SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: julio 2018

ACE presentou un documento na Audiencia Nacional que acredita implicación de Sotelo e Gómez Millán na trama Massó

Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas, a sistemática, provocadora, falsa e difamatoria do PP contra o concelleiro do urbanismo son unha constante que ten como único obxectivo conseguir a máxima da propaganda nazi: unha mentira mil veces repetida convértese en verdade; por iso é necesario deixar claro quen é Sotelo e a que xoga o PP.

A gran verdade de Massó

A única verdade que non se vai tapar por moito que o PP o intente difamando ao concelleiro de urbanismo do goberno actual, é que foron eles, o PP de Sotelo quen asinaron un convenio urbanístico en 2004 que rematou na Audiencia Nacional por evidentes indicios -por non dicir probas de delito-, proceso que aínda hoxe segue en marcha e por riba o Concello de Cangas ten unha débeda de case dous millóns de euros con Residencial Marina Atlántica, que por desgraza non os vai pagar Sotelo e os seus bos xestores senón o pobo de Cangas.

Unha modificación puntual

Con moito esforzo e loita, o pobo de Cangas conseguir tombar o PXOM; foi no 2006 cando Sotelo e os seus colegas do PP levaron adiante unha modificación puntual para salvar o pelotazo urbanístico en Massó. Afortunadamente o escándalo estaba tan destapado que morreron no intento.

Todo isto non é unha invención nin da Alternativa Canguesa de Esquerdas nin da concellería de urbanismo, pois está todo documentalmente acreditado, constando nas actas municipais. Casualmente non hai absolutamente nada que acredite as barbaridades do PP que acusa á actual concellería de urbanismo. Ao contrario, a Alternativa Canguesa de Esquerdas se incorporou diante da Audiencia Nacional para acreditar información destas artimañas do PP; onde tamén presentamos un documento que acredita a implicación de Sotelo e de Gómez Millán -exconcelleiro de urbanismo-  na trama de Massó, e nos reservamos a opción de facer este documento público se a asesoría xurídica así nolo aconsella.

Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas temos claro que a ningunha persoa decente de Cangas se lle pode ocorrer que a xestión da UA-27 se vaia dar sen o consenso do grupo de goberno, e moito menos considerar calquera proposta que non vaia na dirección de salvagardar o interese público como prioridade absoluta. Polo demais, a equipa de goberno, xa ten decidida que Massó vaise ordenar de acordo co PXOM, independentemente do modelo de xestión urbanístico que se considere máis conveniente para Cangas.

Para rematar, dende Alternativa Canguesa de Esquerdas, que nada temos que esconder, para que esta ou calquera outra polémica, xa se trate de núcleos costeiros, centros comerciais -lembrámoslle ao PP o caso Mercadona-, infraestruturas sanitarias ou calquera outro tema como o de Massó ou Aldán, retámolos a un debate público, aínda que xa sabemos que a súa covardía e desvergoña llo impiden, que dean a cara e non se escondan e notas falsas e acusacións desesperadas polo medo que teñen a non poder vivir e corromperse coa política.

En Marea reclama que a Xunta incremente as prazas e medios destinados ás residencias públicas para persoas maiores e dependentes

En Marea solicita un incremento dos medios que a Xunta de Galicia destina ás residencias para persoas maiores e dependentes; e reclama que o goberno galego deixe de lado os concertos e realice unha aposta decidida pola xestión directa. A formación leva este asunto ao Parlamento de Galicia despois de detectar un alarmante descenso do gasto e das prazas públicas xestionadas de xeito directo polo goberno galego; parello a un incremento dos incumprimentos en materia laboral, a sobrecarga de traballo e a merma da calidade do servizo.

En vista dos datos do informe de fiscalización sobre o sistema residencial para maiores e dependentes de Galicia que ven de publicar o Consello de Contas, En Marea ten dado forma a varias iniciativas que serán debatidas no Parlamento de Galicia. E coas que a formación pretende garantir a calidade do servizo que reciben os usuarios, así como as condicións laborais e a axeitada carga de traballo do persoal que traballa nas residencias galegas.

Actualmente existen en Galicia 230 centros residenciais para maiores; dos que unicamente 31 dependen da Xunta de Galicia. Ademais, tan só 19 dos incluídos nese último grupo son xestionados de xeito directo pola administración galega. Pola sua banda, os centros concertados eran 74 en 2016, dando lugar a un panorama no que a maioría das prazas residenciais para persoas dependentes do sistema están a ser xestionadas de xeito indirecto en centros propios da Xunta (1.262) ou son concertadas (3.412).

O que reclama En Marea, a través da deputada Paula Vázquez Verao, é unha aposta decidida da Xunta de Galicia pola xestión directa que poña freo aos problemas que se están a producir nas instalacións concertadas e nas non xestionadas pola administración. Incumprimentos e infraccións en materia de persoal relacionados co escaso número de traballadores ou a non diferenciación de categorías profesionais. Igualmente, téñense detectado deficiencias nos protocolos de funcionamento e falta de rigor nos rexistros, así como un uso inadecuado das instalacións; polo que a formación reclama tamén un maior celo e un incremento das inspeccións que a administración galega realiza meses centros.

En Marea tamén insta á Xunta a mellorar as ratios e as condicións do persoal das residencias da rede pública e a deixar sen efecto o artigo 19 do do Vº Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia relativo a descansos e libranzas. Un asunto que repercute directamente sobre a saúde laboral do persoal e sobre a calidade dos servizos públicos, dificulta a conciliación e incrementa os nieves de estrés e o risco de accidentes laborais.

O informe do Consello de Contas revela ademais un descenso do gasto público destinado ao persoal das residencias para maiores e dependentes. Ademais, o documento detalla que só se substitúen as baixas médicas cando son de media ou longa duración, que non se cubren, en xeral, os permisos, nin se substitúen integramente as vacacións.

En Marea lembra que Galicia conta neste momento coa maior porcentaxe de prazas residenciais privadas para maiores e dependentes do estado. Ademais, a rateo de prazas por persoas maiores de 65 anos é das máis baixas, e sitúase por debaixo das recomendación da Organización Mundial da Saúde ao situarse nun 3,07%, fronte ao 5% recomendado. A deputada Paula Vázquez Verao lembra ademais as desigualdades territoriais existentes no que a cobertura e acceso se refire; unha situación que obriga a moitos maiores e dependentes a afastarse dos seus lugares de residencia para poder acceder a estes servizos asistencias.

Na actualidade, en Galicia hai 67.864 persoas dependentes con dereito a prestación, un 16% en agarda. Ademais, os datos demográficos amosan unha elevada e crecente taxa de avellentamento poboacional, que leva parello o consecuente incremento da dependencia. Polo que En Marea reclama tamén unha axilización dos trámites de asignación de prazas que garanta un rápido acceso dos usuarios.

Nestes momentos os prazos de resolución exceden con moito o estipulado na normativa. O tempo medio de trámite ata ser recoñecido o dereito a unha praza en residencias de maiores é de 453,5 días, máis outros 154,82 ata o ingreso na mesma, resultando un tempo promedio de espera de 491,74 días.

Compostela Aberta insta á Deputación a promover a difusión do documental Frankenstein 04155

Cinco anos despois do accidente do Alvia en Angrois no cal perderon a vida 81 persoas e 145 resultaron feridas, as vítimas e os seus familiares seguen reclamando “verdade, xustiza e reparación”. Nesa xusta reclamación non caben máis cortinas de fume e silencios.Compostela Aberta insta á Deputación Provincial da Coruña a promover a difusión do documental Frankenstein 04155 sobre o accidente.

O deputado provincial de CA, Manuel Dios, lembrou na sesión plenaria da Deputación que o pasado día 24 a plataforma de vítimas do accidente do Alvia celebrou unha serie de actos en Santiago, nos que recibiron o apoio da veciñanza e de boa parte da súa representación institucional, encabezada polo alcalde, Martiño Noriega.

 Xa en abril de 2016, Compostela Aberta promoveu unha moción provincial esixindo unha Comisión de investigación parlamentaria e a difusión do documental producido pola Plataforma de vítimas.

Cinco anos despois, e malia os logros acadados pola plataforma, quedan moitas responsabilidades políticas e xurídicas por asumir para cumprir coa esixencia de verdade, xustiza e reparación. A súa loita segue sendo necesaria e seguirá contando con todo o noso apoio e solidariedade.

O documental pode visualizarse online a través do seguinte enlace: http://vimeo.com/134718028

Dende En Marea e Moveneda denunciamos e consideramos intolerable a falta de democracia no concello de Neda que impediu a votación de tres mocións presentadas polo movemento veciñal

Dende En Marea e Moveneda consideramos intolerable e denunciamos a falta de democracia no concello de Neda cuio goberno formado polo PSOE, BNG e CG, e coa complicidade do PP, tratan de impedir que se prensenten e voten no pleno tres mocións do movemento veciñal referidas á inclusión de cláusulas sociais, éticas, medioambientais e lingüisticas nos procesos de contratación do concello; á petición de apoio aos afectados pola presunta estafa de Open Mortorkar e o apoio ás pensións públicas impulsadas pola Plataforma na Defensa das Pensións de Ferrolterra.

Segundo Moveneda, por vez primeira nesta lexislatura, trátase de impedir a participación política das veciñas e dos veciños e das súas organizacións nos asuntos do concello. E atopamos de especial gravidade que o principal impulsor desta manobra tan antidemocrática sexa o alcalde Ángel Alvariño do PSOE.

Estes feitos enmárcanse nunha estratexia de crecente cerco e torpedeo á lexítima acción política de Moveneda como grupo de oposición.

Este goberno tripartito xa ten abertos dous expedientes no Valedor do Pobo pola contumaz negativa a entregar información e documentación solicitada. A isto engádese a non celebración das pertinentes Comisións Informativas dende hai moitos meses e agora, a última manobra e impedir a presentación de mocións.

Hai que ter en conta as dúcias de casos noutros concellos nos que o PSOE e o BNG protagonizaron airadas protestas cando gobernos do PP lles impiden presentar mocións nos plenos. Atopamos especialmente hipócrita que intenten aplicar agora a Moveneda o que non lles gusta para eles.

Dende En Marea apoiamos a Moveneda na defensa, por todas as vías ao noso alcance, do dereito democrático que temos os veciños a participar na vida política do concello, especialmente no Pleno. Por iso, convidamos a toda a veciñanza a acudir como público a este e outros plenos, para ser testigos de primeira man de como se están a xestionar realmente os asuntos de todos, e a notable diferenza que existe entre a realidade e a propaganda oficial emitida polo concello.

Desde En Marea favoreceremos e prestaremos todos os medios ao noso alcance para dar apoio e cobertura a Moveneda para frear esta situación antidemocrática e auspiciada polo PSOE, o BNG e CG co apoio do PP, e que hoxe en día é intolerable.

O BNG tacha de machista a sentenza contra Juana Riva e pide o indulto para evitar que entre na cadea

O BNG cualifica de machista, patriarcal e de despropósito a sentenza que condena a Juana Rivas a entrar en prisión e a perda da custodia dos seus fillos. Un fallo mesmo cruel coa vítima ao ignorar completamente a situación de violencia de xénero que soportaba, que o xuíz decidiu obviar por completo pese a que o pai dos menores xa fora condenado por un delito de maltrato contra Juana.

Por contra, a sentenza do titular do Xulgado penal nº 1 de Granada mesmo lle obriga a pagar unha indemnización de 30.000 euros a súa ex parella e a pagar as costas do xuízo.

O BNG pide o indulto inmediato para Juana Rivas como medida para evitar que entre na cadea, con independencia dos pasos legais que poda decidir a afectada para corrixir o fallo nunha instancia superior.

“É un absoluto despropósito unha sentenza que non ten en conta a situación de violencia machista que está detrás da actuación desta nai, é unha sentenza machista reflexo dunha xustiza patriarcal que, de novo, volve posicionarse en contra das mulleres”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “por iso tamén pedimos o indulto porque unha muller que foxe da violencia machista non pode entrar na cadea”.

Rodil lembra que Juana Rivas tentaba fuxir dun home condenado por malos tratos. “Con esta sentenza que mensaxe lanza a Xustiza do Estado español ás mulleres maltratadas e ao conxunto da sociedade? Que teñen que aguantar porque se intentan escapar corren o risco mesmo de perder a custodia dos seus fill@s?”

Para a viceportavoz parlamentaria do Bloque este tipo de sentenzas, que mesmo xeran alarma e indignación social, mostran até que punto a Xustiza no Estado español “ignora a magnitude e a gravidade da violencia machista” que soportan milleiros de mulleres.

“Desde o BNG pedimos actuacións decididas e contundentes para que o sistema xudicial garante de verdade respecte e protexa os dereitos das mulleres. Urxe tamén formación en perspectiva de xénero ante unha Xudicatura que, como vemos neste tido de fallos, é absolutamente ignorante da realidade que soportan milleiros de mulleres no noso país”, concluíu.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies