SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: septiembre 2018

Compromiso por Galicia esixe a C’s Galicia que desautorice as declaracións de Toni Cantó

Nun momento triste para a política e a convivencia mesmo no marco europeo o Sr. Antonio Cantó García del Moral, facendo uso da impunidade parlamentar e de forma gratuíta atacou onte 26 de setembro ao noso idioma e polo tanto a nosa cultura, nun discurso máis propio de outros tempos e outras situacións.

O galego é patrimonio do noso pobo e a libre elección de usalo está recollida no marco legal. Por riba a ignorancia do señor deputado, non valora a enorme riqueza que supón ter un Estado con varias linguas cooficiais. Mesmo chama a atención que se declaren europeístas cando os distintos tratados da Unión defenden esta realidade e se práctica.

A nosa lingua é parte da nosa identidade e Ciudadanos agrede de esta forma a todo Galicia, baseándose nunha mentira, en un descoñecemento total da realidade, porén pedimos  a dirección de C´S Galicia que desautorice publicamente a este Deputado e pida unha rectificación pública na mesma cámara onde se propuxo esta aldraxe, se é que son autónomos para tomar esta decisión, no caso contrario demostran á claras que Galicia non lles importa.

Irregularidades e opacidade na adquisición de fármacos por parte do SERGAS

Segundo desprende o último Informe do Consello de Contas, o gasto farmacéutico da Xunta vai aumentando de maneira paulatina nestes anos (do 30% en 2014 ao 36% en 2016), con opacidade e incumprimento os procedementos establecidos na Lei de Contratos Públicos.

Mostrámonos moi preocupadas ante o incremento do consumo de fármacos neste contexto de irregularidades denunciadas polo propio Consello de Contas“, indican dende Esquerda Unida

O informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria resalta que, á hora de adquirir produtos, “a pesar da existencia de protocolos ou instrucións internas, estas non se cumpren”. É por iso que o sistema de información sobre a adquisicións e consumos de fármacos, (coñecido como a Aplicación SINFHOS), “non proporciona información sobre os prezos ofrecidos por diferentes laboratorios, e non conserva o historial de prezos”, o que imposibilita unha posición vantaxosa de cara a optar por fármacos máis accesibles. Ao non cumprirse o protocolo, “isto xera unha falta de homoxeneidade nos datos rexistrados”, en consecuencia, “non é o suficientemente efectivo e non permite a optimización de recursos”, así como o control do gasto.

Ademais, a documentación relativa ás adquisicións e condicións de subministración dos produtos carece de sistematización, o que xunto co sistema de compras directas que supera o 90% das adquisicións na farmacia hospitalaria, impide un cumprimento efectivo dos trámites establecidos na normativa reguladora dos contratos do sector público.

Aínda que o que máis chama a atención, dentro destas malas prácticas de acordos con laboratorios, é que nalgún caso se rexistran pagos por outros servizos, tales como “becas, cesión de equipos o mantemento dunha páxina web” así como unha “práctica estendida por parte dos laboratorios de ofertar bonificacións consistentes nun abono contable en función do volume de adquisicións, sen que isto se recolla de forma axeitada”, algo totalmente incrible e inaceptable.

Tras ter levado esta cuestión ao Parlamento da man de Eva Solla, voceira de Sanidade de En Marea, dende a Xunta de Galicia seguen sen dar as cifras que solicita a deputada, e non se ten nada claro sobre como funcionan os procedementos de adquisicións de fármacos na farmacia do hospital.

O BNG insta á Xunta a intervir para garantir os postos de traballo e viabilidade de Sargadelos

A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta ao conselleiro de Industria, Francisco Conde sobre as accións que emprenderá a Xunta para garantir os postos de traballo e viabilidade da empresa Sargadelos.

 A parlamentaria do BNG lembrou que o propietario da empresa, Segismundo García presume públicamente de “vulnerar os dereitos laborais, perseguir traballadoras,  incumprir 262 leis, despedir 49 persoas” e  de ser “amo, dono e señor de Sargadelos” unha marca, que para a nacionalista é  moito máis que un centro de traballo, “é  cultura,  identidade, e País”. 

Desde o BNG dixo Rodil,  estamos enormemente preocupadas polo futuro de Sargadelos porque a “actitude medieval” deste empresario está poñendo en risco o futuro da planta en Cervo e arrastrando polo chan a imaxe dun símbolo que ergueron, con traballo, con esforzo e con compromiso galeguista : Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. 

Sargadelos foi até hai ben pouco, engadiu a deputada,  “sinónimo de vangarda artística, a bauhaus galega,  símbolo de  renovación das formas, de innovación” e   agora ocupa páxinas nos xornais de todo o estado porque o seu principal propietario quere convertela “nun reduto do feudalismo”. 

 Desde o BNG consideramos  que ningún empresario pode actuar impunemente vulnerando os dereitos das súas traballadoras e traballadores, e moito menos facelo de maneira reiterada coa conivencia ou silencio cómplice da Xunta. “A Xunta debe  e pode actuar” recalcou Rodil que tamén lembrou que   Sargadelos, ademais dunha  empresa cultural emblemática, recibiu ao longo dos últimos anos importantes cantidades de diñeiro público para reflotar a empresa, en total un millón e medio de euros dende o ano 2010, entre eles,  “un crédito vinculado ao mantemento dos postos de traballo” procedente de Xesgalicia.  

Ao mesmo tempo que a empresa recibía recursos públicos,  o cadro de persoal de Sargadelos soportou dous EREs extintivos, “un deles ilegal” e un  concurso de acredores. Dende o mes de agosto, vinte persoas foron despedidas da planta de Cervo.

A nacionalista reclamou que a Xunta estude as vías posibles para blindar os postos de traballo e garantir os dereitos laborais. 

A Xunta ten que cubrir as prazas de profesorado do IES de Brión porque afectan á formación do alumnado

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, reclamou á Consellería de Educación en sesión plenaria que se cubran as prazas de docentes que demanda a comunidade educativa do IES de Brion, “que iniciou o curso denunciando a negativa da Xunta a dotalo do profesorado suficiente para atender as necesidades do alumnado, para garantir a ratio de estudantes por aula e para manter proxectos pedagóxicos e unha oferta educativa de calidade”.

“As familias de Brión levan semanas mobilizándose en defensa dun ensino público e de calidade”, recalcou Rodil, sinalando que o IES de Brión “é un exemplo dun problema máis amplo que atinxe o ensino público consecuencia directa dos recortes do PP”. “Non se da vostede conta, señor conselleiro de Educación, que eses recortes afectan directamente á formación dos e das escolares e polo tanto ao seu futuro?”, interpelou a viceportavoz do BNG.

No caso concreto do IES de Brión, onde dimitiu a dirección e as familias levan case dúas semanas pechadas no centro, pídense tres docentes para garantir a calidade educativa que viñan prestando. “Vostedes sabían das súas necesidades desde o verán e aínda así negáronllos”, criticou a deputada nacionalista.

Por contra, a resposta da Consellería foi na dirección contraria ao que demanda a comunidade educativa: “Que deixen alumnado que o necesita sen o Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento; que supriman optativas e que metan máis de 30 estudantes de 4º da ESO en cada aula. É dicir, máis recortes”, denunciou Rodil.

O BNG lamentou que a resposta do até hoxe conselleiro de Educación, Román Rodríguez fora parapetarse detrás de supostas decisións técnicas “como se a consellería a dirixira o corpo de inspección”,  ao tempo que denunciaba que a Xunta non está creando prazas novas senón que se limita a “substituír persoal interino por fixo, pero hai as mesmas que había”.

Tamén recriminou ao aínda titular de Educación “por agocharse detrás da profesionalidade do profesorado, que ninguén cuestiona, non o use como parapeto porque estamos falando de decisións políticas da súa consellería”. “A súa negativa vai deixar sen atención á diversidade ou cre que é posíbel nunha aula de Infantil con 26 ou de 4º da ESO con 31 atender como se debe o alumnado?”, concluíu Rodil.

O CEIP Barrié de la Maza, en Santa Comba; o CEIP Arcediago no Concello de Santiso; o CEIP de Roxos, en Villestro; o CEIP Castelao, en Ordes; o CPI As Mirandas, en Ares; ou o CEIP Padre Feijoo de Allariz son outros centros nos que a comunidade educativa está en pé de guerra pola falta de docentes.

Montse Prado: “A auga do encoro do Umia está contaminada por algas tóxicas, non sirve para nada”

A deputada do BNG, Montse Prado interperlou á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato á que lle entregou unha botella con auga recollida no encoro do río  Umia para demostrar o grao de contaminación  pola acumulación de algas tóxicas.

Na intervención, Prado criticou que Mato  xustificara a presenza de algas afirmando que existen outros lugares nos que tamén se produce unha grande proliferación desta especie. A nacionalista explicou que a bacteria no encoro pode crear graves problemas e mesmo o  abastecemento de auga potable para a poboación polo que preguntou á titular de Medio Ambiente “que mecanismos foron arbitrados para previr as consecuencias da alga tóxica microcristais aeroginosa, unha cianobacteria que produce a microcistina, “unha toxina difícil de detectar, de eliminar e con efectos acumulativos”.

Montse entrega botella de auga do UmiaA parlamentaria asegurou que en  toda a mancomumidade do Salnés non existe “ningunha medida de filtro o protección”, a pesar das promesas da administración e mesmo do Plan de xestión integral do Umia e que segundo vostedes, explicou, contemplaba sistemas de filtro de carbono para a depuradora da mancomunidade e no que foron investidos 20 millóns de euros públicos. Agora ao preguntar pola previsións para resolver este problema, vostedes  responden que xa tomarán medidas cando os problemas se produzan. A parlamentaria amosou dende a tribuna un documento remitido pola consellería de Sanidade ao concello de Caldas  coa recomendación de non realizar actividades acuáticas ou baños  pola  presenza de  cianobacterias tóxicas. Como pode comprobar, manifestou Prado,  “a alarma non a crea o BNG, a alarma é real”.

Para a deputada é necesario “desmontar o encoro do Umia” como única solución para recuperar a saúde do río e contra a acumulación de cianobacterias como recomendan un gran número de expertos. O encoro, creou un problema de saúde e tamén medioambiental e o río Umia está “ferido de morte”.

Prado denunciou que o problema persiste porque o Partido popular non quere mudar unha situación que  beneficia a empresa “Cortizo”, cuxo empresario leva sen pagar dende hai tres anos o canon ao que está obrigado pola concesión mentres tanto e mentres tanto os veciños e veciñas non poden utilizar o río. A Xunta e o Partido popular, recalcou a nacionalista “crearon este problema e deben solucionalo porque está afectando a 150 mil veciños e veciñas”.

“Non queremos un río con augas verdes e contaminado como a auga desta botella” concluíu.     

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies