SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: julio 2018

O PP négase a cumprir a Lei de Igualdade de Trato LGTBI

A portavoz de LGTBI do Grupo Socialista, Noela Blanco, lamentou hoxe que o PP “se manteña en posicións intolerantes encerradas nun armario”. Así o dixo logo de que o PP rexeitara hoxe no Pleno do Parlamento unha proposta socialista para pedirlle á Xunta que cumprira coa Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación a LGTBI, aprobada en abril de 2014.

A responsable socialista acusou ao PP de ter apoiado esta iniciativa que “utilizou para intentar limpar a mala imaxe dunha dereita que sempre se posicionou en contra da igualdade en dereitos e liberdades das persoas LGTBI” para despois incumprila dende a Xunta.

Criticou a “dobre moral dos mesmos de sempre, os que se opuxeron ao aborto para despois practicalo, os que actuaban de testemuñas de vodas entre persoas do mesmo xénero e ao mesmo tempo os levaban ao Tribunal Constitucional, e os que votaron a favor da Lei de Igualdade de Trato para convertela en papel mollado”.

Hazte Oír

Sinalou así os “graves incumprimentos” do goberno galego con esta Lei impulsada polos socialistas galegos, obviando o obrigado diálogo coas entidades, ou desatendendo aos menores e mesmo permitindo o reparto dos folletos homófobos de Hazte Oír diante dos centros de ensino. Tampouco garantiron a igualdade no mercado de traballo, non desenvolveron a Lei e impediron o debate da Lei de Identidade de Xénero de Galicia.

Acusou ao PP de constituír “o motor do autobús de Hazte Oír, como evidencia mesmo a guía de voto nas eleccións primarias do PP publicada por aquela organización “homófoba e transmófoba” nos medios de comunicación conservadores. Resumiu que “Hazte Oír é o PP e o PP é Hazte Oír” e desafiou a este partido a reclamarlle a Pablo Casado que pida a ilegalización da organización e rexeite a campaña que o defende como candidato do PP.

The post O PP négase a cumprir a Lei de Igualdade de Trato LGTBI appeared first on PSdeG-PSOE.

Luís Villares asegura que o PP respaldou á Valedora porque ese é o seu “sistema operativo”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, considerou que o feito de que o PP respaldara no Parlamento de Galicia á Valedora do Pobo “era unha moi mala noticias para a calidade democrática de Galicia”. Na sesión de control ao presidente da Xunta, o voceiro de En Marea emprazou a Feijóo a que explicase por que o apoio a Milagros Otero a pesar do clara que é a sentenza e tamén que fará o Partido Popular se o Tribunal Supremo confirma a sentenza condenatoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Villares apuntou durante a súa intervención que o PP decantouse pola corrupción amparando a Milagros Otero, “Puido escoller defender dereitos fundamentais, pero optou polo seu pisoteo.
Puido escoller igualdade, pero elixiu enchufismo; Puido escoller mérito e capacidade, pero elixiu apelidos”. Villares sinalou que o PP protexe a corrupción da Valedora porque “ese é o seu sistema operativo”.

Para o voceiro de En Marea o PP “tirou a máscara e quedou fotografado como un partido que ampara a corrupción”. Continuou Villares sinalando que os deputados do PP “Viñeron á cámara a dicir que non acataban unha sentenza, que non recoñecían os pronunciamentos da sentenza de desviación de poder”.

Toda esta protección que o PP está brindando á valedora é só unha demostración máis do sistema clientelista que o partido de Feijóo desenvolve en Galicia, tentar “tapar un caso claro de clientelismo, de enchufismo, de colocación de parentes de altos cargos do PP”, “todos os elementos que definen unha rede clientelar e caciquil”.

Cambio de norma para favorecer á valedora

En Marea puxo de manifesto durante o debate que a Valedora utilizara a institución para defenderse ata o punto de que se cambiou a norma da Valeduría co apoio do PP e a oposición de En Marea para que Milagros Otero puidera escoller unha defensa da súa elección para este caso, aínda que igualmente pagada pola institución. Villares sinalou que as excusas de que “a defensa da Valedora foi mala ou non presentou os papeis que se presentaron ao Parlamento son responsabilidade de Milagros Otero posto que foi ela quen escolleu a súa defensa e o fixo ata o punto de cambiar a norma da institución para conseguilo”.

Ana Miranda acusa ao PP de pechar a denuncia contra SOGAMA para tapar a ineficacia do goberno galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, criticou a decisión do PP de forzar o peche da denuncia presentada pola Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe na Comisión de Peticións contra a xestión dos residuos que leva a cabo SOGAMA. Asemade denunciou o atraso na súa tramitación, xa que foi presentada por este colectivo en 2014 e foi tratada hoxe no Parlamento Europeo grazas ao traballo constante do Bloque, quen foi o mediador para que esta denuncia colectiva chegara, hai catro anos, á Eurocámara.

É unha vergonza que o Partido Popular veña ao Parlamento Europeo a dicir que SOGAMA cumpre coa normativa europea”, manifestou Ana Miranda ao tempo que anunciou que o Bloque xa se dirixiu hoxe á Presidenta da comisión competente, para que esta petición sexa reaberta tras a aportación de novos datos que demostren os incumprimentos de SOGAMA.

A eurodeputada do BNG considera que os eurodeputados populares só foron á Comisión de Peticións “para evitar que a denuncia continúe pero sen ter en conta que SOGAMA está reciclando debidamente e que se está transportando o lixo ineficazmente e que están cobrando aos concellos por non reciclar”.

Segundo a denuncia presentada pola Plataforma, integrada por máis de 35 asociacións, o modelo SOGAMA non cumpre a Directiva Marco de Residuos porque non respecta a xerarquía de residuos en tanto que está baseado na non separación na orixe dos materiais, o enterramento e a incineración ineficiente.

Incumprimento na reciclaxe

Precisamente no ano 2016 Sogama fixo pública a súa memoria de 2015, na que explica que o índice total de reciclaxe (toneladas recicladas/toneladas xestionadas) é de 3,32 toneladas de cada 100 tm que recibe, un dos índices máis baixos de Europa e en niveis similares a 2013 e 2014. “Pensamos que hai que reabrir esta denuncia porque é inadmisible que baixe o volume de reciclaxe en lugar de aumentalo”, sinala Ana Miranda ao respecto, quen lembra que os obxectivos mínimos de reciclaxe que fixa a UE para 2020 é do 50%.

Por outro lado o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza, aprobado en 2011 e cofinanciado pola Comisión Europea con 72 millóns de euros, tampouco cumpre os requisitos de eficiencia enerxética, xa que SOGAMA non acada a eficiencia enerxética mínima do 0,6% que marca a UE para que a súa incineración poida ser considerada valorización enerxética.

A capacidade incineradora de SOGAMA queda en entredito posto que non é suficiente para desfacerse das máis de 800.000 tm de lixo que chegan anualmente e que boa parte van ao vertedoiro con ou sen tratamento. Ademais de ser esta unha das razóns para promover vertedoiros en B, non se pode esquecer que moitos dos residuos sen tratar son perigosos e incumpren os límites máximos de contaminantes fixados por la normativa galega, o Estado Membro e normativa europea.

Neste sentido, a eurodeputada denuncia que SOGAMA queima o lixo e enterra os residuos, transformándoos en gases de efecto invernadoiro, polo que se converte nunha das “máximas fábricas de cambio climático de Galiza”. O modelo Sogama incumpre asemade o principio de proximidade, debido aos quilómetros que viaxa o lixo até o norte de Galiza.

É impresentable a actitude do PP. Prefiren tapar as miserias do goberno galego con Sogama que defender os argumentos Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe”, concluíu a eurodeputada do BNG.

O BNG propón un concurso público para elixir dirección CRTVG agora secuestrada polo PP

Ter uns medios públicos veraces e plurais é clave para ter unha sociedade libre e crítica, ademais dun dereito fundamental que o PP incumpre coa manipulación sistemática que exerce sobre a radio e a televisión de Galiza, convertidos nun aparato de propaganda ao servizo do partido e do Goberno de Feixóo.

Día tras día temos exemplos de manipulación informativa na televisión e na radio públicas, literalmente secuestradas e convertidas en aparato de propaganda do PP,  moi particularmente convertidas nunha especie de botafumeiro 4.0 a maior gloria do presidente da Xunta”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, na sesión de control parlamentaria ao xefe do Executivo.

Pontón responsabilizou a Feixóo de transformar a RTVG “no cortijo do PP” que os galegos e galegas sufragan con 100M€ cada ano, situación que os e as traballadoras “son as primeiras en denunciar cada venres vestindo de negro” contra a manipulación e a presión sobre os e as profesionais. Esta manipulación ten provocado a dimisión dun presentador e dunha presentadora dos informativos da televisión pública, un feito sen precedentes en 33 anos de emisións.

Para mudar unha situación que é ilegal e que vulnera a función de servizo público do ente, a dirixente do Bloque fixo unha proposta “para acabar cos nomeamentos a dedo na dirección da corporación da radio e da televisión de Galiza”.

Propoñemos pactar neste Parlamento un concurso público para designar á dirección da CRTVG baixo criterios de profesionalidade e independencia”, explicou Pontón, quen tamén reclamou a reforma da lei dos medios públicos para reforzar a independencia, con compromiso de aprobala con maioría reforzada, a inmediata posta en marcha dos consellos de redacción e a aprobación do Estatuto profesional.

Esta manipulación ten provocado a dimisión dun presentador e dunha presentadora dos informativos da televisión pública

Unha proposta para “devolver o mando dos medios públicos aos galegos e as galegas” e poñer fin a unha RTVG instalada “nunha realidade paralela, construída á medida da propaganda do PP,  que dá unha visión desfasada e folclórica deste país”. De feito, subliñou Pontón, “a Galiza de hoxe vai moitos anos por diante da imaxe que transmite a TVG do señor Feixóo”.

Gürtel e os 40 ladróns

Como evidencias da manipulación, a portavoz do BNG denunciou o “apagón informativo” nas cidades suprimindo os informativos locais da radio pública, como antes se fixera cos da televisión, a dimisión  dun presentador e dunha presentadora do telexornal, a condena á dirección da CRTVG, -“nomeada a dedo polo presidente da Xunta”-, por vulnerar o dereito á folga dunha traballadora o 8 de Marzo, ou as instrucións para minimizar as informacións críticas co PP.

Parécelle presentable que esa dirección que nomeou a dedo ordene que a sentenza da Gürtell non dure máis de 40 segundos no telexornal?”, interpelou Pontón, “cal é lóxica que está detrás dos 40 segundos? É en homenaxe aos 40 días do diluvio universal,  aos 40 días que pasou Xesús no deserto? Ou é que algo no subconsciente fixo click e asociou  PP e  Gürtell con Alí babá e os 40 ladróns?”, ironizou.

Netflix está a realizar unha producción sobre as dúas primeiras mulleres contraendo matrimonio en España, Marcela e Elisa

O primeiro casamento entre duas mulleres no Estado español decorreu na Coruña no 1901, un século antes de que se aprovara a Lei do Matrimonio Homosexual. Mentres celebramos que se lle de luz a este importante episodio da historia do colectivo LGTB galego, dende o colectivo Avante LGTB reivindican “que dende un primeiro momento este filme debeu de ser rodado en lingua galega, mostrando a realidade da Coruña do ano 1901, mantendo o rigor histórico, e transmitindo de xeito moito máis fiel o sentimento e sensibilidade do pobo galego“.

O colectivo indica que “e importante saber que a Xunta de Galicia subvencionou a produción desta longamentraxe e por iso, a productora está obrigada a realizar unha dobraxe da mesma ao galego mais non lle é requerida a distribución en galego na plataforma, desperdiciando así unha oportunidade única de ver a nosa lingua recoñecida neste tipo de plataformas“.

Polo tanto, e co motivo de reivindicar o día 8 de xuño, día da visibilidade lésbica galega e 117 aniversario do matrimonio desta parella de mulleres, dende Avante LGTB queren lanzar a petición de “que Netflix poña á disposición das usuarias da plataforma o filme dobrado ao galego“.

O pasado 28 de xuño, día internacional do orgullo LGTB, o colectivo relanzou a campaña con unha recollida de sinaturas na plataforma change.org. Esta petición está a ser apoiada por importantes referentes do audiovisual galego, entre elas, o grupo de teatro ‘As da Panadería’, que está de xira por Galiza interpretando unha obra en galego sobre Marcela e Elisa, con Lázaro Louzao, director de ‘Nove de Novembro’, a primeira longametraxe de temática explicitamente LGTB e enteiramente galega ou con Isa Risco, actriz gañadora dun Mestre Mateo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies