SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: mayo 2018

En Marea pregunta á Xunta de Galicia que información ten sobre a situación de Abanca e como pode afectar aos depósitos galegos

O grupo parlamentario de En Marea rexistrou unha interpelación no Parlamento de Galicia para que o Goberno galego informe sobre a información da que dispoñe en relación á situación de Abanca, se foi informada con antelación dos movementos da dirección, como pode afectar aos depósitos galegos e a súa seguridade, e que vai facer para defender o que queda do sector financeiro galego.

Os últimos acontecementos veñen a demostrar para o grupo de En Marea que a decisión de poñer en mans de capital estranxeiro a principal entidade financeira galega foi unha enorme irresponsabilidade. “Hoxe por decisión adoptadas lonxe do interese común dos galegos e galegas, o 40 por cento do aforro do país esta sometido a un enorme risco e incerteza, tamén a financiación de milleiros de empresas e centos de miles de consumidores” salientou o deputado Manuel Lago.

O negocio bancario en xeral e en particular Abanca son entidades con direccións personalistas e polo tanto sofren con moita intensidade calquera cambio ou incerteza sobre a súa dirección, así parece evidente que a entidade vaise resentir da repentina desaparición do seu propietario e máximo directivo e polo tanto afectará de forma intensa a economía xa que a entidade ten un papel central na economía Galega.

Estes movementos, incluída a liquidación definitiva da marca Banco Pastor, advertiu que poden anteceder a venda de Abanca a un dos grades Bancos reforzan o proceso de oligopolio e exclusión financeira que vive Galicia.

Olalla Rodil: “Que agocha o PP para negarnos as audiencias da radio e televisión galegas?”

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil defendeu hoxe unha proposición non de lei para reclamar o envío  do índices de audiencia da radio e televisión galega. Para a deputada, os grupos parlamentarios teñen dereito a estes datos dende o punto de vista, dixo, “da transparencia e dereito á información” e preguntou “que ten que agochar o Partido popular para negar ao Parlamento as audiencias despregadas por franxas horarias e programas?”

Rodil lembrou que a dirección xeral da CRTVG apela sempre nas súas intervencións parlamentarias ás  audiencias para “xustificar, lexitimar e defender as decisións que se adoptan a respecto da programación, da xestión de persoal e da aposta por diferentes  formatos  na radio e na televisión. Pero no Parlamento, dixo,  “ non contamos coa información real  nin detallada desas audiencias desagregadas por franxas horarias e programas o que supón unha importante eiva para desenvolver o noso traballo”.

Estes datos, explicou son unha ferramenta fundamental para “poder  avaliar o éxito ou fracaso da programación, as potencialidades das distintas franxas horarias, así como para analizar as posibilidades de explotación dos espazos publicitarios” que son, de acordo coa Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galiza, “unha fonte de financiamento da Corporación”, a pesar de non   ser  máis do 8% dos ingresos anuais, e iso “tirando polo alto” xa que a CRTVG financiase no 90% con fondos públicos.

A deputada defendeu que o Parlamento ten dereito a mesma   información que calquera directivo da CRTVG, “é unha cuestión de transparencia” de poder realizar a nosa función “sen trabas”. Precisamos os datos de audiencia para constatar que os cambios de programación están xustificados  en función do público, na escolla de xéneros e condicionados á criterios de servizo público e non “á vontade dos directivos da CRTVG ou criterios do Partido popular”.

A proposición non de lei defendida pola deputada Olalla Rodil foi rexeitada polo Partido popular que argumentou que a iniciativa nacionalista “ incumpre a lei de Medios” ao que a deputada replicou que o  Partido popular “ampara o incumprimento sistemático desa lei no referido ao   Estatuto profesional, ao Consello de informativos, a sinatura de contratos programa e a creación de autoridade audiovisual”. Tildou de “escusa barata” os argumentos do PP para vetar a iniciativa e reiterou que a proposta do BNG “ é legal” polo que anunciou que seguirá defendendo o dereito a contar con esta información.

Organizacións ecoloxistas e a asociación de guías do Parque Nacional das Illas Atlánticas solicitan unha prórroga para as alegacións ao PRUX do Parque Nacional

Solpor nas Illas Cíes

  • Amigos da Terra, Anduxía, Agaia, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia consideran que o prazo para a presentación de alegacións resulta manifestamente insuficiente e reclaman un proceso real de participación pública.

A normativa dos períodos de exposición pública dos documentos suxeitos a presentación de alegacións, establece uns prazos mínimos pero deixa a criterio das administracións os máximos e as posibles prórrogas.

A Xunta de Galicia e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia dispuxeron dun marxe amplo que excedeu todos os máximos legais establecidos, máis dunha década, para elaborar este documento do seu obrigatorio PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión). A día de hoxe, e carecendo aínda dese plan obrigatorio, mesmo poderíase cuestionar a legalidade da declaración desa figura de protección.

O período de exposición pública de dito documento foi fixado pola administración en 45 días naturais, non días hábiles. Na práctica supón que os axentes sociais e as entidades ecoloxistas e demais colectivos e persoas interesadas dispoñen para analizar o documento do PRUX dunha semana por cada dous anos equivalentes dos que dispuxo a administración para elaborar este borrador.

Considera a Consellería de Medio Ambiente, que precisou doce anos para elaborar o documento do PRUX (estirando máis alá de todo límite legal a súa presentación, que debería estar agora na súa segunda avaliación), que ditos 45 días naturais é tempo máis que suficiente para analizar o documento e sobre todo a súa extensa documentación anexa.

As organizacións asinantes consideramos que se trata dunha acusada desproporción tanto no temporal como nos recursos empregados, non comparables entre a administración galega e as entidades sociais.

Do mesmo xeito a Consellería non ten prazo algún marcado como límite para estudar as alegacións que podan ser presentadas que estiman nuns catro meses (nese caso a administración dispón dun mes, como mínimo, por cada semana que se outorga á cidadanía).

Por todo o exposto as entidades ecoloxistas e a asociación de guías acreditados do parque nacional solicitamos a prórroga de trinta días hábiles sobre a data marcada para a finalización do período de información pública e o acceso sen limitacións e de xeito inmediato a toda a documentación de referencia que poidamos precisar, tanto da documentación que se cita no anexo bibliográfico do borrador do PRUX como daquela que non se cita e que en moitos casos mesmo descoñecemos.

Solicitamos igualmente e mostramos novamente a nosa disposición a participar nas distintas mesas sectoriais que se desenvolvan no futuro co resto de axentes sociais (sector pesqueiro, navieiras, empresas turísticas etc) ás que ata agora non fomos convidados nin convocados a pesares de ter manifestado expresamente o noso interese e disposición a participar nas mesmas para presentar directamente as nosas propostas co resto de axentes sociais e desenvolver un proceso de auténtica participación e consenso.

Si de verdade é vontade da administración contar coa participación dos axentes sociais, incentivar, e sobre todo facilitar a mesma, consideramos que a nosa solicitude será tida en conta co obxectivo final, obxectivo que debe ser común, de conseguir un documento final realmente participado e participativo e consensuado para garantir a prioridade fundamental dos parques nacionais, e nomeadamente do PNMTIAG, a conservación dos seus recursos naturais.

Asinado: Asociación de guías acreditados das illas atlánticas AGAIA, Amigos da Terra, Anduxía, Sociedade Galega de Historia Natural SGHN, Verdegaia.

 

En Marea pregunta á Xunta que pensa facer para poñer fin ao conflito da roupa sucia do novo hospital de Vigo

 

O grupo de En Marea denuncia unha vez máis os pésimos resultados e elevados custos para o conxunto da sociedade que teñen as fórmulas de colaboración público-privadas na posta en marcha dos centros hospitalarios. Pese a isto, o Goberno Feijóo optou por este tipo de xestión para o novo hospital de Vigo, un modelo que se traduce nunha ineficiente xestión privada do mantemento, provisión enerxética e servizos do centro, con consecuencias negativas para os servizos privatizados como o da cociña, lavandaría, mantemento entre outros.

Esta semana, coñecíanse as denuncias que están a facer dende o Hospital en relación á situación coas bolsas da roupa sucia, circunstancia da que xa se teñen queixado noutras ocasións e que está a ocasionar conflitos laborais.

En primeiro lugar encomendouse ao persoal de limpeza, que denunciaron que dita labor non viña recollida no prego de condicións e que ademais restáballes tempo para o aseo doutras zonas, tendo en conta a mínima equipa de traballadoras e traballadores. Despois disto a labor pasou a ser encomendada a auxiliares de enfermería por orde da Dirección do complexo hospitalario, pero a Comisión de Centro de Atención Especializada lembrou que estas función non son propias da súa categoría e non se atopan incluídas no Estatuto, concorrendo unha situación parecida á do persoal de limpeza en tanto que teñen que deixar outras tarefas como a propia atención a pacientes e tendo en conta que se trata dun colectivo que xa de por si sofre unha excesiva carga de traballo por mor dos recortes.

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, destaca que os PCAP do contrato do Novo Hospital de Vigo contempla varias figuras que permiten á Xunta de Galicia velar polo correcto cumprimento dos servizos dos que se ten que facer cargo o concesionario así como da correcta execución dos mesmos.

Por todo isto, o grupo de En Marea interpelará ao Goberno para que dean conta de cales son os informes da Comisión Mixta de Seguimento en relación á execución ordinaria da prestación de servizos por parte do concesionario, que papel está a xogar a persoa que representa a Administración no Consello de Administración en canto a trasladar as situación precarias nas que se atopan os servizos privatizados, e que pensa facer o Goberno ante o conflito coa roupa sucia.

CCOO, CIG e UGT instan a Xunta a cumprir a Lei de emerxencias de Galicia e homoxeneizar o servizo de bombeiros

As organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT, en relación coa comarcalización dos parques de bombeiros municipais, rexistraron un escrito na Vicepresidencia instando a Xunta a, antes de nada, cumprir a Lei de emerxencias de Galicia. Concretamente, refírense á aprobación do estatuto do bombeiro, o cal debe recoller a homoxeneización deste servizo.

Imaxe de arquivo dunha manifestación de bombeiros en Ourense (ano 2016)

Para os tres sindicatos, a solución á problemática actual é o rescate dos parques privatizados e a regularización da profesión. Tras isto e a retirada da taxa de reposición, «poderemos falar de comarcalizar os parques de bombeiros» ou dun «dimensionamento adecuado de persoal que elimine barreiras territoriais absurdas, cumprindo isócronas razoables e deixando atrás esta precariedade reinante».

CCOO, CIG e UGT sinalan que a todo isto xa obriga a Lei de emerxencias de Galicia, «incumprida repetidamente» pola Xunta, que alén de obviar as súas obrigas, impulsa «medidas contrarias» a esta norma, fomentando a heteroxeneización e atomización dos servizos de emerxencias.

Por todo isto, reivindican unha comisión de coordinación —similar á das Policías locais—, a aprobación do estatuto do bombeiro, a clasificación profesional como C1, a consideración dos bomeiros como axentes de autoridade, a relación de concellos que ha atender cada parque e as isócronas de atención, a definición do papel dos parques comarcais, o incremento do número de bombeiros necesarios para atender a comarcalización, o aumento dos medios necesarios e a adecuación das retribucións á nova carga de traballo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies