SATURDAY 23 FEBRUARY 2019

Archivos por Mes: mayo 2018

Ourense en Común recolle currículos para cubrir “sen enchufes” a vacante no Tribunal Económico Administrativo do Concello

  • O grupo pedíu un concurso público “que garanta a transparencia na xestión municipal”, pero o PP quere designar o posto “a dedo, coma sempre”.
  • Búscanse perfís con competencias en materia económica, xurídica ou financeira para un posto por catro anos prorrogables.
  • As interesadas poderán enviar o seu CV ao grupo por correo-e ata o mércores 16. Ourense en Común comprométese a “esixir que sexan valorados”.

    Ourense en Común tomou a determinación de actuar como mediador para cubrir o posto vacante na Secretaría do Tribunal Económico-Administrativo do Concello de Ourense, e facía hoxe un chamamento aberto para recibir currículums e que a persoa que entre no cargo “sexa realmente a que mellor se axusta ás necesidades do traballo”.

    Dende que no pasado mes de decembro a praza quedara vacante, Ourense en Común vén solicitando ao goberno que sexa substituída mediante un concurso público, e “non a dedo como quere facer o alcalde”. Segundo o voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, é necesario acabar co enchufismo e estas vellas prácticas de libre designación. Calquera posto dentro da administración pública debería fixarse por baremos obxectivos, valorando os méritos profesionais que garantan a profesionalidade e imparcialidade futura na súa xestión”.

    O grupo chama ás persoas interesadas que cumpran os requisitos, a que lles envíen os seus currículos ao correo-e ourenseencomun@ourense.gal antes do próximo mércores 16 de maio. A persoa candidata deberá posuír titulación superior universitaria e recoñecida competencia técnica en materia económica, xurídica ou financeira, valorándose especialmente, a súa condición de funcionaria/o con habilitación de carácter estatal e a súa experiencia no ámbito da facenda municipal. O posto a cubrir tería unha duración de 4 anos, con posibilidade de prórroga.

    O Tribunal Económico-Administrativo Municipal é o órgano especializado para o coñecemento e resolución das reclamacións económico-administrativas do Concello de Ourense. Martiño Xosé Vázquez explica que o da Secretaría do Tribunal é un cargo sensible”, xa que as súas funcións inclúen a tramitación de expedientes de reclamacións económico-administrativas, a redacción de resolucións, ou o arquivo de libros de rexistro e actas, e conclúe que de ser designado “a dedo” polo alcalde, será “susceptible de que o traballo estea condicionado para ir cara onde o goberno quere, e non cara ao interese xeral de Ourense”.

Compromiso pide a continuidade do persoal da escola municipal de música de Santiago

Dende a agrupación local de Compromiso piden que se garanticen os 24 postos de traballo da Escola Municipal de Música. Na formación galeguista din” non entender como nos pliegos do concurso non se esixe a subrogación do persoal como condición
indispensábel”.

Dende Compromiso por Galicia indican que a Escola Municipal de Música non pode ser un negocio a costa dos empregos do persoal. Tamén piden que Esproade S. L., a empresa adxudicataria do servizo, asuma o persoal laboral da Escola e móstranse moi críticos ca
actuación do goberno municipal nesta adxudicación.

Desde a formación galegista esixen máis seguridade xuridica para os servizos que están sen contrato e pendentes de adxudicación como os de limpeza e conserxería de 14 colexios públicos e 6 pavillóns deportivos cun total de 56 traballadores que
finaliza este mesmo mes de Maio xunto ó servizo de xardinería de Sagueiriños cun contrato especial de emprego para persoas con discapacidade que xa rematou no mes de Marzo e aínda non se sabe nada do novo contrato.

A parlamentaria do BNG Noa Presas tacha de simulacro o plan estratéxico 2015-2020 de Facenda

A parlamentaria do BNG Noa Presas, acusou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, de agochar “unha lóxica do simulacro” que lle permite “nadar na autocomplacencia” e non abordar con valentía as prioridades políticas estruturais que precisa Galiza dirixidas a combater o desemprego, parar a emigración de persoas investigadoras e impulso á innovación. Valeriano Martínez comparecía para informar do seguimento do Plan estratéxico de Galiza 2015-2020.

Presas asegurou que o goberno galego aproveita a tendencia xeral da saída da recesión no cadro macroeconómico para atribuíla “exclusivamente ás súas actuacións” delimitando  o marco temporal segundo lles convén a pesar de que en moitos parámetros, a evolución entre 2015 e 2017 non é representativa.

A nacionalista acusou ao titular de Facenda de  “falta valentía” para avaliar con rigorosidade a crise e as consecuencias das políticas de recorte e austeridade   do Partido popular porque, na súa opinión, os datos dos resultados non lles gustaban. “En ítems como a pobreza ou o emprego non podemos conformarnos con mellorar lixeiramente os parámetros de 2015 nin facer como se nos anos anteriores vostedes non gobernaran”, remarcou Presas.

Como en todos os plans do PP, engadiu neste tamén hai un denominador común: A falta de relación entre a teoría e a realidade e puxo como exemplo o crecemento baseado na innovación e o capital humano para diminuír o desemprego e lembrou  que as políticas de Feijóo, dende a súa chegada á Xunta, caracterizáronse por “exportar galegos e galegas cara fóra”, políticas que  contraindican a fixación de poboación e non crean as condicións para que a xente se quede ou veña a traballar a Galiza.

Hoxe– asegurou –hai 87.750 persoas menos no noso país que cando vostedes entraron no goberno“. Tampouco os datos de 2015 comparados  coa actualidade son positivos porque nun período de crecemento económico, a poboación  descendeu en 24.008 persoas. “Estes datos,  equipáranos cos países menos dinámicos e periféricos de Europa, como Hungría, Polonia, ou Greciamentres todos os países que forman a columna vertebral da UE experimentaron crecemento da poboación (Francia, Alemaña, Bélxica, etc.). Este é o seu concepto de converxencia?“, preguntou.

Presas manifestou que o conformismo do titular de Facenda non pode ocultar a realidade de “temporalidade e precariedade laboral”.A contratación eventual supón case o 50% do total, superando en máis de dez puntos o que supuña antes da crise

Por outra parte, sinalou que a falta de estabilidade no emprego conduce a Galiza a unha folga xeral. O seu modelo, recalcou a nacionalista, “non nos vale”, incrementa a desigualdade e a pobreza revelando a existencia de case 700.000 persoas que  se atopan nesta situación en Galiza.

Finalmente, a parlamentaria do BNG lamentou que o Plan estratéxico non mencione , “nin unha soa vez” a  pobreza enerxética nin  aborde medidas   dirixidas a potenciar a  innovación despois de ter rebaixado  os obxectivos de gasto en I+D+i.

O deputado Xosé Luís Rivas (Mini) pide a Valedora do Pobo que actúe con independencia se quere ser útil

 

O BNG considera que o 90% das queixas individuais do informe anual presentado na Cámara pola Valedora do Pobo mostra a “podredume” do sistema en cuestións como urbanismo, servizos públicos, deterioro do mercado laboral, incremento da desigualdade, abandono do rural ou envellecemento da poboación.

O deputado Xosé Luís Rivas, encargado de fixar a posición do Bloque ante o informe, lamentou a escasa efectividade da institución “para dar solución aos problemas que denuncia reiteradamente nos informes anuais, porque non ten capacidade executiva, nin de presión para solucionar ou influír nun sistema social capaz de xerar máis dun 25% de miseria, unha realidade laboral explotadora e un paro delictivamente xustificado”, denunciou.

Neste contexto, o deputado instou á Valedora do Pobo a ser algo máis que “o último recurso”, por contar,  pediulle  valentía e independencia desde a institución para evitar que sexa un elemento decorativo do sistema: “Señora Valedora do Pobo ármese de valor e se quere valerlle a este país colla a vía da independencia e actúe, motivos hai dabondo, só falta que force un chisco a maquinaria para que o seu labor teña sentido”, recalcou Rivas.

O deputado fixo referencia a que unha parte da cidadanía non acode á Valeduría do Pobo por descoñecemento, por falta de ferramentas ou mesmo por falta de conciencia sobre os seus dereitos a reclamar, de aí a importancia a que esta figura actúe con iniciativa e criterio propios, “se quere que a súa institución sexa algo máis que unha oficina de avogados para pobres e desesperados ou algo máis que unha desculpa para as malas conciencias”, concluíu.

O deputado fixo referencia a algúns dos temas que máis denuncias suman, como urbanismo, deficiencias en sanidade e educación motivadas pola política de recortes do PP, a vaga de lumes, moi conectada ca desorde urbanística e o abandono do rural, “lumes que asolaron Galiza ameazando vivendas e infraestruturas froito moitas das veces dese caos que padecemos nas áreas periurbanas”, indicou Rivas.

“A Educación coma dereito e á dificultade de ofertar igualitariamente unha educación de calidade fronte a unha demografía desigual, tanto polo número de alumnos coma pola realidade social e económica, cunha reestruturación de colexios feita a traizón”, denunciou o deputado, salientando que “as tesoiras da dereita entraron a fondo e os imprescindibles especialistas en apoio educativo para dar atención ao alumnado con necesidades especiais foron pasto dos recortes”.

Negativa a informar

En materia sanitaria, “son de escándalo os recortes de persoal e de material básico, as listas de espera, a burla que se lle está facendo á poboación en xeral coa privatización que o goberno nega con cinismo e que a xente percibe en carne propia, os negocios encubertos para a sanidade privada”, destacou Rivas. O deputado tamén citou as denuncias presentadas pola Plataforma da Mina Non de Touro ante a negativa da Xunta a dar información, negativa da que el tamén é vítima e que limita o seu traballo de control do Goberno.

O BNG fixo fincapé no feito de que o informe anual non inclúa reclamacións en relación á defensa da lingua galega, “senón daqueles que se senten agraviados porque a morte do galego non se produce coa celeridade que eles, vostedes e as súas leis pretenden”, criticou, ao tempo que lle reclamaba á Valedora do Pobo unha actuación de oficio en defensa do galego e do dereito a recibir ensino no idioma do país, e en temas de tanta transcendencia como o envellecemento da poboación ou o abandono do rural.

O BNG pide explicacións no Parlamento do “tour propagandístico” de Feixóo e Íñigo de la Serna

 

O BNG rexistra unha iniciativa parlamentaria sobre os custes e prexuízos causados pola viaxe en tren do Presidente da Xunta, o Ministro  de Fomento e outras autoridades o 7 de maio de 2018 entre Sarria e Lugo.

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil  cualificou de “tour propagandístico” a viaxe  en tren, entre Sarria e Lugo, realizado onte polo   presidente da Xunta de Galiza, o ministro de Fomento e unha comitiva de autoridades para o que foi necesario mobilizar un tren Alvia, suprimir horarios regulares e os servizos, A Coruña-Ourense e Monforte-A Coruña o que provocou que persoas usuarias se virán obrigadas a realizar o traxecto por estrada.

O 7 de maio de 2018, explica a deputada nacionalista,  o presidente da Xunta de Galiza, o ministro de Fomento e unha comitiva de autoridades fixeron parte dun acto público para anunciar a chegada “dunha chuvia de millóns dirixidos ao tren entre Lugo e Ourense para mellorar a conexión entre estas dúas cidades en 2021”.

O BNG preguntará ao goberno canto  custou ao erario público o “acto propagandístico” organizado polos gobernos español e galego e  como valora  o Goberno galego os prexuízos causados ás  persoas usuarias do tren.

 

Por outra parte, o BNG  tamén preguntará se Renfe reembolsou ou ten previsto  reembolsar o custe do billete a aquelas persoas trasladadas en autobús ante a supresión dos servizos regulares e cal foi a razón para que  o presidente da Xunta, o ministro de  Fomento e a delegación convidade non utilizaran  os servizos regulares  entre Sarria e Lugo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies