruña e dun tecido produtivo e dun país que necesita que dunha vez por todas deixen de abusar de nós dunha vez por todas” concluíu Luís Villares.

En Marea denuncia a insuficiencia de orzamento para impulsar políticas sociais que realmente podan mellorar a vida das persoas

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, na comparecencia da Consellería de Política Social na comisión de Economía para presentar os orzamentos para 2019, denunciou a falsa recuperación dos orzamentos galegos repetida polo Goberno galego cando a realidade é que persiste a redución do sector público no conxunto da economía do país. Continúa unha perda de pese do público na economía, un retroceso de 3,6 puntos de PIB que equivalen a 2.300 millóns de euros. “O Orzamento de 2019 medra por debaixo do que a Xunta estima como crecemento da economía. Así, non é cuestión de números, é cuestión de ideoloxía: non queren recuperar o investimento público” asegurou A deputada de En Marea.

A crise foi unha escusa para adelgazar o sector público, recortar en políticas sociais e, consecuentemente, debilitar a protección social en beneficio do negocio privado. A riqueza está hoxe peor repartida e, sen embargo, a Xunta presenta agasallos fiscais ás rendas altas. Nesta situación, a Consellería de Política Social conta con 774,4 m €, ocupando o 8,1% dos Orzamentos da Xunta, que, se comparamos coa porcentaxe que as funcións orzamentarias de Maiores, Infancia e Familia ocupan na media da Eurozona, por debaixo, o que non permitirá incidir de xeito axeitado na grave situación de desigualdade e precariedade presente en Galiza como denunciou Paula Vázquez Verao.

Cuestións como o crecente empobrecemento da xente maior, o intolerable nivel de pobreza e exclusión, a desigualdade nos coidados, ou a renda de miseria que supón a RISGA, nula suba da atención temperá, non existe plan de acollida real para persoas refuxiadas, desatención a persoas maiores e con diversidade funcional, falla de fondos para persoas sen fogar pese a ser a segunda comunidade con máis persoas sen teito, falla de persoal… foron algúns dos temas denunciados por Paula Vázquez Verao na súa intervención. Unha situación que non variará senón todo o contrario coas contas presentadas polo Goberno galego para o vindeiro ano.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies