SUNDAY 24 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: junio 2018

O burka xudicial

Se quedaba algunha dúbida de como as gasta a xustiza española, coa liberación dos violadores agardo que todo fique claro. Seguramente sexa inxusto xeneralizar e falar da Xustiza sen matices. Incluso eu podo dicir o nome de dúas ou tres xuízas feministas (xuíces creo que non) que aplican a súa mirada non só aos asuntos de “mulleres” senón tamén a todas as sentenzas que ditan.

O feminismo é imprescindible para que as sentenzas sexan xustas, trátese de violencia, trátese dun conflito laboral ou de calquera outra cuestión mundana que se amorea na mesa dun xulgado. Se unha sentenza non é feminista, automaticamente é machista, sen ambaxes. Non existe o espazo de confort que acolle falsos puntos medios que agochan o machismo dos covardes . Ou arre, ou xo. Pero sacando esas minúsculas excepcións, penso que a Xustiza española obedece un mandato que nos atravesa desde o principio dos tempos, e non é outro que exercer como gardián das esencias da orde moral patriarcal, e abofé que están a cumprir.

O ambiente ultracatólico e conservador onde se forman, e as sagas familiares que xa noutrora pertencían as elites poderosas, fai moi difícil que avance o feminismo na xustiza española e, polo tanto, acadar a xustiza verdadeira, a que entende que sempre que se xulga a unha muller, parte dunha posición de discriminación polo propio deseño social. É o caldo de cultivo sobre o que agroman esas miles de páxinas das sentenzas nas que empatizan cos violadores e xulgan ás vítimas.

Rita Segato defende que os violadores son moralizadores, son a infantería do patriarcado para castigar ás mulleres que desafían a orde establecida, que camiñan soas de noite, que festexan o San Fermín sen límites, sen vergoña; en definitiva, que saen do espazo de «seguridade» que nos asignan.

Violador de noite e garda civil de día, para protexeren ás mulleres  «obedientes» doutros violadores coma eles. Un violador non viola para saciar o seu desexo sexual, non busca pracer carnal compartido, non goza dese sexo como tal. Faino exclusivamente para moralizar. A súa exaculación é directamente proporcional ao grao de sometemento. Viola para manter a orde, advertindo ás mulleres, a todas, que saír do rego ten consecuencias. Por iso aparecen fachendosos ante nós, sen rastro de arrepentimento. Os violadores fan o traballo sucio e a Xustiza machista mételle unha lavada para consumo da fracción da poboación, tamén machista, que busca argumentos lustrosos, e seguir así a defender a orde milenaria patriarcal. Os vocábulos legais soben o prestixio nos faladoiros radiofónicos, e a sacrosanta consigna de non poñer en cuestión as sentenzas, arranca como unha trituradora. Se fora obrigatorio ser feminista para ingresar no sistema xudicial, as sentenzas estarían cargadas de máis sentido común. O feminismo é a defensa a radical dos dereitos humanos e é incompatible coa cosmovisión opresora.

En definitiva, vivimos baixo un burka xudicial que nin nos deixa os ollos á vista, con sentenzas que non consideran violación feitos que os propios agresores denominan como tal, utilizando produtos químicos que adormezan, non vai ser que a moza saiba defenderse e lles parta o pescozo. Hai que tomar precaucións, violar sen arriscar. «E trae Rohipnol dabondo, que despois queremos violar todos».

Isto é un estilo de ocio, que nin o inventaron eles, nin era a primeira vez, nin son os únicos, e o que fixeron no Tribunal foi mandar o recado ás familias con fillas, e ás mulleres en xeral, de que as cousas seguen a ser como teñen que ser, vomitando patriarcado alleos á inmensa presión social. Pero non lles afecta. Son independentes. Independentes e con chularía. Véñense arriba advertindo que canto máis berremos máis imos levar. Xa son dous de tres. Se houbera que volver resolver, poderían acadar pleno. 

Imaxinen que está a pasar nos xulgados, se non tes a sorte de que che toque unha xuíza (ou xuíz?) feminista. Casos sen repercusión, que acontecen no privado da sala, cun avogado de oficio sen formación, e cunha muller soa, sen vídeos, sen fotos, sen nada. Imaxinen.

Pero aquí está o estado español coa súa xustiza, (que esa si que hai que comela con patacas), garante da unidade e do patriarcado, acompañada de “peñas” que pagan fianzas, veciños celebrando o regreso e ruído mediato para ver quen é o primeiro que consigue unha entrevista en exclusiva. Un burka a medida.

Poucas culturas poden dicir que teñen como máxima referente cultural a unha muller feminista. Nisto, as galegas e os galegos partimos con vantaxe. En 1880, Rosalía xa describe maxistralmente, no poema A Xustiza pola man, o sentir que nos atenaza. Se o publicara hoxe probablemente estaría na cadea, compartindo espazo con rapeiros e outros poetas. Esta circunstancia non é menor, Rosalía marcou un camiño para nos organizar e non aceptar o silencio. Feminismo organizado para avanzar.

Están tan cegos que non saben que acaban de botarlle gasolina á fogueira. O feminismo ten que ser o facho de luz que nos faga avanzar nesta mole que é a xustiza, pero tamén na política, no traballo, no deporte, na cultura. Xa poucos terán dúbidas que sen loita feminista non hai decencia. Agora están na rúa, sacáronos eles. O feminismo agárdaos, e imos vencer.

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 28 de xuño de 2018.

Feminización da política

A política constrúe moitas veces falsos consensos, apariencias de acordos sobre os que semella haber coincidencias e asentimento case xeral. Nos últimos tempos, as chamadas “políticas de xénero” son escenario de supostas convencións que se expresan a través de minutos de silencio, declaracións institucionais e mesmo pactos de Estado. Son tentativas desesperadas de diluír as demandas imparábeis do feminismo, de domesticar unha revolución que xa é imparábel e que vai mudar o mundo nas próximas décadas. 

O falso consenso tende trampas nos discursos e na linguaxe, crea a miraxe dunha igualdade que non é real, porque non pode haber igualdade cando o machismo e o patriarcado campan nos discursos, no exercicio do poder, na práctica da violencia familiar, social e institucional, na discriminación salarial, no reparto discriminatorio do tempo, das responsabilidades e da riqueza.

Porque tamén a suposta conquista da igualdade é un mito, outra trampa que hai que combater. Non é unha batalla pola igualdade, por un igualitarismo formal, é un combate pola xustiza e pola equidade. E nesa loita é inevitábel asumir que ten que haber unha mudanza radical no sistema económico, nos códigos sociais, nas prácticas culturais, no exercicio do poder e no recoñecemento por parte dos homes que temos a obriga de abandonar a zona de confort que nos proporciona moitas vantaxes.

Nesta revolución social, cultural e política non é menor avance o da presenza paritaria ou maioritaria de mulleres en postos de responsabilidade institucional, política ou económica. Mulleres ao mando de organizacións políticas, sindicais, empresarais, de institucións gubernativas, lexislativas e xudiciais. 

É importante que as mulleres asuman estas responsabilidades mais non abonda con iso. O determinante é que o fagan desde postulados feministas, transformadores, que denuncien e combatan decididamente os prexuízos, as discriminacións, as violencias e as inxustizas que están comodamente instaladas en todos os ámbitos da sociedade e do poder.

Xabier Ron: “Na educación, cómpre combinar a nosa praxe docente co proceso de desenvolvemento físico, intelectual, afectivo e creativo do alumnado”

Esquerda Unida organizou este luns en Coruña a charla: “Educación e Diversidade. STOP LGTBIFobia”, presentada por Carmen Armada, coordinadora de Esquerda Unida A Coruña e impartida polo docente e membro da dirección de Esquerda Unida, Xabier Ron, e a membro de AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), Marisé Díaz Morado. Este acto está enmarcado na programación que Esquerda Unida está a levar a cabo co tema central da diversidade, co motivo do Día do Orgullo LGBTI e baixo o lema: “Vivir libremente, vivir dignamente”.

“Na obra de Jurjo Torres Santomé, está subliñada a idea de ensinarnos a vivir xuntos. Isto supón aprender a recoñecernos como iguais, porque todos somos iguais… é unha aprendizaxe básica, máxime en sociedades que cada vez son máis abertas e cosmopolitas”, explicou Xabier Ron, que deixou claro que “para entender o complexo que é educar hai que ter en conta o contexto neoliberal en que se produce, onde todas as ferramentas están implementadas para perpetuar un determinado marco de actuación, para que se considere normal unha serie de parámetros”.

É por iso que “cando deixamos que sexa un manual o que guíe a acción docente, cómpre ter moi en conta a advertencia de Jurjo Torres Santomé: “Todos os libros son sexistas, homófobos, racistas, clasistas, imperialistas e colonialistas, polo que cómpre combinar a nosa praxe docente co proceso de desenvolvemento físico e intelectual, afectivo e creativo do alumnado”, apunta.

Respecto ao complexo camiño a prol da educación na diversidade, “temos unha serie de datos que arrepían: o 30% de alumnado é testemuña de agresións físicas ou verbais a alumnado LGTBI. Deste alumnado, un 43% pensou en suicidarse e un 17% tentouno”, sinala. “É por iso que temos que desmontar -a pesar de todo- a arquitectura da exclusión. A información e a formación do persoal docente son imprescindibles para evitar e/ou superar as situacións de especial vulnerabilidade que provoca a discriminación por motivos de orientación afectiva e sexual e da identidade sexual”, remata.

Na charla tamén estivo presente Marisé Díaz Morado, de AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), unha asociación sen ánimo de lucro que nace co obxectivo de defender os dereitos dos menores na súa etapa de infancia e adolescencia. Se ben é certo que a situación da infancia e da adolescencia mellorou nos últimos tempos, é certo tamén que aínda queda moito camiño por percorrer en materia de diversidade, polo que é preciso tomar conciencia da necesidade de protexer á infancia e á adolescencia ante todas as formas de maltrato, así como defender os seus dereitos recoñecidos mundialmente na Declaración dos Dereitos do Neno e a Nena. “Un dos obxectivos da educación debe ser preparar ás e aos menores no respecto ás outras persoas e a eles e elas mesmos, tendo en conta que os modelos de relacións están en total mudanza”, dixo.

No marco do 28 de xuño, Día Internaciónal do Orgullo LGTBI, e co lema “Vivir libremente, vivir dignamente”, Esquerda Unida está a realizar unha serie de actividades co fin de debater e dar a coñecer cuestións relativas aos dereitos LGTBI, tanto os acadados como os que aínda están por acadar así como a problemática coa que este colectivo se atopa no  día a día. Para elo contamos coa participación de persoas que pertencen a diferentes colectivos que velan e reclaman estes dereitos. A seguinte charla-coloquio terá lugar en Lugo o vindeiro xoves 21 de xuño baixo o título: “Menores e transexualidade”.

Montse Prado pide a derrogación da reforma laboral

A portavoz parlamentaria de Política social e emprego, Montse Prado, defendeu na Cámara unha moción na que pediu ao Goberno da Xunta un informe detallado que xustifique porque deixou se executar nada menos que 1.000 millóns de euros en políticas activas de emprego, nunha situación de mercado laboral marcado polo incremento do paro, a precariedade e a emigración.

“Desde que Feixóo preside a Xunta hai 25.000 parados máis, 120.000 ocupados menos e 160.2000 mozos o mozas entre 16 e 34 anos foron expulsados do mercado de traballo, ao que se suma a sangría da emigración e a discriminación salarial ás  mulleres que soportan unha brecha superior aos 5.000 euros anuais”, argumentou Prado.

Por iso foi moi crítica coa “indolencia” amosada polo Executivo do PP “deixando sen executar 1.000 millóns de euros destinados a mellorar a vida das persoas con maior precariedade, unha cantidade obscena que demostra o desinterese do Goberno da Xunta, indolente ante a situación de emerxencia de moitos galegos e galegas”. “A corrupción,  aparte de meter a man na caixa, é usar o DOG en contra do ben común, como fai o Goberno galego ao non executar estes recursos”, argumenta.

O BNG considera urxente reverter a situación de moitas persoas con dramas reais, e por iso presentou unha moción para que o Goberno galego poña en marcha medidas para reverter esta realidade, presentar no Parlamento un informe no que xustifique a non execución de mil millóns de euros entre 2009-2017, con graves consecuencias para as persoas que sofren a falta de emprego ou a precariedade.

A moción, que non recibiu o apoio do PP, incluía instar ao Goberno español a derrogar as contrarreformas laborais e o incremento inmediato do salario mínimo interprofesional ata acadar a contía do 60% do salario medio, tal como demanda a carta social europea.

“É o tempo de actuar, non é o momento de xestos, nin de anuncios, nin de golpes de efecto senón de derrogar as reformas laborais que nos trouxeron ata aquí”, indicou Prado, o Congreso debe ter a valentía de buscar unha maioría para botar por terra esa normativa porque un cambio de goberno debe traer acompasado un cambio de políticas e a clase traballadora non pode agardar máis”, salientou a deputada, quen tamén lembrou que a CIG é un sindicato representativa a nivel do Estado polo que agarda “que o PSOE non siga facendo o mesmo que fixo ata agora o PP”, concluíu.

A Coalición Son denunciará no pleno o deterioro do servizo de Correos na provincia de Pontevedra

Dende a Coalición Son denunciarase no vindeiro pleno a delicada e situación límite que está a sufrir o servizo de CORREOS; pois no exercicio orzamentario do 2017, viu recortado o seu financiamento pola prestación do SPU (Servizo Postal Universal) nun 66%, o que supón algo máis de 120 millóns de euros.

Xosé Lois Jácome

Mais isto non remata aquí, senón que trala aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, vólvese recortar dito financiamento, e, ademais, o Estado xa lle endebeda á empresa postal pública máis de 250 millóns de euros.

O persoal de Correos vén avisando desta traxedia anunciada dende hai tempo, e advirten que os sectores máis afectado, como soe ser neste caso son os núcleos rurais, respecto a isto Jácome alertaba que “o recorte en servizos prestados á cidadanía, especialmente en zonas rurais da provincia de Pontevedra, implica a desaparición ou o recorte do reparto domiciliario de correspondencia, peche de oficinas en zonas rurais ou de escasa poboación, redución de horarios ou a supresión de postos de traballo de ámbito rural”.

Na nosa provincia, o deputado afirma que “o axuste poderá implicar 335 postos de traballo suprimidos e poboacións sen reparto regular de luns a venres, afectando a practicamente toda a veciñanza pola perda ou debilitamento do servizo postal”.

Dende a Coalición Son percibimos un claro desmantelamento do servizo público de Correos; pois senón non se entende como é posible que empresas como Seur ou DHL estean operando con gran éxito sen contar coa mesma infraestrutura da que dispón Correos.

Por iso, dende a Coalición Son amosaremos o noso rexeitamento no Pleno da Deputación de Pontevedra aos recortes no Servizo de Correos, onde tamén propoñemos ao pleno instar ó Goberno a corrixir o recorte que non trae máis que consecuencias claramente negativas para a veciñanza, Correos e o persoal da empresa, así como a desbloquear o Convenio Colectivo e o Acordo Funcionarial. Así mesmo, instarase ó Ministerio de Facenda á aprobación do Plan Estratéxico que permita a súa adaptación empresarial ás necesidades e á demanda da cidadanía.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies